Poesía
A poesía é unha forma de literatura que emprega as calidades estética e rítmica[1][2][3] da linguaxe, como a eufonía, o simbolismo fonético e a prosodia, para evocar significados engadidos ou o significado prosaico.
A poesía ten unha longa historia que se remonta á Epopea de Gilgamesh sumeria. Os poemas máis antigos evolucionaron dende cancións populares, como o Shijing chinés, ou dende a necesidade de recoller a tradición das lendas orais, como os Vedas sánscritos, os Gathas zoroastras ou os poemas homéricos, a Ilíada e a Odisea. Os primeiros intentos de definir a poesía, como os da Poética de Aristóteles, centráronse no emprego da fala na retórica, no drama, no canto e na comedia. Intentos máis serodios centráronse en aspectos como a repetición, na forma do verso e na rima, salientando a estética que é o que distingue á poesía doutras formas de escrita máis obxectivas, informativas e prosaicas. Dende mediados do século XX, a poesía é considerada de forma máis xeneralizada como a forma creativa fundamental de empregar a linguaxe.
A poesía emprega formas e convencións para suxerir diferentes interpretacións das verbas, ou para evocar respostas emotivas. Recursos como a asonancia, a aliteración, a onomatopea e o ritmo son empregados a miúdo para acadar efectos musicais ou de encantamento. O uso da ambigüidade, o simbolismo, a ironía e outros elementos estilísticos da dicción poética fan posible deixar un poema aberto a múltiples interpretacións. Figuras semellantes do discurso como a metáfora, o símil e a metonimia[4] crean unha resonancia entre imaxes dispares creando conexións de significados.
Algunhas clases de poesía son específicas de culturas e xéneros particulares e responden a características da lingua na que escriben os poetas. Os lectores acostuman a identificar a poesía con Dante, Goethe, Mickiewicz e Rumi e poden considerarse escritos con rima e métricas regulares. Porén, hai tradicións, como a poesía bíblica, que empregan outros xeitos para crear ritmo e eufonía. Moita da poesía moderna reflicte unha crítica á tradición poética,[5] poñendo a proba e xogando e co principio mesmo da eufonía, ou mesmo obviando a rima e o ritmo.[6][7] No proceso crecente de globalización, os poetas a miúdo adaptan estilos, formas e técnicas de diferentes culturas e linguas.
O Día mundial da poesía foi proclamado pola Conferencia Xeral da Unesco e celebrouse por primeira vez o 21 de marzo de 2000. A súa finalidade é fomentar o apoio aos poetas novos, volver ao encantamento da oralidade e restablecer o diálogo entre a poesía e as demais artes (teatro, danza, música etc.)
Historia
editar- Artigo principal: Historia da poesía.
A poesía como forma de arte pode ser anterior á literatura.[8] O poema máis antigo que se conserva é a Epopea de Gilgamesh, do terceiro milenio antes de Cristo e procedente de Sumer (en Mesopotamia, actual Iraq), que foi escrita en escritura cuneiforme en táboas de arxila, e posteriormente en papiros.[9] Unha táboa que data do ano -2000 describe un rito anual no que o rei casa simbolicamente e acóplase coa deusa Inanna para garantir prosperidade e fertilidade, e está considerado o máis antigo poema de amor do mundo.[10][11] Exemplos de poesía épica exipcia inclúen a Historia de Sinuhé (c. -1800). Outros poemas épicos antigos inclúen a Ilíada e a Odisea gregos, os libros avésticos Gathas e Yasna, a Eneida de Virxilio, e os poemas épicos indios Ramayana e Mahabharata.
