Saltar ao contido

Cádiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:Xeografía políticaCádiz
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 36°32′06″N 6°17′51″O / 36.535, -6.2975
EstadoEspaña
Comunidade autónomaAndalucía
ProvinciaProvincia de Cádiz Editar o valor en Wikidata
Capital de
CapitalCádiz City (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación111.811 (2023) Editar o valor en Wikidata (9.240,58 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Superficie12.100.000 m² Editar o valor en Wikidata
Bañado porOcéano Atlántico Editar o valor en Wikidata
Altitude11 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Datos históricos
Creaciónséculo XI a. C. Editar o valor en Wikidata
Evento clave
23 de agosto de 1702Battle of Cádiz (en) Traducir
5 de febreiro de 1810Cerco de Cádis (pt) Traducir Editar o valor en Wikidata
Santo padrónVirxe do Rosario Editar o valor en Wikidata
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataJosé María González Santos (pt) Traducir (2015–) Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal11000 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
Código INE11012 Editar o valor en Wikidata
Outro
Irmandado con

Páxina webinstitucional.cadiz.es Editar o valor en Wikidata
Galiciana: 29708 BNE: XX450589

Cádiz[1] é unha cidade e municipio español do sur da Península Ibérica, capital da provincia de Cádiz, en Andalucía. Xunto cos concellos de San Fernando, Puerto Real, El Puerto de Santa María, Chiclana de la Frontera, Rota e Xerez da Fronteira forma a Mancomunidade da Baía de Cádiz, terceira área metropolitana de Andalucía por poboación e unha das máis activas, económica e industrialmente, desa mesma comunidade autónoma.

Cidade de interese turístico pola súa longa e influente historia de 3.100 anos, tivo importancia en procesos coma as guerras púnicas, a romanización de Hispania, o descubrimento de América ou a instauración do réxime liberal en España. Toda a cidade presenta numerosas prazas, xardíns, igrexas etc, que constantemente o rememoran.

O conxunto Cádiz-San Fernando está separado da Península polo Caño de Sancti Petri. Historicamente foi desde un pequeno arquipélago a unha illa, situación na que se debate se aínda se atopa nela. Esta particularidade fai difícil definir a súa condición xeográfica. Hoxe en día recibe un plan de tratamento insular. É coñecida popularmente como a Tacita de Plata.

Fundación de Gadir

[editar | editar a fonte]

Fundada por navegantes fenicios de Tiro, foi estabelecida co nome de Gdr (גדר), sobre o que outrora era un pequeno arquipélago (formado polas illas: Erytheia, Antípolis e Kotinousa), que na actualidade corresponde ao conxunto Cádiz-San Fernando, para explotaren as ricas rutas atlánticas do estaño, do cobre e o mercado tarteso-turdetano. Foi coñecida polos gregos como τὰ Γάδειρα, Gádeira e polos romanos como Gades. Case todos os historiadores que trataron da fundación de Cádiz, preséntannos a lenda de Hércules vencendo ao xigante tricéfalo Xerión, un dos reis lendarios de Turtesis, fillo de kallirhõe e de khrysaor, que vivía na illa Erytheia. A cidade era tamén denominada Eritheya, debido aos tirios primitivos, antepasados dos cartaxineses, que dicían proceder do Eriteu ou Mar Vermello. Segundo Timaeus a illa maior chamábase Kotinusa (Cotinusa), onde abundaban as oliveiras. Os romanos chamábana Tartesis (Turtesis); os cartaxineses Gadir, palabra da lingua púnica que quere dicir muro, cerca, fortaleza. Nas fontes de que se vale Pomponio Mela, sitúase a illa Eritheya non en Cádiz, senón na Lusitania romana, no que hoxe é a Comarca de Niebla, Huelva.

