Hidra de Lerna

criatura da mitoloxía grega

A Hidra de Lerna (en grego antigo Λερναία Ὕδρα) era un monstro acuático da mitoloxía grega, con forma de serpe de múltiples cabezas (policefalia), con tres, cinco ou nove cabezas (ata cen, segundo a fonte)[1]. Matouna Heracles no segundo dos seus Doce Traballos.

Heracles e Iolao contra a Hidra de Lerna (Zurbarán, Museo do Prado)

Vivía no lago de Lerna, no golfo da Argólida (próximo a Nauplia, Grecia) e de cando en vez saía a terra firme para devorar o gando que atopara. A lenda conta que a Hidra gardaba unha entrada ó Inframundo que existía baixo as augas do lago.

Mitoloxía

editar

A Hidra era filla de Tifón e Equidna (descendentes de Ponto e Xea); algunhas tradicións din que foi a nai de Quimera [2].

"Con ela [coa pérfida Equidna] din que se uniu amorosamente Tifón, o temible, o insolente, o fóra da lei, e deu a luz fillos de temible mente, ...o can Orto para Xerión, ... o salvaxe Cerbero... e a perversa Hidra de Lerna".
(Hesíodo: Teogonía 307-314)

Foi criada por Hera baixo un plátano, preto da fonte Amimone, en Lerna, co obxectivo de matar a Heracles [3]. Ademais das súas varias cabezas (por veces representadas como cabezas humanas), exhalaba un bafo velenoso, que podía matar a quen se lle achegase, mesmo se ela estaba a durmir.

Para matar este monstro, Heracles contou coa axuda do seu sobriño Iolao [4]. Ademais de dispararlle frechas ardendo, cortoulle as cabezas cunha cimitarra ou esmagounas coa súa maza. Pero como Hidra posuía a capacidade de rexenerar unha ou dúas cabezas por cada unha que perdía, Iolao cauterizaba a ferida con tizóns obtidos de incendiar un bosque. A cabeza central era inmortal, pero Heracles puido cortala e enterrala baixo unha gran rocha.

A maiores, Hera mandou contra el un caranguexo xigante, que chegou a trabarlle un talón, pero Heracles desfíxose del e esmagouno. En agradecemento, Hera recompensouno converténdoo na constelación de Cáncer.

Despois, Heracles impregnou as súas frechas co sangue de Hidra, conseguindo así que as feridas que provocaran foran incurables; segundo Hixino (30, 3), untou as frechas coa bile da hidra, co mesmo resultado. De feito, loitando contra os centauros, feriu accidentalmente ó centauro Quirón, causándolle a morte; esta mesma propiedade das súas frechas serviulle para poder dar morte ós Xigantes no transcurso da guerra dos Xigantes contra os deuses olímpicos (Xigantomaquia).

"Como segundo traballo, [Euristeo] ordenoulle matar á Hidra de Lerna. Esta criárase no pantano e adoitaba saír a terra e destruír gandos e terras. Posuía a Hidra un corpo de descomunal tamaño, con nove cabezas, oito mortais e a do centro inmortal. Heracles chegou a Lerna, … cando descubriu á Hidra nun outeiro, xunto ás fontes de Amimone, onde estaba o seu tobo, obrigouna a saír lanzando contra ela frechas ardendo e, cando saíu dominábaa e mantíñaa suxeita; porén, ela, enroscándose a un dos seus pés, aferrábase a el; nada positivo lograba ó golpear coa maza as súas cabezas, pois cada vez que machucaba unha, brotaban dúas no seu lugar. Ademais acudiu en axuda da Hidra un enorme carangueza que lle trabou o pé; matouno e a súa vez tamén chamou el na súa axuda a Iolao, que plantou lume a unha parte dun bosque próximo, e quemando cos tizóns os couces das cabezas, impediu que brotasen de novo. Unha vez que desta forma salvou a proliferación das cabezas, cortoulle a cabeza inmortal e enterrouna colocando por riba unha pesada pedra… Logo abriu o corpo da Hidra e impregnou as frechas coa súa bile".
Pseudo-Apolodoro II, 5, 2

Algúns mitógrafos teñen a hipótese de que a lenda naceu do rei Lerno, do país de Hidra, que se protexía dun séquito de 50 arqueiros, que se substituían inmediatamente cando algún caía.

