Saltar ao contido

30 de febreiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Febreiro é un mes con 28 ou 29 días, malia iso, por tres veces na historia, houbo períodos en que existiu a data 30 de febreiro.

Ese día, por non "existir" (da forma común) é tamén chamado "día de San Nunca" [1], un "santo" evidentemente ficticio representando que ese día "non vai chegar".

O caso de Suecia

[editar | editar a fonte]
Almanaque sueco de 1712, coa indicación do 30 de febreiro

O calendario gregoriano, implantado en 1582, non foi decontado seguido por todos os países. En novembro de 1699, cando a Suecia (en cuxo reino se incluía na época a Finlandia) planeou cambiar do calendario xuliano para o gregoriano, había unha diferenza de 11 días entre eles. O planificado foi omitir o día extra dos anos bisestos desde 1700 ata 1740 [2]. Así o cambio sería gradual, pero non foi seguido despois do seu primeiro ano de implantación. Desta forma, 1700 non foi bisesto en Suecia, pero 1704 e 1708 si, en contra o plan en parte debido á Gran Guerra do Norte. Con isto, o calendario sueco quedou un día por diante do calendario xuliano, e ademais dez por detrás do gregoriano. Así, en 1711 os suecos decidiron abandonar o sistema, xa que o calendario por eles adoptado non tiña correspondencia en ningún outro país, creando unha enorme confusión. Polo tanto 1712 foi bisesto e aínda incluíu un día de máis, o 30 de febreiro, para volver en sincronía co calendario xuliano. O cambio sueco para o calendario gregoriano foi finalmente realizado en 1753, coa exclusión de 11 días, onde o 17 de febreiro daquel ano foi seguido polo primeiro de marzo.

O caso da Unión Soviética

[editar | editar a fonte]

En 1929, a Unión Soviética introduciu un calendario revolucionario no que todos os meses tiñan 30 días e os outros 5 ou 6 días eran festivos non pertencentes a meses. En 1930 e 1931, houbo un 30 de febreiro, pero en 1932 os meses volveron ao sistema tradicional.

Especulacións sobre o calendario xuliano

[editar | editar a fonte]

En 1235, Sacrobosco publicou no libro De Anni Ratione a especulación de que o emperador César Augusto retirou un día do mes de febreiro e que o puxera en agosto, así nomeado na súa homenaxe, para non quedar atrás dos 31 días que o mes de xullo posuía en homenaxe a Xulio César. A creación do mes polo emperador e o seu número de días son correctos. Na especulación, Sacrobosco aínda di que naquela época o mes de febreiro tiña 29 días e por tanto os anos bisestos entre 45 aC (ano da implantación do calendario xuliano) e 8 dC (ano do troco de nome do mes Sextilis para agosto por César Augusto) tiñan o día 30 de febreiro no seu calendario.

Calendarios artificiais

[editar | editar a fonte]

Os calendarios artificiais poden ter 30 días en febreiro. Por exemplo, nun modelo climático as estatísticas poden ser simplificadas con 12 meses de 30 días. O modelo de circulación xeral do Hadley Centre [3] é un exemplo.

  1. Fevereiro, site www2.portoalegre.rs.gov.br, da prefeitura de Porto Alegre
  2. dependendo do tipo de fonte utilizada a regra é outra: entre 1700 e 1711 omitiríase 1 día ao ano. Mais só foi seguido en 1700. A corrección en 1712 sería a mesma para volver ao calendario xuliano
  3. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 22 de novembro de 2005. Consultado o 22 de novembro de 2005. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

---