Saltar ao contido

Barbara Bush

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaBarbara Bush

(1991) Editar o valor en Wikidata
Biografía
Nacemento(en) Barbara Pierce Editar o valor en Wikidata
8 de xuño de 1925 Editar o valor en Wikidata
Manhattan, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Morte17 de abril de 2018 Editar o valor en Wikidata (92 anos)
Houston, Estados Unidos de América Editar o valor en Wikidata
Causa da morteEnfisema pulmonar Editar o valor en Wikidata
Lugar de sepulturaGeorge Bush Presidential Library (en) Traducir Editar o valor en Wikidata
Primeira dama dos Estados Unidos
20 de xaneiro de 1989 – 20 de xaneiro de 1993
← Nancy ReaganHillary Clinton →
Segundo-cônjuge dos Estados Unidos (pt) Traducir
20 de xaneiro de 1981 – 20 de xaneiro de 1989
← Joan Mondale (pt) TraducirMarilyn Quayle → Editar o valor en Wikidata
Datos persoais
RelixiónIgrexa episcopal nos Estados Unidos e protestantismo Editar o valor en Wikidata
EducaciónRye Country Day School (en) Traducir (1931–1937)
Smith College
Universidade Yale Editar o valor en Wikidata
Altura172,8 cm Editar o valor en Wikidata
Actividade
Campo de traballoPolítica Editar o valor en Wikidata
Ocupaciónpolítica, presidente Editar o valor en Wikidata
Partido políticoPartido Republicano Editar o valor en Wikidata
Familia
CónxuxeGeorge Herbert Walker Bush (1945–2018), morte da persoa Editar o valor en Wikidata
FillosGeorge W. Bush, Robin Bush, Jeb Bush, Neil Bush, Marvin P. Bush, Dorothy Bush Koch Editar o valor en Wikidata
PaisMarvin Pierce Editar o valor en Wikidata  e Pauline Robinson Editar o valor en Wikidata
IrmánsScott Pierce Editar o valor en Wikidata
Premios
Sinatura Editar o valor en Wikidata

Descrito pola fonteObálky knih, Editar o valor en Wikidata
IMDB: nm0124093 Discogs: 4904516 WikiTree: Pierce-4 Find a Grave: 7748443 Editar o valor en Wikidata
Barbara co seu marido e o seu primeiro fillo, aínda meniño, George. Contra 1947

Barbara Bush[1], de solteira Pierce nada en Nova York o 8 de xuño de 1925 e finada en Houston o 17 de abril de 2018, foi a primeira dama dos Estados Unidos dende 1989 ata 1993 como dona de George H. W. Bush, que serviu como o 41º presidente dos Estados Unidos. Foi tamén a segunda dama dos Estados Unidos de 1981 a 1989. Entre os seus seis fillos está George W. Bush, o 43º presidente dos Estados Unidos, e Jeb Bush, o 43º gobernador de Florida. Ela e Abigail Adams son as dúas únicas mulleres en seren esposas dun presidente dos Estados Unidos e mais nai doutro[2].

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

Filla de Pauline (de solteira Robinson) e Marvin Pierce. Criouse en Rye (Nova York)[3]. Seu pai máis tarde foi presidente da McCall Corporation, editor de populares revistas femininas como Redbook ou McCall's. Tiña dous irmáns máis vellos, Martha (1920-1999) e James (1922-1993), e un irmán máis novo, Scott (n. 1930). Descendía de Thomas Pierce Jr., colono de Nova Inglaterra, e tamén tiña como antepasado a Franklin Pierce, 14º de presidente dos Estados Unidos.

Entre 1931 e 1937 acudiu á Milton Public School de 1931 a 1937 para pasar logo e ata 1940 á Rye Country Day School[4]. De 1940 a 1943 asitiu á Ashley Hall de Charleston[3]. Na súa mocidade gustaba da natación, o tenis, e andar en bicicleta. O seu interese pola lectura comezou de cativa ao ler coa súa familia nos seráns.

