Wikipedia:Punto de vista neutral

O punto de vista neutral (PVN) é un principio fundamental da Wikipedia, así como un dos cinco piares. Todos os artigos da Wikipedia e demais contidos enciclopédicos deben estar escritos desde un punto de vista neutral, de xeito que representen completa e proporcionalmente, de forma clara e sen parcialidade, todas as visións significativas posibles publicadas por fontes fiables.

O punto de vista neutral é unha das tres políticas básicas da Wikipedia, xunto a verificabilidade e que a Wikipedia non é unha fonte primaria. En conxunto, estas políticas determinan o tipo e calidade do material aceptado nos artigos da Wikipedia. Ademais, as tres políticas compleméntanse e non se deben ter en conta por separado, polo que se recomenda familiarizarse coas tres. Esta política é innegociable e agárdase en todos os artigos e por parte de todos os editores. Os principios nos que están baseadas non poden ser substituídos por outras políticas ou normas nin polo consenso dos editores.

Explicación do punto de vista neutral

editar

O punto de vista neutral é unha ferramenta coa que tratar visións diferentes duns feitos. Esta política require que onde haxa puntos de vista en conflito, os feitos se presenten no canto de se afirmar. Cómpre sinalar tódolos puntos de vista, e non só o máis popular ou coñecido.

Acadar o que a comunidade da Wikipedia entende como neutralidade significa analizar detida e criticamente unha variedade de fontes fiables e presentar ao lector a información dun xeito claro, preciso e proporcional sen parcialidade. Neste sentido, a Wikipedia pretende describir as disputas, sen entrar nelas. Todos os editores, malia ter os seus propios puntos de vista e opinións como é natural, deben esforzarse por achegar a información o máis completa posible de boa fe e non promocionar unha visión sobre outra. Acadar un punto de vista neutral non significa excluír certos puntos de vista, senón incluír tódolos puntos de vista verificables procurando un balance axeitado.

Os aspectos máis importantes a ter en conta para conseguir o nivel de neutralidade apropiado para unha enciclopedia son:

  • Evitar dar opinións como feitos. A miúdo, os artigos conteñen información sobre opinións significativas emitidas sobre o tema. Con todo, estas opinións non deben aparecer no texto como opinións propias da Wikipedia, sen atribuírllas ás fontes concretas. Por exemplo, un artigo non debería afirmar "o xenocidio é unha acción malvada", senón "[a persoa X] describiu o xenocidio como o epítome da maldade humana".
  • Evitar incluír afirmacións controvertidas como feitos. Se existen fontes fiables que realizan afirmacións contrarias sobre un tema, estas afirmacións deben tratarse coma opinións en lugar de feitos, sen presentalas coma indicacións directas do mesmo.
  • Evitar dar feitos como opinións. As afirmacións non controvertidas nin disputadas feitas por fontes fiables exprésanse habitualmente na voz da propia Wikipedia. Agás no caso de que un tema trate de forma específica sobre un desacordo sobre unha información non disputada doutra forma, non hai necesidade de dar unha atribución específica a unha afirmación, malia que si é necesario indicar a fonte da que procede como indica a verificabilidade.
  • Evitar unha lingua con prexuízos. Un punto de vista neutral non simpatiza nin está en desacordo co tema tratado, ou coa información dada polas fontes fiables sobre o tema, malia que en ocasións sexa preciso procurar un balance na presentación desta información. As opinións e afirmacións conflitivas deben presentarse nun ton desinteresado. A linguaxe empregada nos artigos debe evitar tanto prexuízos raciais como étnicos; de xénero, como a misoxinia, androxinia e o sexismo; de clase; económicos; e relixiosos, políticos e ideolóxicos.
  • Indicar a prominencia relativa das visións en conflito. É preciso asegurarse que os distintos puntos de vista sobre un tema reflictan de forma axeitada os niveis relativos de apoio dos que gozan, sen dar unha falsa impresión de paridade ou caer nunha falta de balance dando un peso específico non axeitado a unha opinión particular.

Acadar a neutralidade

editar

Como regra xeral, non se debería eliminar ningún tipo de información referenciada só polo feito de que presente parcialidade sobre un tema determinado. No canto diso, sempre é mellor intentar reescribir os parágrafos ou seccións para acadar un ton máis neutral. A miúdo, a información imparcial pódese equilibrar con material citado doutras fontes para producir unha perspectiva máis neutra; estes problemas soluciónanse de forma máis doada mediante o proceso normal de edición. A eliminación de contidos debe ocorrer cando haxa unha boa razón para crer que o texto induce a erro aos lectores.

