Saltar ao contido

Movemento Branco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Movemento branco»)

O Movemento Branco, cuxo brazo militar é coñecido como Exército Branco (Белая Армия) ou Garda Branca (Белая Гвардия, белогвардейцы) e cuxos membros foron chamados brancos (Белые, ou despectivamente Беляки) ou rusos brancos (non confundir coa bebida alcohólica ruso branco[1] nin cos bielorrusos, Белая Русь[2]), abarcou ás forzas contrarrevolucionarias rusas tras a Revolución de Outubro que loitaron contra o Exército Vermello (ó igual que o nacionalista Exército Verde) durante a guerra civil rusa desde 1918 ata 1921.

O cualificativo branco tiña dous significados. Primeiro, en contraposición ós vermellos —o Exército Vermello que apoiaba ós soviéticos e comunistas. Segundo, a palabra «branco» tiña connotacións monárquicas: historicamente cada tsar era chamado solemnemente o tsar branco (por exemplo así titulou un poema Henry Wadsworth Longfellow)[3] e o ideal monárquico durante a guerra civil era coñecido como ideal branco.

Organización

[editar | editar a fonte]

En sentido estrito, non existía ningún «Exército Branco»; sen coordinación central, as forzas brancas nunca foron máis aló dunha feble confederación de grupos contrarrevolucionarios, os cales serviran no exército do tsar Nicolao II e buscaban o retorno da monarquía no Imperio Ruso. A maioría de oficiais que conformaban o núcleo do exército eran excombatentes da primeira guerra mundial de ideoloxía monárquica, pero outros grupos apoiaban a outras tendencias políticas: demócratas, social-revolucionarios, menxeviques e outros opositores da Revolución de Outubro. Noutros tempos e noutras circunstancias, os mesmos grupos apoiarían ó Exército Vermello. Tamén houbo outros grupos, como o Exército Verde e o Exército Negro, que operaban en Ucraína e que se opuñan tanto a vermellos como a brancos. As tropas de base do exército branco incluían tanto a inimigos declarados dos bolxeviques (moitos cosacos, por exemplo), defensores da monarquía e campesiños apolíticos recrutados obrigados a loitar. Ás veces, os aliados occidentais da Tripla Entente e forzas estranxeiras intervencionistas proporcionaron importante asistencia ás unidades do exército, xa que o Exército Branco non era máis que unha forza contrarrevolucionaria, sen apoio loxístico de parte do tsar, debido que el mesmo abdicara. Isto levaría a algúns a ver ó Exército Branco como representante dos intereses das potencias rivais.

Guerra civil

[editar | editar a fonte]

A guerra civil rusa entre brancos e vermellos duraría ata 1921. O Exército Branco, en colaboración ocasional coas forzas intervencionistas estranxeiras (xaponesas, británicas, canadenses, francesas, estadounidenses,(…), que achegaron ó Movemento Branco: diñeiro, asesoramento militar, trens acoirazados, e artillaría pesada, ademais de recibir por exemplo entre marzo e abril de 1918 un corpo expedicionario aliado para intervir especificamente na Siberia oriental. Os brancos aguantaron bastante tempo nalgunhas zonas (especialmente no leste de Siberia, Ucraína e Crimea) baixo a dirección do autoproclamado Xeneral do Movemento contrarrevolucionario dos Brancos Ataman Semiónov e o barón Roman von Ungern-Sternberg, tendo considerables baixas humanas. Mais fracasou na unidade ou a cooperación efectiva entre seus corpos, mentres que o Exército Vermello paulatinamente conseguiu vantaxe.

Ideoloxía

[editar | editar a fonte]
Cartel de propaganda do movemento branco; di: Por unha Rusia unida.

A ideoloxía do Movemento Branco estivo en permanente desenvolvemento durante a guerra civil. Os xenerais Kornilov e Denikin sostiveron certas formas de base ideolóxica pero ningunha era tan concreta ou coherente como a do xeneral Wrangel durante o chamado «experimento de Crimea» en 1920. Foi alí onde Wrangel expuxo brevemente o núcleo do «ideal branco», que facía énfase na liberación de Rusia dos bolxeviques e outras forzas «anárquicas», o establecemento dun goberno xusto e honrado, a protección dos fieis das persecucións relixiosas, os dereitos do granxeiro á propiedade da terra e a oportunidade de todos os rusos de elixir un «líder».

