Toscana
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
País | Italia | ||||
Capital | Florencia | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 3.729.641 (2019) (162,25 hab./km²) | ||||
Lingua usada | lingua italiana | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 22.987,04 km² | ||||
Altitude | 279 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Government of Tuscany (en) | ||||
• President of Tuscany (en) | Eugenio Giani (pt) (2020–) | ||||
Órgano lexislativo | Regional Council of Tuscany (en) Circunscrición: 10, (Escano: 41) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | IT-52 | ||||
Código NUTS | ITI1 | ||||
Identificador ISTAT | 09 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | |||||
Páxina web | regione.toscana.it | ||||
Toscana[1] é unha rexión do centro da Italia con 3,6 millóns de habitantes, con capital en Florencia. Ten límites ao norte coa Emilia-Romaña, ao noroeste coa Liguria, ao leste coas Marcas e a Umbría, ao oeste co mar da Liguria e o mar Tirreno.
A rexión, bañada polo mar Lígur na parte centro-setentrional e polo mar Tirreno na parte meridional, caracterízase por un litoral continental duns 230 km. O arquipélago toscano está constituído por 7 illas principais e algunhas illas minoritarias, moitas das cales son simples escollos aflorados, facendo un total de 167.
Toscana ademais é coñecida polas súas paisaxes e o seu legado artístico. Seis localidades da Toscana están declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO: O centro histórico de Florencia en 1982, o centro histórico de Siena en 1995, a Praza da Catedral de Pisa en 1987, o centro histórico de San Gimignano en 1990, o centro histórico de Pienza en 1996 e o Val d'Orcia en 2004.
Xeografía
[editar | editar a fonte]Aproximadamente e de forma triangular, entre a parte norte do Mar Tirreno e os Apeninos centrais, a Toscana ten unha superficie de aproximadamente 22.993 quilómetros cadrados, rodeados e atravesados por grandes cadeas montañosas e con poucas chairas. A rexión ten un relevo que está dominada por outeiros.
Considerando que as montañas cobren o 25% da superficie total, o que supón ao redor de 5.770 quilómetros cadrados, e as chairas o 8,4%, case todas coincidentes co val do río Arno, é dicir, ao redor de 1.930 quilómetros cadrados, podemos dicir que os outeiros constitúen as dúas terceiras partes (66,5%) da superficie total da rexión, abarcando 15.292 quilómetros cadrados.
O clima, é bastante suave nas zonas costeiras e máis duro e chuvioso no interior do país, con considerables flutuacións de temperatura entre o inverno e o verán.[2]
Illas
[editar | editar a fonte]Na costa da Toscana podemos atopar as illas de Elba, Capraia, Pianosa, Montecristo e Gorgona na Provincia de Livorno e Giglio na de Grosseto.
Historia
[editar | editar a fonte]Culturas dos Apeninos e de Villanova
[editar | editar a fonte]A historia pre-etrusca da zona, a finais das idades do Bronce e do Ferro, é paralela á dos primeiros gregos. A área da Toscana estaba habitada polos pobos da chamada cultura dos Apeninos, a finais dos anos segundo milenio antes de Cristo (ao redor dos anos 1.350 e 1.150 a.C.), que tiñan relacións comerciais coas civilizacións Minoica e Micénica do mar Exeo. Tras isto, chegou a coñecida coma cultura de Villanova (do 1.100 ao 700 a.C.) habitou a rexión e o resto do que sería a Etruria, ao longo de xefaturas. Máis tarde serían desenvolvidas cidades Cidades-Estado nos últimos anos desta cultura, antes da "orientalización" e da civilización Etrusca.
Os Etruscos
[editar | editar a fonte]Os etruscos foron a primeira gran civilización desta rexión. Foron o suficientemente importantes como para estabelecer unha infraestrutura de transportes, poñer en práctica a agricultura e a minería e producir arte vibrante. Esta civilización medrou enchendo a área entre os ríos Arno e Tíber dende o século VIII a.C., alcanzando o seu punto máximo durante os séculos VII e VI a.C., finalmente sucumbindo ante Roma, ficando mergullada dentro da cultura o mundo romano.
