Medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos
Medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos [1][2][3] | |
---|---|
A/: William Bradford, gobernador da colonia de Plymouth, coa Biblia na man. Marca de gravador (D).
Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / IN GOD WE TRUST / PILGRIM HALF DOLLAR. |
R/: O Mayflower, barco no que viaxaron os Pais Peregrinos, navegando cara ao Oeste.
PILGRIM TERCENTENARY CELEBRATION / 1620 - 1920 |
|
O medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos ou medio dólar Peregrino é unha moeda estadounidense de prata con ese valor facial emitida pola Casa da Moeda dos Estados Unidos e cuñada na Ceca de Filadelfia con datas de 1920 e 1921. A moeda, deseñada por Cyrus Edwin Dallin, foi emitida en conmemoración do 300º aniversario do desembarco dos Peregrinos en Plymouth, Massachusetts.[1][2][3]
O congresista de Massachusetts Joseph Walsh participou nos esforzos conxuntos federais e estatais para conmemorar o aniversario. Logo de ver unha referencia a unha proposta de medio dólar do Centenario de Maine, decatouse de que se podería emitir tamén unha moeda para o aniversario dos Peregrinos, en apoio das celebracións en Plymouth, Massachusetts. O proxecto avanzou axiña no seu proceso lexislativo e converteuse na Lei do 12 de maio de 1920.
O escultor James Earle Fraser criticou algúns aspectos do deseño desta moeda, mais o Tesouro aprobouno igualmente. Tras un comezo prometedor, as vendas decaeron e decenas de milleiros de pezas de cada un dos dous anos de emisión tiveron que ser devoltas á Ceca de Filadelfia para a súa fundición.
Antecedentes e contexto
[editar | editar a fonte]O feito conmemorado
[editar | editar a fonte]Os Peregrinos eran cidadáns ingleses disidentes brownistas da Igrexa de Inglaterra que procuraban unha versión da relixión cristiá exenta de todo o considerado como non esencial, como os bispos ou o Nadal. Diferenciábanse dos Puritanos: os Peregrinos eran máis estritos e, no canto de trataren de reformar a Igrexa de Inglaterra desde dentro, buscaban separarse dela.[4] Abandonaron Inglaterra rumbo aos Países Baixos porque, en 1608, o rei Xacobe I comezou a perseguilos. Entre os que fuxiron daquela estaba William Bradford.[5]
As cousas puxéronse máis difíciles para os separatistas nos Países Baixos a finais da década de 1610, á medida que o Goberno neerlandés avanzaba cara á alianza con Inglaterra.[5] Tiñan poucas oportunidades nos Países Baixos, xa que se vían limitados ao traballo manual pola negativa dos gremios a aceptalos, e temían que os seus fillos se arredasen da súa lingua e da súa relixión. Algúns investidores, encabezados polo londiniense Thomas Weston, acordaron financiar unha expedición a América do Norte, e enviouse o barco Speedwell a buscar os separatistas aos Países Baixos, que logo uniu ao Mayflower, máis grande, formando así unha expedición de dous barcos. Logo de transportar os separatistas, o Speedwell demostrou non estar en condicións de navegar. A listaxe de pasaxeiros do Mayflower estaba formada por algúns separatistas que foran aos Países Baixos e algúns que ficaran en Inglaterra, ademais doutros. Algúns aspirantes a pioneiros quedaron atrás por mor dos problemas co Speedwell. O Mayflower partiu de Plymouth, no suroeste de Inglaterra, o 6 de setembro de 1620, con 102 pasaxeiros e unha tripulación de 47 persoas.[4]
“ | Xa que logo abandonaron aquel bo e agradable sitio, que fora o seu lugar de descanso preto de 12 anos; mais sabían que eran peregrinos e non se fixaban moito nesas cousas, senón que erguían os ollos ao ceo, o seu sitio máis querido, e tranquilizaban os seus espíritos. William Bradford na saída dos Peregrinos de Leiden.[4] |
” |
