Economía
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde abril de 2012.) |
Economía (do grego οίκος [oikos], 'casa', e νομος [nomos], 'regra', polo tanto "dirección dunha casa") é unha ciencia social que estuda a produción, distribución, comercio e consumo de bens e servizos[1].
A economía, céntrase no comportamento e as interaccións dos axentes económicos e en cales son os mecanismos da actividade económica. A microeconomía trata dos axentes individuais, como fogares e empresas, e os mercados. A macroeconomía considera a economía na súa totalidade (isto é, a produción, oferta e demanda agregadas de diñeiro, capital e mercancías; o aforro e o investimento) e factores que lle afectan, incluíndo o emprego de recursos (traballo, capital e terra), a inflación, o crecemento económico, e as políticas públicas que dirixen estes factores (políticas monetaria, fiscal e outras).
A economía dise normativa cando recomenda unha opción sobre outra, ou cando fai un xuízo subxectivo de valor. Pola contra, a economía dise positiva cando intenta predicir e explicar obxectivamente as consecuencias de eleccións, dadas unha serie de premisas e/ou un conxunto de observacións. A elección de que premisas facer na construción dun modelo así como que observacións destacar son, non obstante, normativas[2]. Os aspectos que reciben a particular atención en economía son: asignación de recursos, produción, distribución, comercio, e competencia. A lóxica económica aplícase cada vez máis a calquera problema que implique a elección en situación de escaseza ou determinar un valor económico.
Outras divisións da economía son: economía teórica e economía aplicada; racional e comportamental; e ortodoxa e heterodoxa. O paradigma económico preponderante é unha combinación da economía neoclásica e da macroeconomía chamada a síntese neoclásica. Varias escolas de economía heterodoxa intentan explicar os fenómenos económicos utilizando premisas, formalismos ou paradigmas diferentes.
A análise económica aplícase amplamente na sociedade, no mercado inmobiliario[3], na empresa[4], nas finanzas, no coidado da saúde[5], e no goberno[6]. Tamén se usa en campos tan diversos como o crime[7], a educación[8], a familia[9], o dereito[10], a política, a relixión[11], as institucións sociais, a guerra[12], a ciencia[13], e o medio ambiente[14]. No cambio ao século XXI, a presenza crecente da economía nas ciencias sociais describiuse como o imperialismo da economía[15].
A persoa que traballa nun dos moitos campos da economía ou que ten un grao académico nesta materia é un economista.
Definicións da economía
editarHai un fato de definicións, pasadas e presentes, que se aplicaron primeiro ó termo economía política e logo o termo actual de economía. John Maynard Keynes comentou unha vez que a "economía é a ciencia do pensamento." Podemos dicir que o obxecto de estudo da economía mudou desde o estudo da "riqueza" ao "benestar" e ao estudo das compensacións (trade-offs).
Definición baseada na riqueza
editarAs definicións máis temperáns da economía política eran declaracións simples, elegantes que a definían como o estudo da riqueza. Adam Smith, considerado xeralmente como o pai da economía, autor de Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións (coñecida xeralmente como A riqueza das nacións) define a economía simplemente como "a ciencia da riqueza." Smith ofreceu outra definición, "a ciencia referente aos leis da produción, distribución e intercambio." A riqueza definiuse coma a especialización do traballo que permitía que unha nación producise máis coa súa oferta de traballo e de recursos. Esta definición afastou a Smith e a Hume das definicións anteriores que definiron a riqueza como ouro. Hume argüíu que o ouro sen incremento da actividade simplemente aumentaba os prezos.
Definición baseada no benestar
editarJohn Stuart Mill definiu a economía como "a ciencia práctica da produción e distribución da riqueza"; esta definición foi adoptada polo Dicionario sucinto de Oxford. Para Mill, a riqueza defínese como o stock de cousas útiles.
As definicións en termos da riqueza acentúan a produción e o consumo, e non se ocupan das actividades económicas non perceptiblemente implicadas nestes dous procesos (por exemplo, xubilados, esmoleiros). Para os economistas deste período, a actividade non produtiva é un custo para a sociedade. Esta interpretación deu a economía unhas miras estreitas que foi rexeitado por moitos por colocar á riqueza en primeiro plano e ao home en segundo lugar.
