Convento de Santa Bárbara da Coruña
Convento de Santa Bárbara da Coruña | |
---|---|
Entrada ao convento. | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Convento |
Advocación | Santa Bárbara |
Localización | A Coruña |
Coordenadas | 43°22′15″N 8°23′29″O / 43.370833, -8.391389 |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | Séculos XV ao XVIII |
[ editar datos en Wikidata ] |
O convento de Santa Bárbara é un convento de clausura situado na praza homónima da Cidade Vella da Coruña.
Historia
[editar | editar a fonte]O convento construíuse sobre unha capela do século XV próxima á muralla.[1] Aparece citado por primeira vez nun documento de 1444 e a súa fundación foi aprobada en 1491 polo papa Alexandre VI.[2]
A partir do século XVI o convento consolidouse e recibiu un gran número de doazóns. Ademais, dende mediados dese século, os membros da Real Audiencia de Galicia participaban nos oficios de Xoves Santo e Venres Santo na igrexa do convento.
En 1683 acolleu as monxas capuchinas que chegaron para fundar o convento das Marabillas, mentres se erguía o edificio nas Panadeiras.[3]
O edificio foi modificado e ampliado en múltiples ocasións, por exemplo, no século XVIII, grazas ao incremento das súas rendas, edificouse o "pavillón inglés". No século XIX houbo varios desaloxos do edificio: en 1809 por orde das autoridades francesas, en 1823 no contexto do "trienio liberal" e, de forma definitiva, en 1846 pola desamortización de Mendizábal.[2]
En 1971, o conxunto histórico da contorna do convento foi declarado ben de interese cultural gozando dende entón da máxima protección patrimonial.[4] O mosteiro integrouse na Orde de Santa Clara no ano 1912 e contaba cunha comunidade de 18 clarisas descalzas no 2021.[2][5] Coma noutros conventos galegos das clarisas, existe a tradición de doar ovos á comunidade para pedir polo bo tempo nos días dos casamentos.[6]
Descrición
[editar | editar a fonte]Do edificio medieval non se conserva mais que o relevo que preside a porta e que foi colocado aí en 1613 e que puido pertencer a un baldaquino ou a un sartego gótico do século XIV.[7] Representa a peregrinación como unha das vías penitenciais para a salvación. Mostra o Xuízo Final e está presidido pola Trindade; o Pai Eterno sostén a Cristo crucificado, acompañado pola lúa e o sol. Á esquerda, o arcanxo San Miguel pesa as almas de peregrinos e monxes que van chegando pola dereita, entre árbores. Á dereita aparecen San Miguel e un dragón. No interior, outro relevo (pertencente talvez á capela primitiva) mostra a Santa Catarina e a Santa Bárbara. Consérvase ademais un arco apuntado.
O edifico posúe un patio de acceso á igrexa e unha torre miradoiro de planta cadrada, en cuxa parte superior hai fiestras enreixadas. O lenzo mural que pecha a praza á que dan os dormitorios das monxas foi deseñado por Fernando de Casas Novoa e iniciado en 1738.[8] A lentitude da súa construción explica a data 1786 que aparece na fachada.[7] Esta á do conxunto é denominado "pavillón inglés" e ademais dos espazos para as celas das monxas, conta co portón para os carros.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ PEPRI
- ↑ 2,0 2,1 2,2 "Los seis siglos del convento de Santa Bárbara". El Ideal Gallego (en castelán). 3-1-2016. Consultado o 24-6-2016.
- ↑ Fernández Garcés, Javier (2015). "El convento de las Capuchinas de A Coruña. Origen y transformaciones". Tracería. Revista de rehabilitación arquitectónica (1): 53–60. ISSN 2444-9547.
- ↑ Miranda, Carlos (2021-04-15). "El día que las Bárbaras se salvó del desarrollismo". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-11-20.
- ↑ "Sin bodas no hay huevos, sin huevos no hay dulces". La Voz de Galicia (en castelán). 2021-04-11. Consultado o 2022-11-20.
- ↑ Otero, Marta (2019-07-06). "La vida secreta de las Clarisas en A Coruña". La Opinión de A Coruña (en castelán). Consultado o 2022-11-20.
- ↑ 7,0 7,1 PEPRI
- ↑ "Terciarias, capuchinas, clarisas y franciscanas misioneras de la madre del Divino Pastor en A Coruña". www.elcorreogallego.es (en castelán). Consultado o 2022-11-20.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: A Coruña |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Convento de Santa Bárbara da Coruña na páxina web colaborativa Patrimonio Galego.
- Ficha Arquivado 30 de xuño de 2016 en Wayback Machine. en Turgalicia
- Convento de Santa Bárbara Arquivado 26 de agosto de 2016 en Wayback Machine.
- Clarisas de A Coruña