A expedición avistou o cabo Cod o 9 de novembro de 1620 e desembarcou no que hoxe é Provincetown, Massachusetts. Dous días despois, os homes asinaron o coñecido como Pacto do Mayflower, polo que todos acordaban someterse á vontade da maioría, un dos documentos fundacionais da democracia estadounidense. Ao ficaren sen provisións, non se dirixiron a Virxinia, senón que estableceron un asentamento na colonia de Plymouth, aínda que esperaban establecerse máis ao sur e estaban mal equipados para o inverno de Massachusetts. A metade morreu antes de que chegase a primavera. Había poucos nativos americanos na zona, mais en 1621, os colonos foron abordados por un grupo, entre eles dous, Samoset e Squanto, que falaban algo de inglés. Squanto ensinou aos Peregrinos métodos indíxenas para cultivar millo, unha planta autóctona do Novo Mundo coa que os emigrantes non estaban familiarizados. Estes coñecementos axudaron aos Peregrinos a establecérense pouco a pouco. A poboación dos Peregrinos creceu con relativa lentitude durante as primeiras xeracións en América e convertéronse nunha minoría entre os colonos da zona.[6]
En 1691, a colonia de Plymouth pasou a formar parte da provincia da Baía de Massachusetts. A esposa de Bradford morrera mentres o barco se achaba no porto de Provincetown; despois de que o gobernador John Carver perecese durante o primeiro inverno, Bradford foi elixido no seu lugar, e exerceu o cargo durante 15 mandatos de dous anos. Guiou a colonia desde a economía comunal, necesaria ao principio, ata a privatización, aumentando enormemente a colleita no proceso. Os seus diarios publicáronse co título de Of Plymouth Plantation e constitúen a principal fonte de información sobre a vida cotiá dos Peregrinos.[6][7]
As moedas conmemorativas
[editar | editar a fonte]En 1920, o Goberno non comercializaba as moedas conmemorativas, senón que o Congreso, durante estes primeiros anos de emisións de moedas conmemorativas, adoitaba designar unha organización específica autorizada para as comprar na Casa da Moeda ao seu valor nominal e vendelas logo ao público cunha prima, como un modo de poder financiar causas altruístas.[8][9] No caso do medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos, a lexislación que habilitaría a emisión non determinaba unha organización concreta,[10] mais foi a Comisión do Tricentenario dos Peregrinos a beneficiaria destes dereitos; os beneficios da moeda debían destinarse a financiar as celebracións na honra do tricentenario da chegada dos Peregrinos.[11]
Lexislación
[editar | editar a fonte]O 23 de marzo de 1920, o republicano Joseph Walsh, de Massachusetts, presentou na Cámara de Representantes dos Estados Unidos o proxecto de lei (o H.R. 13227) para a creación dunha moeda de medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos.[13] O proxecto remitiuse á Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, presidida polo congresista de Indiana Albert Henry Vestal. Esa comisión abordou o proxecto de lei nunha sesión celebrada o 26 de marzo de 1920, conxuntamente con outra proposta para a cuñaxe dunha moeda de medio dólar do Centenario de Alabama, que foi o primeiro punto da orde do día. Despois de que a comisión votou a favor do proxecto de lei de Alabama, que prevía a cuñaxe de 100.000 moedas, procedeu a considerar a proposta dos Peregrinos. Vestal escribira dous días antes ao secretario do Tesouro, David F. Houston, e este respondeulle que, aínda que o seu departamento non se opuxera ao proxectos de lei para as emisións do medio dólar do Centenario de Maine —aprobado previamente pola comisión— e o de Alabama, ao Tesouro preocupáballe que a emisión dun gran número de deseños diferentes puidese alentar os defraudadores.[14]
Walsh compareceu e explicou á comisión que o Congreso autorizara previamente a creación dunha comisión que traballase coas autoridades estatais e locais na planificación das celebracións que ían ter lugar en decembro de 1920 con motivo do tricentenario do desembarco do Mayflower, e que ían ter lugar o verán seguinte. Aínda que os actos se celebrarían noutros lugares de Massachusetts, e mesmo fóra dese estado, a atención centraríase en Plymouth, e o embelecemento da zona arredor de Plymouth Rock sería un dos principais obxectivos. A comisión recomendara a emisión de selos postais conmemorativos, e tamén unha asignación federal, mais non foi ata que Walsh viu un informe da comisión para a peza do Centenario de Maine que figuraba nun documento da Cámara de Representantes cando se lle