Definición baseada na escaseza
editarUnha definición que capta boa parte da teoría económica é a de Lionel Robbins nun ensaio de 1932: "a ciencia que estuda a conduta humana como a relación entre fins e medios escasos que teñen usos alternativos". Escaseza significa que os recursos dispoñíbeis son insuficientes para satisfacer todos os desexos e necesidades. A ausencia de escaseza e os usos alternativos dos recursos dispoñíbeis non é un problema económico. Deste xeito a economía atinxe o estudo da elección ou escolla, influída por incentivos e recursos.
Campos de estudo na economía
editarO campo de estudo da economía pode ser dividido de varios xeitos, os máis comúns son a microeconomía e a macroeconomía. A economía pode dividirse tamén en positiva ("o que é") e normativa ("o que debería ser"), e por subcampos. Os seus métodos teñen acrecentado a súa aplicación a outros espazos de estudo que engloban ás persoas encarando situacións electivas, incluíndo a educación, a economía familiar, a política, a saúde e a lei.
Microeconomía e macroeconomía
editarA economía divídese polo normal en dúas ramas bastante amplas:
- Microeconomía, que estuda o comportamento económico de actores individuais como empresas, familias, e individuos, co obxectivo de entender o proceso de toma de decisións ante unha escaseza e as consecuencias da asignación destas decisións.
- Macroeconomía, que estuda unha economía como un conxunto ou un agregado de individuos coa intención entender a interacción entre agregados económicos, como agora o ingreso nacional, a ocupación e a inflación. A teoría do equilibrio xeral combina conceptos desde un punto de vista macroeconómico, pero cunha construción microeconómica.
Algúns economistas tentarán unir estas dúas ramas ou rexeitarán as súas diferenzas, especialmente durante os anos setenta e oitenta do século XX. Na actualidade, o consenso é que a macroeconomía teña un fundamento microeconómico sólido, é dicir, as premisas macroeconómicas deben ter unha base na microeconomía.
A economía tamén se pode dividir en numerosas subdisciplinas que non por forza pertencen exclusivamente a unha das dúas grandes ramas citadas. Algunhas destas subdisciplinas son: a economía internacional, a economía laboral, a economía do benestar, a neuroeconomía, a economía da información, a economía dos recursos, a economía medio ambiental, a economía administrativa, a economía financeira, a economía do desenvolvemento e a xeografía económica.
Os economistas utilizan métodos matemáticos avanzados na investigación, que desenvolve unha especialidade como a econometría, ou uso de técnicas estatísticas aplicadas ao estudo dos datos económicos.
Economía positiva e economía normativa
editarA economía é positiva cando tenta explicar as consecuencias das diferentes eleccións ante un conxunto de suposicións ou de observacións dadas; é normativa cando prescribe unha certa acción que ten de realizarse. A esencia da economía é o estudo dos incentivos e das eleccións baixo un conxunto de restricións. A aplicación da economía é moi ampla: os economistas teñen estudado temas relacionados coas institucións políticas, a pena de morte, a educación etc.
Premisas económicas
editarOferta e demanda
editarNa teoría microeconómica a oferta e a demanda tenta describir, explicar e predicir o prezo e a cantidade de bens que se venden nos mercados competitivos. É un dos modelos máis básicos utilizados na construción de modelos e teorías máis detalladas.
En termos xerais, esta teoría afirma que se a demanda dos consumidores é superior á cantidade de bens producidos, o prezo incrementase. Co mesmo razoamento, o exceso de oferta causa un decrecemento no prezo dos produtos. Este proceso continúa ata chegar a un punto equilibrio no cal no ha ningún motivo para cambiar nin o prezo nin a cantidade producida. Este punto denominase equilibrio do mercado.
Prezo
editarPara medir o fluxo da oferta e a demanda, é necesario un valor mensurábel cuantitativo. O valor máis antigo e máis utilizado é o prezo, ou taxa de cambio entre compradores e vendedores nun mercado. A teoría do prezo, polo tanto, analiza o movemento das cantidades mensurábeis no tempo, e a relación entre o prezo e outras variábeis censurábeis. Unha gran parte da teoría económica está baseada no prezo e na teoría da oferta e a demanda; o prezo é o medio máis eficiente para comunicar os cambio da economía.