Nalgúns casos, a elección do título dun artigo pode dar a sensación de parcialidade. A preferencia son os termos neutrais, cando sexa posible. De haber un nome amplamente empregado por fontes fiables e que polo tanto será recoñecido polos lectores, pode empregarse malia que semelle pouco neutral. O mellor nome para un tema específico pode depender do contexto no que se menciona, e considérase axeitado mencionar os nomes alternativos existentes sobre o tema tratado e as posibles controversias sobre o seu uso.

Por exemplo, o masacre de Múnic ou Jack o Destripador son formas lexítimas de referirse aos temas en cuestión, aínda que usen termos que se poderían considerar pouco neutrais. En caso de haber dúbidas con respecto ao título dun artigo o mellor é abrir un fío na conversa do propio artigo ou na Taberna para tratar o asunto e chegar a un consenso coa comunidade.

Algúns títulos de artigos son descritivos en lugar de ser simples nomes propios. Este tipo de títulos deben ser neutrais, para non suxerir un punto de vista a favor ou en contra do tema tratado, e para non confinar o contido do artigo a un punto de vista particular do tema. Neste tipo de casos os títulos neutrais axudan a acadar unha representación correcta dos posibles puntos de vista múltiples existentes sobre o tema e axudan a conseguir unha escrita responsable no artigo.

Estrutura dos artigos

editar
Véxase tamén: Wikipedia:Libro de estilo.

A estrutura interna dun artigo tamén pode necesitar atención adicional co fin de protexer a neutralidade e evitar problemas que leven a tratar nunha maior medida unha postura específica. Por norma cómpre seguir unha estrutura habitual que asegure unha presentación neutral no conxunto da Wikipedia.

A segregación de texto en diferentes apartados ou seccións considerando unicamente o punto de vista dese contido pode dar como resultado unha estrutura non enciclopédica, en forma de diálogo entre propoñentes e opositores dun tema. Tamén pode dar lugar a que se cree unha xerarquía aparente de feitos, na que os detalles no corpo principal semellen ser os "verdadeiros" mentres que os segregados queden coma "controvertidos". Exemplos habituais disto serían aquelas seccións diferenciadas nas que se presentan as críticas a favor e en contra, en vez de integrar esas opinións nun ou varios parágrafos dentro dunha mesma sección.

Cómpre revisar tamén as cabeceiras, notas ó pé e outros elementos de formato que poden chegar a favorecer un punto de vista particular, e procurar un balance nos aspectos estruturais e estilísticos para non dificultarlle ó lector unha avaliación correcta da credibilidade de tódolos puntos de vista presentados.

Cantidade debida e indebida

editar

A neutralidade esixe que cada artigo presente de maneira xusta todos os puntos de vista significativos que foran publicados por fontes fiables, nunha proporción axeitada segundo a súa importancia e repercusión. Dar unha cantidade indebida de espazo a unha perspectiva minoritaria pode crear unha falsa noción da realidade. A cantidade de texto que trate a visión dunha minoría distintiva non debe superar en ningún caso aquela cunha proxección maior. Á hora de determinar a cantidade debida, debe considerarse a prevalencia do punto de vista nas fontes fiables, non a súa prevalencia entre os propios editores da Wikipedia ou entre o público xeral.

O peso indebido pode darse de diversas formas, incluíndo a profundidade do detalle, a cantidade de texto, a prominencia da localización do mesmo ou a xustaposición de afirmacións. Nos artigos que traten de forma específica un punto de vista minoritario, este tipo de opinións poden recibir unha maior atención e espazo, pero aínda así pode resultar axeitado referenciar o punto de vista maioritario nestas páxinas onde se considere relevante e non presentar o contido estritamente dende o devandito punto de vista minoritario. Neste tipo de artigos resulta necesario explicar o punto de vista maioritario cun nivel de detalle suficiente como para que o lector entenda como o punto de vista minoritario difire del, e que poida identificar máis doadamente as controversias entre os puntos de vista.

Cómpre ter en conta tamén que en artigos sobre sucesos recentes é doado caer no erro de tratar cada aspecto nunha cantidade desconsiderada de texto para a súa importancia. Poida que eses datos sexan verificables e neutrais, pero é probable que non reflictan unha visión xeral do tema. En calquera caso, no momento de determinar a cantidade apropiada para un punto de vista considérase a presenza deste en fontes fiables e non na súa preferencia polos editores da Wikipedia ou do público en xeral.

