Saltar ao contido

Coleccionismo de moedas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monetario de madeira para albergar unha colección de moedas. Basilea, ca. 1578

O coleccionismo de moedas, asociado adoito ao doutros obxectos cuñados ou relacionados co diñeiro (medallas, fichas monetiformes, billetes etc.) é unha das afeccións máis populares e un dos coleccionismos máis coñecidos. Algunhas persoas coleccionan pensando unicamente no investimento numismático, mais a razón principal para coleccionar moedas é a propia satisfacción persoal. Aínda que o coleccionismo de moedas non se debe confundir coa numismática, para a boa clasificación, organización e valorización dunha colección cómpre posuír un certo grao de coñecemento numismático.[1][2]

Cada coleccionista ten as súas propias preferencias e especificidades, como poden ser as moedas en bos estados de conservación, as resultado de erros nas cecas, as que considere particularmente fermosas ou historicamente significativas etc.

Unha numismática observa unha colección de moedas

O afán das persoas por acumularen moedas por mor do valor do metal en que están cuñadas é tan antigo como a propia existencia da moeda.[3] No entanto, a colección das moedas baseada no seu valor artístico tivo un desenvolvemento máis tardío. As evidencias amosadas polos rexistros arqueolóxicos da Roma Antiga e da Mesopotamia medieval indican que as moedas xa eran obxecto de colección e de catalogación naqueles tempos, por parte tanto de eruditos como das propias institucións de goberno. Tamén semella probable que os cidadáns individuais recollesen moedas vellas, exóticas ou con algunha significación conmemorativa, como un xeito accesible e portátil de arte.[4] Segundo o historiador romano Suetonio na súa obra De vita Caesarum ("As vidas césares"), escrita no século I d. de C., o emperador Augusto obsequiaba con moedas antigas e exóticas os seus amigos e os cortesáns durante os festivais e noutras ocasións especiais.[5]

As primeiras mostras de apreciación e de coleccionismo de moeda contemporánea remóntanse ao século XIV. Durante o Renacemento mesmo chegou a se converter nunha moda entre as clases privilexiadas europeas, sinaladamente entre os reis e as raíñas. Ao erudito e poeta italiano Petrarca atribúeselle ser un dos personaxes pioneiros máis salientables desta época pola súa afección ao coleccionismo de moedas e, seguindo o seu exemplo, diversos, nobres, príncipes e mesmo reis comezaron as súas propias coleccións. Entre os coleccionistas máis notables están o papa Bonifacio VIII, o Emperador do Sacro Imperio Romano Maximiliano I, Lois XIV de Francia, Fernando I, Henrique IV de Francia e o Elector Xoaquín II de Brandeburgo, quen iniciou o prestixioso Gabinete Numismático de Berlín (Münzkabinett)[6][7][8][9]. Debido a que durante o Renacemento a procura de moedas antigas estaba unicamente ao alcance dos moi ricos e poderosos, o coleccionismo de moedas coñecíase nesa época como "a afección dos reis".[10][11]

Durante séculos XVII e XVIII, o coleccionismo de moedas seguiu a estar asociado á riqueza e ao poder. Pero o pensamento racional propio da Ilustración conduciu a un enfoque máis sistemático da colección e do estudo das moedas. Nestes séculos xurdiu a numismática como disciplina académica e o seu coleccionismo comezou a estendeuse como unha actividade de lecer dunha burguesía ansiosa por demostrar riqueza e sofisticación.[10]

Serie de moedas do Reino Unido de 1887 nun estoxo de presentación para coleccionistas

Foi nos séculos XIX o XX cando o coleccionismo numismático acadou máis popularidade e espallamento.[12] Comezaron a constituírse as primeiras asociacións numismáticas, que agrupaban os afeccionados para defenderen os seus intereses, como é o caso, entre outras, da Real Sociedade de Numismática, de Londres (1836), a Sociedade Real de Numismática de Bélxica (1841), a Sociedade Numismática dos EEUU (1858) ou a Sociedade Francesa de Numismática (1865), entre outras.[13] O mercado de moedas expandiuse para abranguer non só as moedas antigas, senón tamén as propias doutros países e as consideradas exóticas. Comezaron a constituírse as primeiras asociacións de comerciantes e os organismos reguladores. A primeira convención internacional de coleccionismo de moeda tivo lugar en Detroit en agosto de 1962.[14][15]

