Virus da rabia
- Para a enfermidade causada por este virus ver rabia.
Rabia | |||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Micrografía electrónica de virións do virus da rabia (partículas con forma de bastón grises escuras) e corpos de Negri (as grandes inclusións celulares características da infección da rabia.) | |||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||
|
O virus da rabia é un virus neurotrópico do xénero Lyssavirus que causa a enfermidade fatal da rabia en animais e humanos. A transmisión do virus da rabia adoita ocorrer a través da saliva de animais.
O virus da rabia ten unha morfoloxía cilíndrica e é a especie tipo do xénero Lyssavirus da familia Rhabdoviridae. Estes virus teñen envoltura e un xenoma de ARN monocatenario de sentido negativo. A información xenética está empaquetada en forma dun complexo ribonucleoproteico no cal o ARN está estreitamente unido ás nucleoproteínas virais. O xenoma de ARN do virus codifica cinco xenes cuxo orde está moi conservado. Estes xenes codifican unha nucleoproteína (N), fosfoproteína (P), proteína da matriz (M), glicoproteína (G) e a ARN polimerase (L).[1] A secuencia xenómica completa vai desde 11.615 a 11.966 nucleótidos de lonxitude.[2]
Todos os eventos de transcrición e replicación teñen lugar no citoplasma dentro dunha "fábrica de virus" especializada chamada corpo de Negri (chamada así en honor de Adelchi Negri[3]). Estes corpos teñen de 2 a 10 µm de diámetro e son característicos (patognomónicos) da infección da rabia e considéranse unha proba histolóxica definitiva desta infección.[4]
Estrutura
[editar | editar a fonte]O virus da rabia ten unha simetría helicoidal, o cal non é moi común entre os virus que afectan aos mamíferos. Un dos extremos do virus é arredondado ou cónico e o outro é plano ou cóncavo, o que lle dá unha característica forma de bala. Ten unha lonxitude duns 180 nm e un diámetro en sección duns 75 nm. A envolta lipoproteica ten espículas con forma de protuberancia compostas pola glicoproteína G. As espículas non cobren o extremo plano do virión (partícula vírica). Debaixo da envoltura está a membrana ou capa da proteína da matriz (M), que pode estar invaxinada no extremo plano. O centro do virión está formado pola ribonucleoproteína disposta helicoidalmente.
Ciclo de replicación
[editar | editar a fonte]Despois da unión do virus ao seu receptor da superficie da célula hóspede, o virus entra na célula por medio da vía de transporte endosómica. Os valores baixos do pH inducen o proceso de fusión de membranas, que permite que o xenoma viral chegue ao citosol. Ambos os procesos, unión ao receptor e fusión de membranas, están catalizados pola glicoproteína G, que xoga un papel crítico na patoxénese (un virus mutante sen as proteínas G non pode propagarse).[1]
O seguinte paso despois da entrada é a transcrición xenética do xenoma viral pola P-L polimerase (P é un cofactor esencial para a L polimerase) para fabricar as novas proteínas virais. A polimerase viral só pode recoñecer a ribonucleoproteína e non pode utilizarse cun molde de ARN puro. A transcrición está regulada por un elemento cis regulador do xenoma vírico e pola proteína M, que non só é esencial para a evaxinación do virus da célula senón que tamén regula a fracción da lonxitude do ARNm para a replicación. Posteriormente, cando está máis avanzada a infección, a actividade da polimerase cambia á replicación para producir copias de ARN de sentido positivo e de lonxitude completa. Estes ARN complementarios utilízanse como moldes para facer novos xenomas do ARN vírico de sentido negativo. Estes son empaquetados xunto coa proteína N para formar ribonucleoproteínas, que despois poden formar novos virus.[4]
Infección
[editar | editar a fonte]En 1903 Adelchi Negri, o médico italiano describiu por primeira vez os corpos de Negri, que cría eran orixinados por protozoos. En setembro de 1931, o Dr. Poupe Charles Jones da illa caribeña de Trinidad, daquela nas Indias Occidentais, que era un bacteriólogo do goberno, encontrou os corpos de Negri no cerebro dun morcego con comportamento infrecuente, e afirmou que un virus da rabia era esencial para explicar a lisofobia. En 1932, o Dr. Russ Pfister foi o primeiro que descubriu que os morcegos vampiros infectados podían transmitir a rabia aos humanos e outros animais.[5][6]
Desde a ferida de entrada, o virus da rabia viaxa rapidamente ao longo das vías nerviosas do sistema nervioso periférico.O transporte axonal retrógrado do virus da rabia ata o sistema nervioso central é un paso esencial para a patoxénese durante a infección natural. O mecanismo molecular exacto deste transporte non se coñece aínda que se sabe que se produce a unión da proteína P do virus da rabia á proteína DYNL1 da cadea lixeira da dineína.[7] A proteína P tamén actúa como antagonista do interferón, polo que fai diminuír a resposta inmunitaria do hóspede.