A poesía épica, como os Vedas indios, os Gathasand ou a Odisea do século -VII, semella que foron compostos en forma poética para axudar na súa memorización e para a transmisión oral en sociedades prehistóricas e antigas.[12] Outras formas de poesía desenvolvéronse directamente dende as cancións populares. As entradas máis antigas do recompilatorio Shijing, foron letras de cancións, que precederon a outras entradas creadas para ser lidas.[13]
Os esforzos dos antigos pensadores para determinar que fai da poesía unha forma distintiva, e que distingue á poesía boa da mala, resultaron na "poética"—o estudo da estética da poesía.[14] Algunhas tradicións poéticas antigas, como por exemplo a poesía clásica chinesa no caso de Shijing (Cásico de poesía) recolle o desenvolvemento dos canons de poesía con relevancia estética e ritual.[15] Máis recentemente, os pensadores tiveron problemas para atopar unha definición que abranguese as grandes diferenzas que existen entre Os contos de Canterbury de Chaucer e o Oku no Hosomichi de Matsuo Bashō, así como as diferenzas de contexto que inclúen a poesía relixiosa, a poesía de amor e o rap.[16]
Tradicións occidentais
editarOs pensadores clásicos empregaron a clasificación como un xeito de definir e avaliar a calidade da poesía. Os anacos existentes da Poética de Aristóteles describen tres xéneros de poesía, a épica, a cómica e a tráxica, e desenvolven regras para distinguir a poesía de máis calidade en cada xénero, sobre a base dos propósitos subxacentes do xénero.[17] Os estéticos posteriores identificaron tres grandes xéneros: a poesía épica, a poesía lírica e a poesía dramática, considerando a comedia e a traxedia como subxéneros da poesía dramática.[18]
O traballo de Aristóteles foi moi influente a través da Idade Media durante a Idade de ouro islámica,[19] así como en Europa durante o Renacemento.[20] Poetas posteriores a miúdo distinguían e definían a poesía en oposición á prosa, que era xeralmente entendida como a escrita cunha proclividade á explicación lóxica e a unha estrutura narrativa lineal.[21]
Isto non quere dicir que a poesía sexa ilóxica ou que careza de narración, senón máis ben que a poesía é un intento de facer algo fermoso ou sublime sen a carga de participar nos procesos de pensamento lóxico ou narrativo. O poeta romántico John Keats denominou esta fuxida da lóxica como "Capacidade negativa".[22] Esta visión "romántica" é un elemento chave do éxito da poesía porque a forma é abstracta e distinta da lóxica subxacente nocional. Esta achega foi influente durante todo o século XX.[23]
Durante este período, tamén foi substancialmente maior a interacción entre as diversas tradicións poéticas , en parte por mor do colonialismo europeo e o conseguinte aumento do comercio mundial.[24] Ademais do boom da tradución, durante o período romántico foron descubertas numerosas obras antigas.[25]
Disputas dos séculos XX e XXI
editarAlgúns teóricos literarios do século XX tiveron menos en conta a oposición entre prosa e poesía, centrándose no poeta como aquel que crea empregando a linguaxe, e na poesía como a creación do poeta.[26] O concepto subxacente do poeta como creador non é pouco común, e algúns poetas modernos non distinguen entre a creación dun poema con palabras, e os actos creativos noutro medios. Porén, outros modernistas consideran o intento de definir a poesía como trabucado.[27]
O rexeitamento das formas e estruturas tradicionais da poesía comezaron na primeira metade do século XX e cadraron co cuestionamento do propósito e significado das definicións tradicionais e das distincións entre poesía e prosa, dando exemplos de prosa poética e poesía prosaica. Varios poetas modernistas escribiron en xeitos non tradicionais ou no que tradicionalmente se tería considerado prosa, malia que os seus escritos estaban polo xeral infundidos pola dicción poética e a miúdo contaban con ritmos e sons con intencións non métricas. Isto xerou unha substancial resposta formalista dentro das escolas modernas, esta resposta centrouse no desenvolvemento de novas estruturas formais como xeito de rexurdimento das vellas formas e estruturas.[28]
Elementos
editarProsodia
editar- Artigo principal: Prosodia.