Nalgúns modelos económicos prácticos, porén, hai unha "fricción económica", é dicir, unha restrición no movemento dos prezos que impide que o mercado chegue ao equilibrio. Por outra banda, hai controversia sobre a utilización do prezo como variábel económica, xa que existen elementos importantes da economía que non están relacionados co prezo.
Escaseza
editarA escaseza é un punto central da teoría económica. A análise económica estuda a maximización dalgunha cousa (tempo de lecer, riqueza, sanidade, felicidade; todos reducidos ao concepto de utilidade) suxeita a restricións. Estas restricións, como agora a escaseza, estabelecen un sacrificio ou intercambio. Por exemplo, un pode recibir máis diñeiro traballando máis, pero con menos tempo libre (o tempo é escaso). Pódense comer máis espárragos, sacrificando, por exemplo, patacas (a terra fértil é escasa, e o orzamento persoal tamén).Este concepto está ligado co concepto de custo de oportunidade.
Marxinalismo
editarNa teoría económica marxinalista, creada pola Escola austríaca a fins do século XIX, o nivel dos prezos está determinado polo custo marxinal e pola utilidade marxinal. O prezo de todos os bens será o custo de fabricar o último que a xente poderá adquirir, e o prezo de todos os empregados dunha empresa será o custo de contratar o último que o negocio necesita. O marxinalismo investiga as decisións baseadas nas marxes, que é o custo de producir a seguinte unidade, fronte a canto se espere recobrar en rendemento. Cando o retorno marxinal dunha acción atinxe cero, esa acción cesa. A utilidade marxinal é a cantidade de satisfacción ou uso que recibe unha persoa dunha adquisición en contraste cun gasto menor. Os beneficios marxinais están a miúdo suxeitos a rendementos decrecentes: obtense un menor beneficio dunha maior produción ou consumo.
Un antigo exemplo pode ilustrar esta teoría: o paradoxo da auga e do diamante. A auga ten un valor menor do que o diamante, por ser este último máis escaso e máis custoso de obter. Porén, como o ilustrara Condillac (Le Commerce et le Gouvernement considérés l'un relativement à l'autre: O Comercio e o Gobernos considerados reciprocamente), un home sedento pagará unha cantidade moi importante por un vaso de auga. O valor resulta así da dispoñibilidade dun ben nun lugar dado. Porén, unha vez consumido o primeiro vaso de auga, e logo un segundo e un terceiro, a utilidade marxinal, moi importante no primeiro vaso, decrece nitidamente tanto que o último vaso (antes do estado de "saciedade", na que o consumo xa non entraña satisfacción suplementaria) non ten case valor. De xeito inverso, o diamante posúe unha utilidade marxinal final moito máis importante e o seu prezo mantense.
Valor
editarO concepto de valor é medular en economía. Unha medida observábel do mesmo é o prezo de mercado.
Adam Smith definiu o traballo como a fonte subxacente do valor e a teoría do valor do traballo subxace na obra de Karl Marx, David Ricardo e outros economistas clásicos. Esta teoría argumenta que o prezo dos bens ou servizos equivale ao traballo que leva producilos. Para moitos, este valor determina un prezo da mercadoría. Esta teoría do prezo do traballo e a, estreitamente vencellada, teoría do valor de custo de produción dominou a obra da maioría dos economistas clásicos, pero distan de ser a única base aceptada para o valor. Por exemplo, a Escola austríaca de economistas usa a teoría do valor marxinal.
Economistas neoclásicos, como John R. Hicks, no seu libro Value and Capital, diferencian valor (como determinado polo lado da demanda) fronte a custo (do lado da oferta), co prezo determinado por demanda e oferta. Nun mercado competitivo, oferta e demanda interactúan para determinar o prezo e equilibrar custo e valor. A análise económica considera non só a asignación de output para diferentes usos, senón tamén a distribución da renda, nos factores de produción, incluíndo traballo e capital, a través de mercados de factores.