A cidade tiña diversos templos dedicados a Melkart (asimilado a Hércules), Cronos etc. O máis importante de todos foi coñecido na antigüidade como santuario de Hércules ou Herakleión, situado no que actualmente é o illote de Sancti Petri. Á parte de servir de culto, probabelmente nel se auspiciaban numerosos acordos comerciais coa deidade como testemuña. O templo de Cronos, consonte a tradición clásica, encontrábase onde hoxe está o castelo de San Sebastián, sito nun dos extremos de La Caleta, sobre un pequeno illote. Outras versións sitúan alí un lume sagrado dedicado a Afrodita, pois durante unha época o illote foi denominado Afrodisia.
Arredor do 500 a.C., Cádiz caeu baixo dominio de Cartago, conservando o seu carácter fenicio.

Cidade romana

[editar | editar a fonte]

Durante a terceira guerra púnica, Cádiz rendeuse aos romanos no 206 a.C., que foron recibidos como vencedores. Foi coñecida por eles como Gades, oficialmente Augusta Urbs Iulia Gaditana, vivindo unha época florecente ao converterse nun importante porto e base naval. Durante Augusto a cidade tiña máis de quiñentos equites (un estamento social romano), unha elevada cantidade de notabilidades comparábel á de Padua ou mesmo Roma. Porén, a decadencia do Imperio romano afectou tamén a Cádiz, que perdeu importancia.

Idade Media

[editar | editar a fonte]

A chegada dos visigodos a Hispania ocasionou a destrución da cidade, feito polo cal hoxe é escaso o número de restos da urbe orixinaria.
Baixo dominio islámico, entre o 711 e o 1262, a cidade foi denominada Qādis (en árabe قادس), de onde procede o actual nome de Cádiz. Foi o rei Afonso X o Sabio quen a conquistou para os cristiáns en 1262. Nesa data comezou a repoboación de Cádiz con xentes vindas do Norte da península; en 1264 reforzouse esta repoboación con persoas de Santander, Laredo e Castro Urdiales principalmente. Desde a súa reconquista, Cádiz sempre gozou de privilexios, coma os concedidos por Xoán I de Castela en 1385, polos que quedaba exenta de pagar á coroa o Imposto de Almirantádego e Ancoraxe. Durante as décadas seguintes acrecentáronse os privilexios concedidos cos sucesivos monarcas cristiáns. Un dos máis importantes foi o Privilexio Rodado entregado a Cádiz e conservado hoxe en día no Arquivo Municipal da cidade.

Idade Moderna

[editar | editar a fonte]
Francisco de Zurbarán, Ataque inglés a Cádiz, 1634, Museo do Prado

De Cádiz partiu Cristovo Colón na súa segunda e cuarta viaxe ás Indias. No ano 1509 adquire o dereito de rexistraren as naves de Indias e máis tarde o de desembarcar produtos das Antillas. En 1535 fundouse aquí o Xulgado de Indias, que permitía eludir o control que exercía a Casa de Contratación de Sevilla no comercio con América.

En 1553 o pirata Barbarroxa (خير الدين, Jayr al-Din), tentou apoderarse da cidade que foi defendida con axuda do xenovés Andrea Doria. En 1587 sufriu o saqueo do inglés Francis Drake; en 1596 o da escuadra anglo-holandesa a mando do conde de Essex, o que motivou a súa posterior fortificación. Os ingleses pediron rescate pola maioría da poboación escollendo reféns entre os cidadáns máis salientes. En 1625 Lord Wimbledon foi repelido a pesar da súa superioridade. En 1702 a Baía de Cádiz foi testemuña de novos enfrontamentos navais. O Príncipe de Darmstadt, en plena Guerra de Sucesión española, en nome do pretendente austríaco, asalta Rota e El Puerto de Santa María. En 1717 trasladouse para Cádiz a Casa de Contratación, arrebatándolle a Sevilla o control do monopolio comercial con América (xa desde 1680 Cádiz era a cabeceira real dese comercio), o que xunto coa política liberalizadora dos primeiros Borbóns favoreceu a formación dunha burguesía gaditana, epicentro dunha cidade cosmopolita.