Tras a fin da guerra civil, os conceptos de Wrangel foron plasmados nunha ideoloxía concreta por pensadores rusos como Ivan Ilyin, baseada principalmente nas ideas dos eslavófilos.

Nacionalismo centralista

[editar | editar a fonte]

Defensores do nacionalismo ruso centralista,[4] dificultou o entendemento con outras forzas antisoviéticas nacionalistas periféricas e foi unha das principais debilidades do movemento.[5] Incapaces de aceptar as ambicións doutros nacionalismos eslávicos ou do que consideraban espazo ruso, fixeron deles enimigos.[5][6] En cambio os bolxeviques combinaban a loita de clases que aspiraba á ausencia do Estado-nación co recoñecemento entre tanto ao dereito de autodeterminación dos pobos.[7]

Os xenerais «brancos» centraron o seu escaso programa político no patriotismo ruso, presente en todas as súas declaracións públicas, mentres deixaban de lado as cuestións sociais.[8] Os chamamentos patrióticos, porén, resultaron inútiles fronte á indiferenza dos labregos.[8]

Supremacismo e antisemitismo

[editar | editar a fonte]

O antisemitismo xeneralizado do Imperio Ruso estendeuse entre os oficiais, transformándose a principios do século XX de relixioso a racial. Os xudeus non podían ascender a oficiais, aínda que serviron no exército. Considerados malos soldados e alborotadores que espallan ideas subversivas, os militares raramente interviñan en atentados contra a poboación xudía.[9]

Os oficiais "brancos" fixeron da súa obsesión co "axitador xudeu", heraldo das novas ideas que "contaminaron" a pureza rusa, unha peza esencial da súa ideoloxía.[10] Con odio patolóxico, os militares acusaron aos xudeus de calquera mal feito, asociando aos xudeus en conxunto co réxime bolxevique.[10] O uso dos xudeus. como chivos expiatorios do que consideraban os males de Rusia tamén evitaron ter que analizar as demandas e os problemas reais do país.[11]

A pesar do rexeitamento formal dos pogroms, que mataron unhas 100.000 persoas en Ucraína, os xenerais brancos non os detiveron.[10]

O movemento tería máis tarde unha forte influencia nos exilados rusos que influenciaran o anticomunismo occidental, e influencia o supremacismo branco até o século XXI.[12]

A cuestión agraria

[editar | editar a fonte]

Formado principalmente pola burguesía e centrado en gañar militarmente o enfrontamento cos soviéticos, o movemento non foi quen de aceptar a revolución no campo como necesaria para conseguir o apoio campesiño[13] Os poucos plans de reforma agraria, baseados esencialmente no programa mínimo dos Cadetess de 1917, non foron implementados, pero non terían sido populares, defendendo os intereses dos propietarios. Cos plans das comisións creadas baixo o goberno de Antón Denikin, os labregos terían que devolver as tres cuartas partes das terras obtidas desde 1917, gañando así a súa hostilidade. A administración de Denikin optou por atrasar a decisión á reunión da Asemblea Constituínte, con resultados políticos desastrosos.[14]

A devolución da terra aos seus antigos propietarios nos territorios baixo control "branco"[14] e a entrega da administración local, onde non había terror nin mando militar, aos terratenentes locais e tsaristas. a policía indicou a intención do movemento de retomar o desacreditado sistema imperial de xestión local.