Linguaxe e razoamento económico
editarA economía ten o seu fundamento no razoamento rigoroso e lóxico. A metodoloxía económica está conformada por:
- A recolleita de datos: datos de variables mensurábeis (como o prezo ou os cambios no prezo).
- Formulación de modelos de relacións económicas: por exemplo, a relación entre o nivel xeral dos prezos e o nivel xeral de desemprego. A formulación inclúe formas observábeis da actividade económica, como numerario, consumo, preferencias, compras, vendas, e prezos. Algúns modelos son modelos de contabilidade sinxelos; outros postulan un comportamento económico específico, como a maximización da utilidade ou de beneficios.
- A produción de estatísticas económicas: cos datos e o modelo aplicado, prodúcese unha representación dunha actividade económica.
- Razoamento cos modelos económicos: o proceso de razoamento a miúdo se efectúa con matemática avanzada. Como nas demais ciencias, as conclusións do modelo teñen un valor preditivo e de confirmación / rexeitamento das hipóteses de relación entre as diferentes variábeis.
Desenvolvemento do pensamento económico
editarO termo economía foi introducido arredor de 1870 e popularizado polos influentes economistas neoclásicos, como Alfred Marshall, en substitución do anterior termo: economía política, que concernía máis no relativo ao Estado. Este último termo foi usado durante os séculos XVIII e XIX, por Adam Smith, David Ricardo e Karl Marx, entre outros pensadores, aos cales na actualidade acostuman ser citados como forxadores da teoría clásica da economía.
O pensamento económico dun xeito aproximado pode dividirse en tres fases: Premoderno: correspondería ao Mundo Antigo ata a Idade Media. Moderno temperán: incluiría teorías como o Mercantilismo e a Fisiocracia. Moderno: desde Adam Smith, na segunda metade do XVIII, ata a actualidade. Joseph Schumpeter, na súa "Historia da Análise económica", acredita o desenvolvemento do estudo científico da economía desde a Escolástica tardía, particularmente na España dos séculos XV e XVI.
Escolas do pensamento económico
editarA teoría económica comeza coa premisa de que os recursos son escasos e que é necesario escoller entre varias alternativas en competencia. Perante a escaseza, elixir unha alternativa implica esquecer outras alternativas: o custo de oportunidade. O custo de oportunidades crea unha relación de prezo, implícito, entre as alternativas competitivas. Tanto en mercados orientados, como en mercados de economías planificadas, a escaseza é explicitamente cuantificada por relacións entre prezos.
A moderna teoría económica edificouse, primariamente, sobre a economía neoclásica, que comezou a desenvolverse no final do XIX, e modelos de elección na asignación de recursos escasos.
A economía neoclásica, é a forma dominante de economía utilizada hoxe, constituíndo a fonte principal da teoría económica. Ás veces é denominada, polos seus críticos, economía ortodoxa. Lionel Robbins, en An Essay on the Nature and Significance of Economic Science (1932) dou a definición de Economía axeitada a esta corrente: "a ciencia que estuda a conduta humana como unha relación entre medios escasos que ten usos alternativos". Escaseza significa que os recursos de que se dispón son insuficientes para satisfacer todos os desexos e necesidades: se non hai escaseza e tampouco usos alternativos de recursos dispoñibles, entón non hai un problema económico.
Hai varias correntes de economía heterodoxa, que son menos usadas pola teoría económica. Pódense incluír: a economía institucional, a economía marxista, o socialismo, e a economía verde:
- Cara 1830 converxen unha serie de pensadores (Charles Fourier, Louis Blanc, Pierre Joseph Proudhon), críticos cos economistas clásicos, coñecidos como socialistas utópicos, que propugnan a reforma da nacente sociedade capitalista, por medio de iniciativas privadas, que dividise entre todos o traballo e os produtos de consumo producido. Entre eles, o francés Saint-Simon propugna unha intervención tecnocrática do Estado, sobre a produción industrial, por medio da planificación, a fin de mellorar as condicións da clase traballadora.