No período da Ilustración a cidade conta cunha «Casa de la Camorra», antecedente do posterior Ateneo Literario Artístico y Científico fundado en 1858. En 1755 o maremoto posterior ao terremoto de Lisboa azoutou a cidade, provocando grandes danos.

Idade Contemporánea

[editar | editar a fonte]

Século XIX

[editar | editar a fonte]

O 21 de outubro de 1805 partiu de Cádiz o combinado naval hispano-francés para enfrontarse contra a escuadra inglesa a mando de Horacio Nelson, cuxa vitoria no cabo de Trafalgar puxo fin a unha brillante tradición marítima española.

Durante a invasión napoleónica, Cádiz resistiu o asedio francés. En 1811 reuníronse na cidade deputados de todos os territorios da monarquía (incluíndo as colonias de Hispanoamérica e Filipinas) para redactaren a Constitución de España. Finalmente aprobouse no Oratorio de San Felipe Neri a primeira constitución española en 1812. Tería marcado carácter liberal e foi abolida máis tarde por Fernando VII. En 1823, logo dun novo paréntese liberal, con axuda dos Cen Mil Fillos de San Luís restabelécese o absolutismo borbónico. Cádiz foi, de novo, cercada e bombardeada. A resistencia foi moi forte e os franceses non puideron tomar a cidade. Durante o asedio creouse o canal de Cortadura para impedir que a artillaría francesa bombardeara Cádiz a pracer. A situación dos cercados era desesperada pois non acudían reforzos de ningures. Ao final acordouse un pacto: Fernando VII, que era un refén dentro da cidade, sairía e prometería defender as liberdades alcanzadas polos españois coa Constitución de 1812, e en troques Cádiz renderíase. Acordado así cos franceses, Fernando VII saíu da cidade, mais de forma inmediata uniuse ao invasor, e no mesmo día 1 de outubro de 1823 decretou a abolición de cantas normas xurídicas foran aprobadas durante o Trienio liberal.

A actual illa de Trocadero, no termo municipal de Puerto Real, da seu nome a unha praza de París, precisamente por ter sido o lugar da vitoria dos Cen Mil Fillos de San Luís. Na actualidade fican os restos do castelo de San Luís, emprazados xusto ao Sur de Puente Carranza.

En 1868 produciuse en Cádiz o levantamento de Juan Bautista Topete, iniciando a Revolución liberal que expulsou á raíña Sabela II do trono e desembocaría na constitución democrático-liberal de 1869. Proclamada en 1873 a Primeira República Española, Cádiz constituíuse nun cantón.

Século XX

[editar | editar a fonte]

En 1936, o xeneral José Enrique Varela sublevouse en Cádiz contra a República sumándose ao golpe militar encabezado polo xeneral Francisco Franco en África e exercendo unha dura represión sobre a poboación civil sospeitosa de manterse fiel á legalidade republicana. O xefe dos falanxistas, que conduciron boa parte da represión, era Mora Figueroa.

O 18 de agosto de 1947, ás 21:45, explotou unha polvoreira da Armada que destruíu parte da cidade. As vítimas oficiais cifráronse en 157 mortos e máis de 5.000 feridos. As Puertas de Tierra salvaron o casco antigo, aínda que algúns edificios (como a Catedral e o Gran Teatro Falla), sufriron graves danos. A zona de extramuros quedou demolida case totalmente. Arxentina enviou axuda alimentaria para os superviventes, mais parte desta non chegou nunca a destino.

Durante a ditadura franquista, gobernou a cidade José León de Carranza Gómez-Pablos. Como en tempos pasados Cádiz converteuse nun dos principais focos de axitación política durante a Transición.[Cómpre referencia] Así xunto con Vigo nutriu as fileiras dos GRAPO (Grupos de Resistencia Antifascista Primero de Octubre) a fins da década de 1970 e comezos da de 1980.[Cómpre referencia]