ocorreu a idea dunha moeda conmemorativa para o aniversario dos Peregrinos. Walsh lembrou que xa se fixera no pasado con motivo da Exposición Universal Colombina de 1893, e William A. Ashbrook, de Ohio, comentou —erroneamente— que xa se emitira unha moeda con motivo da Exposición de Jamestown de 1907. Walsh afirmou que se pedían 500.000 exemplares, máis que os da moeda de Alabama, debido ao grande interese que suscitaba a celebración, e suxeriu que, para aumentar o interese rexional, as moedas se cuñasen en todas as cecas activas da Casa da Moeda dos EEUU (Filadelfia, Denver e San Francisco). Ashbrook considerou excesiva a tiraxe que se solicitaba, e suxeriu 300.000 como cantidade máis acaída, o cal foi aceptado por Walsh. Pola súa banda, William L. Nelson, de Missouri, propuxo que a comisión aprobase o proxecto de lei emendado, e así se fixo.[15] Vestal emitiu un informe en nome da súa comisión o 26 de marzo de 1920, no que se indicaba o apoio ao proxecto de lei logo das emendas.[16]
O 21 de abril de 1920, a Cámara de Representantes examinou nesta orde tres proxectos de lei sobre cuñaxe de moedas de medio dólar: o do Centenario de Maine, o do Centenario de Alabama e o do Tricentenario dos Peregrinos. En tanto que se examinaban os proxectos de Maine e de Alabama, Warren Gard, de Ohio, fixo varias preguntas sobre diversos asuntos, entre eles sobre a conveniencia de emitir tantos deseños diferentes de medio dólar, aínda que non se opuxo á aprobación de ningún proxecto.[17] Logo da chegada á sala do proxecto do medio dólar dos Peregrinos, Gard preguntou a Walsh por que se propuxera a emisión de 500.000 exemplares, moito máis que para as moedas do Centenario de Maine, ao que Walsh respondeu que era porque se trataba de conmemorar un 300 aniversario, en lugar de só un centenario. Gard insistiu neste punto e preguntou se, en caso de tratarse dun 400 aniversario, estaría xustificada unha tiraxe aínda maior, ao que Walsh respondeu que si. Gard preguntou despois, tanto a Walsh como a Vestal, cantos medios dólares había en circulación, pero ningún dos dous lexisladores o coñecía. O representante de Washington John Franklin Miller preguntou se a moeda conmemoraba o desembarco orixinal dos peregrinos en Provincetown ou o seu posterior desembarco en Plymouth, pero Walsh non respondeu á pregunta de xeito taxativo. O congresista James W. Dunbar, de Indiana, observou que o prezo da prata subira tanto que a Casa da Moeda podería verse prexudicada ao cuñar as moedas, e preguntou se o Goberno federal cubriría as perdas, ao que Vestal respondeu que Massachusetts o faría. A continuación, Vestal presentou a emenda da comisión para reducir a cuñaxe autorizada de 500.000 a 300.000, o que atraeu a atención de Gard, que preguntou a razón do cambio, e dixéronlle que o proxecto orixinal tiña un erro tipográfico.[17] Walsh dixéralle á comisión que pensara na cifra de 500.000 porque o aniversario dos Peregrinos era máis importante que o centenario do estado de Maine.[18]
Gard preguntou se a emenda fora aprobada pola Comisión de Moeda, Pesos e Medidas, e cando se lle dixo que si, preguntou se os medios dólares dos Peregrinos se comprarían máis que os medios dólares ordinarios, ao que Walsh respondeu: "creo que é moi probable, especialmente no cabo Cod". Gard expresou a súa esperanza de poder pasar uns días alí aquel verán, e Vestal declarou que Gard sería benvido para adquirir e gastar medios dólares en calquera dos tres estados que celebran os seus aniversarios. O proxecto de lei foi aprobado na Cámara de Representantes sen oposición.[19]
O día seguinte, 22 de abril de 1920, a Cámara de Representantes informou o Senado da súa aprobación.[20] O 28 de abril, o senador George P. McLean, de Connecticut, remitiu o proxecto á Comisión de Banca e Moeda do Senado, coa recomendación de que fose aprobado.[21] O 3 de maio, McLean pediu que os tres proxectos de lei sobre moedas (Maine, Alabama e Peregrino) fosen tomados en consideración polo Senado inmediatamente, no canto de esperar á súa vez, mais o senador de Utah Reed Smoot amosou a súa oposición inicial.[22] Cando McLean intentou outra vez sacar adiante os proxectos de lei sobre moedas, o senador de Kansas Charles Curtis preguntou se había algunha urxencia, ao que McLean respondeu que, dado que as tres moedas ían conmemorar aniversarios en curso, cumpría autorizalas e pór en marcha o proceso de produción. Os tres proxectos de lei foron aprobados polo Senado sen oposición,[23] e o proxecto do medio dólar dos Peregrinos foi promulgado como a Lei pública 66-203 coa sinatura do presidente Woodrow Wilson o 12 de maio de 1920.[10][24]