- Thorstein Veblen publica en 1899, Why is Economics not an Evolutionary Science?, escrito que funda a Escola de economía institucional. Rexeita numerosos postulados da escola neoclásica, como o hedonismo individual xustificando a noción de utilidade marxinal, ou a existencia dun equilibrio estábel cara ao cal converxe a economía de xeito natural. A economía institucional é herdeira da Escola histórica alemá, e desenvolveuse especialmente nos Estados Unidos.
- O marxismo repousa nunha visión filosófica do mundo, á cal a economía está intimamente ligada. A economía de Marx descansa en conceptos existentes (o traballo, a propiedade, o consumo, a produción, o capital, o diñeiro,...), que Marx completou e sobre todo redefiniu. Desenvolveu especialmente a teoría do valor e o valor do traballo, que retoma dos clásicos ingleses (en particular de David Ricardo).
Notas
editar- ↑ Krugman, Paul; Wells, Robin (2013). Economics (en inglés) (3ª ed.). Worth Publishers. p. 2. ISBN 978-1464128738.
- ↑ Caplin, Andrew; Schotter, Andrew, eds. (2010). The Foundations of Positive and Normative Economics: A Handbook (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-532831-8.
- ↑ Annamoradnejad, Rahimberdi; Safarrad, Taher; Annamoradnejad, Issa; Habibi, Jafar (2019). IEEE, ed. "Using Web Mining in the Analysis of Housing Prices: A Case study of Tehran". 2019 5th International Conference on Web Research (ICWR) (en inglés) (3ª ed.) (Teherán, Irán): 55–60. ISBN 9781728114316. doi:10.1109/ICWR.2019.8765250. Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Dielman, Terry E. 1952- (2001). Duxbury/Thomson Learning, ed. Applied regression analysis for business and economics (en inglés). ISBN 0534379559. OCLC 44118027.
- ↑ Tarricone, Rosanna (2006). Elsevier Ireland Ltd., ed. "Cost-of-illness analysis". Health Policy (en inglés) 77 (1): 51–63. doi:10.1016/j.healthpol.2005.07.016. Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ King, David (2018). Fiscal Tiers: the economics of multi-level government (en inglés). Routledge. ISBN 1138648132. OCLC 1020440881.
- ↑ Friedman, David D. "Crime". En The Library of Economics and Liberty. The Concise Encyclopedia of Economics (en inglés). Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Banco Mundial, ed. (21 de xaneiro de 2019). "Education Finance: Using Money Effectively is Critical to Improving Education" (en inglés). Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Becker, Gary S. (1976). The Economic Approach to Human Behavior (en inglés). University of Chicago Press. pp. 169-171. ISBN 0-226-04112-3.
- ↑ Rubin, Paul H. "Law and Economics". En The Library of Economics and Liberty. The Concise Encyclopedia of Economics (en inglés). Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Iannaccone, Laurence R. (setembro de 1998). American Economic Association, ed. "Introduction to the Economics of Religion" (PDF). Journal of Economic Literature (en inglés) 36 (3): 1465–1495. Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Kaysen, Carl; Miller, Steven E.; Malin, Martin B.; Nordhaus, William D.; Steinbruner, John D. (2002). "The Economic Consequences of a War with Iraq". En American Academy of Arts and Sciences. War with Iraq: Costs, Consequences, and Alternatives (PDF) (en inglés). Cambridge, Massachusetts. pp. 51–85. ISBN 0-87724-036-1. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de febreiro de 2007. Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Arthur M. Diamond Jr. (7 de decembro de 2007). "Science, Economics of". En Durlauf, Steven N.; Blume, Lawrence E. The New Palgrave Dictionary of Economics (en inglés) (2ª ed.). Palgram Macmillan. pp. 328–334. ISBN 978-0-333-78676-5. doi:10.1057/978-1-349-95121-5_2350-1. Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Towards a Green Economy: Pathways to Sustainable Development and Poverty Eradication (PDF) (Informe) (en inglés). United Nations Environment Programme. 2011. Consultado o 17 de decembro de 2019.
- ↑ Lazear, Edward P. (febreiro de 2000). "Economic Imperialism". Quarterly Journal of Economics (en inglés) (Oxford University Press) 115 (1): 99–146. doi:10.1162/003355300554683. Consultado o 17 de decembro de 2019.
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Economía |