Joaquín Sabina
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde xaneiro de 2014.) |
Joaquín Ramón Martínez Sabina, nado en Úbeda (Xaén) o 12 de febreiro de 1949, coñecido artisticamente como Joaquín Sabina, é un cantautor e poeta español.
Publicou catorce discos de estudio, catro en directo e tres recompilatorios, ademais, ten colaborado con distintos artistas cantando dúos e realizando outras colaboracións. Tamén compón para outros artistas como Ana Belén ou Miguel Ríos. Os álbums en directo son gravacións de actuacións nas que interveu en solitario ou con outros artistas: La Mandrágora (1981), xunto a Javier Krahe e Alberto Pérez; Joaquín Sabina y Viceversa en directo (1986), xunto á banda Viceversa; Nos sobran los motivos (2000); e Dos pájaros de un tiro (2007), xunto a Joan Manuel Serrat. Na súa faceta literaria publicou nove libros de letras de cancións e poemas publicados no semanario Interviú.
No ano de 2001 sufriu un leve infarto cerebral que puxo en risco a súa vida. Recuperouse poucas semanas máis tarde sen sufrir secuelas físicas. Porén, o incidente influíu na súa forma de pensar e viuse inmerso nunha depresión que provocou que abandonara os escenarios un tempo. Logo de superala, publicou Dímelo en la calle (2002), ao que seguirían Alivio de luto (2005). O 17 de novembro do 2009 publicou Vinagre y rosas, o que polo momento é o seu último álbum en solitario, que pechou o mesmo mes de novembro con máis de 200.000 copias vendidas e conseguindo tres discos de platino. No 2011 publica La orquesta del Titanic, xunto con Joan Manuel Serrat, onde amosa un estilo máis tranquilo, en contraste con épocas anteriores.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Joaquín Sabina é o segundo fillo de Adela Sabina del Campo, ama de casa, e de Jerónimo Martínez Gallego, comisario de policía. Cursou os estudos primarios coas monxas Carmelitas e con catorce anos comeza a escribir poemas e a compor música nunha banda formada cos seusamigos chamada Merry Youngs, que se dedicaban sobre todo a facer versións de cantantes de rock como Elvis Presley, Chuck Berry ou Little Richard.
Posteriormente cursou o bacharelato nos Salesianos. Nesa época segue escribindo versos e lee obras de Frei Luis de León, Jorge Manrique e José Hierro pero tamén de Marcel Proust, James Joyce e Herbert Marcuse. O día no que aprobou a reválida o seu pai quixo recompensar a Joaquín cun reloxo de pulseira, ao que el se negou manifestando que prefería unha guitarra, sendo satisfeita a petición. En cambio, o seu irmán máis vello si que aceptou o reloxo e, segundo Joaquín, ese pequeno detalle foi o que os empezou a distanciar: o seu irmán acabou converténdose, como o pai de ambos, en policía.
Exilio en Londres
[editar | editar a fonte]En 1968 trasladouse a Granada para matricularse na Facultade de Filosofía e Letras, na que comezou os estudos de Filoloxía Románica na universidade, e onde descubriu as poesías de César Vallejo e Pablo Neruda. Joaquín viviu por primeira vez cunha muller, chamada Lesley, e preparou a súa tese de español en Granada.
A súa ideoloxía esquerdista fixo que se relacionara con movementos contrarios ó réxime franquista. Este mesmo ano, cando se proclamou o estado de excepción, o seu pai, que era comisario en Úbeda, recibiu a orde de deterlo por pertencer ó Partido Comunista.
En 1970 comeza a colaborar coa revista Poesía 70, compartindo páxinas con Luis Eduardo Aute ou Carlos Cano. Nese mesmo ano lanza un cóctel molotov contra unha sucursal do Banco de Bilbao en Granada en protesta polo Proceso de Burgos, polo que se ve obrigado a exiliarse. Precisamente é o seu propio pai quen recibe a orde de detelo. Ó carecer de pasaporte, non puido saír inmediatamente do país, pero coñeceu a un home, Mariano Zugasti, que, tras unhas horas de conversación, lle cedeu o seu. Co nome falso e acompañado de Lesley, Joaquín puxo rumbo a París, onde pasou uns meses, e posteriormente a Londres, onde viviu como squatter (okupa) durante o seu primeiro ano de estancia na cidade.