A prosodia é o estudo da métrica, do ritmo e da entoación do poema. O ritmo e a métrica son diferentes, malia estar estreitamente relacionados.[29] A métrica é o patrón definitivo estabelecido para un verso (coma o pentrámetro iámbico), mentres que o ritmo é de feito o son que resulta da propia poesía. A prosodia tamén pode ser empregada para referirse máis especificamente ó de determinar a métrica para comprobar de que clase é.[30]
Ritmo
editar- Artigos principais: Isocronía, Lingua tonal e Acento tonal.
Os xeitos de crear o ritmo poético varían segundo as diferentes linguas e as tradicións poéticas. As linguas son descritas a miúdo como posuidoras de tempos estabelecidos polos acentos, as sílabas e as moras dependendo de como se fixa o ritmo, aínda que unha lingua pode ser influenciada por outros factores. O xaponés é unha lingua co tempo baseado en moras. Entre as linguas co tempo baseado na sílaba cóntanse o latín, o catalán, o francés, o leonés, o galego e o castelán. O inglés, o ruso e o alemán son linguas baseadas no acento.[31] As variacións na entoación tamén inflúen en como o ritmo é percibido. Hai linguas que poden basearse en calquera ton, coma o sánscrito védico ou o grego antigo. Entre as linguas tonais cóntanse o chinés, o vietnamita e moitas linguas níxer-congo.[32]
O ritmo métrico xeralmente involucra modalidades precisas de acentos ou sílabas en patróns repetidos chamados pés. No inglés moderno, o patrón dos acentos nos versos permite diferenciar os pés, polo que o ritmo baseado na métrica se basea a miúdo no patrón de sílabas tónicas e átonas (soas ou elididas).[33] Por outra banda, nas linguas clásicas, mentres as unidades métricas son semellantes, a duración vocálica é a que define a métrica.[34] Na poesía do inglés antigo emprégase un patrón métrico que implica diversos número de sílabas, pero un número fixo de fortes acentos en cada liña .[35]
O recurso predominante na poesía bíblica hebrea, incluíndo moitos salmos, foi o paralelismo, unha estrutura retórica na que as liñas sucesivas reflíctense entre elas na estrutura gramatical, na estrutura do son e na noción do contido. O paralelismo prestábase a respostas antifonais ou de chamada e resposta, que pode ser reforzada pola entoación. Deste xeito, a poesía bíblica baséase moito menos nos pés métricos para crear ritmo, e no seu canto, crea ritmo baseándose en unidades de son máis longas, como frases e oracións.[36] Algunhas formas clásicas de poesía, como os venpa da lingua támil, tiñan gramáticas ríxidas (até o punto que poden ser expresados en gramática libre de contexto) o que garantiu un ritmo.[37] Na poesía chinesa, tanto os tons como os acentos crean o ritmo. A poesía clásica chinesa identifica catro tons: ton de nivel, ton ascendente, ton saínte e ton entrante.[38]
Os patróns formais de métrica empregados nos versos do para crear ritmo xa non dominan a poesía contemporánea en inglés. No caso do verso libre, o ritmo adoita estar organizado en unidades máis flexibles de cadencia no canto da métrica regular. Robinson Jeffers, Marianne Moore e William Carlos Williams son tres poetas salientables que rexeitaron a idea de que a métrica con acentuación regular é crítica para a poesía inglesa.[39] Jeffers experimentou co ritmo sprung como un xeito alternativo de marcar o ritmo.[40]
Métrica
editarNas tradicións poéticas occidentais, a métrica é agrupada de xeito habitual segundo o pé característico e o número de pés por liña.[41] O número de pés por liña é descrito seguindo a terminoloxía grega: tetrámetro para catro pés e hexámetro para seis pés, por exemplo.[42] Así, o "pentrámetro iámbico" é unha métrica que comprende cinco pés por liña, no que o tipo de pé predominante té o "iambo". Este sistema métrico orixinouse na poesía grega, e foi empregado por poetas como Píndaro e Safo, e polos grandes tráxicos de Atenas. De xeito semellante, o "hexámetro dactílico" comprende seis pés nos que a clase dominante é o "dáctilo". O hexámetro dáctilo foi a métrica tradición da poesía épica grega, sendo os exemplos máis antigos coñecidos os de Homero e Hesíodo.[43] O pentámetro iámbico e o hexámetro dactílico foron empregados con posterioridade por outros poetas, como William Shakespeare e Henry Wadsworth Longfellow, respectivamente.[44] As formas métricas máis comúns son:[45]
- Iambo – unha sílaba sen acento seguida por outra con acento.
