Vasco da Ponte
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 1470 (Gregoriano) Galicia, España |
Morte | 1535 (Gregoriano) (64/65 anos) |
Actividade | |
Ocupación | historiador |
Vasco da Ponte, nado en 1470 e finado en 1535, foi un historiador e xenealoxista galego, autor da Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza, obra que constitúe unha das fontes historiográficas básicas para a historia medieval da Península Ibérica.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Son moi escasos os datos vitais sobre o autor e mesmo a grafía correcta do seu nome é obxecto de controversia. A forma máis utilizada foi Vasco de Aponte, seguida por Vasco da Ponte. Tamén aparece citado como Vascus Aegidius de Aponte polo erudito do século XVIII, Nicolás Antonio[1].
Suponse que o autor era natural e residente da Coruña, pois nesta cidade documéntanse varias personalidades que levaban daquela o apelido, incluíndo dous homónimos, pai e fillo, dos que o primeiro era, a comezos do século XVI, rexedor da cidade herculina. Sábese con seguranza que Vasco da Ponte estaba ao servizo de Fernando de Andrade, conde de Vilalba e de Andrade, da poderosa casa de Andrade, xa que el mesmo o afirma: "don Fernando de Andrade, mi señor".[2] As escasas datacións que o autor inclúe na súa obra permiten estabelecer que debeu vivir entre 1470 e 1535[3].
Dende que Benito Vicetto rescatou a súa obra en 1872, algún autor dáo como natural da vila de Pontedeume[4][5], xa que o apelido o vencella á localidade ou polo menos no que respecta ás orixes familiares. Porén, o antropólogo e investigador Carlos Alberto Lareo defende que os Vasco da Ponte foron unha saga familiar adiñeirada procedente do lugar de Ponte, na parroquia de Oseiro (Arteixo), e que do nome desa localidade procede o apelido distintivo do autor. O documento que o demostra atopouse no Arquivo de Simancas, e foi titulado Heredades de Vasco da Ponte[6]. Está datado en 28 de xuño de 1483 en Santo Domingo de la Calzada e menciona claramente as posesións familiares ou herdades que este persoeiro baixomedieval tiña nas freguesías de San Tirso de Oseiro e Santiago de Arteixo. Di así o documento:
Sepades que Vasco da Ponte, vecino de la dicha çibdad de la Corunna, nos fizo relaçión por su petición, que ante nos en el nuestro Consejo presentó, diziendo que él tiene y posee paçificamente, por justos y derechos títulos, çiertas heredades en Ponte e en las feligresías de Santiago de Oseyro e de Santiago de Artejo, que ante vos las dichas justiçias entiende nonbrar e delindar, e que se teme e reçela que algunas personas ynjustas
A Relación
[editar | editar a fonte]Manuscritos e edicións
[editar | editar a fonte]A obra de Vasco da Ponte conservouse en diversos manuscritos custodiados na actualidade en arquivos diferentes: Biblioteca de Ajuda de Lisboa, Biblioteca Nacional de Madrid, Fundación Barrié de la Maza, Arquivo Histórico Municipal da Coruña, Archivo Histórico Nacional en Simancas e Madrid, etc. A primeira edición moderna foi realizada por Benito Vicetto na súa Historia de Galicia en 1872[4]. En 1986 fíxose unha edición crítica que confrontaba as diversas variantes manuscritas e edicións impresas. En 2008 Clodio González fixo unha nova edición en galego.
Idioma
[editar | editar a fonte]Da Ponte redactou a súa obra en castelán, ben que mesturado con numerosos galeguismos que se poden cualificar de interferencias lingüísticas, pois non cabe dubidar de que a súa lingua cotiá debeu ser o galego. Non existe, porén, ningunha proba documental de que houbese unha primitiva redacción en lingua galega que fose logo trasladada ao castelán, como ás veces se sospeita[7]. Algúns autores como Lareo coidan que foi escrita en galego, sendo esa a verdadeira razón da desaparición do manuscrito do que só se conservan as copias citadas traducidas.
Título
[editar | editar a fonte]Os títulos dos manuscritos son diferentes, sendo os máis utilizados Relación de las casas antiguas de Galicia e Recuento de las casas antiguas de Galicia, con predominio do primeiro. Con todo, nalgún caso utilizáronse outros, tal como Linajes de Galicia, como no manuscrito custodiado na biblioteca da Real Academia de la Historia, en Madrid.
