Saltar ao contido

Garza dos arrecifes

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Garza dos arrecifes

Morfo escuro da E. g. schistacea na lagoa de Dohat Arad, Muharraq, Bahrein
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante[1]
Clasificación científica
Dominio: Eukaryota
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Pelecaniformes
Familia: Ardeidae
Xénero: Egretta
Especie: Egretta gularis
(Bosc, 1792)
Área de distribución con subespecies e especies relacionadas. Para dimorpha, ver Egretta dimorpha.
Área de distribución con subespecies e especies relacionadas. Para dimorpha, ver Egretta dimorpha.

Área de distribución con subespecies e especies relacionadas. Para dimorpha, ver Egretta dimorpha.

A garza dos arrecifes[2] (Egretta gularis) é unha garza de mediano tamaño que se atopa no sur de Europa, África e partes de Asia. Ten principalmente unha distribución costeira e pode ter varias formas de plumaxe: unha plumaxe gris lousa na cal só pode confundirse co bastante pouco común morfo escuro da garza branca pequena (Egretta garzetta); unha forma branca que pode parecerse a esta última pero o bico adoita telo máis claro, e unha forma negra con gorxa branca chamada E. g. gularis de África occidental. Hai tamén diferenzas en tamaño, estrutura e comportamento de busca de alimento. Suxeriuse que esta especie se hibrida coa garza branca pequena, e baseándose nisto, algúns autores tratan as formas schistacea e gularis como subespecies de Egretta garzetta. As obras que consideran a garza dos arecifes como especie válida inclúen a forma nomeada gularis e a schistacea como subespecies.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Esta ave ten dúas formas de cor de plumaxe. Existe un morfo todo branco e outro gris escuro; os morfos poden aparecer con tons intermedios de gris que poden estar relacionados coa idade do animal[3] ou teren partes grises e brancas. O morfo branco ten un aspecto similar ao da garza branca pequena, pero ten un bico máis grande e máis amarelo, máis porción de amarelo nas súas patas máis grosas, e cando busca alimento adoita ser moi activa, por veces movendo tamén as ás ou usándoas para dar sombra á superficie da auga. O morfo gris ten unha gorxa abrancazada e é difícil de confundir con ninghunha outra especie que viva na súa área de distribución con bico e patas similares a este morfo branco. Durante a estación reprodutora as patas e a pel da face son avermelladas.[4] As aves reprodutoras teñen dúas plumas longas a cada lado da caluga. A subespecie nomeada gularis distribúese por África occidental ata Gabón, e algúns exemplares reprodúcense no sur de Europa. A subspecie schistacea (Hemprich & Ehrenberg, 1828) reprodúcese desde o Golfo Pérsico ao longo da costa da India ata o leste da Península India. O bico de gularis é máis bicudo, mentres que schistacea teno máis grande, especialmente na base. A forma da costa leste de Suráfrica é xeralmente considerada por separado como Egretta dimorpha.[5][6][7] O morfo escuro e branco pénsase que está controlado por un só alelo, tendo o carácter escuro dominancia incompleta sobre o branco.[8]

Taxonomía e sistemática

[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez co nome Ardea gularis a partir dun espécime de Senegal polo naturalista francés Louis Augustin Guillaume Bosc en 1792. A distintiva gorxa branca (ou rexión gular) do morfo escuro deulle á especie o seu nome. Autores posteriores tratárona dentro dos xéneros Demiegretta (no cal as garzas dimórficas estaban antes incluídas[9]), Herodias e Lepterodius, ata que acabou na súa actual posición estable no xénero Egretta. Porén, a distinción entre esta especie e Egretta garzetta foi moi discutida, e algúns autores tratan a garzetta como unha superespecie politípìca. Houbo certa confusión en relación co que se pensaba que eran garcetas brancas pequenas escuras e a posibilidade de que houbese híbridos. Os morfos escuros das garcetas brancas pequenas son extremadamente raros e case todos os espécimes do que se pensaba antes que eran morfos escuros resultaron ser gancetas dos arrecifes.[10] Na India algunhas investigacións parecían presentar probas circunstanciais de hibridación coas garcetas brancas pequenas, pero os mesmos investigadores sinalaron que as estacións reprodutoras de ambas as especies eran diferentes.[11] Tamén se afirmou que había hibridación en Marrocos[12] e Kenya (pero isto pode referirse a Egretta dimorpha).[13] Christidis e Boles citan un informe de McCracken e Sheldon (2002) no que as secuencias nucleotídicas dos xenes do citocromo b dunhas mostras tomadas dunha garza branca pequena e dunha garza dos arrecifes eran idénticas e utilizaron isto como proba para retirarlle a categoría de especie. As secuencias e as orixes das mostras non están dispoñibles publicamente nin son verificables.[14] No pasado a forma da India, que foi descrita tamén como Ardea asha por William Henry Sykes, fora tratada como unha subespecie da garza branca pequena co nome Egretta garzetta schistacea baseándose na presunta hibridación con Egretta gularis. Os loros (zona entre o ollo e o bico) da garza branca pequena son azuis, mentres que os da garza dos arrecifes son avermellados, aínda que algúns individuos de schistacea mostran o azul e isto pénsase que se debe á hibridación.[4] A forma costeira escura de Madagascar, Aldabra, illas Comores, Seychelles e partes de África oriental (sur de Kenya ata Tanzania) foron inicialmente tratadas como unha subespecie (a forma africana continental foi ás veces considerada como schistacea) mais agora foron elevadas á categoría de especie co nome Egretta dimorpha.[5][15][16]