Barbara con George mais os seus fillos George e Robin

Matrimonio e familia

[editar | editar a fonte]
Barbara Bush, no centro, rodeada pola súa familia a mediados da década de 1960

Cando Barbara tiña 16 anos nunhas vacacións de Nadal coñeceu nun club de Greenwich en Connecticut a George H. W. Bush[5], entón estudante na Phillips Academy de Andover en Massachusetts[6]. Despois de 18 meses, e antes de partir George á guerra como piloto dun bombardeiro da Mariña, comprometéronse formalmente. Tres dos avións que pilotou o seu prometido levaron o seu nome: Barbara, Barbara II, e Barbara III. Barbara principiou estudo no Smith College de Boston[3] mais tras a volta de George, deixou os estudos e dúas semanas máis tarde, o 6 de xaneiro de 1945, casaron na Primeira Igrexa Presbiteriana de Rye. O matrimonio durou 73 anos, e foron a máis longa parella matrimonial presidencial na historia dos Estados Unidos ata que Jimmy e Rosalynn Carter bateron a súa marca o 17 de outubro de 2019.

Nos primeiros oito meses do seu matrimonio, os Bush viviron en varios lugares dos Estados Unidos, George desprazábase co seu escuadrón de adestramento, entre outros lugares viviron en Míchigan, Maryland e Virxinia[3].

Durante os seguintes 13 anos, George e Barbara tiveron seis fillos que lle deron á parella un total de 14 netos e sete bisnetos:

  • George Walker Bush (n. 1946), casou con Laura Welch o 5 de novembro de 1977. Tiveron fillas xemelgas, e tres netos.
  • Pauline Robinson "Robin" Bush (1949-1953), morreu de leucemia con tres anos.
  • John Ellis "Jeb" Bush pai (n. 1953), casou con Columba Garnica Gallo o 23 de febreiro de 1974. Tiveron tres fillos e catro netos.
  • Neil Mallon Bush (n. 1955), casou con Sharon Smith en 1980; divorciáronse en abril de 2003. Tiveron tres fillos e dous netos. Neil casou con Maria Andrews en 2004.
  • Marvin Pierce Bush (n. 1956), casou con Margaret Molster en 1981. Tiveron dous fillos.
  • Dorothy Walker "Doro" Bush Koch (n. 1959), casou con William LeBlond en 1982; divorciáronse en 1990, e tiveron dous fillos. Dorothy casou con Robert P. Koch en xuño de 1992, e con el tivo dous fillos.

Anos en Texas

[editar | editar a fonte]

Tras finalizar a guerra, George e Barbara tiveron o seu primeiro fillo, mentres George estudaba na Universidade Yale. A nova familia axiña se aveciñou en Odessa (Texas), e alí George entrou no negocio do petroleiro. En setembro de 1949 os pais de Barbara tiveron un accidente de tráfico en Nova York e súa nai morreu. Barbara estaba embarazada e o médico aconselloulle non viaxar para asistir ao funeral e ao nacer súa filla puxéronlle como nome Pauline Robinson Bush en homenaxe á nai de Barbara[7].

Os Bush establecéronse na zona dos Ánxeles durante un tempo, e en 1950 foron para Midland (Texas). En total mudaron 29 de veces de residencia ao longo do seu matrimonio[3]. Co tempo, Bush fíxose un nome no negocio na industria petroleira e con outros socios fundou a exitosa Zapata Corporation. Barbara educou seus fillos, mentres seu marido estaba normalmente fóra en viaxe de negocios. En 1953 súa filla Robin morreu de leucemia. Ao nacer súa filla Dorothy en agosto de 1959, os Bush aveciñáronse en Houston.

Vida pública

[editar | editar a fonte]

En 1966, George Bush foi elixido como representante no Congreso de Texas. Barbara criou os fillos, mentres seu home facía campaña e nalgunha ocasión foi canda el.

Os Bush celebrando en Houston a elección de George como congresista (1966).