- Troqueo – unha sílaba con acento seguida por unha sílaba sen el.
- Dáctilo – unha sílaba con acento seguida por dúas sílabas sen acento.
- Anapesto – dúas sílabas sen acento seguido por unha con acento.
Existen un gran número de nomes para outros tipos de pés, como o coriambo, un pé de catro sílabas cunha inicial con acento, dúas seguintes sen acento e a última sílaba con acento. O coriambo procede da antiga poesía grega e latina.[43] As linguas que empregan a duración da vogal ou a entoación no canto dos acentos das sílabas para determinar a métrica, como o turco otomán ou védico, a miúdo teñen conceptos semellantes ó iambo e o dáctilo para describir combinacións comúns segundo a duración dos sons.[46]
Cada un destes pés causa un certo "sentimento," ben sexa en solitario ou en combinación con outros. O iambo, por exemplo, é a forma de ritmo máis natural en lingua inglesa, e xeralmente produce un verso sutil, máis estable.[47] A análise da métrica pode amosar a base ou os fundamentos dos patróns subxacentes nos versos, mais non amosa os diferentes graos de acentos, nin as diferentes así como as diferentes densidades e lonxitudes das sílabas.[48]
Existe un debate sobre a utilidade da multiplicidade dos diferentes "pés" á hora de describir a métrica. Por exemplo, Robert Pinsky argumentou que mentres o dáctilo é importante no verso clásico, o verso dáctilo en inglés é moi irregular e podería ser mellor descrito con patróns de iambos e anapestos, os pés que están considerados máis naturais nesta lingua.[49] De feito, o ritmo é significativamente máis complexo que a clasificación métrica devandita, e moitos estudosos buscaron desenvolver sistemas que superaran tal complexidade. Vladimir Nabokov observou que o estándar regular de sílabas tónicas e átonas nunha liña de verso era un patrón distinto de acentos resultantes do natural das palabras faladas, e suxeriu que o termo "scud" para distinguir un acento marcado doutro que non o é.[50]
Patróns métricos
editarAs diferentes tradicións e xéneros de poesía empregan diferentes métricas, dende o pentámetro iámbico de Shakespeare, o hexámetro dactílico de Homero ou o tetrámetro anapéstico empregado nas cantigas de berce. Porén, son comúns as variacións para estabelecer a métrica, co fin de proporcionar énfase e atención a un pé en concreto e para evitar repeticións aburridas. Por exemplo, o acento dun pé pode ser invertido, pode ser engadida unha cesura (ou pausa) e o pé final pode ter un remate feminino para suavizalo ou substituílo por espondeu para subliñar ou crear unha parada. Algúns patróns (como o pentámetro iámbico) tenden a ser bastante regulares, mentres que outros estándares, como o hexámetro dactílico, tenden a ser altamente irregulares.[51] A regularidade pode variar dunha lingua a outra. Ademais, os patróns poden desenvolverse de xeito diferente en función da lingua, xa que o tetrámetro iámbico en ruso reflicte unha regularidade no emprego dos acentos para fornecer a métrica, o cal non ocorre, ou ocorre con menos frecuencia, no inglés.[52]
Algúns patróns métricos salientables, xunto con exemplos de poetas e poemas, poden ser:
- Pentrámetro iámbico: (John Milton en Paradise Lost, William Shakespeare nos seus Sonetos)[53]
- Hexámetro dactílico (Homero, Ilíada; Virxilio, Eneida)[54]
- Tetrámetro iámbicoIambic tetrameter (Andrew Marvell, "To His Coy Mistress"; Aleksandr Pushkin, Eugene Onegin, Robert Frost, Stopping by Woods on a Snowy Evening)[55]
- Octámetro troqueo (Edgar Allan Poe, "The Raven")[56]
- Alexandrino (Jean Racine, Phèdre)[57]
Rima, aliteración, asonancia
editar- Artigos principais: Rima, Verso aliterativo e Rima asonante.