Preparación
[editar | editar a fonte]A Comisión do Tricentenario dos Peregrinos fixo esbozos para un deseño, que Cyrus E. Dallin —un escultor de Boston coñecido polas súas representacións de nativos americanos e obras relacionadas cos peregrinos—[25] converteu en modelos tridimensionais de xeso.[26] Como a lei que autorizaba a cuñaxe da moeda non se aprobou ata o 12 de maio de 1920 e a Comisión esperaba que as moedas estivesen á venda o antes posible, instouse a Dallin a que se dese présa co seu traballo.[27] A elección de Dallin pareceu encantar ao presidente da Comisión de Belas Artes dos Estados Unidos, Charles Moore, quen lle escribiu ao escultor en termos cordiais.[28]
Dallin terminou os seus modelos en agosto de 1920 e a Comisión de Belas Artes remitiu os deseños ao membro escultor James Earle Fraser. Ao examinar o traballo de Dallin, Fraser considerou que as letras eran rudas e, nunha carta sen data a Moore —probablemente de finais de agosto—, lamentou que non houbese oportunidade de facer cambios. Suxeriu que se instase á Casa da Moeda a que no futuro concedese tres meses para o exame por parte da Comisión de Belas Artes. Despois de que esta comisión se reunise o 3 de setembro, enviouse unha carta nese sentido ao director da Casa da Moeda dos Estados Unidos, Raymond T. Baker.[28] Malia ser ignorada esta carta, o Tesouro aprobou os deseños propostos.[11]
Deseño
[editar | editar a fonte]Anverso
[editar | editar a fonte]O anverso da moeda está caracterizado por unha figura de medio corpo de William Bradford ollando cara á esquerda, cun sombreiro na cabeza e un exemplar da Biblia baixo o seu brazo esquerdo.[26] Bradford, famoso pola súa piedade, amósase cunha expresión de introspección e meditación.[29]
Os modelos de xeso creados por Dallin engadían as palabras HOLY BIBLE ("Santa Biblia") sobre o libro, mais estas foron eliminadas, xunto coas iniciais de Cyrus Edwin Dallin, CED, que tamén se incluían no modelo de xeso a modo de marca de gravador.[30] No canto das iniciais completas do nome e o apelido, na versión finalmente cuñada colocouse un D baixo o cóbado de Bradford, probablemente impreso con posterioridade mediante un punzón utilizado normalmente para crear a marca de ceca D propia da Casa da Moeda de Denver.[27]
Reverso
[editar | editar a fonte]O reverso representa o buque Mayflower a toda vela.[31] Os escritores numismáticos prestaron moita atención ao feito de que o barco leve a vela principal da proa de forma triangular, un tipo de vela que non se utilizaba na época da viaxe do Mayflower.[30][32][33]
Advertido do erro histórico, puido ser evitado por Clair Aubrey Huston no seu deseño para o selo dun centavo emitido o 21 de decembro de 1920.[34]
Valoracións
[editar | editar a fonte]Os numismáticos Anthony Swiatek e Walter Breen consideraron que o amplo pescozo de Bradford no anverso se asemellaba o suficiente á indumentaria puritana da época como para a aprobar, aínda que cuestionaron a autenticidade da gravata con volantes.[35] O retrato de Bradford é, en calquera caso, unha invención.[31]
A pouca fineza das letras da que se queixaba Fraser non resulta evidente, por mor do tamaño relativamente pequeno das moedas.[36]
O historiador da arte Cornelius Vermeule, no seu traballo sobre as moedas e as medallas estadounidenses, considerou o medio dólar dos Peregrinos como "unha obra mestra na tradición conservadora",[37] e suxeriu que o retrato de Bradford realizado por Dallin estaba influído por Augustus Saint-Gaudens e a súa escultura "O Puritano". Ademais, Vermeule consideraba que o barco do reverso supuña un grande avance respecto á representación da Santa María de George T. Morgan en 1892 no medio dólar Colombino, e opinaba que o barco de Dallin era un presaxio dos barcos —polo menos cinco— que aparecerían nas moedas conmemorativas estadounidenses da década de 1930: "Visto desde a popa sobre as ondas, o barco dos peregrinos é impresionante".[38]
