Consello de Comisarios do Pobo
O Soviet de Comisarios do Pobo ou Sovnarkom ou SNK, (ruso: Совет народных коммиссаров o Совнарком ou СНК, translit. Soviet naródnyj kommissárov) foi a institución de Goberno formada polo Segundo Congreso Panruso dos Soviets no transcurso da Revolución de Outubro en 1917 cuxo primeiro presidente foi Vladimir Lenin. Creado en Rusia en substitución do derrocado Goberno Provisional Ruso, este soviet sentou as bases para a reestruturación do país que conduciu á formación da Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS) en 1922. Foi evolucionando ata converterse na máxima autoridade gobernamental do poder executivo baixo o sistema soviético instaurado nas Repúblicas da URSS.
Lev Trotski (quen non aparece na foto) ideou os nomes comisario e soviet para evitar os termos "burgueses" da democracia liberal como ministro e gabinete. A Constitución da RSFSR de 1918 formalizou o papel do Sovnarkom da República Socialista Federativa Soviética de Rusia (RSFSR): ía ser responsable ante o Congreso Panruso dos Soviets de "a administración xeral dos asuntos do Estado", permitíndolle sancionar decretos baixo a plena vixencia da lei, cando o Congreso non se atopase en sesión. Logo, o Congreso habitualmente aprobaba estes decretos no seu próximo período de sesións.
Pola súa banda, o Comité Executivo Central Panruso (VTsIK) representaba o poder lexislativo formalmente, xa que o principio de separación de poderes apareceu, por vez primeira nunha constitución rusa, mediante unha emenda de 1992 á Constitución da Unión Soviética de 1977. Este principio foi recollido pola Constitución da Federación de Rusia de 1993.
Cando en decembro de 1922 se estableceu a Unión de Repúblicas Socialistas Soviéticas (URSS), a estrutura e funcións do Sovnarkom da URSS e das repúblicas que a constituían quedaron fixadas polo Tratado de Creación da URSS[1] baseándose nas do Sovnarkom da RSFSR. En marzo de 1946 o Sovnarkom da URSS transformouse no Consello de Ministros, sendo adoptada dita denominación tamén polos Sovnarkom das Repúblicas da URSS.[2]
Primeiro Consello de Comisarios do Pobo
[editar | editar a fonte]O primeiro Consello de Comisarios do Pobo, elixido polo II Congreso dos Soviets de Rusia o 7 de novembro de 1917, estaba composto por:
Comisario do Pobo | Cargo | Falecemento |
---|---|---|
Presidente | Vladimir Lenin | Causas naturais 1924 |
Secretario | Nikolái Gorbunov | Executado 1938 |
Agricultura | Vladímir Miliutin | Executado 1937 |
Guerra e Asuntos Navais | Nikolai Podvoiski (Comisario do Pobo) | Causas naturais 1948 |
Nikolái Krilenko (Colexio de Guerra) | Executado 1938 | |
Pavel Dybenko (Colexio Naval) | Executado 1938 | |
Comercio e Industria | Víktor Noguín | Causas naturais 1924 |
Educación | Anatoli Lunacharski | Causas naturais 1933 |
Abastecementos | Iván Teodórovich | Executado 1937 |
Asuntos Exteriores | León Trotski | Asasinado 1940 |
Asuntos Internos | Alexei Rýkov | Executado 1938 |
Xustiza | Georgui Opókov | Executado 1937 |
Traballo | Aleksandr Shliápnikov | Executado 1937 |
Nacionalidades | Iosif Stalin | Causas naturais 1953 |
Correos e Telégrafos | Nikolái Glebov-Avílov | Executado 1937 |
Ferrocarrís | (vacante) | |
Finanzas | Iván Skvortsov-Stepánov | Causas naturais 1928 |
Benestar Social | Alexandra Kollontai | Causas naturais 1952 |
Presidentes do Consello de Comisarios do Pobo da RSFSR, 1917-1946
[editar | editar a fonte]- Vladimir Lenin (27 de outubroxul./ 9 de novembro de 1917greg.-21 de xaneiro 1924)
- Alexei Rýkov (2 de febreiro 1924-18 de maio 1929)
- Serguéi Syrtsov (18 de maio 1929-3 de novembro 1930)
- Daniil Sulímov (3 de novembro 1930-22 de xullo 1937)
- Nikolai Bulganin (22 de xullo 1937-17 de setembro 1938)
- Vasili Vájrushev (29 de xullo 1939-2 de xuño 1940)
- Iván Jojlov (2 de xuño 1940-23 de xuño 1943)
- Aleksei Kosyguin (23 de xuño 1943-23 de marzo 1946) (o cargo pasa a chamarse Presidente do Consello de Ministros da RSFSR)
Presidentes do Consello de Comisarios do Pobo da URSS, 1923-1946
[editar | editar a fonte]- Vladimir Lenin (6 de xullo de 1923-21 de xaneiro de 1924)
- Alexei Rýkov (2 de febreiro de 1924-19 de decembro de 1930)
- Viacheslav Mólotov (19 de decembro de 1930-6 de maio de 1941)
- Iosif Stalin (6 de maio de 1941-15 de marzo de 1946) (o cargo pasa a denominarse Presidente do Consello de Ministros da URSS.)
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Texto do Tratado de creación da URSS (en ruso)
- ↑ ""О преобразовании Совета Народных Комиссаров СССР в Совет Министров СССР и Советов Народных Комиссаров Союзных и Автономных республик в Советы Министров Союзных и Автономных республик" 15 марта 1946 года" [Sobre a reforma do Soviet de Comisarios do Pobo en Consello de Ministros e dos Soviets de Comisarios do Pobo das repúblicas autónomas e da Unión en Consellos de Ministros das repúblicas autónomas e da Unión, 15 de marzo de 1946]. Legislación de la URSS 1946-1952 (en ruso). World and Market Economy - Collection of Articles on Economy, Igor Averin. Consultado o 3 de outubro de 2010.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]A Galipedia ten un portal sobre: Rusia |