A rima, a aliteración, a asonancia e a consonancia son camiños de crear patróns de son repetitivos. Poden ser empregadas como un elemento estrutural independente nun poema, para fornecer os patróns rítmicos, ou como elemento ornamental.[58] Poden conter un significado distinto dos patróns de son repetitivo creados. Por exemplo, Chaucer empregou a aliteración para burlarse do verso en inglés antigo e para representar unha personaxe como arcaica.[59]
A rima componse de sons idénticos ("rima consonante") ou semellantes ("rima asonante") que se atopan ó final das liñas ou en lugares predicibles dentro das liñas ("rima interna"). Entre as diferentes linguas varía a riqueza das estruturas rítmicas. O italiano, por exemplo, ten unha rica estrutura rítmica que permite manter a rima en todo o poema. A riqueza defínese polos remates de palabras que seguen formas regulares. O inglés, que ten remates de palabras irregulares adoptadas doutras linguas, é menos rico en rima.[60] O grao de riqueza das estruturas rítmicas dunha lingua xoga un papel esencial en determinar que formas poéticas son as máis comúns nesa lingua.[61]
Notas
editar- ↑ Oxford Dictionaries, ed. (2013). "Poetry". Arquivado dende o orixinal o 18 de xuño de 2013. Consultado o 27 de maio de 2016.
- ↑ Merriam-Webster, ed. (2013). "Poetry".
- ↑ Dictionary.com, LLC, ed. (2013). "Poetry". Dictionary.com.
- ↑ Strachan, John R; Terry, Richard, G (2000). Edinburgh University Press, ed. Poetry: an introduction. p. 119. ISBN 978-0-8147-9797-6.
- ↑ Eliot, TS (1999). Faber & Faber, ed. Selected Essays. pp. 13–34. ISBN 978-0-15-180387-3.
- ↑ Longenbach, James (1997). Oxford University Press, ed. Modern Poetry After Modernism. pp. 9, 103. ISBN 0-19-510178-2.
- ↑ Schmidt, Michael, ed. (1999). The Harvill Book of Twentieth-Century Poetry in English. pp. xxvii–xxxiii. ISBN 1-86046-735-0.
- ↑ Hoivik, S; Luger, K (3 de xuño de 2009). "Folk Media for Biodiversity Conservation: A Pilot Project from the Himalaya-Hindu Kush". International Communication Gazette 71 (4): 321–346. doi:10.1177/1748048509102184.
- ↑ Sanders, NK (trans.) (1972). Penguin Books, ed. The Epic of Gilgamesh (Revised ed.). pp. 7–8.
- ↑ Mark, Joshua J. (13 de agosto de 2014). "The World's Oldest Love Poem".
- ↑ ARSU, SEBNEM. New York Times, ed. "Oldest Line In The World". Consultado o 1 de maio de 2015.
- ↑ Ahl, Frederick; Roisman, Hannah M (1996). Cornell University Press, ed. The Odyssey Re-Formed. pp. 1–26. ISBN 0-8014-8335-2.. Outros suxiren que a poesía non perseguía necesariamente a escritura. Goody, Jack (1987). Cambridge University Press, ed. The Interface Between the Written and the Oral. p. 98. ISBN 0-521-33794-1.
- ↑ Ebrey, Patricia (1993). The Free Press, ed. Chinese Civilisation: A Sourcebook (2º ed.). pp. 11–13. ISBN 978-0-02-908752-7.
- ↑ Abondolo, Daniel (2001). Curzon, ed. A poetics handbook: verbal art in the European tradition. pp. 52–53. ISBN 978-0-7007-1223-6.
- ↑ Gentz, Joachim (2008). Kern, Martin, ed. Text and Ritual in Early China. University of Washington Press. pp. 124–148. ISBN 978-0-295-98787-3.