Os Romanos
[editar | editar a fonte]Pouco despois da absorción de Etruria, Roma estableceu as cidades de Lucca, Pisa, Siena e Florencia, dotando á zona coas novas tecnoloxías e o desenvolvemento, garantindo a paz. Estes desenvolvementos inclúen as ampliacións das estradas existentes, a introdución de acuedutos e redes de sumidoiros, e a construción de moitos edificios, tanto públicos como privados. Máis tarde a civilización romana no oeste derrubouse, no século V, e a rexión ficou en mans dos godos e outros pobos. No século VI, os longobardos chegaron designado a Lucca coma capital do seu Ducado de Tuscia.
Idade Media
[editar | editar a fonte]Os peregrinos que viaxaban ao longo da Vía Francigena, entre Roma e Francia, trouxeron a riqueza e o desenvolvemento durante o período medieval. A alimentación e a vivenda requirida por estes viaxeiros, fomentou o crecemento das comunidades ao redor das igrexas e das tabernas.
Máis tarde o conflito entre os Güelfos e Gibelinos, faccións que apoiaban ao Papado e ao Sacro Imperio Romano no centro e o norte de Italia durante os séculos XII e XIII, dividiu ao pobo toscano. Estes dous factores deron lugar a varias poderosas e ricas comunas medievais na Toscana: Arezzo, Florencia, Lucca, Pisa e Siena. O equilibrio entre estes concellos garantiuse polos activos que se posuían: Pisa un porto, Siena a banca, e Lucca a banca e a seda. Con todo, no renacemento, Florencia converteuse na capital cultural da Toscana.
O Renacemento
[editar | editar a fonte]A Toscana está considerada o berce do movemento renacentista. O seu patrimonio artístico inclúe arquitectura, pintura e escultura, recollidas en decenas de museos nas vilas e cidades de toda a rexión. Quizais o máis coñecido son a Galería dos Uffizi, a Accademia e o Bargello en Florencia. A Toscana foi berce ademais de grandes persoeiros da historia da humanidade como Dante Alighieri (o pai da lingua italiana), Leonardo da Vinci, Miguelanxo, Galileo Galilei ou Botticelli.
Época Moderna
[editar | editar a fonte]No século XV, os Medici, que gobernaron Florencia, anexionaron tódalas terras ao redor da cidade para crear a moderna Toscana. A Guerra de Sucesión Polaca no ano 1730 significou a transferencia da Toscana dos Médici a Francisco, duque de Lorena e emperador do Sacro Imperio Romano. Coa disolución do Sacro Imperio Romano por Napoleón, a rexión foi herdada polo Imperio de Austria como sucesor do antigo Imperio. Nas Guerras da Independencia italiana, na década de 1850, a Toscana pasou a formar parte do novo Estado unificado de Italia.
Economía
[editar | editar a fonte]O subsolo da Toscana é relativamente rico en recursos minerais, destacando o ferro, o cobre, o mercurio, as minas de lignito, o famoso soffioni (fumarolas) e as minas de mármore da Versilia. Aínda que cada vez menos tamén a agricultura segue contribuíndo á economía da rexión. No interior destacan os cultivos de cereais, patacas, olivas e uvas (para os famosos viños do Chianti). Ademais nos pantanos agora prodúcense hortalizas, arroz, tabaco, remolacha e xirasol.
Con respecto ao sector industrial predomina a minería, debido á abundancia de recursos subterráneos. Tamén son destacables as industrias de téxtiles, produtos químicos e farmacéuticos, a metalurxia e o aceiro, vidro e cerámica, moda e sectores de imprentas e publicacións. Áreas máis pequenas especializadas na manufactura e a artesanía atópanse no interior do país: o coiro e o calzado na zona sur-oeste da provincia de Florencia, a cerámica e a industria téxtil na zona de Prato, ciclomotores e motocicletas en Pontedera, así como o tratamento da madeira para a fabricación de mobles de madeira na zona de Cascina. A industria pesada (minería, o aceiro e a enxeñaría mecánica) concéntranse ao longo da franxa costeira (zonas de Livorno e Pisa), onde tamén existen importantes industrias químicas. Tamén na costa prodúcese o mármore (zona de Carrara) e a industria papeleira (zona de Lucca).
Case sen excepción, cada pobo e cidade na Toscana ten unha gran beleza natural e arquitectónica. Debido a isto hai un fluxo continuo de visitantes durante todo o ano. Como resultado diso, o sector servizos e o turismo son moi importantes para a economía da rexión.