Como esposa dun congresista, Barbara margullouse en diversos proxectos con institucións de caridade e grupos de mulleres republicanas en Washington[3]. Tras perder unha elección para acceder ao Senado, o presidente Richard Nixon nomeou en 1970 a seu esposo embaixador dos Estados Unidos nas Nacións Unidas, o que lle permitiu a Barbara relacionarse en Nova York con destacados diplomáticos. Cando estoupou o escándalo Watergate en 1973, Nixon pediulle a Bush que presidise o Comité Nacional Republicano; Barbara aconselloulle rexeitar a oferta por mor do difícil clima político, pero George finalmente aceptou.

O sucesor de Nixon, Gerald Ford, nomeouno xefe da misión dos Estados Unidos na República popular da China en 1974, e Barbara acompañou a seu home a Beijing. Visitou varias cidades e rexións en bicicleta co seu esposo[3]. En 1976 volveu aos Estados Unidos ao facerse cargo George da dirección da CIA, e ao non poder axudar a seu home, que non podía compartir aspectos clasificados do seu traballo, levárona a unha depresión[8]. Para superala comezou a dar conferencias e charlas sobre tempo que pasara na China e tamén principiou a traballar como voluntaria nun orfanato.

Barbara Bush defendeu a experiencia e cualidades persoais de seu mariddo cando anunciou a súa candidatura para presidente dos Estados Unidos en 1980. Causou escándalo cando dixo que ela apoiaba a ratificación da Emenda da Igualdade de Dereitos e que estaba a favor do dereito da muller a abortar[3] en desacordo coa á conservadora do Partido Republicano que lideraba o gobernador de California Ronald Reagan, que foi quen acabou gañando as primarias presidenciais sobre o seu marido, aínda que logo aceptou a invitación do vencedor para ser o seu candidato a vicepresidente e finalmente ese foi o equipo vencedor nas eleccións de 1980.

Segunda dama dos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
A segunda dama Barbara Bush e o vicepresidente coa primeira ministra Margaret Thatcher e Denis Thatcher en Chequers en 1984

Barbara Bush foi durante oito anos a segunda dama dos Estados Unidos, converténdose nunha figura familiar á poboación. Tras ser diagnosticado seu fillo Neil con dislexia, interesouse por cuestións de alfabetización e comezou a traballar con varias organizacións dedicadas a ese ámbito. Pasou moito tempo informándose dos factores que contribuían ao analfabetismo,— cría que tamén os sen teito estaban relacionados [7] —e os esforzos en curso para combater a ambos.[3] Viaxou por todo o país e o mundo co vicepresidente en viaxes oficiais ou ela soa. En 1984 escribiu un libro para nenos, C. Fred 's Story, sobre as aventuras dunha familia vista polo seu cocker spaniel, C. Fred. Doou os beneficios do libro a institucións a prol da alfabetización.

A mediados da década de 1980 Barbara falaba rutineiramente en público para promover cuestións nas que tiña interese e fíxose coñecida polo seu sentido de humor e polo seu enxeño[3]. Durante a campaña presidencial de 1984 converteuse en titular cando lle dixo á prensa que ela non podería expresar na televisión o que pensaba da candidata demócrata á vicepresidencia, Geraldine Ferraro, "aínda que rima con ruta"[9]. Despois de recibir críticas polo seu comentario afirmou que ela non tiña intención ningunha de insultar a Ferraro.[10]

En 1988 o vicepresidente Bush anunciou a súa candidatura para suceder a Reagan na presidencia. Barbara converteuse na terceira cónxugue dun candidato presidencial en falar na convención nacional dun partido, tras Eleanor Roosevelt en 1940 e Pat Nixon en 1972[3]. Prometeulles os electores que ía ser unha primeira dama tradicional e fixo campaña activamente polo seu marido[7], xeralmente evitando discusións por cuestións políticas durante a campaña, especialmente aquelas nas que ela e o seu marido diferían. George gañou as eleccións en novembro de 1988 e xurou o 20 de xaneiro de 1989.