Joaquín necesita sensibilizar á opinión pública ó seu favor, xa que doutro xeito sería repatriado a España, e grazas a Lesley consegue que lle fagan unha entrevista e presente o seu caso. O Daily Mirror publica que á súa volta a España lle espera a pena de morte, feito totalmente falso, pero consegue que as autoridades británicas lle concedan o asilo político por un ano. Marcha a Edimburgo con Lesley a vivir e permanecen alí catro meses, tralos cales Joaquín marcha a Londres abandonando a Lesley.
Colaborou en Londres co Club Antonio Machado, un dos centros frecuentados por emigrantes e exiliados. Na capital inglesa escribiu as súas primeiras cancións e organizou un cineclub onde se exhibían películas de Luis Buñuel, prohibido entón na España franquista. Reconstruíu o grupo de teatro Juan Panadero e montou polémicas obras teatrais como A excepción da regra, de Bertolt Brecht, e O cepillo de dentes, de Jorge Díaz. Gañou a vida cantando no metro, en restaurantes e en cafés. En 1974, segundo unha das anécdotas máis divulgadas sobre a súa vida, actuou ante George Harrison, que celebraba o seu aniversario nun bar local chamado Mexicano-Taverna. O ex beatle deulle unha propina de cinco libras. Nalgunhas entrevistas, Sabina relatou que conserva o billete que recibiu como un tesouro, pero noutras ocasións desmentiu a súa propia lenda ("En realidade, bebinos aquela mesma noite"). Durante ese tempo mantén unha relación cunha moza chamada Sonia.
En 1976 publica o libreto de cancións Memorias del exilio na editorial "Nueva Voz", cunha tirada de 1.000 exemplares que o propio Joaquín distribuíu pola área de Portobello Road, vendendo ata o último deles grazas ó seu don de xentes e ás moitas amizades trabadas no máis de medio lustro transcorrido na capital británica. Tamén comezou a organizar concertos para a colonia de exiliados españois en Inglaterra onde actuaron Paco Ibáñez, Lluís Llach, Francesc Pi de la Serra ou Elisa Serna. Estes versos, constituíron o groso principal dous anos máis tarde do seu primeiro disco, Inventario. Máis tarde compón a banda sonora da serie The Last Crusade, da BBC.
Regreso a España
[editar | editar a fonte]No ano 1977, trala morte de Franco, conseguiu volver a España grazas a un pasaporte legal facilitado por Fernando Morán, cónsul español en Londres. Nese mesmo ano casou con Lucía Inés Correa Martínez, unha arxentina que coñecera en Londres durante o seu exilio. A cerimonia de enlace, eclesiástica, tivo lugar o 18 de febreiro de 1977. En realidade o enlace celebrouse co único propósito de conseguir o pase de "pasa a noite" (permiso que se dá ós soldados para que poidan ir durmir ás súas casas) no cuartel durante o servizo militar que se viu obrigado a cumprir en Mallorca tras regresar a España. Isto permitiulle traballar no diario local Última hora.
En 1978 instalouse en Madrid coa súa muller e conseguiu editar o seu primeiro LP, Inventario. O director da discográfica CBS, Tomás Muñoz, ofreceulle o seu primeiro contrato coa referencia do seu tema ¡Que demasiao!, que daquela, interpretada polo cantante "Pulgarcito", soaba en Popgrama, espazo de Televisión Española presentado por Carlos Tena. Dese xeito comezou a actuar no circuíto de bares madrileños e nos mitins electorais do PSP, UXT, PCE, PSOE e CNT. Nesa época traballou como entrevistador de Carta de España. O ano seguinte comezou a cantar xunto a Javier Krahe e Alberto Pérez no soto do café madrileño La Mandrágora. Un dos temas que interpretan é Con su bikini, versión paródica do tema de Bob Dylan Man Gave Names to All the Animals que, segundo parece, o propio autor lle prohibiu tocar. Ó local acudiu un día o xornalista Fernando García Tola, que o invitou ó seu programa de televisión Esta noche, presentado por Carmen Maura.