Demografía
[editar | editar a fonte]A densidade de poboación da Toscana, con 161 habitantes por km² en 2008, está por baixo da media nacional (198,8 habitantes por km²). Isto débese principalmente á baixa densidade de poboación das provincias de Arezzo, Siena e, sobre todo, Grosseto (con tan só 50 habitantes por km²). A maior densidade atópase na provincia de Prato (675 habitantes por km²), seguida polas provincias de Pistoia, Livorno, Lucca e Florencia, atopándose as máximas nas cidades de Florencia (máis de 3.500 por km²), Livorno, Prato, Viareggio, Forte dei Marmi e Montecatini Terme (todos cunha densidade de poboación de máis de 1.000 habitantes por km²). A distribución territorial da poboación está estreitamente vinculada ao desenvolvemento socio-cultural e, máis recentemente, económico e industrial da Toscana.
En consecuencia, as zonas menos poboadas son as zonas onde a actividade principal é a agricultura, a diferenza dos outros lares nos que, a pesar da presenza dunha serie de grandes complexos industriais, as principais actividades están relacionadas co turismo e os servizos asociados, xunto cunha plétora de pequenas empresas do coiro, vidro, papel e roupa.
A partir da década de 1980, a rexión atraeu a un intenso fluxo de inmigrantes, en particular da China. Tamén hai unha importante comunidade de residentes británicos e estadounidenses. A partir de 2008, o Instituto Nacional Italiano de Estatísticas (ISTAT) estima que 275.149 inmigrantes nacidos no estranxeiro viven na Toscana, o que equivale a 7,4% do total da poboación rexional. Na seguinte táboa pódese observar a evolución demográfica da Toscana.
Ano | 1861 | 1871 | 1881 | 1901 | 1911 | 1921 | 1931 | 1951 | 1961 | 1971 | 1981 | 1991 | 2001 |
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Poboación | 1.920.000 | 2.124.000 | 2.187.000 | 2.503.000 | 2.670.000 | 2.810.000 | 2.914.000 | 3.159.000 | 3.286.000 | 3.473.000 | 3.581.000 | 3.530.000 | 3.498.000 |
Divisións administrativas
[editar | editar a fonte]A Toscana conta con dez provincias:
Provincia | Area (km²) | Poboación | Densidade |
---|---|---|---|
Provincia de Arezzo | 3.232 | 345.547 | 106,9 |
Provincia de Florencia | 3.514 | 983.073 | 279,8 |
Provincia de Grosseto | 4.504 | 225.142 | 50,0 |
Provincia de Livorno | 1.218 | 340.387 | 279,5 |
Provincia de Lucca | 1.773 | 389.495 | 219,7 |
Provincia de Massa-Carrara | 1.157 | 203.449 | 175,8 |
Provincia de Pisa | 2.448 | 409.251 | 167,2 |
Provincia de Pistoia | 965 | 289.886 | 300,4 |
Provincia de Prato | 365 | 246.307 | 674,8 |
Provincia de Siena | 3.281 | 268.706 | 81,9 |
Lugares de interese
[editar | editar a fonte]O patrimonio desta rexión engloba a arquitectura, a pintura e a escultura, obras expostas en ducias de museos como o dos Uffizi en Florencia e "in situ" mesmo en poboacións moi pequenas. A Toscana tamén é moi coñecida polos seus viños (os máis famosos os de Chianti, Morellino dei Scansano e Brunello dei Montalcino) e ten 120 reservas naturais.
Hai cidades pequenas como Arezzo, Lucca, Sansepolcro, Cortona ou Volterra que acentúan aínda máis o atractivo desta rexión, berce de personaxes como Dante Alighieri, Giovanni Boccaccio ou Sandro Botticelli, de Florencia; Miguelanxo, nacido en Caprese; Piero della Francesca, orixinario de Sansepolcro; Guido de Arezzo ou Francesco Petrarca, naturais de Arezzo; Giovanni da Verrazzano, orixinario de Volterra; Luca Signorelli e Pietro da Cortona naturais de Cortona; Galileo Galilei de Pisa ou Leonardo da Vinci.
Destinos turísticos de interese en Toscana son Florencia, Pisa, Lucca, Cortona, Maremma (na provincia de Grosseto), Crete Senesi e Siena. Aínda que é moi famosa polas súas vilas, a Toscana está actualmente promocionando o agroturismo.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para toscano.
- ↑ Toscana, xeografía e historia Arquivado 21 de xullo de 2011 en Wayback Machine. (en inglés)