Primeira dama dos Estados Unidos

[editar | editar a fonte]
Barbara Bush participando na gravación do programa de televisión Sesame Street en 1989.
Barbara mais o gobernador de Missouri John Ashcroft nun xardín de infancia en 1991

Como primeira dama dedicou os seus maiores esforzos á alfabetización das familias[11]. Participou en moitas organizacións e comités de alfabetización e de lectura e axudou a desenvolver o Barbara Bush Foundation for Family Literacy[12] que tiña como finalidade o apoio a programas onde os pais e os cativos aprendesen xuntos. Barbara apareceu en The Oprah Winfrey Show, e regularmente no programa de radio nacional Mrs. Bush's Story Time, que procuraba salientar a a importancia da lerlles en voz alta aos nenos[3]. Tamén apoiou a liberdade da muller para abortar, os dereitos LGBT, civís e mais as campañas de sensibilización sobre a SIDA [3][13].

O presidente Bush e a primeira dama mentres agardan a chegada dun Xefe de Estado á Casa Branca.

Traballou na White House Historial Association e loitou para revitalizar o White House Preservation Fund, ao que lle cambiou o nome para White House Endowment Trust para conseguir fondos para a rehabilitación e restauración da Casa Branca, logrando o obxectivo de recadar 25 millóns de dólares. En marzo de 1989 revelou que sufría a enfermidade de Graves-Basedow, unha tiroidite; a condición afectaba tamén a seu marido[14][15].

Bush durante o discurso no Wellesley College en 1990, acompañada por Raise Gorbacheva, esposa do presidente soviético Mikhail Gorbachev.

Salientable foi o seu discurso de graduación do Wellesley College de 1990, considerado o 45º mellor discurso retórico norteamericano do século XX[16].

A primeira dama visitando pacientes nun hospital infantil en Washington en 1990

Durante a campaña presidencial de seu marido en 1992 Barbara Bush afirmou que o aborto e a homosexualidade eran asuntos persoais e argumentou que o Partido Republicano non debía tomar unha posición sobre eses asuntos, e mesmo afirmou que persoalmente aborrecía o aborto, pero non podía tomar a decisión por outra persoa[17].

Despois da Casa Branca

[editar | editar a fonte]

George perdeu as eleccións para a reelección fronte a Bill Clinton e despois de deixar a Casa Branca, a parella residiu en River Oaks no estado de Texas e en Kennebunkport en Maine.

O presidente George W. Bush e súa nai, Barbara, preparados para subir a bordo do Air Force One en 2005

Barbara intentou convencer a seu fillo George W. Bush para non presentar a súa candidatira a gobernador de Texas en 1994 convencida de que non sería quen de derrotar a Ann Richards, pero resultou vitorioso[18]. Barbara fixo campaña por seu fillo George W. Bush tras anunciar que concorría na campaña presidencial en xuño de 1999 e opúxose inicialmente a que seu fillo Jeb presentara a candiatura á presidencia, dicindo "xa tivemos Bush abondo"[19].Así e todo, mudou de postura e apareceu en varios anuncios apoiándoo e facendo en febreiro de 2016 campaña por el en Nova Hampshire[20] e expresou a súa opinión de Donald Trump, o rival de Jeb para a candidatura. Dixo que non podía entender como había mulleres que puidesen votar alguén que dixo o que dixo sobre Megyn Kelly[21].

Varias escolas levan o seu nome, tres primarias e dúas de ensino medio en Texas e unha primaria en Mesa (Arizona). Serviu no consello de AmeriCares e no da Clínica Mayo, e dirixiu a Barbara Bush Fundation for Family Literacy.