No século XXI, o coleccionismo pasou de merecer o sobrenome de "a afección dos reis", propia do Renacemento, ao de "a raíña das coleccións".[11]

Motivacións

[editar | editar a fonte]
Moedas dispostas en cartonciños para a súa ordenación nun álbum

As motivacións para o coleccionismo de moedas poden ser moi diversas dunha persoa a outra, aínda que a máis común é a baseada no simple pracer da colección, que pode estar complementada polo seu estudo ou pola expectativa dalgún tipo de lucro.[16]

Porén, outra das razóns importantes que levan as persoas a coleccionaren moedas e como vía de investimento. Do mesmo xeito que os selos, os metais preciosos e outros bens tanxibles, os prezos das moedas flutúan periodicamente en función da oferta e a demanda, ademais do seu propio valor intrínseco, destacadamente nas moedas de ouro ou de prata. En calquera caso, igual que ocorre con calquera outro obxecto de colección, unha colección de moedas non xera beneficio en tanto que esta non se venda, e mesmo pode levar consigo custos de mantemento, como seguros, alugamento de caixas de seguridade, material para o arquivamento etc. O límite entre o coleccionismo de moedas con ánimo de lucro e a simple especulación radica en que, no primeiro caso, o coleccionista comparte a súa ansia de beneficio económico con consideracións estéticas, históricas e doutro tipo, en tanto que o especulador é un simple acumulador de obxectos, sen maior apego a eles, á espera da súa revalorización.[17][18][19]

Noutras ocasións, os promotores das coleccións non son individuos a título particular, senón institucións de diversos tipos e con finalidades que transcenden a satisfacción persoal dos seus xestores (xa non posuidores). Trátase comunmente de coleccións numismáticas de universidades, museos ou entidades asociativas, movidos por intereses como a conservación do patrimonio e a divulgación didáctica da riqueza monetaria dun territorio.[20][21]

Criterios dunha colección

[editar | editar a fonte]

Algúns afeccionados á numismática constrúen coleccións xeneralistas, conformadas por exemplares da amplísima variedade de moedas existentes, sen que a elección se suxeite a criterios xeográficos nin históricos, nin de ningún outro tipo. Se os recursos económicos son suficientes, isto pode levar a crear coleccións cun número extraordinario de exemplares inconexos. O caso máis salientable é o do rei Faruq de Exipto, que chegou a reunir unha colección vastísima de moedas de todo tipo, época e lugar.[22] Porén, a maioría dos coleccionistas acomodan as súas coleccións a uns criterios preestablecidos, o que fai que existan uns exemplares determinados de particular interese para eles. Estas son, a modo de exemplo, algunhas das orientacións máis habituais das coleccións numismáticas, que con moita frecuencia se dan combinadas entre elas:[23]

