Principado de Salerno
O Principado de Salerno foi un principado longobardo do sur da Península Itálica nado o ano 851.
Historia
[editar | editar a fonte]O ano 839 morre o príncipe de Benevento Sicardo. O xefe do exército Radelchis (Radelchis) apoderouse do poder e proclamouse no seu lugar. O irmán e herdeiro de Sicardo, Siconulfo, foi encarcerado en Taranto, porén foi rescatado por barcos de Amalfi e levado a Salerno, onde foi proclamado príncipe. Inmediatamente iniciouse unha guerra civil que iría durar dez anos. Coa intervención do emperador do Occidente Lois o Xermánico (847) decidiuse pola división do principado en dous, con sedes en Benevento e Salerno respectivamente. En 849 o rei de Italia oficializou a división.
O acabado de crear principado de Salerno tiña como principais cidades Salerno, Taranto, Cassano, Cosenza, Paestum, Conza, Sarno, Cimitile (Nola), Capua, Teano e Sora. A súa proximidade ao mar Adriático e os seus numerosos portos converteron o principado nun poderoso territorio marítimo. Os primeiros anos do principado serían convulsivos até a chegada ao poder de Gaiferos, que nun reinado de 19 anos, estabilizou o país. En pouco tempo o principado de Salerno superou o de Benevento. Durante este período creouse unha nova división territorial. O Principado de Capua tornouse independente creando o seu propio principado. Tecnicamente Salerno era dependente do Imperio Occidental, porén na práctica era un territorio independente, chegando mesmo a manter acordos cos sarracenos. Guaifero foi deposto polo seu fillo Guaimaro I. Este rompeu as alianzas cos sarracenos e aproximouse do emperador occidental Carlos o Calvo primeiro e co emperador bizantino Basilio I despois (887), chegando a recibir deste "devandito" o título de patricio.
O seguinte gobernante, Guaimaro II, levou o principado de Salerno a uns momentos álxidos. Tomou parte na batalla de Garigliano contra os musulmás o 915. O fillo de Guaimaro, Xisulfo I, tivo que superar unha tentativa de invasión de Xoán III de Nápoles e Landulfo II de Benevento. Posteriormente saíu na defensa de Pandulfo Testa de Ferro, que era príncipe de Capua e Benevento. Ao morrer sen descendentes decidiu entregar o principado a Landulfo. Entre 978 e 983 Salerno foi gobernado por príncipes de fora das casas de Capua e Amalfi. Neste último ano subiu ao poder Xoán, da casa de Spoleto. Con el e os seus sucesores o principado viviu un último período de esplendor. O seu fillo Guaimaro III tivo que enfrontar os ataques sarracenos, porén contou coa axuda de mercenarios normandos. Após o seu reinado floreceu a Schola Medica Salernitana.
Guaimaro IV uniu o seu principado co de Capua. Despois, coa axuda de Conrado II, emperador romano xermánico estendeu os seus dominios sobre as cidade-estado de Gaeta, Nápoles e Amalfi. O fillo de Conrado, Henrique III, sucesor seu, expulsou a Guaimaro de Capua o 1047 para limitar o seu poder. Aos poucos Salerno foi declinando. En 1077 o último príncipe longobardo Xisulfo foi derrotado polo normando Robert Guiscard, duque de Puglia. Salerno deixou de ser a capital dun próspero principado independente para pasar a ser a capital do ducado de Puglia, Calabria e Sicilia.
Príncipes de Salerno
[editar | editar a fonte]- 839–851: Siconulfo de Salerno.
- 851–853: Sicón II de Salerno.
- 853-853: Pedro de Salerno.
- 853–861: Ademaro de Salerno.
- 861–880: Gaiferos de Salerno.
- 880–900: Guaimaro I de Salerno.
- 900–946: Guaimaro II de Salerno.
- 946–978: Xisulfo I de Salerno.
- 978–981: Pandulfo I Testa de Ferro (príncipe de Benevento (desde 961), Capua (desde 961) e Spoleto (desde 967).
- 981-981: Pandulfo II de Salerno.
- 981–983: Mansón I de Amalfi (duque de Amalfi 966-1004).
- 981–983: Xoán I de Salerno (co-príncipe).
- 983–994: Xoán II de Salerno.
- 994–1027: Guaimaro III de Salerno.
- 1027–1052: Guaimaro IV de Salerno (duque de Amalfi 1039-1043), Gaeta (1040-1041) e Capua (1038-1047).
- 1052–1077: Xisulfo II de Salerno.