Museo Exipcio do Cairo
O Museo Exipcio do Cairo, actualmente nomeado tamén Museo de Antigüidades do Cairo, é un museo dotado duns vastos fondos arqueolóxicos exipcios de toda clase, que se atopa situado na capital d'O Cairo. Depende do Consello Supremo de Antigüidades, organismo gobernamental encargado do patrimonio histórico do país, que depende á súa vez do Ministerio de Cultura.
Aínda que os obxectos máis apreciados son os relacionados con Tutankhamon (especialmente a súa máscara de ouro), o museo posúe obxectos de todas as dinastías, da máis variada natureza, desde obxectos de uso diario ás momias de faraóns e altos personaxes. En total os obxectos expostos calcúlanse en 136.000 (outras fontes indican 120.000), outros varios centenares de miles están conservados en almacéns.
O museo foi creado en 1835, nun intento do goberno por coutar a exportación incontrolada de todo tipo de obxectos antigos. Abriu as portas en 1858 coas coleccións recollidas por Aguste Mariette, arqueólogo francés ao servizo de Isma'il Pasha. No 1880 o museo estaba sito no mesmo palacio de Isma'il Pasha en Giza. En 1900, o museo adquiriu a súa actual sede, un edificio de estilo neoclásico, construído para ese uso, na Praza Tahrir do centro d'O Cairo. O edificio foi deseñado polo arquitecto francés, Marcel Dourgnon e inaugurado en 1902.
A Sala das momias, que contén 27 momias reais de época antiga, foi pechada ao público en 1981, por orde do entón presidente exipcio, Anwar Sadat. Desde 1985 foi reaberta cunha selección de momias de reis e raíñas do Reino Novo, das que só é visíbel o rostro.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Museo Exipcio do Cairo |
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- Páxina oficial (en inglés).
- Museo Exipcio do Cairo (vídeo en Youtube).