Nesta última década iniciou o seu mandato na alcaldía Carlos Díaz Medina, polo Partido Socialista Obrero Español. A cidade viviu unha mudanza importante. En infraestruturas e equipamento urbano foi a mellor; porén, en relación co traballo, converteuse na capital europea do desemprego.[Cómpre referencia] Nas eleccións municipais de 1995 o Partido Popular, con Teófila Martínez, gañou a presidencia da alcaldía, que mantén ata a actualidade (2007), e a pesar de que a situación de desemprego non mudou, Cádiz foi a cidade que deu un maior apoio porcentual ao PP.[Cómpre referencia]

O clima de Cádiz é mediterráneo, cunha temperatura media anual de máis de 18 °C, e catro meses por encima dos 20 °C. As precipitacións son escasas, habendo varios meses en que son nulas.

Estación meteorolóxica: 84520
1985 xan feb mar abr mai xuñ xul ago set out nov dec Total
Temperatura
media (°C)
11,7 14,9 13,9 17,1 17,7 21,5 24,3 24,5 24,9 22,1 13,9 12,3 18,23
Precipitacións (mm) 119,11 42,42 0,0 63,75 53,86 16,0 0,0 0,0 0,0 0,0 2,28 17,02 314,44

Fonte: Dirección Xeral do Instituto Nacional de Meteoroloxía (España)

Demografía

[editar | editar a fonte]

A evolución da poboación de Cádiz nos últimos anos é negativa. Entre 1995 e 2006 perdeu uns 14.000 habitantes o que supuxo unha baixa do 9%. É a única localidade da mancomunidade na que baixou a súa poboación. A razón debe radicar na escaseza de solo edificábel e a protección de antigas construcións.

Fonte: INE[2]


Evolución da poboación de: Cádiz desde 1999 ata 2005
1999 2000 2001 2002 2003 2004 2005

142.449

140.061 137.971 136.236 134.989 133.242 131.813

Economía

[editar | editar a fonte]

Cádiz foi desde a súa fundación unha cidade volta cara ao mar, base do seu desenvolvemento durante o século XVIII e principios do XIX. Porén, veu o seu comercio marítimo reducido nos últimos 30 anos; a pesca entrou nunha grave crise pola perda de caladoiros nas costas de Marrocos. Ademais os estaleiros de San Fernando áchanse actualmente infrautilizados; os motivos desta situación son a escasa demanda da produción de buques e a dura competencia de estaleiros estranxeiros. Hoxe en día a cidade está fortemente azoutada polo problema do desemprego. O sector económico que goza dunha relativa saúde é o turismo, grazas ás súas praias, á importancia do seu entroido e o saliente patrimonio histórico que posúe. Mais a verdade é que a importancia deste sector non se ve reflectida nunha mellora económica substancial da poboación, como o demostra o feito de que logo de máis de tres décadas, nin as rendas familiares prosperaron, nin o desemprego diminuíu. O caso é que o Concello de Cádiz ten solicitado repetidamente do goberno de España unha política orzamentaria especial, a causa da crítica situación da cidade.[Cómpre referencia]

Monumentos destacados

[editar | editar a fonte]
Sé de Cádiz
Pazo do Concello, Cádiz

Teatro romano

[editar | editar a fonte]

O incendio, en 1980, de parte do barrio de El Pópulo, permitiu nas obras que seguiron, descubrir o teatro romano de Gades. Levantado por orde de Lucius Cornelius Balbus o menor durante o século I a.C., é o segundo teatro en tamaño do mundo antigo, só superado polo teatro de Pompeia, ao Sur de Roma. Cicerón, nas "Epistulae ad Familiares" (Cartas aos amigos), escribiu que era usado para propaganda persoal de Balbus. Segundo os arqueólogos, o teatro confirma a grandeza da cidade romana de Gades. Posibelmente Gades era maior do que foi o Cádiz da época dos descubrimentos cos seus 80.000 habitantes.

Artigo principal: Catedral de Cádiz.