Colección de moedas de Vietnam
  • Por país ou área xeográfica: numerosos afeccionados centran as súas coleccións nun só país, con frecuencia o seu propio (por exemplo: moedas cuñadas en Galicia, moedas da Eurozona etc.). Tamén é frecuente que un coleccionista desexe obter un exemplar representativo de cada país.[24][25]
  • Data de cuñaxe (1980) e de aprobación da emisión (1975) nunha moeda española de 5 pesetas
    Por ano: en ocasións, un coleccionista non se dá por satisfeito por posuír un exemplar de cada modelo ou tipo de moeda, senón que procura un exemplar de cada ano en que se emitise ese tipo. Este é un dos xeitos máis prácticos de coleccionar as moedas dun país, xa que é o criterio utilizado pola maioría dos catálogos de referencia e dos álbums comercializados para facilitar a ordenación das coleccións.[25] Un caso singular no coleccionismo de moedas por data constitúeno as moedas españolas do sistema da peseta cuñadas entre 1868 e 1982, nas que a data que aparece expresa na moeda (comunmente baixo o busto do gobernante) non é a de cuñaxe senón a de autorización de emisión do modelo, en tanto que a data real de emisión aparece no interior dunhas estrelas de pequeno tamaño cuxa localización varía en función da moeda.[26]
  • Por ceca: para moitos coleccionistas, a casa de moeda onde se cuñaron as moedas é un criterio suficientemente representativo para centrar a súa colección. Para iso, válense das marcas de ceca ou sinais habitualmente gravados nas moedas para indicaren a súa ceca de procedencia (por exemplo: moedas da Real Casa da Moeda de Xuvia, moedas da Royal Mint etc.).[27] En combinación cos dous criterios de colección anteriores, este pode facer que se multiplique a cantidade de exemplares desexables para un coleccionista, particularmente en países como Alemaña, onde de cada valor e cada ano se cuñan cinco exemplares con cadansúa marca de ceca: A, B, F, G e J.[28]
  • Por variantes: debido a que nas casas de moeda se fabrican normalmente tiraxes de millóns de exemplares de cada moeda, precísanse usar varios xogos de cuños de cada unha, para evitar que o seu desgaste repercuta na calidade do produto final. Isto fai que ocasionalmente os cuños dunha mesma poidan ter algunhas diferenzas visibles, sinaladamente en épocas pasadas, cando cada cuño se elaboraba á man, xa que na actualidade o control numérico computerizado reduce ao mínimo as posibilidades de erro.[25] En ocasións, estes erros prodúcense intencionadamente, con ánimo lucrativo, como é o sonado caso ocorrido na década de 1970 na Casa da Moeda de Karlsruhe.[29]
  • Por tipo: segundo este criterio, a colección baséase en obter un exemplar representativo de cada tipo de moeda, dentro do territorio e da época que abranga a colección. Xa que logo, nin as diferentes datas de cada modelo nin o feito de amosar unha ou outra marca de ceca son aspectos determinantes dentro da colección (por exemplo, dentro da colección de moeda española actual, unha soa moeda dun céntimo, outra de dous, outra de cinco..., á marxe de que cada unha fose cuñada con máis de 20 datas, xa que o modelo non varía).[25]
Pequena colección de moedas de Sri Lanka de diferentes formatos.
  • Por forma:
Artigo principal: Formas das moedas.
aínda que o habitual é as moedas sexan redondas, algunhas responden a outras formas (triangulares, cadradas, octogonais, lobuladas...). Mesmo as redondas, poden amosar particularidades como perforacións centrais, ou cantos e grafilas de diferentes tipos. Estas diferenzas morfolóxicas poden ser tamén a base dunha colección de moedas.[30]
  • Por metal ou aliaxe: para algúns, o metal ou a aliaxe sobre os que se cuñan as moedas son o trazo definitorio das súas coleccións. Por exemplo, é bastante habitual o coleccionismo dos metais básicos da moeda desde a Antigüidade (o cobre e as súas aliaxes, a prata e o ouro) ou doutros de introdución máis moderna, como o níquel ou o aluminio.[25][31][32][33] Cada vez está máis estendido en concreto o coleccionismo de moedas bimetálicas.[34][35]
