Saltar ao contido

Desamortización

1000 12/16
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Desamortización de Mendizábal»)

A desamortización foi un longo proceso histórico-económico iniciado en España a finais do século XVIII por Manuel de Godoy e fechado xa moi entrado o século XX (16 de decembro de 1964), que consistiu en poñer no mercado, mediante poxa pública, as terras e bens non produtivos en poder das chamadas "mans mortas" que non as cultivaban (case sempre a Igrexa católica ou as ordes relixiosas) que as acumularan como habituais beneficiarias de doazóns, testamentos. A finalidade principal da desamortización era acrecentar a riqueza nacional e crear unha burguesía e clase media de labregos propietarios. Ademais, o erario obtiña uns ingresos extraordinarios cos que pretendían amortizar os títulos de débeda pública.

A desamortización converteuse na principal arma política con que os liberais modificaron o réxime da propiedade do Antigo Réxime, para implantar o novo Estado burgués durante a primeira metade do século XIX.

Carlos IV

[editar | editar a fonte]
Manuel Godoy.

A primeira desamortización foi realizada no reinado de Carlos IV por Godoy e o ministro Cayetano Soler entre 1800 e 1808. Nela desamortizáronse bens da Compañía de Xesús, de hospitais, hospicios, Casas de Misericordia e de Colexios Maiores universitarios e incluía tamén bens non explotables de particulares.

Xosé I Bonaparte

[editar | editar a fonte]

Xosé I realizou tamén unha pequena desamortización que non implicou a supresión da propiedade, senón a confiscación das súas rendas para os gastos das tropas francesas, de forma que se devolveron en 1814 cando Fernando VII recuperou o trono na restauración absolutista.

Trienio Liberal

[editar | editar a fonte]

Durante o Trienio liberal leváronse a cabo outras desamortizacións tan pouco ambiciosas coma esta e igualmente desfeitas tras a caída do réxime liberal. As realmente importantes foron, sobre todo, as de Juan Álvarez Mendizábal e Pascual Madoz.

Mendizábal

[editar | editar a fonte]
Juan Álvarez Mendizábal

A desamortización de Mendizábal, ministro de Isabel II en 1836, tivo unhas consecuencias moi importantes para a historia social de España, porque os seus resultados (xa non xestionados por Mendizábal, cesado como ministro pola raíña en maio de 1836, senón polos seus sucesores) foron relativamente pobres. En realidade, Mendizábal pretendía que o campesiñado puidese acceder á compra das terras poxadas.

Porén, como a división de lotes encomendóuselle ás comisións municipais, estas aproveitáronse do seu poder para facer manipulacións e configurar grandes lotes inalcanzables aos pequenos propietarios, pero alcanzables para as oligarquías máis adiñeiradas, que podían comprar tanto grandes lotes como pequenos. Os labregos non puideron entrar nas poxas e as terras foron compradas por nobres e burgueses adiñeirados, de forma que non puido crearse unha verdadeira burguesía de clase media en España que sacase ao país da crise.

Espartero

[editar | editar a fonte]

O 2 de setembro de 1841 o progresista Baldomero Espartero ao pouco de ser nomeado rexente impuxo a desamortización de bens do clero secular excepto uns poucos. Esta lei durou escasamente tres anos, e ao desaparecer o partido progresista a lei foi derrogada. En 1845 durante a década moderada, o goberno intenta retomar as relacións coa igrexa, o que o leva á firma dun concordato en 1851.

Retrato de Pascual Madoz Ibáñez.

Durante o segundo goberno de Espartero, o seu ministro de Facenda, Pascual Madoz, realiza unha nova desamortización que foi executada con maior control que a de Mendizábal. O 1 de maio de 1855 publícase o Decreto na Gaceta de Madrid[1] e o 31 de maio a Instrución para levala a cabo. Declarábanse á venda todas as propiedades do Estado, do clero, das Ordes Militares, confrarías, obras pías, santuarios, do ex infante Carlos, dos propios e os comúns dos pobos, da beneficencia e da instrución pública, con algunhas excepcións. Igualmente, permitíase a desamortización dos censos pertencentes ás mesmas organizacións.

Esta desamortización tiña dous obxectivos principais: por unha banda, diminuír a débeda do país e, por outra, conseguir recursos para o plan de obras públicas. Así, o 3 de xuño de 1855, decrétase a "Lei Xeral de Ferrocarrís".[1]

Consecuencias

[editar | editar a fonte]

Como resultado das desamortizacións moitos conventos e igrexas de valor artístico foron abandonados ou botados abaixo e agora desapareceron ou son unha ruína; igualmente, moitos libros e bibliotecas conventuais dispersáronse e os seus libros foron destinados para as bibliotecas públicas da época.

  1. 1,0 1,1 Vázquez (2011); p. 17

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Tomás y Valiente, Francisco (1972). El marco político de la desamortización en España. col. Ariel Quincenal. (1ª ed. 1971). Barcelona: Ariel. 
  • Vázquez Guzmán, Juan Pedro (2011). La desamortización de Madoz en la provincia de Almería (1855-1936). Almería: Universidad de Almería. ISBN 978-84-8240-181-2.