Tralo seu primeiro disco, abandonou o perfil prototípico do cantautor, xa que, segundo el mesmo afirma, o uso dese termo faille sentir coma se lle puxesen un ladrillo na cabeza e "poeta" parécelle "un traxe que lle queda demasiado ancho".
En 1980 publicou o seu segundo traballo, Malas compañías, álbum no que destacan varios temas entre os que se atopan Calle Melancolía ou ¡Que demasiao!, pero moi especialmente Pongamos que hablo de Madrid, convertido para moitos nunha especie de himno oficioso da cidade, e que foi gravado primeiro por Antonio Flores, versión que acadou o número 1 no programa de radio Los 40 Principales. En 1981 apareceu La Mandrágora, disco gravado en directo xunto con Krahe e Pérez no que intentou recoller o espírito das súas actuacións no local. Alternou os seus concertos en pubs coa tradución de éxitos da canción italiana para a discográfica CBS e comezou a compor para outros artistas como Miguel Ríos e Ana Belén. Empezou a actuar coa que sería a súa primeira banda, Ramallete de virtudes, e ó seu vello repertorio comezou a engadirlle novas composicións, máis próximas ao rock, como Pisa el acelerador e Juana La Loca, cancións que, pouco despois, formarían parte do que sería o seu terceiro LP (sen contar o disco gravado con La Mandrágora), Ruleta rusa, publicado en 1983. En 1984, escribiu para Diario 16 un artigo de benvida a Bob Dylan e ese mesmo ano gravou con Gloria van Aerssen, de Vainica Dobre, "Con las manos en la masa", a sintonía do programa de cociña homónimo de Elena Santonja en RTVE.
Pouco despois Sabina e Krahe decidiron separarse artisticamente para evitar repetirse. En 1985 abandonou CBS e marchou a Ariola a cambio da liberdade artística e algo de diñeiro. Posteriormente comezou a traballar con Viceversa, banda coa que en 1985 sacou o álbum Juez y parte e, un ano despois, o disco Joaquín Sabina y Viceversa en directo, gravado en directo no Teatro Salamanca de Madrid e que contou coa participación como invitados de Javier Gurruchaga e Ricardo Solfa, que interpretan temas do seu anfitrión, e de Luis Eduardo Aute, que lle dedicou a canción Pongamos que hablo de Joaquín. O álbum foi un éxito de vendas e supuxo o seu salto ó gran público. Participou nas festas en prol do referendo para a saída da OTAN. Ademais, estreou Si te he visto no me acuerdo, unha canción que glosaba os tres anos de goberno socialista de Felipe González e nas eleccións municipais apoiou ó seu amigo Juan Barranco, candidato á Alcaldía da capital.
Ademais, en marzo dese mesmo ano publicou De lo cantado y sus márgenes, no que reuniu gran parte dos textos que formaron parte de Memorias del exilio e das cancións de Inventario.
O éxito multitudinario
[editar | editar a fonte]Os éxitos comezaron a sucederse coa publicación dos seus seguintes LPs. En 1987 consolidou o seu éxito coa venda de máis de 400.000 copias de Hotel, dulce hotel. A súa antiga compañía vendo o éxito do artista, decidiu editar, sen o seu consentimento, un recompilatorio ao que titulou Joaquín Sabina y todos sus éxitos. Deixou de actuar co grupo Viceversa e asociouse con Victor Claudín e Pedro Sauquillo para dirixir a sala de concertos Elígeme, no barrio de Malasaña de Madrid. En 1988 editou El hombre del traje gris, que meses máis tarde presentou na praza de touros de Las Ventas de Madrid. Acto seguido realizou unha multitudinaria xira por México, Arxentina e Venezuela. Nese traballo incluíu a banda sonora, escrita por Joaquín xunto a Pancho Varona, retocada da película Sinatra, dirixida por Paco Betriu, e protagonizada por Alfredo Landa e Maribel Verdú. Sabina aparecía nun papel secundario. Ese mesmo ano produciu un álbum dobre de Los Chichos. Tempo máis tarde conseguiu o divorcio de Lucía, a súa muller.
