Igor Moiseev
Biografía | |
---|---|
Nacemento | 8 de xaneiro de 1906 (Xuliano) Kíiv, Ucraína |
Morte | 2 de novembro de 2007 (101 anos) Moscova, Rusia |
Lugar de sepultura | cemiterio Novodevichii 55°45′08″N 37°36′56″L / 55.7522, 37.6156 |
Educación | Academia Estatal de Coreografía de Moscova |
Actividade | |
Campo de traballo | Danza e Coreografía |
Ocupación | coreógrafo, mestre de ballet, bailarín de ballet, bailarín |
Familia | |
Cónxuxe | Tamara Zeyfert Irina Moiseeva |
Parentes | Vladimir Moiseyev, daughter's son |
Premios | |
| |
Descrito pola fonte | Grande Enciclopedia Soviética 1969-1978, (sec:Моисеев Игорь Александрович) Enciclopedia soviética armenia, volume 7, (p.673) Moskovskaia entsiklopedia: Litsa Moskvi |
Igor Alexandrovich Moiseev (en ruso И́горь Алекса́ндрович Моисе́ев), nado en Kíiv o 21 de xaneiro de 1906 e finado en Moscova o 2 de novembro de 2007, foi un coreógrafo e danzarín ruso.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Naceu na capital de Ucraína, onde seu pai Alexander Moiseev, un nobre ruso orixinario da rexión de Orel, exercía como avogado. Súa nai era Anna Gren, era de orixe francesa e romanesa; a parella coñeceuse en París e só uns meses despois do seu nacemento a familia marchou á capital francesa, onde Igor viviu ata os oito anos[1] e logo a familia estableceuse en Moscova. En 1920 con catorce anos seu pai levouno á academia de ballet dunha antiga danzarina do Bolshoi, Vera Mosolova, e que estaba situada preto da casa familiar[2] pero só uns meses despois de comezar as clases a profesora levouno á escola de ballet do Teatro Bolshoi e Igor aprobou o exame de admisión[3]. Entre os seus profesores estivo Alexander Gorskii e tras graduarse en 1924 entrou no elenco do Bolshoi. Comezou tamén a traballar como coreógrafo dende 1930.
En 1937 co apoio de Viacheslav Molotov, presidente do Consello de Comisarios do Pobo, organizou o primeiro conxunto profesional de danza popular da Unión Soviética, o primeiro ensaio do novo conxunto foi o 1 de febreiro de 1937 e Moiseev foi director artístico permanente e director de danza. A partir de 1938 co novo grupo relizou numerosas xiras por toda a URSS e dende 1945 tamén por outros países. En 1943 dotou ao grupo cunha escola profesional de danza popular, os graduados atoparon traballo tanto no propio grupo como noutros ao longo da Unión Soviética[4] e en 1966 estableceu un conxunto para novos talentos da danza, que se transformou no actual Teatro Académico Estatal do Ballet Clásico, e que dirixiu ata 1970[5].
Nas súas coreografías mantivo un rigoroso equilibrio entre as danzas populares auténticas e o espectáculo teatral, con pasos e chimpos aparatosos e acrobáticos. Mesmo en 1952, durante o stalinismo[6], criticou duramente o estado da coreografía soviética, que consideraba anquilosada e temorosa das novidades. Montou máis de 170 coreografías[7], na súa maioría recreacións de danzas populares para representación teatral. O seu estilo coreográfico converteuse en estándar na Unión Soviética[8], con grupos imitando o modo Moiseev para cada nacionalidade.
Ao longo da súa carreira foi xurado de numerosos concursos e festivais internacionais, e dirixiu o xurado dun programa da televisión soviética dedicado aos festivais populares. Tamén organizou concertos de gala e programas culturais e traballou activamente no Comité de Paz Soviético; así e todo, malia as numerosas peticións que recibiu nunca foi membro do Partido Comunista da Unión Soviética polas súas crenzas relixiosas[9].
Foi membro do consello do Teatro Bolshoi dende 1985, da Academia Rusa das Artes dende 1996. Escribiu diversos artigos dedicados á coreografía e en 1996 publicou as súas memorias.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Jack Anderson "'Igor Moiseyev, 101, Choreographer, Dies'". The New York Times, 3 de novembro de 3007
- ↑ "Скончался выдающийся хореограф Игорь Моисеев" Arquivado 04/03/2018, en Wayback Machine.vl.ru, 3 de novembro de 2007
- ↑ "Ушел из жизни Игорь Моисеев" Arquivado 04 de xuño de 2018 en Wayback Machine.tvkultura.ru, 2 de novembro de 2007
- ↑ "Моисеевский ансамбль народного танца отмечает 75-летний юбилей".RIA Novosti, 10 de febreiro de 2012
- ↑ "Моисеев Игорь Александрович"warheroes.ru
- ↑ Christina Ezrahi (2012) Swans of the Kremlin: Ballet and Power in Soviet Russia. University of Pittsburgh Press, p. 103
- ↑ "Igor Moiseyev" Encyclopædia Britannica
- ↑ Anthony Shay (2019) The Igor Moiseyev Dance Company: Dancing Diplomats Intellect Books. p. 73
- ↑ "Танцующий век"rg.ru, 20 de xaneiro de 2006