Sufismo
O sufismo[1] ou taṣawwuf (árabe, تصوّف) é definido polos seus seguidores como a dimensión mística e interior do islam.[2][3][4] Un practicante desta tradición acostuma chamarse ṣūfī (صُوفِيّ) ou derviche.
Características
[editar | editar a fonte]Os estudos clásicos sufís definiron o sufismo como "unha ciencia cuxo obxectivo é reparar o corazón e afastalo de todo o que non sexa Deus."[5] Ou ben, en palabras do mestre sufí darqawi Ahmad ibn Ajiba, "unha ciencia a través da cal se pode coñecer como introducirse na divina presenza, purificar o propio interior da sucidade, e embelecelo con diversas características loables."[6]
Os sufís clásicos foron caracterizados polo seu apego ao dhikr (unha práctica que consiste en repetir os nomes de Deus) e o ascetismo. O sufismo gañou adeptos entre moitos musulmáns como reacción ao comportamento mundano do primeiro Califato Omeia (661-750 d.C.[7]). Os sufís abarcaron varios continentes e culturas ao longo dun milenio, expresándose primeiro en árabe, logo en persa, turco e unha ducia de linguas máis.[8] Os "mandatos" (ṭuruq), que proveñen da doutrina sunnita ou xiíta ou de ámbalas dúas mesturadas [9], calcan moitos dos preceptos orixinais do profeta islámico Mahoma a través do seu curmán ‘Alī, coa notable excepción do Naqshbandi, quen traza a súa orixe a través do primeiro califa, Abu Bakr.[10] Outras escolas de sufismo exclusivas descríbense a si mesmas como marcadamente sufís.[11]
De acordo con Idries Shah, a filosofía sufí é de natureza universal, as súas raíces preceden ao ascenso do islam e as outras relixións modernas, agás quizais o hinduísmo e os seus derivados, o budismo e o xainismo; así mesmo, algúns musulmáns consideran o sufismo fóra da esfera do islam.[2][12] Así e todo, os principais estudosos do islam opinan que simplemente é o nome da dimensión interior e esotérica do islam.[2]
Irmandades (turuq)
[editar | editar a fonte]O sufismo e os seus practicantes están agrupados en distintas irmandades (tariqa, en plural turūq) que perseguen a purificación da alma humana (nafs), a consecución do coñecemento divino (ma'arifa) e a realización da Realidade Divina (haqīqa), a través das ensinanzas espirituais que brinda a Revelación (o Corán e a sunna principalmente), de manera secundaria aos ditos e experiencias doutros profetas e os santos, e a práctica dun camiño espiritual a través da guía dun mestre autorizado que posúe unha cadea iniciática (silsila).
As diferenzas entre elas débense máis que a unha cuestión de principios ás características especiais que lles infunden os grandes mestres de cada cadea iniciática.
Desenvolvemento histórico
[editar | editar a fonte]Seguindo as etapas que propón M. Sells[13] os períodos históricos do islam poden dividirse en:
- Fase pre-sufí, que inclúe a espiritualidade inicial, baseada no Corán, os elementos esenciais do islam e a viaxe nocturna do profeta (miraŷ).
- Período temperán, que inclúe as narracións das primeiras xeracións como Hasan al-Basrī (f. 728), Dhu l-Nun o Exipcio (f. 864), Rabia al Adawiyya (f. 801), Abu Yazid al-Bistami, al-Muhasibi, Yunayd, Abu Talib al-Makki e al-Hakim al-Tirmidhi. As súas palabras e os seus textos foron transmitidos de forma masiva a través de referencias en textos posteriores. Para Sells este período inclúe dende Hasan al-Basra ata Niffari (f. 965).
- Época formativa da literatura e a ciencia, que abrangue dende al-Sarrāŷ (f. 1273) ata Ibn 'Arabī (f. 1240), e marca o final do período clásico ou de formación.
- Período moderno, no que se estruturan as diferentes escolas ou irmandades (turuq).
- Período contemporáneo, dende a fin da formación dos turuq máis vellos ata a actualidade.
Esta clasificación das diferentes etapas coinciden coas que expoñen outros autores como D. Gril e E. Geoffroy,[14] que fai máis fincapé no período de formación dos turuq, ou Annemarie Schimmel.[15] Con todo, este tipo de clasificacións son inexactas, e non deben considerarse máis que un guión ou ferramenta para entender o discorrer histórico do sufismo.