- ↑ Habib, Rafey (2005). John Wiley & Sons, ed. A history of literary criticism. pp. 607–609, 620. ISBN 978-0-631-23200-1.
- ↑ Penguin Books, ed. (1997). Poética de Aristóteles. ISBN 0-14-044636-2.
- ↑ Frow, John (2007). Routledge, ed. Genre. pp. 57–59. ISBN 978-0-415-28063-1.
- ↑ Bogges, WF (1968). "'Hermannus Alemannus' Latin Anthology of Arabic Poetry". Journal of the American Oriental Society 88 (4): 657–70. JSTOR 598112. doi:10.2307/598112. Burnett, Charles (2001). Brill Academic Publishers, ed. Poetry and Philosophy in the Middle Ages: A Festschrift for Peter Dronke. pp. 29–62. ISBN 90-04-11964-7.
- ↑ Grendler, Paul F (2004). Johns Hopkins University Press, ed. The Universities of the Italian Renaissance. p. 239. ISBN 0-8018-8055-6.
- ↑ Kant, Immanuel; Bernard, JH (trans.) (1914). Macmillan, ed. Critique of Judgment. p. 131. Kant defende que a natureza da poesía como unha forma autoconsciente abstracta e fermosa elévase até o máis alto nivel nas artes verbais, con son ou música que a segue, e só despois da prosa máis lóxica e narrativa.
- ↑ Ou, Li (2009). Continuum, ed. Keats and negative capability. pp. 1–3. ISBN 978-1-4411-4724-0.
- ↑ Watten, Barrett (2003). Wesleyan University Press, ed. The constructivist moment: from material text to cultural poetics. pp. 17–19. ISBN 978-0-8195-6610-2.
- ↑ Abu-Mahfouz, Ahmad (2008). "Translation as a Blending of Cultures" (PDF). Journal of Translation 4 (1). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09/03/2012. Consultado o 30/05/2016.
- ↑ Highet, Gilbert (1985). Oxford University Press, ed. The classical tradition: Greek and Roman influences on western literature. pp. 355, 360, 479. ISBN 978-0-19-500206-5.
- ↑ Wimsatt, William K, Jr; Brooks, Cleanth (1957). Vintage Books, ed. Literary Criticism: A Short History. p. 374.
- ↑ Johnson, Jeannine (2007). Fairleigh Dickinson University Press, ed. Why write poetry?: modern poets defending their art. p. 148. ISBN 978-0-8386-4105-7.
- ↑ Jenkins, Lee M; Davis, Alex (2007). Cambridge University Press, ed. The Cambridge companion to modernist poetry. pp. 1–7, 38, 156. ISBN 978-0-521-61815-1.
- ↑ Pinsky 1998, p. 52
- ↑ Fussell 1965, pp. 20–21
- ↑ Schülter, Julia (2005). Walter de Gruyter, ed. Rhythmic Grammar. pp. 24, 304, 332.
- ↑ Yip, Moira (2002). Cambridge University Press, ed. Tone. pp. 1–4, 130. ISBN 0-521-77314-8.
- ↑ Fussell 1965, p. 12
- ↑ Jorgens, Elise Bickford (1982). University of Minnesota Press, ed. The well-tun'd word : musical interpretations of English poetry, 1597–1651. p. 23. ISBN 978-0-8166-1029-7.
- ↑ Fussell 1965, pp. 75–76
- ↑ Walker-Jones, Arthur (2003). Society of Biblical Literature, ed. Hebrew for biblical interpretation. pp. 211–213. ISBN 978-1-58983-086-8.
- ↑ Bala Sundara Raman, L; Ishwar, S; Kumar Ravindranath, Sanjeeth (2003). "Context Free Grammar for Natural Language Constructs: An implementation for Venpa Class of Tamil Poetry". Tamil Internet: 128–136.
- ↑ Brogan, TVF (1995). Princeton University Press, ed. The Princeton handbook of multicultural poetries. p. 86. ISBN 978-0-691-00168-5.
