Saltar ao contido

Pozo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pozo en Bélxica.

Un pozo[1] (Gl-pozo.ogg pronunciación ) é un orificio ou túnel vertical perforado na terra, até unha profundidade suficiente para alcanzar o que se busca, normalmente unha reserva de auga subterránea do nivel freático ou materias como o petróleo (pozo petrolífero). Xeralmente de forma cilíndrica, adóitase tomar a precaución de asegurar as súas paredes con pedra, cemento ou madeira para evitar o seu derrube.

Os pozos tradicionais para buscar auga están nas eiras e currais das casas teñen un brocal (parede que sobresae do nivel do chan até unha altura suficiente para que ninguén caia dentro), un cigüeño ou unha polea para subir o caldeiro e unha tapadeira para protexelo da sucidade.

Nas cidades o nivel freático pode estar contaminado por filtración de augas residuais, polo que non se considera potable. Na actualidade, os pozos son obxecto de estudos hidroxeolóxicos para a xestión de augas subterráneas, tanto para o seu aproveitamento como recurso hídrico como para a prevención de contaminacións.

Mitoloxía

[editar | editar a fonte]

Os pozos tamén teñen unha importante presenza na historia e na mitoloxía de moitas culturas. Son frecuentemente considerados símbolos de sabedoría e de conexión co inconsciente ou co divino. Na Antigüidade clásica, en Roma e Grecia, por exemplo, os pozos sagrados eran sitios de oráculo onde se podía consultar aos deuses.[2]

Na tradición chinesa, os pozos son un elemento importante, e están representados nun dos hexagramas do i Ching. Na mitoloxía nórdica, o Urðarbrunnr atópase baixo a árbore do mundo Yggdrasil. Na Edda prosaica, Urðarbrunnr é citado como un dos tres pozos que existen baixo as raíces de Yggdrasil, que están localizados en tres terras diferentes; os outros dous pozos son Hvergelmir, localizado baixo a raíz en Niflheim, e Mímisbrunnr, localizado preto do fogar dos jötnar de xeo.

En Galiza existen moitas lendas e mitos asociados aos pozos. Dende tempos remotos, os pozos foron considerados lugares de culto e rituais, e crese que posúen propiedades curativas e místicas. Unha lenda particularmente famosa é a do Pozo da Ferida, entre Xove e Viveiro, na Mariña lucense. Segundo a lenda, un cabaleiro ferido foi curado tras bañarse nas súas augas, de aí o nome do pozo. Outra lenda do mesmo lugar conta que conta que o pozo non ten fondo e que as augas teñen a cor do esterco porque caeu alí unha vella xigante que levaba ao lombo este material e xa nunca se puido levantar.[3] Outros mitos vinculan a meigas e mouras ás augas dos pozos ou ríos, ás veces aparecen ao amencer e ao anoitecer para peinarse cun pente de ouro á beira dun pozo.[4]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para pozo.
  2. ancient-origins. "Desenterrado en Atenas el primer pozo-oráculo conocido consagrado al dios Apolo". Ancient Origins España y Latinoamérica (en castelán). Consultado o 2023-07-17. 
  3. "A Mariña Lucense. Pozo da Ferida". A Mariña Lucense. Consultado o 2023-07-17. 
  4. Turismo, Turgalicia/Axencia Galega de (2023-01-24). "POZO DA MOURA, POZO DAS MEIGAS E FERVENZA DE VERDEAL EN MOAÑA PONTEVEDRA". Turgalicia. Consultado o 2023-07-17. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]