Iconografía

editar

A loita coa Hidra de Lerna foi un motivo recorrente para artistas clásicos e modernos, un dos Traballos máis representados na arte. Representouse xa nun frontón da Acrópole de Atenas, de cara ao 560 a.C. No Renacemento represéntase como un dragón medieval (Antonio Pollaiolo, Guido Reni ou Pierre Puget), para recuperar posteriormente a forma de serpe xigantesca.

Galería de arte

editar

Zooloxía e orixe da taxonomía

editar

En abril de 1735 Carl von Linné foi aos Países Baixos, con Linné coa idea de conseguir o grao de doutor en medicina na Universidade de Harderwijk.[5] No camiño detivéronse en Hamburgo onde tiveron un encontro co alcalde, quen orgullosamente lles mostrou unha marabilla da natureza que posuía: os restos embalsamados dunha suposta hidra de Lerna de sete cabezas. Linné enseguida viu que era falsa e que se trataba en realidade de mandíbulas e pés de donicelas pegadas a peles de serpes. A procedencia da hidra fixo pensar a Linné que fora fabricada por monxes para representar a besta da Apocalipse. Aínda que isto podía preocupar o alcalde, Linné fixo públicas as súas observacións e o soño do alcalde de vender a hidra por unha suma enorme arruinouse. Tendo medo da súa ira, Linné marchou de Hamburgo.[6][7] Albertus Seba debuxou a hidra mitolóxica en diversas versións, como se estivese facendo en realidade ilustración científica. Este episodio foi fundamental para o desenvolvemento da taxonomía biolóxica, xa que a primeira reputación de Linné se construíu ao desmitificar a hidra de Hamburgo como un engano.[8]

Hydra é tamén un xénero de cnidarios coñecidos vulgarmente como hidras, que teñen un asombroso poder de rexeneración, ao que alude o seu nome, que provén da hidra da mitolóxica, á cal, cando se lle cortaba unha das súas cabezas, lle crecían dúas no seu lugar.

  1. Para Pausanias só tiña unha cabeza; para Pseudo-Apolodoro, nove; para Diodoro e Ovidio, cen ("Reproducíase esta [a víbora de Lerna] coas feridas e ningunha cabeza, de entre as cen que tiña, foille cortada impunemente (Metamorfosis IX, 70-71)).
  2. "A Hidra deu a luz a Quimera, que exhala indómito lume, terrible, enorme, de pés rápidos e violenta" (Hesíodo: Teogonía 319-320).
  3. Lémbrese que Hera, a esposa de Zeus, perseguía ás amantes do deus, así como ós fillos extramaritais, e que Heracles era fillo de Zeus e de Alcmena.
  4. Por tal motivo, por recorrer a axuda externa, Euristeo non aceptou a validez deste traballo no cómputo dos que Heracles debía cumprir para ser perdoado do asasinato da súa muller e fillos.
  5. Stöver, Dietrich Johann Heinrich, páx. 71
  6. Anderson, Margaret J., páx. 60–61
  7. Blunt, Wilfrid, páx. 90
  8. "Demystifying the Hamburg Hydra and the_Origin of Genre; Carl Linnaeus and the Politics of the Aesthetic Commodity-Form". researchgate.net. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • CARMONA MUELA, Juan: Iconografía clásica. Guía básica para estudiantes. Akal/Istmo, 5ª ed, 3ª reimpr. 2018.
  • ELVIRA BARBA: Miguel Ángel: Arte y mito. Manual de iconografía clásica. Sílex, 3ª ed. 2017.
  • FRANCO LLOPIS, Borja, e outros: Imágenes de la tradición clasica y cristiana. Una aproximación desde la iconografía. Editorial Universitaria Ramón Areces, Madrid 2018.
  • GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
  • HESÍODO: Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
  • Hesíodo. Teogonía. Universidad de Salamanca. Curso 2009-2010. 11638: LUZ, MOLÉCULAS Y VIDA.
  • Károly Kerényi: The Heroes of the Greeks (1959).
  • PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].