Dieta
O termo dieta vén do grego díaita, que significa "forma de vida", e designa o conxunto de alimentos que unha persoa ou animal consome de forma habitual, por razóns culturais, gastronómicas ou de saúde. En ocasións confúndese dieta con réxime especial para baixar de peso ou para tratar certas enfermidades, pero a realidade é que, boa ou mala, todo ser humano ten a súa dieta.
Trátase do conxunto de hábitos ou comportamentos alimenticios ou nutricionais dunha persoa ou poboación. A dieta forma parte do estilo de vida, da cultura, e vese afectada polos factores sociais e económicos das persoas.
Condicionantes da dieta
editarA conformación da inxesta ou dieta está condicionada pola dispoñibilidade de alimentos que, evidentemente, depende das condicións climáticas, edafolóxicas e de localización xeográfica de cada rexión, pero tamén é consecuencia de razóns relixiosas, culturais e ideolóxicas ou de fenómenos históricos, sociais, económicos e políticos.
A alimentación, consecuencia de moitos factores, confórmase tamén tendo en conta aspectos individuais, que na escala de preferencias son moi variables, condicionados por múltiples axentes que actúan en función de preferencias estéticas, gastronómicas etc. que, á súa vez, están influídas, entre outros, pola publicidade ou a dispoñibilidade de medios.
Variedade da dieta
editarA variedade da alimentación, mesmo nun mesmo país, rexión ou familia, podería disuadir da súa análise conxunta e, porén, aínda tendo en conta os aspectos puntuais, hai unha gran parte da poboación que está afectada por condicionantes comúns que fan que as similitudes sexan, a pesar de todo, tantas que permiten establecer as liñas xerais da nutrición, a alimentación, a dieta e a gastronomía, porque ademais dos factores que tenden a crear diferenzas hai outros que, polo contrario, fan que a alimentación tenda a ser homoxénea, como é, por exemplo, a necesidade de facer comidas fóra da casa.
A dieta mundial
editarTodo depende da rexión e relixión na que se encontre. Xa sexa por costume ou por facilidade dos alimentos ou dependendo do estado climático. Pero en cada rexión trátase de establecer certos tipos de comidas; algunhas son saudables e outras non.
A dieta mediterránea
editarPara que unha dieta sexa equilibrada ten que ser variada. O mellor exemplo de dieta equilibrada é a dieta tradicional dos países da costa mediterránea. Caracterízase porque :
- A base da alimentación constitúena os glícidos achegados polas froitas e verduras frescas, os cereais e os seus derivados, e os legumes.
- As proteínas procedentes máis do peixe que da carne.
- A principal graxa que se emprega é o aceite de oliva, tanto para cociñar como para condimentar os alimentos.
A dieta mediterránea considérase moi saudable porque achega unha cantidade axeitada de glícidos ricos en fibra, abundantes vitaminas e as graxas proceden do aceite de oliva e do peixe.
Cantidade e calidade da dieta
editarCando unha sociedade evoluciona positivamente ten máis opcións na elección de alimentos e isto leva aparellado que os máis aprezados se consuman con máis frecuencia. Sucede, ademais, que os alimentos máis desexados adoitan ser nutricionalmente máis ricos, polo que as enfermidades por falta de nutrientes teñen cada vez menor incidencia e por este motivo, en poucos anos, quedaron na lembranza carencias que durante moito tempo estivieron estendidas. A inxesta de alimentos máis ricos, máis concentrados en nutrientes, que nos proporcionan máis pracer, non supón que consigan estados nutricionais perfectos, o que ocorre é que cambian as enfermidades. Por sorte, o mellor coñecemento da nutrición, dos nutrientes, da fisioloxía e, en xeral, da relación alimentos-organismo, permítenos tomar as medidas oportunas para chegar a obter os mellores resultados. Todas as cociñas, mesmo as máis autóctonas e tradicionais evolucionaron e nelas produciuse un fenómeno de desenvolvemento e refinamento a través das xeracións.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Dieta |
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- OMS A dieta segundo a OMS (Organización Mundial da Saúde)
- Calculadora dietética Aplicación onde se pode facer unha dieta on-line