Está emprazada no mesmo lugar no que se situaba a vella sé, que se incendiou en 1596. A construción do novo edificio demorouse ata 1776, baixo a dirección do arquitecto sevillano Vicente Acero, que traballou tamén na catedral de Guadix, Granada. De grandes dimensións, as obras duraron ata 1838, polo que outros arquitectos continuaran o proxecto inicial e introduciran cambios. O resultado é que contén elementos barrocos, rococós e neoclásicos. As capelas conteñen pinturas e restos da antiga catedral e mosteiros de fóra de Cádiz. O feito de que a edificación se prolongase por un longo período, fixo que os materiais construtivos ficasen á intemperie e fosen atacados polo mal da pedra, polo que tramos das naves están en mal estado.[Cómpre referencia]

Oratorio de San Filipe Neri

[editar | editar a fonte]

A Igrexa Oratorio de San Filipe Neri é un templo barroco de planta elíptica, construído entre 1685 e 1719, segundo proxecto de Blas Díaz. Arruinada polo Terremoto de Lisboa de 1755, a cúpula, encamonada, de duplo tramo e con oito ventanais, foi refeita en 1764, polo mestre Pedro Afanador. No retablo maior inclúese unha "Inmaculada Concepción", obra de Murillo, que é considerada entre as mellores do pintor. En lápidas exteriores conmemórase o centenario das Cortes de Cádiz, que deron luz aquí á Constitución de 1812.

Gran Teatro Falla

[editar | editar a fonte]

O Gran Teatro orixinario foi erguido, en 1871, polo arquitecto García del Alamo, pero foi destruído, en agosto de 1881, por un incendio. O actual edificio foi construído, entre 1884 e 1905, sobre os restos do anterior. O arquitecto foi Adolfo Morales de los Ríos, e supervisado por Juan Cabrera de la Torre. O exterior foi cuberto con ladrillo vermello mostrando un estilo neo-árabe ou neo-mudéxar. Na década dos anos 1920, foi rebautizado como Gran Teatro Falla, en honra do compositor Manuel de Falla, natural da cidade. Nos anos oitenta sufriu novas obras de restauración.

Pazo do Concello

[editar | editar a fonte]

Sito na praza de San Juan de Dios, está alicerzado sobre a antiga casa consistorial de fins do XVII. O novo edificio foi erguido en dúas alturas. A primeira, comezada en 1799, baixo a dirección do arquitecto Torcuato Benjumea, é de estilo Neoclásico|neoclásico. O segundo corpo, foi rematado en 1861 por Alberto Morales García del Álamo, en estilo neo-isabelino. Neste edificio, por vez primeira ondeou a bandeira andaluza en 1936.[Cómpre referencia]

Puertas de Tierra

[editar | editar a fonte]
Puertas de Tierra

É un monumento arquitectónico que supón un reduto da que fora a muralla de entrada á cidade. Levantada polo arquitecto academicista Torcuato Cayón no século XVIII, está labrada en mármore e concibida máis a xeito de retablo relixioso que como forte militar. É un dos monumentos máis significados da cidade e sobre os seus muros flamexa a bandeira morada do seu cantón. Separa, na actualidade, o casco urbano antigo (coñecido popularmente como "Cádiz") e a zona moderna (popularmente designada "Puerta Tierra") da cidade. O engarce coa nova arquitectura da cidade, abrindo dous novos arcos, realizouna o arquitecto Antonio Sánchez Esteve.

Torre Tavira

[editar | editar a fonte]

É unha torre vixía e o punto de maior altura da cidade, a 45 metros sobre o nivel do mar. Situada na casa-pazo dos marqueses de Recaño, construída no século XVIII en estilo Barroco. Atalaia oficial do porto gaditano en 1778, recibe o nome do seu primeiro vixía, Antonio Tavira.

Monumento á Constitución de 1812

[editar | editar a fonte]

Sito na praza de España, é un monumento conmemorativo erguido no centenario da Constitución de 1812. Tamén coñecido como Monumento das Cortes, foi proxectado por Modesto López Otero, arquitecto, e mais o escultor Aniceto Mariñas (1866-1953). Realizado en 1912, contén unhas logradas alegorías da Guerra, a Paz, a Agricultura e a Industria, xunto con relevos alusivos á resistencia gaditana durante a Guerra da Independencia; as maxestáticas figuras alegóricas de España e de Hércules e un lindo grupo de cariátides que sustentan o código constitucional de 1812, co que remata o complexo.