Produción, distribución e coleccionismo
[editar | editar a fonte]A Ceca de Filadelfia cuñou 200.112 exemplares do medio dólar do Peregrinos en outubro de 1920, e reservou o exceso sobre o número redondo para a súa inspección e comprobación na reunión anual de 1921 da Comisión de Ensaios dos Estados Unidos. Logo da súa cuñaxe, as moedas enviáronse ao National Shawmut Bank de Boston, que as vendeu ao público ao prezo dun dólar cada unha, destinando os beneficios á Comisión do Tricentenario.[32] As moedas podíanse encargar tamén a través de calquera banco de Boston ou de Plymouth. O investigador numismático Anthony Swiatek considerou que a venda de moedas con data de 1920 acadara un grande éxito, e naquel momento non se pensou en devolver ningún exemplar á Casa da Moeda para o seu troco e a súa posterior fundición. O primeiro pedido non esgotara a tiraxe autorizada, polo que a Comisión do Tricentenario encargou 100.000 máis durante a primavera de 1921, cando as vendas baixaron o ritmo. Esta segunda tiraxe cuñouse no mes de xullo de 1921, con 53 pezas destinadas á Comisión de Ensaios de 1922, e amosan o ano de cuñaxe engadido no campo do anverso, á esquerda do busto de Bradford.[26][30] Isto fíxose en cumprimento da Lei da Moeda de 1873, que esixía que o ano de cuñaxe aparecese sempre nas moedas.[32]
A recesión de 1921 comezou pouco despois; as vendas caeron, e decenas de milleiros de exemplares de ambas as datas ficaron sen vender. A Comisión do Tricentenario acabou tendo que devolver á Casa da Moeda 48.000 moedas da emisión de 1920 e 80.000 da de 1921.[30]
Ambas as datas do medio dólar dos Peregrinos revalorizaron o seu prezo ao longo dos anos, sinaladamente a emisión de 1921, da que só existen 20.000 exemplares. No punto álxido do primeiro boom do coleccionismo das moedas conmemorativas estadounidenses, en 1936, os exemplares datados en 1920 vendíanse por 1,75 dólares e os de 1921 por 8 dólares; no cumio do segundo boom, en 1980, o de 1920 se acadaba xa os 275 dólares e o de 1921 non baixaba dos 800 dólares.[39] A edición de luxo do catálogo de Richard S. Yeoman A Guide Book of United States Coins (2015) atribúe á moeda de 1920 entre 85 e 650 dólares, en función do seu estado de conservación, e á de 1921 entre 170 e 850 dólares. Nunha poxa numismática que tivo lugar en 2014, un exemplar nun estado de conservación e cunha aparencia excepcionais foi adxudicado por 7.344 dólares.[40]
O comerciante de moedas e autor numismático Q. David Bowers considerou que a moeda do Peregrino supuña o primeiro caso en que un medio dólar conmemorativo se cuñara con datas diferentes co propósito de facer que os coleccionistas numismáticos se visen na obriga de adquirir dúas moedas para manteren as súas coleccións completas:[41]
“ | Ata aquel momento prestáraselle relativamente pouca atención á promoción de moedas conmemorativas entre os coleccionistas. A fraternidade numismática só representaba unha pequena porcentaxe das vendas totais [...] As moedas de medio dólar dos Peregrinos con data de 1921 creáronse para "captar" o coleccionista, como dixo [o comerciante de moedas] B. Max Mehl, para compracer o desexo dos numismáticos de conseguiren series completas. A idade da inocencia chegara á súa fin. | ” |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "½ Dollar Pilgrim Tercentenary". Numista.com
- ↑ 2,0 2,1 "Pilgrim Tercentenary Half Dollar". United States Mint (USMint.gov).
- ↑ 3,0 3,1 "1920-1921 Pilgrim Tercentenary Half Dollar". Earlycommemorativecoins.com
- ↑ 4,0 4,1 4,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 44.
- ↑ 5,0 5,1 Flynn, K. (2008). Páxina 151.
- ↑ 6,0 6,1 Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 44-45.
- ↑ Flynn, K. (2008). Páxinas 151-152.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxinas v-vii.