Equilibrio

editar

A neutralidade asigna unha cantidade de espazo aos puntos de vista en proporción á súa relevancia. Isto implica describir as visións opostas dun xeito claro e conciso, trazando as perspectivas desde un punto de vista completamente desinteresado. Porén, cando varias fontes fiables contradinse entre elas e considéranse relativamente iguais en relevancia, cómpre describir ámbolos dous puntos de vista procurando un equilibrio na información presentada. Isto implica unha necesidade de describir os puntos de vista enfrontados de forma clara, procurando outras fontes secundarias ou terciarias que describan o desacordo dende un punto de vista desinteresado.

Por exemplo, os eventos illados, críticas ou novas sobre un tema concreto poden ser verificables e imparciais, pero aínda así resultar desproporcionados en comparación coa relevancia xeral do propio tema, e deben tratarse na proporción debida con respecto a visión global do propio tema. Isto é particularmente crítico no tratamento dos eventos recentes, xa que cómpre ter en conta que a Wikipedia non é un xornal de novas de actualidade.

Falso equilibrio

editar

Malia que é importante ter en conta tódolos puntos de vista significativos sobre calquera tema, isto non implica que tódolos puntos de vista minoritarios ou afirmacións extraordinarias queden necesariamente presentadas xunto coa visión academicamente aceptada coma se tivesen a mesma validez. As teorías de conspiracións, a pseudociencia a historia especulativa ou as teorías plausibles pero non aceptadas non deben lexitimarse por medio dunha comparación coa visión académica aceptada. A Wikipedia non debe tomar partido nestas cuestións, nin a favor nin en contra, e este tipo de cuestións controvertidas deben omitirse cando a súa inclusión supoña unha lexitimación indebida das mesmas.

Investigación

editar

Unha boa e completa investigación a partir das fontes máis fiables dispoñibles axuda a previr problemas co punto de vista neutral. As bibliotecas están inzadas de libros e artigos xornalísticos reputados, e na rede tamén hai dispoñible material de confianza a esgalla que se pode procurar. Se necesitas axuda para atopar fontes de alta calidade para algún artigo, non dubides en pedir axuda a outros colaboradores na páxina de conversa asociada ao artigo ou na Taberna.

Ton imparcial

editar

A Wikipedia non se involucra nas disputas, a Wikipedia describe as disputas. Caracterizar as disputas dun xeito neutral esixe presentar os puntos de vista desde un ton imparcial que sexa consistente. En caso contrario os artigos rematan tomando parte con comentarios non enciclopédicos. Mesmo no caso de estar perante un artigo escrito en termos de feitos e non de opinións é posible introducir un ton inapropiado segundo se presenten, seleccionen e organicen os contidos. Os artigos neutrais deben estar escritos nun ton que ofreza unha representación imparcial, precisa e proporcionada dos puntos de vista presentados no artigo.

Opinións artísticas

editar

Os artigos da Wikipedia sobre arte, artistas e temas relacionados teñen tendencia a transmitir efusividade, e isto non ten cabida nunha enciclopedia. As opinións e os gustos son diversos e subxectivos: o máis probable é que non nos poñamos todos de acordo en quen é o mellor ou a mellor soprano do mundo. Con todo, é apropiado transmitir a recepción que tivera un artista ou obra por parte dos expertos, crítica especializada e público xeral. Os artigos poden fornecer unha visión xeral das interpretacións comúns dunha obra creativa, preferentemente por medio de citas de expertos no tema e críticas académicas e verificables.

Palabras a vixiar

editar
Véxase tamén: Wikipedia:Palabras a evitar.

Non hai palabras ou expresións prohibidas na Wikipedia, pero hai certas construcións que se deben utilizar con tino porque poden ser pouco neutrais. A linguaxe connotativa pode facer que un artigo semelle a favor dunha posición sobre outra. O mellor sempre é simplificar o texto e achegar os feitos prescindindo de palabras que mostren loanzas ou desprezo.

Parcialidade nas fontes

editar
Véxase tamén: Wikipedia:Fontes fiables.

Á hora de disputar a fiabilidade dunha fonte é habitual argumentar que devandita fonte é parcial e polo tanto debe darse preferencia a outra fonte. A propia parcialidade é un método empregado para facer pasar un punto de vista coma neutral, excluíndo outras fontes que disputen ese punto de vista. A parcialidade non é en si mesma un motivo para descartar unha fonte, pero si pode contribuír a este feito.

A neutralidade nun artigo pode procurarse equilibrando o uso de fontes parciais baseándose no peso específico das opinións que presentan, e non excluíndo fontes que non se axeitan ó punto de vista do propio editor. Isto tampouco significa necesariamente que se deba empregar unha fonte parcial, e en determinados casos pode ser incluso máis axeitado omitir o punto de vista particular desa fonte por completo.