Desde o sistema nervioso central, o virus espállase a outros órganos. As glándulas salivares localizadas na boca reciben grandes concentracións do virus, que deste xeito pode transmitirse por proxección da saliva sobre feridas e mucosas ou mordedelas do animal. Segundo os casos, pode producirse a morte desde dous días a cinco anos despois da infección inicial.[8] Porén, isto depende en grande medida da especie de animal que actúa como reservorio. A maioría dos mamíferos infectados morren en semanas, mentres que certas razas de especies como a mangosta africana Cynictis penicillata poden sobrevivir asintomaticamente a unha infección durante anos.[9]
Antixenicidade
[editar | editar a fonte]Despois da entrrada do virus no corpo e tamén despois da vacinación contra este virus, o corpo produce anticorpos neutralizadores do virus, que se unen e inactivan ao virus. Rexións específicas da proteína G son as máis antixénicas para orixinar a produción de anticorpos neutralizantes do virus. Estes sitios antixénicos ou epitopos están categorizados nas rexións I-IV e o sitio menor a. Traballos previos demostraran que os sitios antixénicos II e III son os máis comunmente usados para a unión dos anticorpos neutralizantes naturais.[10] Ademais, demostrouse que un anticorpo monoclonal con funcionalidade neutralizante se une ao sitio I.[11] Outras proteínas, como a nucleoproteína, non poden orixinar a produción de anticorpos neutralizantes do virus.[12] Os epitopos aos que se unen os anticorpos neutralizantes son ambos os dous lineares e conformacionais.[13]
Xenotipos
[editar | editar a fonte]Hai sete xenotipos de lisavirus da rabia. Os casos en Eurasia débense a tres deles (o xenotipo 1 ou rabia clásica, e en menor medida os xenotipos 5 e 6 ou lisavirus do morcego europeo tipos 1 e 2).[14] O xenotipo 1 evolucionou en Europa no século XVII e espallouse por Asia, África e as Américas como resultado da exploración e colonización europea. O xenotipo 1, ou virus da rabia clásica, é prevalente na maior parte do mundo, pode ser transportado por calquera mamífero, e é a especie tipo do xénero.
Aplicación
[editar | editar a fonte]O virus da rabia utilízase en investigación para o rastreo neuronal viral para establecer as conexións sinápticas e a direccionalidade da transmisión sináptica.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Finke S, Conzelmann KK (2005). "Replication strategies of rabies virus". Virus Res. 111 (2): 120–131. PMID 15885837. doi:10.1016/j.virusres.2005.04.004.
- ↑ "Rabies complete genome". NCBI Nucleotide Database. Consultado o 29-May-2013.
- ↑ WhoNamedIt - Negri bodies
- ↑ 4,0 4,1 Albertini AA, Schoehn G, Weissenhorn W, Ruigrok RW (2008). "Structural aspects of rabies virus replication". Cell. Mol. Life Sci. 65 (2): 282–294. PMID 17938861. doi:10.1007/s00018-007-7298-1.
- ↑ Pawan J.L. (1936), pp. 137-156.
- ↑ Pawan, J.L. (1936b). "Rabies in the Vampire Bat of Trinidad with Special Reference to the Clinical Course and the Latency of Infection." Annals of Tropical Medicine and Parisitology. Vol. 30, No. 4. December, 1936.
- ↑ Raux H, Flamand A, Blondel D (2000). "Interaction of the rabies virus P protein with the LC8 dynein light chain". J. Virol. 74 (21): 10212–10216. PMC 102061. PMID 11024151. doi:10.1128/JVI.74.21.10212-10216.2000.
- ↑ "Rabies". University of Northern British Columbia. Arquivado dende o orixinal o 06 de setembro de 2008. Consultado o 2008-10-10.
- ↑ Taylor PJ (1993). "A systematic and population genetic approach to the rabies problem in the yellow mongoose (Cynictis penicillata)". Onderstepoort J. Vet. Res. 60 (4): 379–87. PMID 7777324.
- ↑ Benmansour A (1991). "Antigenicity of rabies virus glycoprotein". Journal of Virology 65 (8): 4198–4203. PMID 1712859.
- ↑ Marissen, WE.; Kramer, RA.; Rice, A.; Weldon, WC.; Niezgoda, M.; Faber, M.; Slootstra, JW.; Meloen, RH.; Clijsters-van der Horst, M. (2005). "Novel rabies virus-neutralizing epitope recognized by human monoclonal antibody: fine mapping and escape mutant analysis.". J Virol 79 (8): 4672–8. PMID 15795253. doi:10.1128/JVI.79.8.4672-4678.2005.
- ↑ Wiktor, TJ.; György, E.; Schlumberger, D.; Sokol, F.; Koprowski, H. (1973). "Antigenic properties of rabies virus components.". J Immunol 110 (1): 269–76. PMID 4568184.
- ↑ Bakker, AB.; Marissen, WE.; Kramer, RA.; Rice, AB.; Weldon, WC.; Niezgoda, M.; Hanlon, CA.; Thijsse, S.; Backus, HH. (2005). "Novel human monoclonal antibody combination effectively neutralizing natural rabies virus variants and individual in vitro escape mutants.". J Virol 79 (14): 9062–8. PMID 15994800. doi:10.1128/JVI.79.14.9062-9068.2005.
- ↑ McElhinney LM, Marston DA, Stankov S, Tu C, Black C, Johnson N, Jiang Y, Tordo N, Müller T, Fooks AR (2008) Molecular epidemiology of lyssaviruses in Eurasia. Dev Biol (Basel) 131:125-131