En 1989 fundou xunto a Pancho Varona, convertido no seu inseparable guitarrista, Ripio, empresa editorial coa que a partir dese momento rexistrará todas as súas cancións. Neste mesmo ano, o 16 de xaneiro, Joaquín foi pai por primeira vez, tendo unha filla, Carmela Juliana, froito da súa relación con Isabel Oliart. Outra vez a súa antiga discográfica, e unha vez máis sen o consentimento do artista, editou outra compilación: Mucho Sabina.
Os discos e as xiras sucedéronse no comezo dos noventa, coa publicación de Mentiras piadosas (1990), Física y Química (1992), do cal se venderon máis dun millón de copias e no que conta coa colaboración de Andrés Calamaro no tema Pastillas para no soñar e que popularizou en Suramérica a través dunha macroxira internacional de 188 concertos, e Esta boca es mía (1994).
O 26 de xullo de 1992 naceu a súa segunda filla con Isabel Oliart, Rocío, e comezou unha relación sentimental coa modelo mallorquina Cristina Zubillaga. En 1994 participou, xunto a outros artistas, nos actos de protesta polo peche do madrileño teatro Alfil. Nas eleccións lexislativas de xuño, deixou clara a súa postura política apoiando a Esquerda Unida. Ese mesmo ano participou, xunto con outros importantes artistas, na xira "Mucho más que dos" de Ana Belén e Víctor Manuel. En 1995 colaborou no programa de televisión Hermida e compañía, presentado por Jesús Hermida.
En 1996 publicou Yo, mí, me, contigo, disco que o levou de xira en compañía de Los Rodríguez dando máis de trinta concertos que comezaron o 18 de xullo en Xixón (Asturias) e continuaron por diversos países de Latinoamérica (o Perú, México, Chile, a Arxentina e o Uruguai). O disco foi o número un da lista de vendas da Asociación Fonográfica e Videográfica Española (AFYVE), con 80.000 copias vendidas na súa primeira semana no mercado.
En 1997, ano no que foi recibido por Fidel Castro, con quen conversou durante cinco horas, embarcouse nun proxecto co músico arxentino Fito Páez, que admiraba as calidades poéticas de Sabina. O resultado foi o disco Enemigos íntimos, que saíu á venda en España en 1998, aínda que a xira promocional programada foi suspendida por problemas entre os dous músicos. Nesa ocasión canceláronse máis de 70 concertos que tiñan vendidos e promocionados arredor do mundo. O escándalo foi maior cando se coñeceu unha carta que o mesmo Joaquín Sabina escribiu a Fito Páez en forma de poesía, onde resumía os motivos que determinaron o final da súa relación laboral: "O rol do patito feo non me vai, asegúrocho, e menos o de home duro, que a ti che custa tan pouco" recitaba Joaquín na mencionada carta.
Joaquín fixo unha xira en solitario por teatros chamada Sabina, viuda e hijos en paños menores, de importante éxito e que destacou pola gran duración dos recitais, que chegaron ás tres horas. Neste tour estivo acompañado de só tres músicos: Pancho Varona (guitarra), Antonio García de Diego (guitarra e teclados) e Olga Román (coros, percusións e guitarra). Tras romper con Cristina Zubillaga, comezou a saír cunha bonaerense de 23 anos, Paula Seminara, relación que durou un ano e medio.
