Treponema pallidum
Treponema pallidum | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Clasificación científica | |||||||||||||
| |||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||
'Treponema pallidum' Schaudinn & Hoffmann, 1905 |
Treponema pallidum é unha especie de bacterias do tipo das espiroquetas que comprende varias subespecies que causan enfermidades como a sífilis, sífilis endémica, pinta e frambesia. Son anaerobias ou microaerófilas.
A forma do Treponema pallidum é ondulada e máis plana que outras espiroquetas, que son máis acusadamente helicoidais.[1] A célula está composta por entre oito e veinte espiras enroladas. Mide de 5 a 20 microns de longo e só 0,5 de diámetro, polo que é longa e delgada. A súa estrutura básica consiste nun filamento axial incluído nun cilindro helicoidal de citoplasma. O filamento é morfoloxicamente similar ao flaxelo bacteriano e é o que lle dá mobilidade mediante un movemento de rotación como o dun sacarrollas de toda a célula. Os treponemas, ademais da súa membrana plasmática, teñen unha membrana ou vaíña externa, e estes flaxelos discorren polo espazo periplásmico entre as membranas.
É unha bacteria bastante fráxil. Fóra do corpo, non soporta os climas secos ou as temperaturas superiores a 42°C. Non resiste a penicilina, que é o antibiótico que se utiliza contra ela.
Subespecies
[editar | editar a fonte]Hai polo menos catro subespecies de T. pallidum, que son:
- Treponema pallidum pallidum, causante da sífilis.
- T. pallidum endemicum, causante da sífilis endémica non venérea ou bejel.
- T. pallidum carateum, causante da pinta[2].
- T. pallidum pertenue, causante do pian ou frambesia (enfermidade cutánea tropical).
Hai algunha discusión sobre cal destas debe considerarse subespecie e cal especie. Así, o axente causante da pinta é ás veces descrita como a especie Treponema carateum en vez de como unha subespecie de T. pallidum.[3]
Identificación no laboratorio
[editar | editar a fonte]Utilizando o microscopio óptico os treponemas son visibles con iluminación de campo escuro. Esta bacteria pode detectarse utilizando tinguiduras especiais como a tinguidura de Dieterle.
Treponema pallidum tamén se detecta por seroloxía, por medio da proba VDRL non treponemal, reaxina plasma rápido (RPR), probas de anticorpos treponemais (FTA-ABS), reacción de inmobilización de Treponema pallidum (TPI) e proba TPHA da sífilis.[4]
Non foi posible cultivala no laboratorio[1], pero algúns investigadores propuxeron o cultivo de T. pallidum en medios complexos (medio de Smith-Noguchi) en condicións anaerobias. A bacteria pode ser transmitida aos coellos por inoculacion nos seus testículos (un microorganismo semellante, o T. cuniculi, é un patóxeno natural dos coellos). Na práctica, o microorganismo non sobrevive moito tempo fóra do corpo. A 4 °C (temperatura dun banco de sangue) sobrevive durante catro días; á temperatura moderada dunha habitación só durante unhas poucas horas; e só unha hora a 41,5 °C.
Importancia clínica
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Sífilis.
T. pallidum pallidum é unha espiroqueta móbil que se contaxia xeralmente por contacto sexual, e entra no seu hóspede por brechas no epitelio escamoso ou columnar. O microorganismo pode tamén transmitirse ao feto por vía placentaria durante as fases finais do embarazo, dando lugar á sífilis conxénita. A forma helicoidal de T. pallidum pallidum permítelle moverse como un sacarrollas a través dos medios viscosos como o mucus. Chega á circulación sanguínea e sistema linfático dos seus hóspedes a través dos tecidos e membranas mucosas.
As subespecies que causan frambesia (pian), pinta, e sífilis endémica non venérea (bejel) son morfoloxicamente e seroloxicamente indistinguibles de T. pallidum pallidum (sífilis), pero a súa forma de transmisión non é de natureza venérea e o curso das enfermidades que producen é significativamente diferente.
Patoxenia
[editar | editar a fonte]Posúe como factor de virulencia a capacidade de fixarse ás células do hóspede da pel ou mucosas e chegar aos tecidos subepiteliais a través de lesións pouco aparentes ou quizais a través das células, dando lugar a unha lesión primaria. Disemínase polo sangue uníndose ao epitelio vascular segregando unha substancia similar ao mucopolisacárido dos tecidos do hóspede camuflando desta maneira os seus antíxenos e pasando así ao espazo perivascular, onde causa a destrución dos vasos, endoarterite obliterante, impide a circulación de sangue polo vaso, orixina necrose e ulceración, dando lugar ao chancro típico da sífilis, e espállase polos vasos sanguíneos por todo o corpo.