  • Por temática: algúns coleccionistas centran o seu interese en moedas que reproduzan ou conmemoren personaxes, edificios, acontecementos, paisaxes etc. determinados. Poden servir como exemplos coleccións de moedas olímpicas ou con castelos, ou con determinados animais, ou nas que apareza o busto dun Premio Nobel etc.[25]
  • Por período histórico: é un criterio moi habitual restrinxir a colección a moedas dunha época determinada, como por exemplo as moedas da Antiga Roma ou as medievais, as do Imperio Español en América ou as do século XIX. Tamén é frecuente coleccionar moedas cuñadas a nome dun gobernante concreto ou exemplares significativos de cada gobernante. Este é un criterio particularmente interesante, xa que as moedas son unha boa canle para o co��ecemento das situacións sociopolíticas das épocas en que foron emitidas.[25]
  • Por valor facial: a interpretación deste criterio pode ser diversa, xa que hai coleccionistas que se centran, por exemplo, en moedas con valores faciais en euros ou, máis estritamente, moedas de dous euros ou, máis amplamente, moedas de dúas unidades de calquera unidade monetaria (dous euros, dous dólares, dous bahts, dúas libras etc.).
  • Por acumulación: algúns coleccionistas poden ter interese por adquirir volumes grandes de moedas determinadas, sen que importe que sexan exemplares amplamente repetidos (por exemplo: pesetas de Francisco Franco, patacóns de Afonso XII etc.). Normalmente non se trata de moedas de moito valor individual, e o interese pode radicar en atopar entre tanta variedade algún exemplar cunha data escasa, esperar a que o metal incremente o seu valor ou, simplemente, o reto persoal de acadar unha cantidade de pezas cada vez maior.[19]
Moeda española de 2014 emitida para coleccionistas, que reproduce un real dos Reis Católicos
  • Colección de réplicas: en ocasións, os coleccionistas pódense interesar pola inclusión de réplicas de moedas reais nas súas coleccións, unhas veces para complementar series en substitución de determinadas pezas escasas e de difícil adquisición, e outras veces como motivo principal das coleccións. As réplicas poden ser de diversos tipos:[36][37]
    • Copias antigas de moedas contemporáneas cuñadas oficialmente por outros estados ou outras autoridades emisoras.
    • Copias antigas de moedas contemporáneas a modo de falsificación, para enganar os comerciantes e a poboación ao pólas en circulación.[38]
    • Copias modernas de moedas contemporáneas, co mesmo fin de falsificación.
    • Copias modernas de moedas antigas a modo de falsificación, para enganar os coleccionistas.[39][40][41]
    • Copias modernas vendidas explicitamente como réplicas (con frecuencia amosan marcas que indican a súa condición de réplica).
    • Copias modernas de gran calidade cuñadas para seren amosadas en museos en lugar de exemplares orixinais de consecución difícil.
    • Copias modernas feitas para seren utilizadas como xoias ou formando parte delas.
    • Copias modernas emitidas oficialmente para a súa circulación como moedas conmemorativas, que renden homenaxe ás moedas orixinais.[42]
    • Copias modernas sen curso legal e sen valor facial, a modo de medallas ou fichas, para render homenaxe ás moedas orixinais.
    • Copias modernas de moedas de investimento en metais nobres, emitidas oficialmente.[43]
  • Por situacións xeopolíticas: algunhas persoas prefiren coleccionar moedas de varias nacións ou entidades emisoras que teñan ou que tiveran noutros tempos unha vinculación de carácter xeopolítico (por exemplo: moedas de países da Unión Soviética e países da súa órbita, ou moedas de países membros da Commonwealth). Encádranse aquí as coleccións de moedas pertencentes aos grandes imperios que se sucederon ao longo da historia.
  • Por estética: algunhas coleccións constan de moedas que ben poderían caber en calquera das restantes categorías, aínda que non se axusten aos criterios que as definen, senón ao da simple satisfacción que producen nos seus posuidores, que pode estar baseada en multitude de factores de orde subxectiva.[25]