Museo de Cádiz

[editar | editar a fonte]

Está situado na praza de Mina. Construíuse en terreos desamortizados dos franciscanos no século XIX. O edificio débese a Juan Daura, foi inaugurado en 1838, e é de estilo neoclásico. A colección repártese en tres seccións: Arqueoloxía, Belas Artes e Etnografía. Entre os seus fondos destacados atópanse: sarcófagos antropoides fenicios, achados da época romana e as salas de pintura barroca, con obras de Zurbarán, Alonso Cano, Pieter Paul Rubens, Juan Carreño de Miranda e Murillo.

Praia de "La Caleta"

Cádiz, situada nunha península, alberga algunhas das máis fermosas praias españolas.

A praia de La Caleta é a máis querida dos gaditanos, debido á súa lindeza e a proximidade ao Barrio de la Viña, no casco antigo. Está situada entre os castelos de San Sebastián e Santa Catalina. O filme de James Bond Die Another Day rodouse aquí (simulando que era en Cuba).

A praia da Victoria, está na parte moderna de Cádiz, e é o areal máis visitado por turistas e nativos. Ten cerca de 3 km de lonxitude, cun ancho de 500 m. É de ondas moderadas, con ausencia de rochas. Está separada da cidade por unha avenida chea de tendas e restaurantes.

A praia de Santa María del Mar ou Playita de las Mujeres é un pequeno areal, situado entre as dúas praias anteriores. Ten excelentes vistas da parte vella da cidade.

Festas e eventos culturais

[editar | editar a fonte]

Comunicacións

[editar | editar a fonte]
  • Autoestrada de peaxe (Autopista del Sur) desde Sevilla. O treito entre Xerez da Fronteira e Cádiz foi liberado en outubro de 2005. Como alternativa á autoestrada pódese utilizar a AIV, coñecida como Nacional IV. A A-4 ao seu paso pola provincia de Cádiz , transcorre pola antiga N-IV , onde se bifurca por variante no paso de Puerto de Santa María (quedando a antiga N-IV co nome CA-31 e CA-32) ata o cruzamento da A-48 (cruzamento de San Fernando-Chiclana de la Frontera a Alxeciras, onde neste cruzamento acaba a A-4, e o que era a N-IV foi renomeada CA-33 (San Fernando-Cádiz).
  • Estrada N-340, une as localidades do litoral gaditano (xunto co tramo, xa terminado, da A-48, comezando en San Fernando ata chegar a Alxeciras, onde liga coa A-7 ou Autovía do Mediterráneo. Esta estrada progresivamente está a ser convertida en autovía e pasará a ser a A-48 en toda a súa extensión.

Estación de autobuses de Cádiz, con saídas diarias a:

Con enlaces a outras moitas cidades desde cada unha desas localidades.

Ferrocarril

[editar | editar a fonte]
  • Liña de ferrocarril Cádiz-Sevilla. Por esta liña móvense trens de proximidades, rexionais e de longo percorrido.

Aeroportos

[editar | editar a fonte]
  • Porto de Cádiz. Nos últimos anos é un importante punto de parada de cruceiros e transatlánticos, ademais une a península coas Illas Canarias por mar.

Unha liña de catamaráns liga Cádiz cos concellos de El Puerto de Santa María e Rota.

  1. Fenicio: גדר - Gadir; Grego: τὰ Γάδειρα- Gadeira, Grego antigo: Γήδειρα, Herodoto, e, máis raro, ἡ Γαδείρα, Eratóstenes; Latín: Gades; Árabe: قادس - Qādis
  2. INEbase. Variaciones intercensales. En línea: http://www.ine.es/intercensal/ Consultado 10-07-2011. Cuando se dispone del dato de población de hecho y de derecho se ha tomado la cifra más alta.