Verdadeira Igrexa de Xesús
A Verdadeira Igrexa de Xesús é unha igrexa independente protestante pentecostal, que se estableceu en Pequín, China en 1917. O actual presidente, elixido pola asemblea internacional é o predicador Yung-Ji Lin. Ten entre 800.000 e 1.500.000 seguidores, o 90% na República Popular da China. A igrexa adscríbese á teoloxía do pentecostalismo unicitario (só Xesús).
Historia
[editar | editar a fonte]A súa orixe está en Paul Wei[1], un mercador que fora membro de varias congregacións protestantes e que afirmaba que mentres estaba enfermo recibira o bautismo so a guía do Espírito Santo e o don de linguas, así como diversas revelacións directamente de Deus e chamadas dos profetas para se converter nun guerreiro do verdadeiro Deus contra o diaño e as súas forzas e corrixir as desviacións das outras igrexas[2] e comezou a predicar a súa doutrina en Beijing pedíndolles os fregueses das misións cristiás que abandonaran as igrexas estranxeiras [3], fundando en 1917[4] a Igrexa Internacional Reformada Verdadeira de Xesús, que ao pouco se abreviou para o nome actual. Zhang Lingsheng que se unira ao movemento en 1918 sucedeu a Wei á súa morte en 1919 como líder da congregación, que nese momento contaba con arredor dun milleiro de fieis [5], e comezou a editar o primeiro xornal onde se plasmou a doutrina da igrexa. Durante a década de 1920 medrou considerablemente, véndose afectado por enfrontamentos internos[6] ao intentar Barnabas Zhang facerse co control do grupo e establecer no sur da China un liderado oposto á dirección do norte baixo a dirección dun fillo de Wei. En 1930 unha conferencia excomungou a Zhang, quen se mantivo en Hong Kong cun reducido número de fieis, e estableceu un liderado colectivo. A Igrexa estaba presente en Hong Kong, Taiwán, Malaisia e Singapur desde os anos vinte e a partir dos anos trinta estendeuse por Corea, Xapón, Indonesia e Hawai [7]. Cara a 1949 a organización afirmaba manter 700 igrexas na China [8] e 120.000 fieis [9]. Logo do triunfo comunista na China, a organización sufriu ataques do Movemento Patriótico de Igrexas Protestantes, baixo control das autoridades comunistas e finalmente tiveron que se integrar no seu seo[10], aínda que as súas igrexas mantiñan un trazo característico como era celebrar os oficios principais os sábados, o que as individualizaba con relación ao resto das igrexas protestantes do Movemento Patriótico. En 1966 coa Revolución Cultural as autoridades suspenderon o propio Movemento Patriótico Protestante. Mentres fóra da China continental a organización celebrou en 1967 unha conferencia internacional na que se estableceu a súa sede en Taiwán que se moveu a California en 1985. Na China continental restableceuse o Movemento Patriótico Protestante en 1979 pero a Verdadeira Igrexa de Xesús logrou resistirse ao seu control en determinadas zonas, como Hunan e Guangdong [11].
As dez doutrinas
[editar | editar a fonte]Para a igrexa os alicerces da súa fe son o que denomina as dez doutrinas:
- Espírito Santo, que se manifesta falando en diversas linguas, e mais consideran que é o garante de herdar o reino do Ceo.
- Bautismo, que redime os pecados mediante a rexeneración, consideran que se ha de realizar en auga corrente natural, tal coma o río, o mar, ou o manancial.
- Lavado de pés, que para eles permite ter unha unión con Xesús. Tamén serve como recordatorio constante de que se debe ter amor, santidade, humildade, perdón e servizo.
- Santa Comuñón, sacramento para conmemorar a morte de Xesús, permitindo participar da carne e do sangue do Señor e estar en comuñón con el para poder ter vida eterna e resucitar no último día
- Día de Sabbath, consideran que o día de descanso, o sétimo día da semana, para eles o sábado, é un día santo, bendicido e santificado por Deus e que debe ser observado baixo a graza do Señor para a conmemoración da creación e a salvación provista por Deus, coa esperanza de descanso eterno na vida vindeira.
- Xesucristo, considérano o verbo feito carne, e que morreu na cruz para redimir aos pecadores, resucitando no terceiro día e ascendendo ao ceo. Para eles é o único salvador da humanidade, o creador do ceo e da terra e o único Deus verdadeiro.
- Biblia, o seu libro santo, formado polo Antigo e o Novo Testamento, e que está inspirado por Deus e é a única verdade escrita e o modelo para a vida cristiá.
- Salvación, vén dada pola graza de Deus a través da fe. Os crentes deben confiar no Espírito Santo, para buscar a súa santidade, para honrar a Deus e para amar á humanidade.
- Igrexa, que consideran establecida por Xesucristo, a través do Espírito Santo durante a época da 'derradeira chuvia', é a igrexa verdadeira restaurada do tempo apostólico.
- Segunda Chegada, esperan unha segunda chegada do Señor, que terá lugar no Derradeiro día, cando descenda do ceo para xulgar ao mundo. Os xustos recibirán vida eterna, pero os impíos recibirán condenación eterna.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ J. Gordon Melton, Martin Baumann (2010) Religions of the World, Second Edition: A Comprehensive Encyclopedia of Beliefs and Practices ABC-CLIO, páx. 2894
- ↑ Steven Kaplan (1995) Indigenous Responses to Western Christianity NYU Press, páx. 133
- ↑ Daniel H. Bays (2011) A New History of Christianity in China John Wiley & Sons, páxina 130
- ↑ Hugh McLeod, ed. (2006) Cambridge History of Christianity: Volume 9, World Christianities C.1914-c.2000. Cambridge University Press, páxina 100
- ↑ Anderson, Allan Heaton (2013) To the Ends of the Earth: Pentecostalism and the Transformation of World Christianity. Oxford University Press, páx. 197
- ↑ Lian, Xi (2010) Redeemed by Fire: The Rise of Popular Christianity in Modern China Yale University Press, páx.62
- ↑ J. Gordon Melton (2005) Encyclopedia of Protestantism. Facts On File, páx. 536
- ↑ Allan Anderson e Edmond Tang (2005) Asian and Pentecostal: The Charismatic Face of Christianity in Asia. Regnum Books International, páx. 444
- ↑ Xun Zhou (2012)The Great Famine in China, 1958-1962: A Documentary History Yale University Press, páx. 181
- ↑ Jason Kindopp e Carol Lee Hamrin (ed, 2004) God and Caesar in China: Policy Implications of Church-State Tensions. Brookings Institution Press, páx. 109
- ↑ Jason Kindopp e Carlol Lee Hamrin (ed, 2004) ob. cit., páx. 128