Gabinete Real de Moedas de Estocolmo
- Para outros artigos de entidades numismáticas coa palabra "gabinete", véxanse as páxinas de homónimos Gabinete, e Gabinete de Medallas e Gabinete numismático.
Gabinete Real de Moedas de Estocolmo –Kungliga Myntkabinettet– | |
---|---|
Edificio do Gabinete Real de Moedas de Estocolmo | |
Coordenadas | 59°20′05″N 18°05′25″L / 59.33472, -18.09028 |
País | Suecia |
Cidade | Estocolmo |
Director | Cecilia von Heijne.[1] |
Inauguración | - 1572: inicio da colección. - 1727: Gabinete Real de Moedas. |
Visitantes | 37.642 (2017)[2] |
Na rede | |
http://www.myntkabinettet.se/ e https://ekonomiskamuseet.se/ | |
[ editar datos en Wikidata ] | |
O Gabinete Real de Moedas de Estocolmo (formalmente, en sueco: Ekonomiska museet - Kungliga Myntkabinettet) é un museo sueco dedicado á historia económica e da moeda, que mantén un rexistro dos achados monetarios de Suecia.
Desde 2020 comparte a súa sede co Museo Histórico de Estocolmo, e forma parte da estrutura de Museos Históricos do Estado.[3]
Os seus fondos están compostos por arredor de 650.000 obxectos, dos que uns 450.000 son moedas procedentes de todo o mundo.[4]
Historia
[editar | editar a fonte]Orixes da colección
[editar | editar a fonte]As raíces da colección do Gabinete Real de Moedas están nas coleccións reais suecas. A máis antiga das coñecidas data do século XVI. Cara a 1572, Rasmus Ludvigsson, chanceler de Xoán III (1568-1592) buscou as moedas suecas máis antigas no marco da disputa que se mantiña con Dinamarca sobre o dereito de usar o símbolo das tres coroas como escudo de armas. A este pequeno núcleo sumóuselle o grande achado de moedas medievais da parroquia de Tystberga, en Södermanland ocorrido en 1599.[5]
En 1630, o rei Gustavo II Adolfo (1611-1632) incrementou a colección real con moedas de maior antigüidade. Durante a Guerra dos Trinta Anos, os suecos tomaron como botín numerosas moedas e medallas, moitas das cales, cara a 1650, chegaron ás mans da raíña Cristina (1632-1654) como agasallo do seu curmán Carlos Gustavo e, finalmente, acabaron sumándose aos fondos da colección. Porén, na súa abdicación en 1654, a raíña levou con ela moitas destas pezas cara ao estranxeiro, aínda que un bo número de moedas imperiais romanas e os emitidas polos emperadores bizantinos permaneceron na colección real.[6] Carlos XI (1660-1697) tamén intercambiou e adquiriu posteriormente a un comerciante de Ámsterdam algunhas das pezas levadas por Cristina, que puideron así ser reintegradas á colección.[5]
Durante a década de 1690 a colección comezou a ser organizada por parte de Johan Gabriel Sparfwenfeldt. Este contou como asesores con Elias Brenner e Nils Keder, que en 1692 traballaban no Arquivo de Antigüidades. Este labor de organización parece que se interrompeu coa morte de Carlos XI en 1697. Ese mesmo ano houbo un incendio no castelo real e a colección foi protexida na illa Helgeandsholmen. A partir de aí mantívose custodiada polas autoridades de facenda e non volveu a ver a luz ata 1727.