Manexando disputas sobre neutralidade

editar

Atribución de afirmacións parciais

editar

As afirmacións e opinións parciais deben presentarse só coa súa debida atribución, e non coma se fosen feitos. Estas opinións teñen que ser verificables e deben citarse de forma axeitada.

Alternativamente, os feitos poden presentarse máis ó detalle excluíndo as valoracións dos mesmos. Por exemplo, dicir que "Xan foi o máximo goleador durante dez tempadas" no lugar de dicir que "Xan foi o mellor xogador da década". A opinión da xente pode diferir sobre se foi o mellor xogador ou non, pero non pode disentir do feito estatístico verificado.

En xeral debe evitarse redactar as afirmacións parciais ou opinións para xeneralizalas ("Moitos cren que Xan foi o mellor xogador de fútbol da década"), xa que isto da lugar a dúbidas do tipo "quen?" e "cantos?" sosteñen esa opinión. Nos casos nos que se considera este tipo de opinións como xeneralizadas, estas deben ir apoiadas polas referencias correspondentes ás fontes fiables que indican este tipo de afirmacións.

Artigos de desviación do punto de vista

editar

Un artigo de desviación do punto de vista (inglés: POV fork) é un intento de evadir a neutralidade creando un novo artigo sobre un tema que xa ten un artigo de seu, habitualmente para evitar ou destacar feitos e puntos de vista parciais (positivos ou negativos). Este tipo de artigos non están permitidos na Wikipedia.

Tódolos feitos e puntos de vista significativos sobre un tema determinado deben tratarse nun artigo único, agás nos casos nos que se considera necesario facer sub-artigos para ampliar unha sección determinada do mesmo. Algúns artigos serían demasiado longos se tratasen tódalas facetas dun tema determinado, polo que nestes casos é conveniente dividir o mesmo en sub-artigos que traten as diversas partes do mesmo. Por exemplo, A evolución como feito e teoría é un sub-artigo de Evolución, Morte de Adolf Hitler é un sub-artigo de Adolf Hitler ou Demografía de Galicia é un sub-artigo de Galicia. Este tipo de divisións si é permisible e habitual, pero só se estes artigos están escritos dende un punto de vista neutral e non supoñen un intento de evadir o proceso de consenso no outro artigo do que parten.

Presuncións necesarias

editar

Á hora de escribir determinados artigos danse casos nos que resulta necesario facer algunhas presuncións para expoñer un tema. Por exemplo, á hora de escribir sobre a evolución non resulta axeitado tratar as diferenzas e controversias entre o creacionismo e a teoría da evolución en cada punto, sección ou páxina. Non existe case ningún tema que se poida expoñer sen facer determinadas presuncións que algún outro pode considerar controvertidas, en calquera temática, incluíndo bioloxía, filosofía, historia, física etc.

A falta dunha norma xeral que determine a necesidade deste tipo de presuncións, pode seguirse un principio xeral: Probablemente non hai un bo motivo para discutir unha presunción feita nunha páxina determinada, se esa mesma presunción pode debaterse en maior profundidade noutra páxina. Non obstante, si pode considerarse axeitado unha puntualización non intrusiva en ocasións concretas.

Temas controvertidos

editar

Teorías radicais e pseudociencia

editar

Os propoñentes das teorías pseudocientíficas preséntanas como ciencia, pero habitualmente estas non se adhiren ós métodos e estándares científicos. Por outra banda, pola súa propia natureza, o consenso científico é o punto de vista maioritario da comunidade científica sobre un tema. Polo tanto, á hora de falar sobre temas pseudocientíficos, non se deben describir estes dous puntos de vista opostos ó mesmo nivel o un do outro. Mentres que a pseudociencia pode ser en determinados casos significativa para un artigo concreto, non debe ofuscar a descrición do punto de vista maioritario apoiado pola comunidade científica, e a inclusión dun punto de vista pseudocientífico non debe darlle un peso específico indebido, quedando descrito claramente como tal.

Relixión

editar

En relación á cuestión de crenzas e prácticas relixiosas, o contido da Wikipedia debe encompasar o que motiva ós individuos a manter estas crenzas e prácticas ademais de informar de como se desenvolveron as propias crenzas e prácticas. Algúns practicantes dunha determinada relixión poden opoñerse a tratamentos históricos críticos da súa propia fe xa que dende o seu punto de vista resultan discriminatorios dos seus sentimentos relixiosos, pero non por iso deben omitirse. Ámbolos dous puntos de vista, tanto o dos practicantes coma o dos críticos, deben incluírse por norma xeral, sempre apoiados das fontes fiables verificables axeitadas en cada caso.