En 1999 publicou 19 días y 500 noches, disco que vendeu máis de 500.000 copias en España e que lle fixo gañar catro dos Premios da Música da Sociedade Xeral de Autores de España (SGAE) do ano 2000, ademais do Premio Ondas á mellor canción. Dentro deste disco atópanse Una canción para a Magdalena e Noches de boda, dúas das cancións preferidas de Joaquín.
Ese mesmo ano a súa discográfica rendeulle unha homenaxe no Hotel Palace de Madrid para conmemorar a venda de máis de catro millóns de discos desde o seu primeiro traballo en dita discográfica, Juez y parte, ata 19 días y 500 noches.
En decembro dese mesmo ano participou no segundo concerto organizado por Los 40 Principales, Principales Solidarios, xunto a La Oreja de Van Gogh e Hevia para recadar fondos para os refuxiados do conflito dos Balcáns. Comezou a súa relación sentimental coa fotógrafa peruana Jimena Coronado.
Problemas de saúde
[editar | editar a fonte]En 2000 recibiu catro dos cinco galardóns aos que optaba nos Premios da Música nas categorías de Mellor autor pop, Mellor artista pop, Mellor disco do ano e Mellor canción do ano por "19 días e 500 noites". Ademais comezou a xira acústica Nos sobran los motivos, unha revisión mellorada de En paños menores. En setembro terminou a xira eléctrica 19 días y 500 noches. O 6 de novembro dese mesmo ano recibiu o Premio Ondas á Mellor Canción por 19 días y 500 noches.
A madrugada do 24 de agosto de 2001, trala publicación ese mesmo ano do álbum Nos sobran los motivos (dobre disco en directo, recompilatorio da xira do mesmo nome), sufriu un leve infarto cerebral que puxo a súa vida en perigo. Aínda que poucas semanas máis tarde se recuperou sen sufrir secuelas físicas, o incidente influíu na súa forma de pensar e viuse inmerso nunha importante depresión. Abandonou algúns dos seus excesos, e conseguiu deixar de fumar durante oito meses. O artista chegou a confesar que "foron os oito meses máis longos da miña vida".
Decidido a relanzar á súa amiga María Jiménez, cedeulle os seus temas para que lanzara no disco Donde más duele (canta por Sabina), cantando con ela o tema Con dos camas vacías.
En 2002, ano en que pousou espido para El País Semanal, saíu á venda o libro Con buena letra, que inclúe ilustracións e as letras de todas as súas cancións, e o disco Dímelo en la calle, que a crítica considera como un dos álbums máis importantes dese ano, e que se deu a coñecer co single 69.G. Tamén incluíu o tema Como un dolor de muelas, escrito parcialmente polo subcomandante Marcos, portavoz do EZLN e líder do levantamento zapatista en Chiapas (México), o 1 de xaneiro de 1994. Este disco tamén incluíu a canción "Semos diferentes" que forma parte da banda sonora da película Torrente 2: Misión en Marbella e pola que obtén un nomeamento ós Premios Goya de 2002 como "Mellor Canción Orixinal".
Sabina suspendeu a xira programada para promocionar o álbum argumentando problemas nas cordas vocais, aínda que posteriormente faría público que o verdadeiro motivo foi a depresión que sufría. Con todo, en abril de 2003 sacou un novo disco dobre, Diario de un peatón, que integra Dímelo en la calle cun segundo CD onde presenta algúns dos seus temas recentes e outros antigos que seguían inéditos. No disco contou coa colaboración de Pablo Milanés en La canción más hermosa del mundo, que antes xa versionara con Paixón Veiga.
Neste tempo seguiu baixo os efectos da depresión e reduciu a súa actividade musical, pero potenciou a súa faceta literaria como poeta. Como mostra de apoio, xurdiu o proxecto que finalizaría co disco Entre todas las mujeres (voces de mujer cantan a Joaquín Sabina), aparecido en outubro de 2003, onde trece artistas femininas, como Rosario Flores, Ana Belén, Chavela Vargas ou Julieta Venegas, versionaban varios dos seus temas.
