Saltar ao contido

Xigantomaquia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Poseidón, armado co tridente e coa illa de Nísiros nos seus ombros, acabando co xigante Polibotes (vaso de figuras vermellas, c. 500–450 a. C.)

A xigantomaquia[1][2] (do grego antigo γιγαντo-μαχια, literalmente 'guerra dos xigantes') é un episodio da mitoloxía grega que segue á Titanomaquia.

Os Xigantes son fillos de Xea e Urano, que se rebelaron contra os deuses e tentaron ocupar o Olimpo. Foron derrotados e exterminados polos deuses, que contaron coa axuda de Heracles.

A rebelión dos Xigantes

[editar | editar a fonte]
Un Xigante loitando contra Artemisa (relevo no Vaticano)
As Moiras dando morte a Agrio e Toante (Altar de Pérgamo)

No comezo da guerra, os Xigantes subiron ás alturas e lanzaron contra o Monte Olimpo rochas como montañas e aciñeiras acesas.

Hera advertiu a Zeus que os deuses sós non poderían acabar cos Xigantes, xa que estes só podían morrer polos golpes simultáneos dun deus e un simple mortal [3]. Por tal razón, Zeus encargou a Atenea que fose buscar a Heracles, ó que acaía esa descrición.

Así mesmo, Hera dixo que cumpría evitar que Xea conseguise a herba da invulnerabilidade, que só medraba baixo terra. Entón, Zeus prohibiu saír a Helios (o Sol), Selene (a Lúa) e Eos (a Aurora) para manter a terra na escuridade e, iluminado só pola luz das estrelas, deu con ese lugar secreto e apoderouse da herba, que levou ó ceo, onde estaría a seguro.

Unha vez tomadas estas precaucións comezou a batalla propiamente dita, na que participaron case tódolos deuses [4]. Os mitógrafos van narrando, en case tódolos casos, a loita por parellas, de xeito que cada deus acaba cun xigante, sempre co apoio de Heracles que estaba atento para asestar o golpe definitivo. Este emparellamento recolleríase nas métopas do Partenón, quedando así fixadas para a arte dos séculos seguintes.

Heracles disparou as súas frechas contra Alcioneo, pero cando este caía en terra recuperábase inmediatamente (fortalecido polo contacto coa súa nai Terra). Entón, seguindo o consello de Atenea, Heracles arrastrou a Alcioneo (ou cargouno sobre as costas) e sacouno dos lindes de Flegras, e así puido darlle morte a golpes da súa maza.

Porfirión conseguiu saltar ó ceo, e os deuses caeron ó chan agás Atenea, que se mantivo en actitude de defensa. O xigante foi por Hera e intentou esganala, pero resultou ferido por unha frecha de Eros e, cheo de luxuria, arrincoulle o vestido para violala [5]. Cando o veu Zeus, lanzou o seu raio contra Porfirión e derribouno, pero volveu a erguerse e nese momento caeu ferido de morte cunha frecha de Heracles.

Efialtes loitaba con Ares e xa estaba vencéndoo, cando foi alcanzado por unha frecha de Apolo no ollo esquerdo e outra de Heracles no ollo dereito.

Éurito caeu baixo os golpes do tirso de Dioniso [6], Hécate queimou cos seus fachos a Clitio, Hefesto abrasou a Mimante cun caldeiro de metal fundido ou pedazos de ferro incandescente, e Atenea aplastou a Palante baixo unha rocha; logo, Atenea desollou a Palante e serviuse da súa pel como coiraza. As Moiras mataron a Agrio e Toante cos seus morteiros metálicos.

O resto dos Xigantes, vendo que ían perdendo a batalla, intentaron fuxir, sen conseguilo. Atenea aplastou a Encélado baixo unha enorme rocha, que deu lugar á illa de Sicilia, e Poseidón fixo outro tanto cun cacho da illa de Cos e sepultou a Polibotes baixo o que hoxe é o illote de Nísiros.

