Pablo Hernández Coronado
Pablo Hernández Coronado | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Pablo Hernández Coronado | ||
Nacemento | 11 de setembro de 1897 | ||
Lugar de nacemento | Madrid | ||
Falecemento | 11 de novembro de 1997 | ||
Lugar de falecemento | Madrid | ||
Posición | Porteiro | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1916–1917 | Stadium | ||
1918–1919 | Gimnástica de Madrid | ||
1919–1920 | Real Madrid | ||
Adestrador | |||
1942 | Real Madrid | ||
1946–1947 | España | ||
1955 | España | ||
1962 | España | ||
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Pablo Hernández Coronado, nado en Madrid o 11 de setembro de 1897 e finado na mesma cidade o 11 de novembro de 1997, foi un boxeador, xornalista, futbolista e adestrador español. Dirixiu a selección española en tres etapas diferentes entre as décadas de 1940 e 1960.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu en Madrid o 11 de setembro de 1897 e comezou a xogar ao fútbol no colexio Cardenal Cisneros, especializándose na posición de gardameta.[1] na súa xuventude foi campión de Castela de boxeo.[2] Estudante de Medicina, xogou ao fútbol nun equipo universitario, antes de ingresar no Stadium FC da capital española, co que disputou o Campionato Rexional Centro.[2] Ocupaba a posición de porteiro e en 1918 xogou na Gimnástica de Madrid.[3] En 1919 pasou ao Real Madrid, onde substituíu na portería a Eduardo Teus. Na tempada 1919/20 proclamouse campión do campionato rexional e xogou dous encontros da Copa do Rei, ante o Athletic de Bilbao.[1]
Máis tarde foi xornalista e árbitro, e actuou como secretario do Colexio Nacional de Árbitros, antes de regresar en 1925 ao Real Madrid como secretario técnico.[3] Ocupou este cargo ata 1943 e foi o responsable de importantes fichaxes como as de Zamora, Samitier, Gaspar Rubio, Ciriaco, Quincoces, Hilario Marrero ou Pahiño.[2][1] En decembro de 1942 púxose á fronte do equipo como adestrador durante unha xornada, entre a marcha de Joan Armet e a chegada do galego Moncho Encinas. Foi tamén presidente da Federación Centro de Fútbol, tesoureiro da Real Federación Española de Fútbol, inspector de Facenda, secretario da Federación Española de Xadrez e director do Padroado de Apostas Mutuas Deportivo Benéficas.[1]
En outubro de 1946 foi nomeado seleccionador nacional pola Federación Española.[4] Nesa primeira etapa á fronte da selección española, dirixiuna en dous encontros amigables, ante Portugal e Irlanda, sufrindo senllas derrotas. Volveu ocupar brevemente o cargo de seleccionador en 1955, conseguindo a súa primeira vitoria contra Suíza. En 1962 iniciou a súa terceira etapa como seleccionador, xunto ao adestrador Helenio Herrera, e ambos dirixiron o combinado español no Mundial de Chile dese mesmo ano. A dupla de adestradores, coñecida pola prensa como H3C, non puido conseguir que España pasase da fase de grupos, quedando eliminada despois de perder contra Checoslovaquia, gañar a México e perder no terceiro partido contra o Brasil.[5]
En 1955 publicou un libro sobre fútbol, titulado Cosas del fútbol.[3]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casou con Aurora Perrin Thomé, coa que tivo cinco fillos (catro varóns e unha muller).[3] Tras deixar o mundo do fútbol viviu en Madrid ata o seu falecemento en 1997, dous meses despois de cumprir os 100 anos de idade.[1]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Cosín, Alberto (11 de setembro de 2016). "Pablo Hernández Coronado: un hombre de club" (en castelán). Consultado o 25 de agosto de 2022.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Ramos, Jesús (2 de xaneiro de 2016). "Hernández Coronado, una vida dedicada al Madrid". Marca (en castelán). Consultado o 25 de agosto de 2022.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 "Pablo Hernández Coronado". Dicionario biográfico español (en castelán). Consultado o 25 de agosto de 2022.
- ↑ "Nuevo seleccionador nacional de fútbol". El Correo Gallego (en castelán) (23239). 6 de outubro de 1946. p. 4. Consultado o 25 de agosto de 2022.
- ↑ Hernández Armenteros, José (1 de maio de 2014). "España 1962, Helenio Herrera y la H3C (Segunda parte)". Cuadernos de fútbol (en castelán) (54). ISSN 1989-6379. Arquivado dende o orixinal o 30 de xaneiro de 2022. Consultado o 25 de agosto de 2022.
- Nados en Madrid
- Nados en 1897
- Finados en 1997
- Boxeadores de España
- Xornalistas da Comunidade de Madrid
- Futbolistas da Comunidade de Madrid
- Gardametas de fútbol
- Xogadores do Real Madrid CF
- Adestradores de fútbol de España
- Adestradores do Real Madrid CF
- Adestradores da selección de fútbol de España
- Árbitros de fútbol de España