O "experimento de Crimea" de Wrangel, que antes se opuxera ás tépedas reformas de Denikin como moitos outros conservadores,[15], que comezou no verán de 1920, era demasiado tarde para excitar a grandes masas da poboación, xa que se produciu nunha fase da guerra na que os bolxeviques xa lograran a vantaxe militar, mentres que os brancos perderon o apoio de franceses e británicos. Os plans de Wrangel, complicados de implementar, non puideron chegar a bo porto, distribuíndose pouca terra durante a execución.[15] En calquera caso, os seus plans de reforma agraria favoreceron os campesiños ricos, non os pobres, seguindo os pasos das reformas de Piotr Stolypin.[15]

A pesar da impopularidade de moitas medidas soviéticas, o campesiñado finalmente preferiu o goberno de Lenin ao regreso do antigo réxime que prometía na práctica a vitoria do movemento.

Así mesmo, o carácter exclusivista e elitista que caracterizou aos oficiais brancos durante o tsarismo non desaparecera por completo, o que dificultaba moito o apoio das masas populares, o que xerou graves problemas cando os dirixentes brancos tentaban recrutar tropas. leais á súa causa. Nas últimas etapas da guerra os batallóns do Exército Branco tiñan unha proporción excesiva de oficiais en comparación cos soldados recrutados.

Após a derrota

[editar | editar a fonte]

As tendencias monárquicas foron moi fortes entre os veteranos brancos; o republicanismo era máis raro. En agosto de 1922, dous meses despois da súa derrota, o exército branco do afastado Leste do xeneral Mikhail Ditterix chegaría tan lonxe como pactar a Zemskiy Sobor de Preamursk e elixir (sen a súa participación) ó Gran Duque Nicolai Nicolaievich Romanov tsar de todas as Rusias.

Logo que foi vencida a Garda Branca, oficialmente mediante un decreto de 1921 da Comisión Central Executiva de Rusia e do Soviet de Comisarios do Pobo, entre dous e tres millóns de persoas (entre os cales se atopaban antigos rusos brancos ou opositores á Revolución de Outubro) pasaron a ser apátridas, motivo polo que houbo unha forte emigración de rusos antisoviéticos, agrupándose en Berlín, París, Harbin e Shanghai, establecendo redes culturais que durarían ata a época da Segunda guerra mundial.A partir deste momento, as súas actividades atoparían acollida en Estados Unidos.

A actividade branca concentraríase posteriormente en círculos de exiliados. Houbo grupos de combatentes brancos que apoiaron a Hitler e a Franco nas sucesivas guerras.[16][17]

  1. "Ruso Blanco (bebida) - EcuRed". www.ecured.cu. Consultado o 2022-03-09. 
  2. Section, Great Britain Foreign Office Historical (1920). Russian Poland, Lithuania and White Russia (en inglés). H.M. Stationery Office. 
  3. The White Czar (en inglés). 
  4. Figes (1998), p. 570
  5. 5,0 5,1 Figes (1998), p. 571
  6. Kenez (1980), p. 76
  7. "Lenin (1914): El derecho de las naciones a la autodeterminación.". www.marxists.org. Consultado o 2022-03-10. 
  8. 8,0 8,1 Kenez (1980), p. 74
  9. [[Bibliografía|Kenez (1980)]], p. 63
  10. 10,0 10,1 10,2 Kenez (1980), p. 79
  11. Kenez (1980), p. 80
  12. Minas, Estado de; Minas, Estado de (2020-04-06). "EUA incluem grupo supremacista branco russo em lista terrorista". Estado de Minas (en portugués). Consultado o 2022-03-10. 
  13. nin propoñer un programa político que reciba o favor do pobo.<ref name="figes572">Figes (1998), p. 572
  14. 14,0 14,1 Kenez (1980), p. 72
  15. 15,0 15,1 15,2 [ [#Bibliography|Kenez ( 1980)]], páx. 73
  16. Muñoz, Antonio J.; Romanko, Oleg V. (2003). Hitler's White Russians: Collaboration, Extermination and Anti-partisan Warfare in Byelorussia, 1941-1944 (en inglés). Europa Books. ISBN 978-1-891227-42-4. 
  17. Othen, Christopher (2008). Franco's International Brigades: Foreign Volunteers and Fascist Dictators in the Spanish Civil War (en inglés). Reportage Press. ISBN 978-0-9558302-6-6. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]