Portal:Muller
Artigo destacado
O concerto delle donne ou canto delle dame (lit. conxunto de mulleres) foi unha agrupación profesional de cantantes femininas da corte de Ferrara (Italia) de finais do Renacemento, que tivo gran renome polo seu virtuosismo técnico e artístico. A agrupación foi fundada por Afonso II, duque de Ferrara, en 1580 e estivo activa ata a disolución da corte en 1597. Giacomo Vincenti, un editor musical, loou a estas mulleres como "virtuose giovani" (novas virtuosas), facéndose eco dos sentimentos de cronistas e comentaristas contemporáneos.
As orixes da agrupación encóntranse nun grupo de afeccionados cortesáns de alto rango que interpretaban música os uns para os outros no contexto da informal musica secreta do duque na década de 1570. A agrupación foi evolucionando cara a un grupo só de mulleres profesionais, o concerto delle donne, que ofreceu concertos formais para os membros do círculo íntimo da corte e visitantes importantes. O seu estilo de canto florido e altamente ornamentado levou prestixio a Ferrara e inspirou a compositores da época. O concerto delle donne revolucionou o papel da muller na música profesional, e continuou a tradición da corte de Este como centro cultural. A fama do grupo de mulleres espallouse por toda Italia, inspirando imitacións nas poderosas cortes dos Medici e os Orsini. A fundación do concerto delle donne foi o acontecemento máis importante na música secular italiana a finais do século XVI; as innovacións musicais que se estableceron na corte foron importantes no desenvolvemento do madrigal, e finalmente a seconda pratica. Imaxe destacada
Sabías que...?
Categorías
Biografía destacada
María Amelia de Braganza, nada en París o 1 de decembro de 1831 e finada en Funchal (Madeira) o 4 de febreiro de 1853, foi unha princesa do Imperio do Brasil e membro da rama brasileira da casa de Braganza. Os seus pais foron o emperador Pedro I, primeiro rexente do Brasil, e Amelia de Leuchtenberg. Única filla do segundo matrimonio do seu pai, María Amelia naceu en Francia trala abdicación de Pedro I en favor do seu fillo Pedro II. Antes de que María Amelia cumprise un ano de idade Pedro I viaxou ata Portugal para restablecer a coroa da filla maior do seu primeiro matrimonio, María II, librando con éxito unha guerra contra o seu irmán Miguel I, quen usurpara o trono de María II.
Poucos meses trala súa vitoria Pedro I faleceu a causa dunha tuberculose. A nai de María Amelia levouna a Portugal, onde permaneceu a maior parte da súa vida sen chegar a visitar o Brasil. O goberno brasileiro non recoñeceu a María Amelia como membro da casa imperial do Brasil xa que nacera no estranxeiro, pero cando o seu medio irmán maior Pedro II foi declarado maior de idade en 1840, este interveu en favor de María Amelia con éxito. Prometeuse co arquiduque Maximiliano de Austria a comezos do ano 1852, pero antes de que tivera lugar o matrimonio ela contraeu tuberculose e foi trasladada a vila de Funchal na illa portuguesa de Madeira. Malia o clima de saudable reputación que tiña aquel lugar, a saúde de María Amelia continuou deteriorándose, e faleceu o 4 de febreiro de 1853. O seu corpo foi levado ó continente e soterrado no panteón familiar do mosteiro de São Vicente de Fora. Uns 130 anos despois os seus restos trasladáronse ó Brasil. En conmemoración da súa filla, Amelia de Leuchtenberg financiou a construción do hospital "Princesa D. Maria Amélia" en Funchal. O prometido de María Amelia, Maximiliano, fixo unha peregrinación ata o Brasil e Madeira, viaxe que influíu na súa aceptación do trono de México en 1864. Cita destacada
Proxectos relacionados
Artigos de calidade e bos
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|