1727-1974
[editar | editar a fonte]En 1727 a colección fusionouse cos fondos que o Arquivo de Antigüidades adquirira e con outros que se integraron nel procedentes de achados monetarios, e foi entón cando comezou a utilizarse formalmente a denominación de Gabinete Real de Moedas (Kungliga Myntkabinettet), e pasou a estar baixo a administración do Consello Nacional de Patrimonio de Suecia.[6]
Ao longo de todo o século XVIII os fondos do Gabinete foron medrando progresivamente, coa adquisición de varias coleccións privadas, entre elas a de moeda romana do conde Jacob Cronstedts, comprada en 1731 por 48.000 daler de cobre. Outra gran adquisición foi a da colección de moeda sueca de Magnus von Bromell en 1734, aínda que non foi transferida ao Gabinete ata 1744.[5]
En 1746, a princesa herdeira Luísa Ulrica comprou a título particular a gran colección de moedas e medallas antigas e modernas de Carl Gustaf Tessins, por 135.370 daler de cobre, e en 1762, sendo xa raíña, viuse na obriga de entregarlle ao Estado todas as súas coleccións privadas en compensación coas importantes débedas que mantiña cos seus acredores. Isto levou a que tales coleccións acabasen finalmente ampliando os fondos do Gabinete Real de Moedas.[5]
En 1769, as coleccións transferíronse ao Palacio Real de Estocolmo, de nova construción.[5]
En 1786 fundouse a Academia Real de Letras, Historia e Antigüidades, que pasou a encargarse da xestión da colección numismática, e entre 1793 e 1816 esta responsabilidade pasou ao Museo Gustavo III de Antigüidades, no Palacio Real.[5] Foi nesta época cando se comezou a utilizar o termo Garde des médailles, ao estilo dos gabinetes de antigüidades franceses, aplicado á persoa ou á institución que se responsabilizaba da colección.[7]
A partir de 1816, o Gabinete Real de Moedas pasou novamente a depender directamente da Academia Real de Letras, Historia e Antigüidades, e así permaneceu ata 1975.[5]
Os anos 1844 e 1845 o Myntkabinettet trasladouse desde o Palacio Real de Estocolmo ata a casa Ridderstolpska en Skeppsbron, onde se inaugurou unha exposición aberta ao público.[5]
A segunda metade do século XIX supuxo unha nova época de ampliación dos fondos do Gabinete. En 1857 adquiriuse a colección de moeda celtibérica do diplomático Gustaf Daniel Lorich, e en 1863 Charlotte von Platen doou ao Gabinete a súa gran colección de moeda sueca.[5]
En 1865 produciuse o traslado do Gabinete Real de Moedas ao novo edificio do Museo Nacional, e entre 1938 e 1948 ambas as institucións mudáronse a unhas novas instalacións no céntrico barrio de Östermalm, no cruzamento entre as rúas Narvavägen e Storgatan, onde se organizaron novas exposicións. En 1959 inaugurouse unha nova sala para dedicada ás moedas das posesións suecas e en 1970 abriuse unha nova exposición permanente sobre as moedas do mundo.[5]
En 1974, o Museo do banco sueco Handelsbanken incorporouse ao Gabinete Real de Moedas de Estocolmo.[5]
Despois de 1975
[editar | editar a fonte]En 1975, o Gabinete Real de Moedas converteuse nunha institución museística independente dentro da Administración do Patrimonio do Estado de Suecia e da estrutura de Museos Históricos do Estado, polo que deixou de estar subordinado á Academia Sueca.[5]
En 1985 iniciouse unha colaboración coas caixas de aforro de Suecia para constituír conxuntamente un museo de historia económica. En 1996 o Kungliga Myntkabinettet trasladouse a unhas novas instalacións en Slottsbacken, nunha das rúas laterais co Palacio Real, cuxa exposición permanente foi inaugurada o 11 de xuño de 1997 polo rei Carlos XVI Gustavo.[5]
En 2007 o Gabinete Real de Moedas asumiu formalmente a colección histórica do Banco de Suecia (Riksbank). Esta institución bancaria fora formando o seu propio gabinete de moedas a partir de 1756, comezando coa adquisición da colección numismática do barón Gustaf Claesson, e fora evolucionando paralelamente á colección do Gabinete Real.[6] No entanto, xa a partir de 1940 unha parte dos fondos do Riksbank fora depositada no Gabinete Real de Moedas e mesmo formaba parte da súa colección permanente. A entrega formal ao Kungliga Myntkabinettet dos 20.000 obxectos da colección do Riksbank produciuse o 1 de xullo de 2007.[8]
Entre 2018 e 2020 o Gabinete Real de Moedas foise trasladando progresivamente ás instalacións actuais na rúa Narvavägen, que comparte co Museo Histórico de Estocolmo. Este último ano, o Gabinete adoptou oficialmente a nova denominación de Ekonomiska museet – Kungliga myntkabinettet ("Museo Económico - Gabinete Real de Moedas").[5][9]
Galería
[editar | editar a fonte]-
Moeda-placa de cobre con valor de 10 daler. Século XVII.
-
Moeda-placa de cobre con valor de 1 daler. 1720.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Staff. Museum Director". Ekonomiska museet. Kungliga Myntkabinettet.
- ↑ "Svenska museibesök i topp". Sveriges Museer.
- ↑ "Museerna som ingår myndigheten". Statens Historiska Museer.
- ↑ "Our collection". Ekonomiska museet. Kungliga Myntkabinettet.
- ↑ 5,00 5,01 5,02 5,03 5,04 5,05 5,06 5,07 5,08 5,09 5,10 5,11 5,12 5,13 "History of the Museum". Ekonomiska museet. Kungliga Myntkabinettet.
- ↑ 6,0 6,1 6,2 "Myntkabinett". En Nordisk familjebok. 1913. 2ª ed. Páxinas 61-62.
- ↑ "Garde des médailles". En Nordisk familjebok. 1908. Páxina 740.
- ↑ "Riksbankens historiska samling överlåts till Kungliga Myntkabinettet". Sveriges Riksbank.
- ↑ Mohr, J. (2020). "Ekonomiska museet vill nå ut bredare". En Folkbladet. 6 de outubro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Gabinete Real de Moedas de Estocolmo |