Saltar ao contido

Sukhoi Su-35

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Sukhoi Su-35
Tipocaza multirrol, caza de superioridade aérea
FabricanteKnAAPO
Deseñado porSukhoi
Primeiro vooSu-27M: 28 de xuño de 1988
Su-35S: 19 de febreiro de 2008
Introducidofebreiro de 2014
Estadoen servizo
Principais usuariosForza Aérea de Rusia
Forza Aérea do Exército Popular de Liberación
Forza Aérea de Exipto
Unidades construídasSu-27M: 12
Su-35S: 142
VariantesSukhoi Su-37

Sukhoi Su-35 (ruso: Сухой Су-35; designación OTAN: Flanker-E) é a designación para dous derivados mellorados do caza de superioridade aérea Su-27. Estes son avións supermanobrables bimotores deseñados por Sukhoi e fabricados por KnAAPO.

O tipo foi desenvolvido orixinalmente pola Unión Soviética a partir do Su-27 e foi coñecido como o Su-27M. Incorpora canards e un radar multifunción que lle dá capacidades multirrol. O primeiro prototipo realizou o seu voo de estrea en xuño de 1988. Tras a disolución da Unión Soviética Sukhoi redesignouno como o Su-35 para atraer pedidos de exportación. Fabricáronse 14 avión usados para probas e como demostradores; un exemplar tiña motores con vectorización de pulo e foi redesignado como o Su-37. Tamén foi fabricado un único Su-35UB bipraza de adestramento a finais dos 90 que se asemella á familia Su-30MK.

En 2003 Sukhoi iniciou un segundo programa de modernización do Su-27 para servir como avión provisional á espera do desenvolvemento do programa Sukhoi PAK FA (Su-57). Tamén coñecido como o Su-35, esta versión ten unha cabina e un sistema de control de armas redeseñado e conta con motores con pulo vectorial en lugar dos canards. O tipo realizou o seu primeiro voo en febreiro de 2008. Aínda que foi deseñado para a exportación, a Forza Aérea de Rusia converteuse no seu primeiro cliente en 2009, coa versión de produción designada Su-35S. A Forza Aérea do Exército Popular de Liberación chinesa tamén realizou pedidos.

Deseño e desenvolvemento

[editar | editar a fonte]

Su-27 actualizado

[editar | editar a fonte]

O primeiro deseño de avión en recibir a designación Su-35 ten as súas orixes a principios dos 80,nu tempo no que o Su-27 estaba sendo introducido no servizo coa Forza Armadas Soviéticas. A versión definitiva de produción do Su-27, que tiña o código de fabricación T-10S, comezou a fabricarse en masa en KnAAPO en 1983. O ano seguinte, esta versión do Su-27 acadou acadou a preparación operativa inicial coas Forzas de Defensa Aérea Soviéticas.[1] Tras comezar a traballar nunha variante actualizada do Su-27 en 1982,[2] a oficina de deseño Sukhoi recibiu instrucións do Consello de Ministros soviético en decembro de 1983 de usar o Su-27 como base para o desenvolvemento do Su-27M (T-10M).[3] Nikolay Nikitin lideraría os traballos de deseño durante gran parte da existencia do proxecto, baixo a supervisión do director xeral Mikhail Simonov, que fora o deseñador xefe do Su-27[4] xunto con Mikhail Pogosyan.

Aínda que comparte o deseño de á e corpo do Su-27, o Su-27M distínguise visualmente pola adición de canards. Os canards probáronse por vez primeira en 1985 usando un avión experimental,[1] para complementar o redeseño do bordo de ataque da á, redireccionando o fluxo de aire de tal xeito que se eliminan as sacudidas a altos ángulos de ataque e que permite que o avión aguante manobras de 10-g (en comparación cos 9 g no Su-27) sen a necesidade de máis reforzos estruturais.[5] E máis importante aínda, cando traballa co deseño de estabilidade relaxada e o sistema de control de voo fly-by-wire, o deseño aerodinámico mellora a manobrabilidade do avión e permítelle voar brevemente co morro máis aló da vertical mentres mantén o impulso cara a adiante. Debido a isto, en teoría, durante un combate o piloto podería levarntar o morro do Su-27M ata os 120 graos durante dous segundos e disparar mísiles ao obxectivo.[6] Outros cambios visibles notables en comparación co deseño do T-10S son as derivas máis altas, posibilidade de repostaxe en voo e o uso dun tren dianteiro con dúas rodas para soportar o maior peso do avión.[7][8]

Ademais do incremento de manobrabilidade, outra característica que distinguía ao Su-27M do deseño orixinal era o novo sistema de control de armas. A peza central dese sistema era o radar multifunción de antenas en fase N011 Bars con seguimento de pulso Doppler que lle permite detectar obxectivos por debaixo do horizonte. Este foi instalado por primeira vez no terceiro prototipo, e transformou ao Su-27M de ser sinxelamente un caza de defensa aérea a ser un avión multirrol capaz de atacat obxectivos en terra.[1][9] Comparado co radar N001 Myech do Su-27, que podía seguir a 10 obxectivos e só dirixir dous mísiles ao un deles á vez, o novo radar code rastrear 15 obxectivos e dirixir mísiles cara seis deles ao mesmo tempo.[1] O peso extra do radar N011 na fronte do avión precisaba a adición dos canards; os enxeñeiros só descubrirían posteriormente as vantaxes aerodinámicas destes dispositivos.[10][11] Ademais, un radar de autodefensa N012 instalouse no brazo da cola que se proxecta cara a atrás, sendo o primeiro avión do mundo en levar este tipo de radar.[9] Outros cambios son o uso de motores turboventilador actualizados, e o incremento do uso de materiais compostos lixeiros e aliaxes de aluminio-litio na estrutura do avión.[7][12]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Butowski, Piotr (1 de novembro de 1999). "Dominance by design: the reign of Russia's 'Flankers' - PART ONE". Jane's Intelligence Review. Coulsdon, UK: Jane's Information Group. 11 (11).
  2. Gordon 2007, p.  69
  3. Andrews 2003, p. 39
  4. Gordon 2007, pp. 58, 122
  5. Fink 1993, p. 45
  6. Gordon 2007, pp. 122-123
  7. 7,0 7,1 Williams 2002, p. 119
  8. Gordon 2007, pp. 123, 127
  9. 9,0 9,1 Gordon 2007, p. 124
  10. Butowski 2004, p. 38
  11. Gordon 2007, p. 69
  12. Gordon 2007, p. 123

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Andrews, Thomas (Spring 2003). "Su-27/30 family: 'Flanker' in the 21st Century". International Air Power Review 8. Norwalk, Connecticut: AIRtime Publishing. ISBN 1-880588-54-4. 
  • Gordon, Yefim (2007). Sukhoi Su-27. Famous Russian Aircraft. Hinckley, UK: Midlands Publishing. ISBN 978-1-85780-247-4.