Casa Torre de Pazos Figueroa
Casa Torre de Pazos Figueroa | |
---|---|
Concello | Vigo |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°14′21″N 8°43′36″O / 42.239271, -8.726626 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | Século XVI (plateresco) |
Estilo actual | (século XVI) |
Estado actual | En bo estado |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Casa Torre de Pazos Figueroa é un edificio histórico do século XVI, un palacete urbano de estilo renacentista plateresco que forma unidade arquitectónica coa Casa Torre de Ceta e Arines. Está situado na zona antiga de Vigo, na Praza de Almeida, 4.[1]
Historia
[editar | editar a fonte]O palacete urbano da Familia Pazos Figueroa foi construído no século XVI, sendo o segundo edificio civil máis antigo de Vigo,[2] despois da Casa de Ceta e Arines (século XV), coa que forma unidade arquitectónica.[3] Os dous edificios, xuntos e contiguos, conforman a sede do Instituto Camôes de Cultura Portuguesa en Vigo.[4]
Os dous inmobles foron declarados Monumento Histórico-Artístico en 1946.[5]
Uxío Reinoso Maset, seguindo a obra de 1589 de Juan de Ocampo, formula a hipótese de que este edificio fose construído entre 1495 e 1510 coas riquezas conseguidas por María Alfonso de Pazos Figueroa na fabricación de téxtil e o comercio marítimo desta e outras mercadorias.[6]
No ano 1997, o arquitecto Alfonso Penela realizou a rehabilitación do conxunto partindo de tres edificios en ruínas. O conxunto arquitectónico quedou formado por unha torre, a casa e unha pequena construción posterior. A isto incorporouse un pequeno elemento de acceso ao interior. A rehabilitación recibiu o premio Irmáns Gómez Román.[7]
Construción e estilo
[editar | editar a fonte]O arquitecto Xaime Garrido Rodríguez, no seu libro A arquitectura en Pedra en Vigo indentifícaa como "estilo plateresco, variante española do renacentista” con “influencia portuguesa”[8], sendo a súa decoración máis abundante que a Casa de Ceta e Arines coa que forma o conxunto arquitectónico.[9]
Consta de tres andares. Na terceira planta, a casa recibe decoración plateresca no lintel e xambas do van central, con dous escudos renacentistas a cada lado e unha inscrición no lintel. Nesta mesma planta destaca un gran balcón, ricamente decorado, que descansa sobre unha repisa con molduras. Na segunda planta destacan os arcos conopiais das fiestras, tamén decorados con motivos platerescos e con clara influencia portuguesa na súa decoración mixilínea.[4][8]. Na cornixa destaca a presenza de gárgolas para desaugadoiro da auga de choiva.[9]
No lintel que se sitúa nunha das xanelas pódese recoñecer a inscrición: "Fernamdus me fecit" (Fernando fíxome), nome que pode referirse ao arquitecto do edificio.[7]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Detalle do balcón decorado, co van do terceiro piso e escudos nobiliarios
-
Detalle da decoración plateresca dos vans no segundo piso.
-
Lateral da casa dende o Sur, cun balcón corrido seguramente engadido a posteriori.
-
Conxunto da Casa Camões, coas Casas de Pazos Figueroa e de Ceta e Arines lindeiras.
-
Placa na rúa
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Palacete Urbano da Familia Pazos Figueroa - Concello de Vigo". hoxe.vigo.org. Consultado o 2021-01-23.
- ↑ "Palacete urbano de la familia Pazos Figueroa". turismoriasbaixas.com (en castelán). Consultado o 2021-01-22.
- ↑ "Casa de Ceta ou de Arines - Concello de Vigo". hoxe.vigo.org. Consultado o 2021-01-23.
- ↑ 4,0 4,1 "Palacete Urbano de la Familia Pazos Figueroa - Concello de Vigo". hoxe.vigo.org. Consultado o 2021-01-22.
- ↑ "Las Casas de Ceta y de Pazos y Figueroa: el gótico y el renacimiento en Vigo. Consorcio Cascovello de Vigo". Consultado o 2021-01-23.
- ↑ Reinoso Maset, Uxío. "Mª Alfonso de Pazos...". vigoindustrial (en castelán). Consultado o 2021-01-22.
- ↑ 7,0 7,1 "La Casa de Pazos de Figueroa es el edificio civil más antiguo". La Voz de Galicia (en castelán). 2009-08-30. Consultado o 2021-01-22.
- ↑ 8,0 8,1 Garrido Rodríguez, Jaime, 2000: A arquitectura da Pedra en Vigo, Vigo, Construcións Castro, p. 145.
- ↑ 9,0 9,1 "Casa de Ceta (siglo XV) y Casa de Pazos y Figueroa (siglo XVI)". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2021. Consultado o 2021-01-23.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Vigo |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Garrido Rodríguez, Xaime (2000): Arquitectura da pedra en Vigo. Produción Galaxia, edición Construciones Conde, Vigo. ISBN 84-605-9897-7.
Outros artigos
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Casa de Ceta y Casa de Pazos y Figueroa na páxina Arquitectura de Vigo (en castelán).
- Casa de Pazos e Figueroa en Turgalicia.
- Proxecto ARGA
- Casa Torre de Pazos Figueroa na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- Casa Torre de Pazos Figueroa no programa Un país mágico-Vigo na páxina de RTVE. (minuto 45:25)