Hermes, protexido co casco da invisibilidade de Hades, acabou con Hipólito, e Artemisa matou a Gratión. O resto dos xigantes foron abatidos por Ares e Zeus e rematados por Heracles.

A Xigantomaquia tivo lugar en Flegras (Tracia), de onde eran orixinarios os Xigantes, aínda que Pausanias di que se desenvolveu na Arcadia, nas beiras do río Alfeo.

Iconografía

[editar | editar a fonte]
A caída dos xigantes, fresco de Giulio Romano no Palacio Te (Mantua)

A Xigantomaquia interprétase na cultura grega como o triunfo da civilización e a orde natural sobre a brutalidade, a ignorancia e o caos. É moi frecuente o seu tratamento nas artes helénicas e aparece repetida centos de veces na cerámica grega. Tamén na escultura, especialmente o relevo, sendo os templos o marco de representación máis adecuado, ao recordar, por un lado, a supremacía dos deuses no seu lugar de culto, e, por razóns plásticas, ao adaptarse as formas de serpe das pernas esculpidas dos xigantes aos ángulos dos frontispicios.

A Xigantomaquia aparece xa representada no século V a.C., en escultura, relevos arquitectónicos e cerámica [7]. As representacións arcaicas e clásicas mostran ós Xigantes como hoplitas (soldados gregos fortemente armados) con forma totalmente humana [8] e de complexión normal. Na Grecia clásica comeza a escribirse o mito e, en representacións posteriores (despois do 380 a. C.), van perdendo a armadura (como nas métopas do Partenón), aínda que por veces conservan o casco e mailo escudo, e adquiren un aspecto máis salvaxe, realzando as barbas e vestindo con peles de animais.

Posteriormente, coa asociación dos Xigantes cos volcáns, comezan a representarse con serpes no canto de pernas[9]. Esta morfoloxía permitía adaptar as súas figuras para cubrir os ángulos dos frontóns nos templos.

Nalgunhas tradicións posteriores, os Xigantes confundíronse a miúdo con outros seres montruosos, enfrontados ós olímpicos, en particular os titáns (que realmente foron unha xeración anterior de grandes e poderosos fillos de Xea e Urano), Tifón, Briareo etc., tamén de gran tamaño e forza poderosa.

Destaca o altar de Pérgamo (181-159 a.C.), onde aparecen algúns Xigantes con pernas humanas e outros con pernas de serpes, en todo caso cunha potente musculatura, pelo desordenado e largas barbas. Este modelo tivo continuidade na época romana, se ben neste período as pernas dos Xigantes adoptan sempre forma de serpe.

Desaparecen practicamente na iconografía da Idade Media, para reaparecer a partir do Renacemento, xa como simples homes musculados loitando contra Zeus, como símbolo do poder divino ou, tamén, do poder monárquico. A publicación dos textos de Ovidio tivo grande influencia.

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para xigantomaquia.
  2. "xigantomaquia". Diciopedia do século 21 3. Edicións do Cumio, Galaxia e do Castro. 2006. p. 2228. 
  3. Graves engade á profecía que este mortal debía vestir unha pel de león (Graves, px. 147).
  4. Deusas como Hestia ou Deméter permaneceron apartadas da loita, contemplándoa horrorizadas.
  5. Outros din que foi Zeus quen lle inspirou ese desexo lascivo para mellor acabar con el.
  6. O "tirso" era unha vara rodeada de follas de parra e hedra que portan o deus Baco e as bacantes que o acompañan nas representacións (DRAG on line).
  7. Por vez primeira en vasos de cara o 570 a.C. Máis tarde, no Tesouro dos Sifnios, de Delfos (530 a.C.) (Elvira Barba, p. 91).
  8. Gantz, pp. 446, 447.
  9. Gantz, p. 453; Hanfmann 1992, The Oxford Classical Dictionary s.v. "Giants"; Frazer 1898b, nota a Pausanias 8.29.3 "que os xigantes teñen serpes no canto de pés" pp. 315–316.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]