George e Barbara Bush na cerimonia de botadura do portaavións USS George H.W. Bush en outubro de 2006
A exprimeira dama Barbara Bush na LBJ Presidential Library en 2012
Barbara Bush (segunda pola dereita) con Michelle Obama, Laura Bush, Hillary Clinton e Rosalynn Carter na apertura do George W. Bush Presidencial Center en Dallas en 2013

Enfermidades e morte

[editar | editar a fonte]

Diagnosticáronlle a enfermidade de Graves en 1988. Tamén sufría insuficiencia cardíaca conxestiva e enfermidade pulmonar obstrutiva crónica[22]. Foi unha fumadora empedernida durante 25 anos ata que o deixou en 1968 ao chamarlle a atención unha enfermeira por fumar no seu cuarto de hospital despois dunha cirurxía[23]. En novembro de 2008 hospitalizárona por dor abdominal e sometérona a unha cirurxía do intestino delgado[24] e en marzo de 2009 cambíaronlle a válvula aórtica[25].

Na véspera do Aninovo de 2013 hospitalizárona por pneumonía aínda que lle deron a alta uns días máis tarde[26][27]. O 15 de abril de 2018, a súa familia emitiu un comunicado indicando que tiña unha súa saúde debilitada pero que ela escollera estar na casa coa familia[28]. Segundo o voceiro da familia, Jim McGrath, a súa elección era consecuencia dunha serie de hospitalizacións recentes[29]. Barbara Bush morreu o 17 de abril de 2018 na súa casa de Houston á idade de 92 anos[22][30]. O presidente Donald Trump ordenou que as bandeiras ondeasen a media hasta na súa memoria[31], e tanto el como a primeira dama Melania Trump enviaron condolencias en nome da nación [32]. Os expresidentes Jimmy Carter[33], Bill Clinton[34], Barack Obama[35] e o senador John McCain tamén enviaron as súas condolencias[36]. Algúns líderes estranxeiros, como a raíña Isabel II do Reino Unido, o primeiro ministro canadense Justin Trudeau ou o presidente ruso, Vladimir Putin tamén enviaron as súas condolencias[37]

O funeral efectuouse na Igrexa Episcopal de San Martiño en Houston o 21 de abril de 2018, e soterrárona na George Bush Presidential Library en College Station (Texas)[38]. Os expresidentes Barack Obama, George W. Bush (fillo), Bill Clinton e George H. W. Bush, e as primeiras damas Melania Trump, Michelle Obama, Laura Bush e Hillary Clinton tamén asistiron ao servizo[39]. Jeb Bush e o biógrafo e historiador presidencial Jon Meacham foron os encargados de ler os eloxios. Tamén estaban presentes o exprimeiro ministro británico John Major e o canadense Brian Mulroney[40]. O día seguinte houbo que hospitalizar a seu home por unha infección que derivou en sepsticemia, morrendo sete meses despois, o 30 de novembro de 2018.