A pesar da súa enfermidade, compuxo e interpretou en 2003 Motivos de un sentimento, o himno do Centenario do club de fútbol do que sempre se declarou fiel seguidor, o Atlético de Madrid. Joaquín encargouse de dar forma a tres versións diferentes: unha instrumental, outra ó estilo das chirigotas gaditanas e unha última con son rock and roll, esta última cantada por Rosendo Mercado, o "mono" Burgos, Lichis (cantante de A cabra mecánica) e el mesmo.
En 2004 creou cuns socios o restaurante La Cantina de la Mordida, en Madrid. Ese mesmo ano compuxo a canción La rubia de la cuarta fila para a banda sonora da película Isi/Disi. Amor a lo bestia, coa que obtivo de novo un nomeamento aos Premios Goya de 2005 como "Mellor Canción Orixinal". Tamén participou no proxecto colectivo en homenaxe ao poeta Pablo Neruda no seu centenario, de título Neruda en el corazón.
Recuperación, novo disco e máis xiras
[editar | editar a fonte]En 2005, o alcalde de Madrid, Alberto Ruiz-Gallardón, ofreceulle ser o pregoeiro das festas de San Isidro Labrador, patrón da cidade, honra que Sabina aceptou compoñendo un pregón en verso que tivo grande acollida popular.
Publicou o disco Alivio de luto e grazas a iso e á súa dedicación á literatura logrou saír da depresión. Publicou Con buena letra 2, un libro que contén letras de cancións escritas por encargo ou para amigos, para cine e televisión, e correspondentes ó seu disco Alivio de Luto
Regresou ós escenarios coa Gira Ultramarina, en formato acústico e en pequenos escenarios ou teatros, que supuxo o retorno do artista logo de máis de tres anos de inactividade, rodeado dos seus músicos habituais, Pancho Varona, Olga Román, Antonio García de Diego e Pedro Barceló. Un dos concertos desta xira, na cidade de Xixón, foi suspendido por unha larinxite aguda, o que deu unha vez máis lugar a comentarios na prensa e entre o público acerca do seu estado de saúde.
No ano 2006, tras concluír a Gira Ultramarina, comezou outra serie de concertos baixo o nome Carretera e top manta. Esta referencia á piratería musical provocou un enfrontamento co cantante Ramoncín, membro da xunta directiva da SGAE. A xira tivo carácter eléctrico e realizouse en grandes escenarios, comezando en Xixón (resarcíndose así do que el mesmo chamou "gatillazo") e terminando a finais de ano, logo de percorrer gran parte da xeografía española, en Suramérica.
Ese mesmo ano apareceu un novo libro de entrevistas con Sabina baixo o título Sabina en carne viva. Yo también sé jugarme la boca. O seu autor é Javier Menéndez Flores, que xa escribira outro anterior (Joaquín Sabina. Perdonen la tristeza) no ano 2000. O novo libro foi un éxito de vendas, aínda que estivo momentaneamente apartado das librerías por motivos de loita editorial. Ó mesmo tempo, comezou a colaborar coa revista Interviú, que lle cedeu a terceira páxina para publicar os seus sonetos.
En outubro de devandito ano recibiu de mans do rei Juan Carlos a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Un mes despois, en novembro, publícase unha antoloxía chamada Punto...y seguido, que, en formato de dobre caixa (18 CD e 2 DVD), incluía todos os seus discos, máis colaboracións, directos e rarezas.
En 2007 realizou unha xira xunto a Joan Manuel Serrat chamada Dos pájaros de un tiro, que comezou o 29 de xuño e que os levou por 30 cidades españolas e 20 americanas. Nela, o catalán interpreta as mellores cancións do ubetense mentres este fai o propio co repertorio do noi del Poble-sec. Dos concertos celebrados en Madrid gravouse un disco en directo e un DVD con máis material editado en decembro de 2007.