Estados de conservación e valor

[editar | editar a fonte]

En numismática o estado de conservación é un aspecto moi significativo no seu valor, ata o punto de que un exemplar pode multipilcar por varios centos o seu valor en función de que estea mellor ou peor conservado. Os coleccionistas válense dunhas escalas para determinar os estados de conservación, que poden ser diferentes dependendo do país.

Nos primeiros momentos do coleccionismo —antes do desenvolvemento dun mercado de moeda internacional—, non se utilizaban métodos cunha extremada precisión e recorríase a adxectivacións subxectivas como "boa", "moi boa" ou "non circulada". Cara a mediados do século XX, en paralelo a un mercado crecente de moedas raras e escasas, as escalas fóronse precisando de xeito diferente en cada país.[44] A máxima precisión é a da escala Sheldon, desenvolvida pola American Numismatic Association, que vai desde o número 1, para un exemplar de difícil identificación, ata o número 70, para un exemplar perfecto, acompañado dunhas siglas. Esta é a escala utilizada polas axencias internacionais de certificación do estado de conservación de moedas, polo que é coñecida internacionalmente.[45] [46][47] En Europa, no entanto, é máis común seguir recorrendo ás escalas descritivas baseadas en adxectivacións (ou nas súas siglas).[48]

Esta é unha comparativa das escalas máis utilizadas no mundo:[45]

ANA
Galicia Galicia
Estados Unidos de América Estados Unidos
Reino Unido Reino Unido
Francia
Alemaña Alemaña
Italia Italia
Polonia Polonia
MS 70
MS 69
MS 68
MS 67 Superb Uncirculated FDC exceptionnel
MS 66
MS 65 Flor de cuño (FDC) Gem Uncirculated FDC Fleur de coin (FDC) Fior di conio (FDC) Stan 1
MS 64
MS 63 Choice Uncirculated UNC Stempelglanz (ST)
MS 62
MS 61 Sen circular (SC)
MS 60 Uncirculated
AU 58
AU 55 EF Superbe (SUP) Vorzüglich (VZ) Splendido (SPL) Stan 2
AU 53
AU 50 Extraordinariamente ben conservada (EBC) About Uncirculated
XF 45
XF 40 Extremely Fine VF Trés trés beau (TTB) Sehr schön (SS) Bellissimo (BB)
VF 35
VF 30 Moi ben conservada (MBC)
VF 25 Stan 3
VF 20 Very Fine F Trés beau (TB) Schön (S) Molto bello (MB)
F 15
F 12 Ben conservada (BC) Fine
VG 10
VG 8 Regular conservada (RC) Very Good G Beau (B) Sehr gut erhalten (SGE) Bello (B) Stan 4
G 6
G 4 Good
AG 3 Mal conservada (MC) About Good AG Bien conservée Gering (GE) Discreto (M) Stan 5
FA 2 Fair
PR 1 Poor
Moeda en condición proof, co campo brillante e o relevo mate

Significado das siglas utilizadas en Galicia para os grados de conservación das moedas:[46]

  • FDC: sen circular e elaborada como resultado dos primeiros golpes dun cuño novo, polo que todos os seus elementos se aprecian con gran detalle; non presenta sinais provocados na produción nin no transporte.
  • SC: sen circular e con ningún sinal de circulación; pode presentar mínimas marcas ou rabuñaduras ocasionais provocadas durante a produción ou o transporte.
  • EBC: cunha circulación limitada, con pouco desgaste nas zonas altas e mantendo o campo lustroso e sen marcas.
  • MBC: con signos que evidencian a súa circulación, sinaladamente nas partes altas do relevo e nas arestas, e mantendo o seu bo aspecto.
  • BC: considerablemente circulada e gastada, tanto nas partes altas como nas baixas, mantendo visibles os datos que permitan a súa identificación.
  • RC: claramente gastada, con datos borrados como para dificultar a súa identificación.
  • MC: extremadamente gastada ou deteriorada, con datos ilexibles, o que fai imposible unha identificación completa.

Ademais da cualificación das moedas polo seu desgaste, hai outra categoría denominada "proba" ou "proba numismática" —úsase máis frecuentemente a palabra en inglés proof— . As moedas desta condición elabóranse cuns cuños particularmente puídos e teñen un tratamento posterior que lles confire un brillo especial aos campos en tanto que os relevos amosan un aspecto máis mate. Este sistema utilízase frecuentemente para as moedas conmemorativas. Tamén é habitual a coexistencia das series anuais na súa versión estándar, para a súa circulación, e en condición proof, nas presentacións en carteiras ou expositores destinados ao coleccionismo, nesta último caso con tiraxes máis pequenas.[49][50]