  1. "Barbara Pierce Bush". whitehouse.gov. 
  2. "Barbara Bush, matriarch of Bush dynasty, dies at 92". politico.com. 17 de abril de 2018. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 3,11 3,12 "First Lady Biography: Barbara Bush". fristladies.org. Arquivado dende o orixinal o 25 de abril de 2012. Consultado o 30 de marzo de 2020. 
  4. ""Former first lady Barbara Bush dies at age 92, grew up in Rye"". lohud.com. 17 de abril de 2018. 
  5. "Barbara Bush Fast Facts". cnn. 26 de decembro de 2012. 
  6. Bush, Barbara (1994) Barbara Bush: A Memoir. New York: Scribner, p. 16
  7. 7,0 7,1 7,2 "Barbara Bush". biography.com. 
  8. "Barbara Bush: I Overcame Depression". The Philadelphia Inquirer. 22 de maio de 1990. Archived from the original on 26 de xullo de 2013. Consultado o 31 de marzo de 2020. 
  9. Orixinalmente, en inglés, a palabra rima con rich Simpson's Contemporary Quotations, compiled by James B. Simpson. 1988. Bartleby
  10. "Barbara Bush: Devoted wife, mother, grandmother, and CEO]". The Boston Globe. 18 de abril de 2018. 
  11. "Barbara Bush". obamawhitehouse.gov. 
  12. "Barbara Bush". rolemodel.net. 
  13. "The Sweeping Legacy of First Lady Barbara Bush". whitehouse.gov. 18 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 03 de xuño de 2020. Consultado o 30 de marzo de 2020. 
  14. "Barbara Bush Being Treated for Graves' Disease, a Thyroid Disorder"". Los Angeles Times. 30 de marzo de 1989. 
  15. "Clue to Bushes' Disease Sought in Water". The New York Times. 3 de marzo de 2009. 
  16. Stephen E. Lucas e Martin J. Medhurst. "The 100 Speeches of the 20th Century". americanrhetoric.com. 
  17. "George W Bush became opposed to abortion when mother showed him dead foetus in jar". The Daily Telegraph. 8 de novembro de 2010. Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2010. Consultado o 30 de marzo de 2020. 
  18. Naftali, Timothy (2003) George H. W. Bush: The American Presidents Series: The 41st President, 1989-1993. Times Books, p. 159.
  19. "Blunt Barbara Bush tells Jeb: You're not my favorite son". The Hill. 20 de xuño de 2015. 
  20. "Barbara Bush hitting trail for Jeb in New Hampshire next week". CNN. 29 de xaneiro de 2016. 
  21. "Barbara Bush Brings Her Flair to Jeb's New Hampshire Campaign". ABC News. 5 de febreiro de 2016. 
  22. 22,0 22,1 "Barbara Bush Cause of Death: What is Chronic Obstructive Pulmonary Disease?". Newsweek. 17 de abril de 2018. 
  23. "Barbara Bush Quit Smoking in 1968 After a Nurse Called Her Out". Good Housekeeping. 17 de abril de 2018. 
  24. "Former First Lady Barbara Bush in Hospital". Foxnews. 25 de novembro de 2018. 
  25. "Former first lady Barbara Bush released from hospital". CNN. 13 de marzo de 2009. Arquivado dende o orixinal o 24 de marzo de 2021. Consultado o 30 de marzo de 2020. 
  26. "Former first lady Barbara Bush hospitalized for 'respiratory related issue'". NBC News. 31 de decembro de 2013. 
  27. "Former First Lady Barbara Bush released from Houston hospital". Los Angeles Times. 4 de xaneiro de 2014. 
  28. "Barbara Bush, Gravely Ill, Opts to Halt Treatment". The New York Times. 15 de abril de 2018. ISSN 0362-4331. 
  29. "Spokesman: Former first lady Barbara Bush in failing health". ABC News. 15 de abril de 2018. 
  30. "Morreu Bárbara Bush, ex-primeira dama dos Estados Unidos, con 92 anos de idade". TVG, 18 de abril de 2018
  31. "Trump orders flags to half-staff for Barbara Bush". CNN. 19 de abril de 2018. 
  32. "Chío de Donald Trump". twitter. 
  33. "Jimmy and Rosalynn Carter mourn passing of Barbara Bush". The Atlanta Journal-Constitution. 18 de abril de 2018. 
  34. "US VIPs Pay Tribute to Barbara Bush". Voice of America. 18 de abril de 2018. 
  35. "Chío de Barack Obama". twitter. 
  36. "Family, friends mourn death of Barbara Bush"". TheHill. 18 de abril de 2018. 
  37. "George W. Bush says former first lady Barbara Bush didn't fear death". Chicago Tribune. 18 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 08 de decembro de 2018. Consultado o 30 de marzo de 2020. 
  38. "Presidents pay their respects as Barbara Bush is laid to rest". New York Post. 21 de abril de 2018. 
  39. "Barbara Bush remembered at funeral as 'the first lady of the greatest generation'". ABC News. 21 de abril de 2018. 
  40. "Guest list and rundown of former first lady Barbara Bush's funeral". KTVU Fox 2. 21 de abril de 2018. Arquivado dende o orixinal o 21 de abril de 2018. Consultado o 30 de marzo de 2020.