O T. pallidum aproveita as ulceracións da pel ou mucosas, que son a súa principal vía de entrada. Cando entra únese por medio das proteínas Tp155 e Tp483 á fibronectina presente na membrana do epitelio; e pola Tp751 á laminina tamén presente na membrana epitelial. Unha vez adherida empeza a colonizar e a penetrar nos tecidos por medio dunha metaloproteinase, a MMP-1, que degrada coláxeno e as unións endoteliais. T. pallidum non ten lipopolisacárido (LPS) a pesar de ser gramnegativa, e os chancros sifilíticos son causados en boa parte polo propio hóspede, en resposta á proteína principal da espiroqueta, a Tpn47, xa que desencadea unha resposta inmune xeneralizada que é moi pouco eficaz para eliminar o treponema, xa que este é moi pouco antixénico. Ademais a bacteria ten unha proteína chamada neelarredoxina que converte o O2 (liberado polos macrófagos) en H2O2, e unha hidroxiperoxidase de membrana convértea en H2O, evadindo así a acción das especies reactivas do oxíxeno das células do sistema inmunitario. O T,. pallidum é moi invasivo grazas aoa seus endoflaxelos (3-6) e a unha proteína MCP que detecta a histidina e a glicosa nos tecidos e serve como factor quimiotáctico para o treponema. Ademais, varía antixenicamente as proteínas de membrana TpK, dificultando a súa eliminación. Encontrouse actividade de beta-lactamase na Tpn47.[5]
Tratamento
[editar | editar a fonte]O tratamento con penicilina pode matar á bacteria, pero non reverte os danos producidos. Durante a fase primaria e secundaria da sífilis, o tratamento con penicilina é doado. Na etapa terciaria, a penicilina é tamén efectiva, pero en formas g-sódicas, que permiten que se difunda polo líquido cefalorraquídeo, xa que a bacteria se localiza nesa zona na fase final. O tratamento da sífilis a tempo, non deixa secuelas. Pero esta doenza aumenta as posibilidades de contraer outras enfermidades de transmisión sexual.
Xenoma
[editar | editar a fonte]En 1998 publicouse en Science a secuencia do xenoma de T. pallidum.[6] A recente secuenciación de varios xenomas de espiroquetas permitiu unha análise exhaustiva das semellanzas e diferenzas entre as especies deste filo bacteriano. O Treponema pallidum subsp. pallidum ten un dos xenomas bacterianos máis pequenos, de 1,14 millóns de pares de bases (1,14 Mb), o que fai que a bacteria teña capacidades metabólicas limitadas, o que reflicte a súa adaptación evolutiva por redución xenómica no rico ambiente dos tecidos de mamíferos.
Vacina
[editar | editar a fonte]Non hai vacina para a sífilis. A membrana externa de T. pallidum ten poucas proteínas de superficie, polo que os anticorpos non son efectivos, o que dificulta a elaboración dunha vacina.[7] A prevención realízase mediante o uso de profilácticos.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 P.V, Madigan, J.T., Martinko, J. Parker. Brock Biología de los Microorganismos. Pearson. Prentice Hall. 2003. Páxina 434. ISBN 84-205-3679-2.
- ↑ Pinta
- ↑ Antal GM, Lukehart SA, Meheus AZ (2002). "The endemic treponematoses". Microbes Infect. 4 (1): 83–94. PMID 11825779. doi:10.1016/S1286-4579(01)01513-1.
- ↑ Fisher, Bruce; Harvey, Richard P.; Champe, Pamela C. (2006). Lippincott's Illustrated Reviews: Microbiology (Lippincott's Illustrated Reviews Series). Hagerstown, MD: Lippincott Williams & Wilkins. ISBN 0-7817-8215-5.
- ↑ T. pallidum. Estrutura antixénica
- ↑ Fraser CM, Norris SJ, Weinstock GM; et al. (1998). "Complete genome sequence of Treponema pallidum, the syphilis spirochete". Science 281 (5375): 375–88. PMID 9665876. doi:10.1126/science.281.5375.375.
- ↑ Tomson FL, Conley PG, Norgard MV, Hagman KE (2007). "Assessment of cell-surface exposure and vaccinogenic potentials of Treponema pallidum candidate outer membrane proteins". Microbes Infect. 9 (11): 1267–75. PMC 2112743. PMID 17890130. doi:10.1016/j.micinf.2007.05.018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Syphilis- CDC Fact Sheet." Centers for Disease Control and Prevention. Maio de 2004. Centers for Disease Control and Prevention. 7 de febreiro de 2006