Teoría da conspiración
Denomínase teoría da conspiración á suposición de que un determinado grupo de conspiradores, unha alianza encuberta de persoas poderosas, está implicado en algo (normalmente un suceso de importancia política, un fenómeno social ou un feito histórico). Tal grupo actúa conforme a un plan conspirativo, que pode ser desde a manipulación de gobernos, economías ou sistemas legais ata a ocultación de informacións científicas relevantes.
Os sustentos da teoría
editarUnha teoría da conspiración é precisamente o contrario dunha teoría científica, xa que non pode ser refutada: o feito da inexistencia de probas que sustenten tales teorías é utilizado, precisamente, polos seus defensores para reforzar a idea de que os conspiradores son tan perfectos que incluso as conseguen camuflar por completo.
As debilidades da teoría
editarUnha característica dalgunhas delas é que ignoran os saltos dados no coñecemento humano tras algúns acontecementos. Así a teoría de que os Estados Unidos non chegou á Lúa non aclara de onde saíron os descubrimentos sobre a súa composición, como tampouco como se calcula actualmente a velocidade á que se afasta da Terra.
Pola súa banda Carl Sagan indica[1] dúas lagoas que nunca adoitan cubrir estas teorías:
- A comunidade científica nunca garda en segredo os seus descubrimentos, senón que os fai públicos inmediatamente para se poder atribuír a súa autoría (no protocolo de actuación do programa SETI está establecido que os primeiros aos que se debe comunicar unha proba fiable son os demais científicos da comunidade). Só cando se ditan normas de antemán se pode evitar a súa difusión (caso do Proxecto Manhattan). Moitas desta teorías tratan sobre descubrimentos e inventos achados por sorpresa ou sen supervisión dos gobernos; os cales, segundo as mesmas fontes, son os primeiros coñecedores dos devanditos achados. Nese momento, continúan explicando tales hipóteses, os gobernantes dan a orde de gardar silencio, ou noutras ocasións son presuntamente os mesmos protagonistas os que calan por iniciativa propia.
- Tras os asombrosos descubrimentos apuntados polas hipóteses conspiratorias non se aprecia un progreso científico nin técnico parello á relevancia dos supostos coñecementos adquiridos que despois, segundo estas conxecturas, gardáronse en segredo. Non existen saltos de importancia en metalurxia, microelectrónica, enerxía, propulsión...
Algúns exemplos
editarEntre os exemplos existentes desas teorías conspirativas pódense nomear (con algúns curtos comentarios referentes á súa posible orixe):
- A conspiración Xudeu-Masónico-Comunista-Internacional que foi unha constante no discurso político de Francisco Franco.[Cómpre referencia].
- Rothschild e o sistema financeiro mundial.[Cómpre referencia]
- A Teoría da Conspiración Jade Helm 15, que naceu das supostas intencións ocultas dun exercicio de adestramento militar que tivo lugar en varios estados dos Estados Unidos.
- A teoría da conspiración electrónica ou dominio da poboación mundial a través de sistemas electrónico-informáticos[2];
- O fenómeno OVNI e, en concreto, o ocultamento de probas sobre visitas de seres extraterrestres. Ata hai quen afirma que diversas razas destes seres manterían un suposto contacto cos grandes líderes da Terra[Cómpre referencia].
- As declaracións da presenza de fileiras de naves extraterrestres na Lúa vistas polo Apolo XI.
- A existencia de bases ultrasecretas (onde non se sabe que se fai) en distintas partes do mundo. A Área 51 é un exemplo diso.[Cómpre referencia]
- As acusacións de falsificación nas aluaxes do Programa Apolo.
- O 11-S foi un autoatentado do goberno de George W. Bush, para crear a escusa de lanzar a guerra contra o terrorismo, tal como o suceso de Pearl Harbor, o cal terminou de motivar aos Estados Unidos a lanzar a bomba atómica sobre o Xapón, na segunda guerra mundial.
- A aparición de distintas doenzas mortais no mundo nas últimas décadas.[Cómpre referencia]
- A construción das Pirámides de Exipto foi obra ou ensino de seres extraterrestres, segundo autores cualificados, ás veces de intencionadamente ignorantes. Dun xeito similar ocorre coas pirámides de Chichén Itzá, Teotihuacán e Palenque en México, Machu Picchu e Sacsaihuaman no Perú, Tihuanaco en Bolivia, Stonehenge en Inglaterra, e outras contrucións sorprendentes en diversas partes do planeta.
- A relativa aos atentados do 11 de marzo de 2004, que vincularía a ETA, a algúns membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado de España e aos servizos secretos marroquís, españois e/ou franceses como participantes nos atentados.
Aínda que hai un gran número de seguidores afervoados que se apuntarían a calquera tipo de teoría que afirmase que os grandes poderes fácticos se aliaron para urdir unha trama conspirativa, iso non implica que todas estas teorías sexan pouco probables, e algunhas, de feito, foron investigadas xudicialmente, como foi no caso da do fiscal Jim Garrison sobre as conclusións da Comisión Warren tras o asasinato do presidente Kennedy.
Con todo, o tipo de casos implicados son tan complicados e dificultosos, que normalmente nunca atopan unha resposta definitiva, o cal alimenta sempre o número de partidarios e detractores arredor dunha ou outra teoría.
Libros sobre teoría da conspiración
editarAs teorías da conspiración inspiraron a varios autores de obras de ficción. Estas obras son case sempre complexas e deliberadamente confusas, cheas de información detallada que poderá ou non ser relevante para a trama. Normalmente, un outsider descobre fortuitamente unha conspiración potencial. O protagonista enrédase cada vez mais nos meandros da conspiración, que se revela cada vez mais complexa e inaccesible. A realidade é posta en cuestión, e no fin non se percebe se estábamos perante unha verdadeira conspiración ou perante unha coincidencia ou ilusión.
Como exemplos poden citarse:
- The Illuminatus Trilogy de Robert Shea e Robert Anton Wilson, que provocaron o rexurdimento do interese polas sociedades secretas novecentistas;
- O Péndulo de Foucault de Umberto Eco;
- Moitas das novelas de Philip K. Dick;
- O código Da Vinci;
- A serie de ficción científica The X-Files.
Notas
editar- ↑ Carl Sagan O mundo e os seus demos, Editorial Planeta, Barcelona, 1997, ISBN 84-08-02043-9
- ↑ Stulin, Daniel. «Cara a unha sociedade sen diñeiro en efectivo», A verdadeira historia do Club Bilderberg, Barcelona, Planeta, 2006, ISBN 84-8453-157-0, pp. 175-233
Véxase tamén
editarBibliografía
editar- Estulin, Daniel. La verdadera historia del Club Bilderberg, Barcelona, Planeta, 2005, ISBN 84-8453-157-0. (en castelán)
- Estulin, Daniel. Los Secretos del Club Bilderberg, Barcelona, Planeta, 2007, ISBN 84-8453-168-6. (en castelán)
- Koch, Paul H. Illuminati: Los secretos de la secta más temida por la iglesia Católica al descubierto, Barcelona, Editorial Planeta, 2005, ISBN 84-08-06453-3. (en castelán)
- Koch, Paul H. La historia oculta del mundo, Ediciones del Bronce, 2007, ISBN 84-8453-172-4. (en castelán)
- Koch, Paul H. Illuminati: Los secretos y conspiraciones de los Illuminati al descubierto, Editorial Planeta, 2004, ISBN 84-08-05568-2. (en castelán)
- Camacho, Santiago. La conspiración de los Illuminati, La Esfera de los Libros, 2006, ISBN 84-9734-440-5. (en castelán)