- ↑ Slabaugh, A. R. (1975). Páxinas 3-5.
- ↑ 10,0 10,1 "Public, No . 203. An Act To authorize the coinage of 50-cent pieces in commtion of the three hundredth anniversary of the landing of the Pilgrims". Sixty-Sixth Congress. Sess . II. Chs . 181-183. Páxina 597. 12 de maio de 1920
- ↑ 11,0 11,1 Flynn, K. (2008). Páxina 152.
- ↑ "Jos. Walsh". Library of the Congress.
- ↑ "H. R. 13227". Memorial Coins and Reduction of Weights of Silver Coinage. Committee on Coinage, Weights, and Measures. House of Representatives. Páxinas 4-9. 26 de marzo de 1920.
- ↑ (USHRCCWM). Páxinas 3-5.
- ↑ (USHRCCWM). Páxinas 5-9.
- ↑ "Reports od Committees on Public Bills and Resolutions". Congressional Record - House. Vol-LIX. Part 5. 26 de marzo de 1920. Páxina 4.905
- ↑ 17,0 17,1 Congressional Record - House. Vol. LIX. Part 6. 21 de abril de 1920. Páxinas 5.947-5.950.
- ↑ (USHRCCWM). Páxinas 6-7.
- ↑ Congressional Record - House. Vol. LIX. Part 6. 21 de abril de 1920. Páxina 5.950.
- ↑ Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 5. 22 de abril de 1920. Páxina 5.966.
- ↑ Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 6. 28 de abril de 1920. Páxina 6.202.
- ↑ Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 6. 3 de maio de 1920. Páxina 6.443.
- ↑ Congressional Record - Senate. Vol. LIX. Part 6. 3 de maio de 1920. Páxina 6.454.
- ↑ "Pilgrim Tercentennial Commemorative Coin Legislation". United States Mint (USMint.gov).
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxina 141.
- ↑ 26,0 26,1 26,2 Slabaugh, A. R. (1975). Páxina 43.
- ↑ 27,0 27,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 142.
- ↑ 28,0 28,1 Taxay, D. (1967). Páxinas 48-51.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxina 161.
- ↑ 30,0 30,1 30,2 30,3 Swiatek, A. (2012). Páxina 115.
- ↑ 31,0 31,1 Bowers, Q. D. (1991). Páxina 144.
- ↑ 32,0 32,1 32,2 Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxina 211.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxina 49.
- ↑ Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 211, 213.
- ↑ Swiatek, A.; Breen, W. (1981). Páxinas 209, 211.
- ↑ Taxay, D. (1967). Páxina 51.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxina 160.
- ↑ Vermeule, C. (1971). Páxinas 161-162.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxinas 144-145.
- ↑ Yeoman, R. S. (2015). Páxinas 1.125-1.126.
- ↑ Bowers, Q. D. (1991). Páxina 146.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Medio dólar do Tricentenario dos Peregrinos |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Bowers, Q. D. (1991). Commemorative Coins of the United States. A Complete Encyclopedia. Bowers and Merena Galleries, Wolfeboro. ISBN 978-0-943161-35-8
- Flynn, K. (2008). The Authoritative Reference on Commemorative Coins 1892-1954. Kyle Vick, Roswell.
- Slabaugh, A. R. (1975). United States Commemorative Coinage (2ª ed.). Whitman, Racine. ISBN 978-0-307-09377-6
- Swiatek, A. (2012). Encyclopedia of the Commemorative Coins of the United States. KWS, Chicago. ISBN 978-0-9817736-7-4
- Swiatek, A.; Breen, W. (1981). The Encyclopedia of United States Silver & Gold Commemorative Coins, 1892 to 1954. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-04765-4
- Taxay, D. (1967). An Illustrated History of U.S. Commemorative Coinage. Arco, Nova York. ISBN 978-0-668-01536-3
- (USHRCCWM) United States House of Representatives Committee on Coinage, Weights and Measures. Authorizing Coinage of Memorial 50-Cent Piece for the State of Alabama. 26 de marzo de 1920. United States Government Printing Office.
- Vermeule, C. (1971). Numismatic Art in America. Harvard University Press. ISBN 978-0-674-62840-3
- Yeoman, R. S. (2015). A Guide Book of United States Coins (1ª ed. deluxe). Whitman, Atlanta. ISBN 9780794843076