Nese mesmo ano compuxo a banda sonora da película Un mundo para Julius, baseada na novela homónima de Alfredo Bryce Echenique, que interpretaron Ana Belén e Luz Casal.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums de estudio
[editar | editar a fonte]- Inventario (1978)
- Malas compañías (1980)
- Ruleta rusa (1984)
- Juez y parte (1985), con Viceversa.
- Hotel, dulce hotel (1987)
- El hombre del traje gris (1988)
- Mentiras piadosas (1990)
- Física y Química (1992)
- Esta boca es mía (1994)
- Yo, mi, me, contigo (1996)
- Enemigos íntimos (1998), con Fito Páez.
- 19 días y 500 noches (1999)
- Ciento volando de catorce (2001) Audiolibro.
- Dímelo en la calle (2002)
- Alivio de luto (2005)
- Vinagre y rosas (2009)
- La orquesta del Titanic (2012), con Joan Manuel Serrat.
Álbums en directo
[editar | editar a fonte]- La Mandrágora (1981), con Alberto Pérez e Javier Krahe.
- Joaquín Sabina y Viceversa en directo (1986), con Viceversa e outros artistas invitados.
- Nos sobran los motivos (2000)
- Dos pájaros de un tiro (2007), con Joan Manuel Serrat.
- 500 noches para una crisis (2015)
Recompilatorios
[editar | editar a fonte]- Joaquín Sabina y todos sus éxitos (1987)
- Querido Sabina (1993)
- Diario de un peatón (2003). Reedición de Dímelo en la calle cun CD extra de cancións inéditas.
- Todos hablan de ti (2004)
- Punto...y seguido (2006). Dúas caixas de 9 CD cada unha, que recollen a súa discografía; incluíndo un CD extra de rarezas e un DVD.
- Esencial (2014). Dous CD de 17 temas cada un.
- Puro Sabina (2015). Caixa con 16 álbums.
Rarezas
[editar | editar a fonte]- Piratas en la mandrágora (1981), con Alberto Pérez e Javier Krahe.
- Demos de Enemigos Íntimos (1998). As maquetas do álbum con Fito Paez
- Cafe Berlín de Madrid (2003), con Charly García
Homenaxes
[editar | editar a fonte]- Donde más duele (2002). 12 temas de Sabina interpretados en versión flamenco por María Jiménez.
- ...Entre todas las mujeres (2003). 13 temas de Sabina interpretados por mulleres: Chavela Vargas, Ana Belén, Soledad Giménez, Pasión Vega, Julieta Venegas, entre outras.
- La Habana canta a Sabina (2011). Músicos cubanos interpretan cancións de Joaquín Sabina.
- Más de cien mentiras (2011). O musical baseado nas cancións de Joaquín Sabina.
- De purísima y oro (2012). Músicos do cante flamenco interpretan cancións de Joaquín Sabina. Trece temas interpretados entre outros por: Niña Pastori, José El Francés e José Mercé.
Libros
[editar | editar a fonte]- Memorias del exilio (1976). Libreto de cancións publicado en Londres durante o seu exilio na editorial Nueva Voz.
- De lo cantado y sus márgenes (1986). Poesías baseadas no seu disco Inventario.
- El hombre del traje gris (1989). Partituras.
- Ciento volando de catorce (2001). Libro de sonetos.
- Con buena letra (2002). Recompilación de letras.
- Esta boca es mía (2005). Recompilación de versos satíricos publicados no semanario Interviú.
- Con buena letra 2 (2005). Recompilación de letras.
- Sabina en carne viva. Yo también sé jugarme la boca (2006). Xunto a Javier Menéndez Flores.
- Esta boca sigue siendo mía (2007). Recompilación de versos satíricos publicados no semanario Interviú.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galicitas posúe citas sobre: Joaquín Sabina |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Joaquín Sabina |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial de Joaquín Sabina
- Vida y Obra del genio de Úbeda (páxina non oficial)
- Páxina oficial da xira conxunta: Serrat & Sabina, dos pájaros de un tiro
- Presencias literarias: Joaquín Sabina Encuentro literario sobre o seu libro Con buena letra (vídeo)