Xiísmo e sufismo
[editar | editar a fonte]A realidade do xiísmo e o sufismo como aspectos integrantes da revelación islámica é dunha claridade demasiado cegadora como para facer caso omiso dela ou xustificala sobre a base dun tendencioso argumento histórico.
Aínda que o xiísmo e o sufismo en exotérica teñen parecido, hai profundas diferenzas. Tamén o sufismo na esotérica ten parecido co sunnismo, e pódese dicir que a gnosis islámica cristalizou na forma do sufismo no mundo sunní, mentres encheu toda a estrutura do xía, especialmente durante a súa primeira época.
Segundo a opinión dalgúns sunníes, o sufismo presenta parecidos co xiísmo e mesmo asimilou aspectos deste. Así mesmo un sabio como Ibn Khaldun di: " os sufíes empapáronse das teorías da xiíta. Ditas teorías penetraron tan profundamente nas súas ideas relixiosas que basearon a súa propia práctica de usar manto no feito de que Alí revestiu a Al-Hasan al-Basri con ese vestiario e fixo que se adherira solemnemente á senda mística. A tradición foi continuada, segundo os sufíes, por Al-Junaid, un dos sabios sufíes". Os xiítas cren que o xiísmo é a base do que logo chegou a coñecerse como sufismo.[16]
A seita do sufismo non ten Xaria (Lei) particular, só é unha vía espiritual que se chama Tariqah (Camiño), e é como a seita suní el Maliki ou el Shafei. Pero os xiítas cren que tanto Shariah coma Tariqah son importantes no islam; ademais a crenza do xiísmo sobre Tariqah é diferente, os xiítas din que temos que aprender a maneira de vida do profeta Mahoma e a dos imáns.[17]
Arquitectura sufí
[editar | editar a fonte]-
Mesquita sufí
-
Tumba sufí
-
tumba sufí
-
Mausoleo sufí
-
Museo sufí
-
Fonte sufí
-
Sufí exipcio
-
Dervixes Mevlevi
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sufismo.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Dr. Alan Godlas, University of Georgia, Sufism's Many Paths, 2000, University of Georgia Arquivado 16 de outubro de 2011 en Wayback Machine.
- ↑ Nuh Ha Mim Keller, "How would you respond to the claim that Sufism is Bid'a?", 1995. Fatwa dispoñible en: Masud.co.uk
- ↑ Dr. Zubair Fattani, 'The meaning of Tasawwuf', Islamic Academy. Islamicacademy.org
- ↑ Ahmed Zarruq, Zaineb Istrabadi, Hamza Yusuf Hanson—"The Principles of Sufism." Amal Press. 2008.
- ↑ Fons Vitae publicou unha tradución ao inglés da biografía de Ahmad ibn Ajiba.
- ↑ Hawting, Gerald R. (2000). The first dynasty of Islam: The Umayyad Caliphate AD 661-750. Routledge. ISBN 0415240735. O título do libro confirma este dato. Ver Google book search.
- ↑ Michael Sells, Early Islamic Mysticism, pg. 1
- ↑ Rehearing Quran in open Translation Arquivado 13 de xullo de 2011 en Wayback Machine. Neil Douglas-Klotz
- ↑ Kabbani, Muhammad Hisham (2004). Classical Islam and the Naqshbandi Sufi Tradition. Islamic Supreme Council of America. p. 557. ISBN 1930409230.
- ↑ "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 27 de outubro de 2011. Consultado o 22 de decembro de 2010.
- ↑ Idries Shah, The Sufis, ISBN 0-385-07966-4
- ↑ M. Sells: Early Islamic Mysticism (páx. 17-24). Nova York: Pulist Press, 1996.
- ↑ Véxanse os dous primeiros capítulos (páx. 57-86) de A. Popovic y G. Veinstein (eds.): Las sendas de Alá. Barcelona: Bellaterra, 2000.
- ↑ Annemarie Schimmel: Dimensiones místicas del islam. Madrid: Trotta, 2000
- ↑ Nasr, Seied Husein (2012). Shi'ismo y sufismo; su relación esencial y su relación histórica (en castelán). Irán: Fundación Cultural Oriente. p. 6.
- ↑ "Shiísmo y sufismo; su relación esencial y su relación histórica". Islamoriente (en castelán). 2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Sufismo |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Que é o sufismo
- Web tariqa Naqshbandi Arquivado 15 de setembro de 2017 en Wayback Machine.
- Orde sufí Tijaniyyah