A obra
[editar | editar a fonte]A análise da Relación mostra que Vasco da Ponte tentou estabelecer unha historia xenealóxica das diversas casas nobiliarias de Galicia, mais é unha obra inacabada e na que se presta unha maior atención a certas liñaxes, das que talvez tiña noticias máis completas. Fáltanlle noticias de liñaxes das provincias de Lugo e Ourense. Ademais as datacións son moi escasas, o que dificulta en ocasións a comprensión correcta dos acontecementos.
Estruturou a súa obra por liñaxes, e para cada unha delas expón un esquema semellante, que atende á ascendencia e posesións da familia, fazañas dos seus membros máis notorios e valoración deles[8].
Metodoloxicamente, Vasco da Ponte utilizou case exclusivamente a fonte oral, e só en moi contadas ocasións sinala algún documento en apoio das súas afirmacións, mais sempre dun modo xenérico e carente de precisións maiores, fenómeno que, por outra banda, era corrente entre outros xenealoxistas e cronistas da época.
Aínda que o autor participa da mentalidade medieval no relato dos eventos históricos, que responderían a un designio divino, preludia o paso á mentalidade humanista que se está a difundir pola Europa da época, ao introducir o individuo, o ser humano, como dono dos seus actos e motor da historia que el constrúe[9].
Obra
[editar | editar a fonte]Cítanse só as edicións máis importantes da Relación:
- Vasco de Aponte, Relación de algunas casas y linajes del Reino de Galicia. Ferrol, s.n., 1872, corresponde ao tomo VI da Historia de Galicia de Benito Vicetto, que leva por título "Apéndice General de la Historia de Galicia", e ocupa as páxs. 404-455. Esta obra foi reimpresa en 1979, e a partir dela efectuáronse outras edicións nos séculos XIX e XX, a pesar de que contiña erros.
- Vasco de Aponte, Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia. Santiago de Compostela. Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia. 1986. É unha edición crítica seguindo os parámetros científicos, con introdución, notas e variantes, a cargo de Díaz y Díaz, Manuel; García Oro, José; Vilariño Pintos, Daría; Pardo Gómez, Mª Virtudes; García Piñeiro, Araceli e Oro Trigo, Mª Pilar - ISBN 84-505-3389-9
- Vasco da Ponte, Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza. Noia. Editorial Toxosoutos. 2008. Edición de Clodio González Pérez. ISBN 978-84-96673-03-8
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Cfr. a Introdución á edición do Recuento, por Díaz y Días, García Oro, Vilariño Pintos, Pardo Gómez, García Piñeiro e Oro Trigo, Santiago de Compostela. 1986, páx. 51.
- ↑ cfr. Recuento, edic. 1986, páx. 170
- ↑ Cfr. Nota dos Editores, in Vasco de Aponte, Pedro Madruga. Vigo. 1969, páx. 9
- ↑ 4,0 4,1 Couceiro 1981, p. 438.
- ↑ Armas Castro, José, s.v. Vasco da Ponte, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XXIX, páx.245
- ↑ Lareo Porral, 2014
- ↑ Cfr. Nota dos Editores, in Vasco de Aponte, Pedro Madruga. Vigo. 1969, páx. 9: "A lingoaxe é unha mistura de galego e castelán, que fai sospeitar nun intento pouco felís de versión á derradeira distas falas. O libro estaba destinado ás familias fidalgas da época, e por entón inda a fidalguía galega falaba acotío a língoa nativa. Hai, por outra parte, erros tan evidentes de tradución ao castelán no estado actual do texto, que por forza hemos pensar na orixinalidade galega do Nobiliario de Vasco de Aponte"
- ↑ Cfr. Introdución a "Recuento", edic. 1986, páxs. 58-60
- ↑ Cfr., Alfonso Mato Domínguez, s.v. Historiografía, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XVII, páx. 133; José Armas Castro, s.v., Vasco da Ponte, in Gran Enciclopedia Gallega, t. XXIX, páx. 246
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Álvarez Blázquez, X. M. (1969): "Nota dos Editores", en Vasco de Aponte: Pedro Madruga. Vigo: Edicións Castrelos, páx. 7-10.
- Armas Castro, J. (1974): "Vasco da Ponte", s.v., in Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada. Santiago / Gijón. Silverio Cañada Editor. t. XXIX, pp. 245–246.
- Couceiro Freijomil, Antonio (1981) [1927]. Historia de Puentedeume y su comarca. Pontedeume.
- Díaz y Díaz, García Oro, Vilariño, Pardo, García e Oro (1986): "Introducción" a Recuento de las Casas Antiguas del Reino de Galicia. Xunta de Galicia. p. 11-98.
- Lareo Porral, C. A (2014): El origen de Vasco da Ponte, en Master Patrimonio UDC, 14/10/2014.