ANA
Galicia Galicia
Estados Unidos de América Estados Unidos
Reino Unido Reino Unido
Francia
Alemaña Alemaña
Italia Italia
Polonia Polonia
PF/SP Proof / Proba numismática Proof Proof / SP Flan bruni (FB) Polierte Platte (PP) Fondo specchio (FS) Proof
Prooflike Prooflike Prooflike Aspect flan bruni

Servizos de certificación

[editar | editar a fonte]
Moeda certificada e encapsulada por Professional Coin Gradind Service (PCGS)

Os servizos de certificación de moedas xurdiron nos Estados Unidos na década de 1980 co obxectivo de establecer un padrón para a descrición do estado de conservación das moedas, así como detectar alteracións intencionadas e falsificacións. A cambio dunhas tarifas establecidas, estas axencias cualifican o estado de conservación, autentican, describen e encapsulan moedas como garantía da súa certificación.[51]

Hai tres entidades certificadoras que gozan de recoñecemento internacional no sector da numismática, todas elas con sede nos EEUU aínda que con ámbito de actuación internacional: Professional Coin Grading Service (PCGS), Numismatic Guaranty Corporation (NGC) e Independent Coin Graders (ICG).[52][53][54]

Clubs e asociacións

[editar | editar a fonte]

É habitual que os coleccionistas de moedas se agrupen en clubs ou asociacións, que ofrecen diversos beneficios para os seus membros. Serven de canle de información e neles os asociados establecen contactos para defenderen intereses comúns. Á marxe das entidades clásicas, cada vez é máis frecuente a existencia de clubs e asociacións en liña a través de Internet, que agrupan afeccionados de todo o mundo.