- ↑ Hartman, Charles O (1980). Northwestern University Press, ed. Free Verse An Essay on Prosody. pp. 24, 44, 47. ISBN 978-0-8101-1316-9.
- ↑ Hollander 1981, p. 22
- ↑ Corn 1997, p. 24
- ↑ Corn 1997, pp. 25, 34
- ↑ 43,0 43,1 Annis, William S (xaneiro de 2006). Aoidoi, ed. "Introduction to Greek Meter" (PDF). pp. 1–15.
- ↑ Fondazione Universitaria in provincia di Belluno (ed.). "Examples of English metrical systems" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 08 de marzo de 2012. Consultado o 10 de decembro de 2011.
- ↑ Fussell 1965, pp. 23–24
- ↑ Kiparsky, Paul (setembro de 1975). "Stress, Syntax, and Meter". Language 51 (3): 576–616. JSTOR 412889. doi:10.2307/412889.
- ↑ Thompson, John (1961). Columbia University Press, ed. The Founding of English Meter. p. 36.
- ↑ Pinsky 1998, pp. 11–24
- ↑ Pinsky 1998, p. 66
- ↑ Nabokov, Vladimir (1964). Bollingen Foundation, ed. Notes on Prosody. pp. 9–13. ISBN 0-691-01760-3.
- ↑ Fussell 1965, pp. 36–71
- ↑ Nabokov, Vladimir (1964). Bollingen Foundation, ed. Notes on Prosody. pp. 46–47. ISBN 0-691-01760-3.
- ↑ Adams 1997, p. 206
- ↑ Adams 1997, p. 63
- ↑ tetrameter.com (ed.). "What is Tetrameter?". Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2011. Consultado o 10 de decembro de 2011.
- ↑ Adams 1997, p. 60
- ↑ James, ED; Jondorf, G (1994). Cambridge University Press, ed. Racine: Phèdre. p. 32–34. ISBN 978-0-521-39721-6.
- ↑ Corn 1997, p. 65
- ↑ Osberg, Richard H (2001). Gaylord, Alan T, ed. Essays on the art of Chaucer's verse. Routledge. pp. 195–228. ISBN 978-0-8153-2951-0.
- ↑ Alighieri, Dante; Pinsky Robert (trans.) (1994). Farrar, Straus & Giroux, ed. The Inferno of Dante: A New Verse Translation. ISBN 0-374-17674-4.
- ↑ Kiparsky, Paul (verán de 1973). "The Role of Linguistics in a Theory of Poetry". Daedalus 102 (3): 231–244.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Poesía |
Outros artigos
editarBibliografía
editar- Adams, Stephen J (1997). Broadview, ed. Poetic designs: an introduction to meters, verse forms and figures of speech. ISBN 978-1-55111-129-2.
- Corn, Alfred (1997). Storyline Press, ed. The Poem's Heartbeat: A Manual of Prosody. ISBN 1-885266-40-5.
- Fussell, Paul (1965). Random House, ed. Poetic Meter and Poetic Form.
- Hollander, John (1981). Yale University Press, ed. Rhyme's Reason. ISBN 0-300-02740-0.
- Pinsky, Robert (1998). Farrar, Straus and Giroux, ed. The Sounds of Poetry. ISBN 0-374-26695-6.
- Brooks, Cleanth (1947). Harcourt Brace & Company, ed. The Well Wrought Urn: Studies in the Structure of Poetry.
- Finch, Annie (2011). University of Michigan Press, ed. A Poet's Ear: A Handbook of Meter and Form. ISBN 978-0-472-05066-6.
- Fry, Stephen (2007). Arrow Books, ed. The Ode Less Travelled: Unlocking the Poet Within. ISBN 978-0-09-950934-9.
- Pound, Ezra (1951). Faber, ed. ABC of Reading.
- Preminger, Alex; Brogan, Terry VF; Warnke, Frank J. Princeton University Press, ed. The New Princeton Encyclopedia of Poetry and Poetics (3º ed.). ISBN 0-691-02123-6.