  1. "Numismatics: Coins and Coin Collecting". Rg.ancients.info
  2. Sayles, W. G. (2009).
  3. Rowan, C. (2013). "Coinage as commodity and bullion in the western Mediterranean, ca. 550–100 BCE". En Mediterranean Historical Review. Vol. 28. Nº 2. "The earliest coin hoards known in the western Mediterranean contain coins of mainland Greece. The Sicilian Selinous hoard (ca. 510 BCE), [...]".
  4. "Early Coin Collecting". En Sayles, W. G. (2009).
  5. Suetonio (2012). Historia y vida de los Césares Arquivado 28 de maio de 2020 en Wayback Machine.. "El divino Julio César". LXXV. Páxina 101. Ed. Brontes. Barcelona. ISBN 978-84-15171-23-2
  6. "Coin Collectors Emperor Maximilian Arquivado 28 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Monaco Rare Coins.
  7. Jeffreys, E. et al. (2008). The Oxford Handbook of Byzantine Studies. Oxford University Press. Páxina 158. ISBN 978-0-19-925246-6
  8. "Famous Numismatists (Coin Collectors)". www.24carat.co.uk
  9. Kluge, B. (2004). Das Münzkabinett - Museum und Wissenschaftsinstitut. Münzkabinett - Staatliche Museen zu Berlin. Berlín. Páxina 11. ISBN 978-3886094943
  10. 10,0 10,1 "The Hobby Of Kings And The Rise Of Numismatic Scholarship". En Sayles, W. G. (2009).
  11. 11,0 11,1 "Brief history of coin collecting". 2-clicks-coins.com
  12. Acosta Nieto, I. (2008). "Coleccionismo numismático en España en el siglo XIX". En Galende Díaz J.; De Santiago Fernández, J. VI Jornadas Científicas Sobre Documentación Borbónica en España y América (1700-1868). Universidad Complutense de Madrid. Páxinas 9-42.
  13. Sitios web de RNS, RSNB, ANS e SFN.
  14. "Worldwide: Trivial coin facts". Fleur-de-coin.com: "The first international convention for coin collectors was held in August 15 - 18, 1962, in Detroit, Michigan, sponsored by the American Numismatic Association and the Canadian Numismatic Association. Attendance was estimated at 40,000".
  15. "Modern Collecting". En Sayles, W. G. (2009).
  16. "What is a coin collector?". 2-clicks-coins.com
  17. "La inversión en numismática". En Prado Román, C. et al. (2007). Páxina 21-32.
  18. "Collecting And Investing In Coins". Old And Sold. Antiques Auction & Marketplace.
  19. 19,0 19,1 "Coin Hoards". The Australian Coin Collecting Weblog.
  20. "Museum Collections of Ancient Coins". Forum Ancient Coins.
  21. "Princeton Numismatic Collection database". Princeton University Library.
  22. Lester, C.N. "Numismatic "Gumshoe:" On the Trail of King Farouk". Gold Rush Gallery, INC.
  23. "Types of Coin Collectors. Coin Collecting Themes & Coin Collector Types". The Happy Coin.
  24. "Coin Collecting Themes - One From Every Country". The Australian Coin Collecting Weblog.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 25,5 25,6 25,7 "7 popular coin collectin themes". Bella Online.
  26. Vico Belmonte, A.; De Francisco Olmos, J. M. (2016). Páxina 40.
  27. "Coin Collecting Themes". Coin ans Stamp Collecting.
  28. "Why Germany has Five State-Owned Mints". En Coins Weekly. 1 de febreiro de 2017.
  29. "Blick in die Geschichte: Der Karlsruher Münzskandal von 1975 Arquivado 29 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Stadt Karlsruhe (Karlsruhe.com)
  30. Exemplos de formas de moedas: cadrada (e perforada), rectangular, triangular, hexagonal, octogonal, ovoide, lobulada, en punta de frecha e de estrela.
  31. "Metais de cuñar". En Bermejo, M. R.; González, A.; Vázquez, M. (2006). O nome e o símbolo dos elementos químicos. Xunta de Galicia e CRPIH. ISBN 978-84-453-4325-8. Páxina 57
  32. Le site des métaux & alliages monétaires. Etna-Mint.fr
  33. Clayton, T. "Metals Used in Coins and Medals". En Tony Clayton's Home Page.
  34. "Bimetallic Coins Collection". Bimetalliccoins.blogspot.com
  35. Sitio web: "Club de Coleccionistas de Moedas Bimetálicas Mundiais".
  36. "Forgeries of Maria Theresa Thalers". The Maria Theresa Thaler 1780.
  37. "Counterfeits & Forgeries". Parthia.com
  38. "Fake and Altered Ancient Coins". Beast Coins.
  39. "Counterfeit Coin Detection". Rg.ancients.info
  40. "Modern Fakes of Ancient Coins Arquivado 01 de febreiro de 2020 en Wayback Machine.". Calgary Coin.
  41. Markowitz, M. (2016). "CoinWeek Ancient Coin Series: Modern Fakes of Ancient Coins". En Coin Week. 6 de decembro.
  42. "2013 Anniversary of the Guinea £2. Celebrating the 350th Anniversary of the Guinea Arquivado 15 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". The Royal Mint.
  43. "Modern Re-Strikes: Maria Theresa Taler - Proof Arquivado 28 de xaneiro de 2020 en Wayback Machine.". Münze Österreich.
  44. "History of Grading". Slater Numismatics.
  45. 45,0 45,1 "Escalas de clasificación internacionales". Numismatic Guaranty Corporation (NGC).
  46. 46,0 46,1 Palicio Moreno, C. "Tabla de Estados de Conservación". Academia.edu
  47. "Grados de conservación". En Vico Belmonte, A.; De Francisco Olmos, J. M. (2016). Páxinas 195-197.
  48. "European Collectors Stick With Verbal Grading System". PCGS.
  49. "What is a Proof Coin?". The spruce Crafts.
  50. "Moneda Proof". Coin Invest.
  51. "Coin Grading Services: Who They Are and What They Do". Coin Collecting Guide for Beginners.
  52. Sitio web: Professional Coin Grading Services Arquivado 26 de novembro de 2020 en Wayback Machine..
  53. Sitio web: Numismatic Guaranty Corporation.
  54. Sitio web: Independent Coin Graders.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]