Distribución e status

[editar | editar a fonte]

Vive principalmente nas costas da África occidental tropical, o mar Vermello, o Golfo Pérsico, (Irán)[18] espallándose ao leste ata a India. Tamén se atopa nas illas Laquedivas e Sri Lanka, onde antes se rexistrou a reprodución en Chilaw.[19] A subespecie nomeada reprodúcese en África occidental dese Mauritania a Gabón. Poden atoparse exemplares fóra do continente, como nas illas Canarias. Un pequeno número reprodúcese en España.[20] A subespecie schistacea atópase na costa do mar Vermello e arredor da costa da India.[5] Coñécense colonias reprodutoras na costa leste da India arredor do lago Pulicat.[21] ocasionalmente poden verse máis terra dentro.[22]

A subespecie nomeada aparece como vagante en América do Norte e do Sur e illas do Caribe.[23][24][25][26][27][28][29] Baseándose no número crecente de rexistros da súa presenza sospéitase que pode que establezan colonias reprodutoras no Brasil.[30] Varios rexistros entre 1980–90 en Alemaña, Austria e Francia atribuíronse a aves que escaparon dun comerciante de animais en Mittelfranken.[10]

Comportamento e ecoloxía

[editar | editar a fonte]

Estas aves axexan as súas presas en augas pouco fondas, xeralmente andando ou remexendo a auga cos pés ou movendo as ás para espantar as presas; poden tamén estar de pé e esperar para emboscar as presas. Comen peixes, crustáceos e moluscos. En áreas costeiras, aliméntanse regularmente de peixes Oxudercinae, que poden arrastrarse pola lama fóra da auga longo tempo.[19] Estudos de laboratorio mostraron que poden facer correccións da refracción da luz na auga para apuntar, pero a probabilidade de errar increméntase cando son forzadas a golpear co bico a presa con ángulos moi agudos respecto á superficie da auga.[31] Igual que outras garzas, fan poucas vocalizacións, profirindo un kwok baixo ou sons renxentes cando son molestadas ou están preto do niño.[19]

O hábitat reprodutor da garza dos arrecifes son as zonas húmidas costeiras. Na rexión do mar Vermello a estación reprodutora é de xuño a agosto. A subespecie nomeada reprodúcese en África occidental desde finais de abril a setembro. Na India a estación reprodutora é durante as chuvias do monzón desde abril a agosto e finais de maio na anterior colonia reprodutora de Chilaw en Sri Lanka. A maioría das colonias reprodutoras en Gujarat no oeste da India estban en mangleirais.[32] Nidifican en colonias xeralmente da súa propia especie, pero ás veces tamén con outras garzas, habitualmente en plataformas de paus situadas en árbores ou arbustos. O macho vai buscar paus para o niño mentres que a femia os coloca para formar a plataforma. A altura á que está o niño varía duns 5 a 15 metros, pero tamén se observou nidificación a baixa altura (a só 0,6 metros) en mangleiros de depresións salinas. A posta normal é de tres ou catro ovos que son azuis claros como os da garza branca pequena. A incubación empeza cando se pon o primeiro ovo, o que ten como resultado unha disparidade no tamaño dos polos. Ambos os proxenitores fan quendas para chocaren os ovos e estes eclosionan despois de 23 a 24 días. Os polos son brancos con manchas grises. As crías ás veces morren porque caen desde a plataforma do niño. Os adultos poden darlles sombra durante a parte máis quente do día. Entre os predadores dos ovos están as ratas, e os polos novos poden ser capturados por gatos e corvos. Os adultos xeralmente gardan o niño cando hai ovos ou polos novos. Os adultos alimentan as crías regurxitando comida semidixerida no niño. Esta dieta consta principalmente de pequenos peixes das falmilias Clupeidae, Gobiidae e Engraulidae.[33] As crías abandonan o niño aproximadamente nun mes.[19][34][35]

  1. BirdLife International (2016). "Egretta gularis" 2016: e.T22729692A95020328. doi:10.2305/IUCN.UK.2016-3.RLTS.T22729692A95020328.en. 
  2. "Denominación das aves". Real Academia Galega. Consultado o 22 de decembro de 2024. 
  3. Dharmakumarsinhji, K.S. (1984). "Some notes on the Indian Reef Heron". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 81 (1): 188–189. 
  4. 4,0 4,1 Parasharya, B.M.; Naik, R.M. (1987). "Changes in the soft part coloration of the Indian Reef Heron, Egretta gularis (Bosc) related to age and breeding status". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 84 (1): 1–6. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Dubois, Philippe J.; Yésou, Pierre (1995). "Identification of western reef egrets and dark Little Egrets". British Birds 88: 307–319. 
  6. Rasmussen, P.C.; Anderton, J.C. (2005). Birds of South Asia. The Ripley Guide. Volume 2. Washington DC e Barcelona: Smithsonian Institution and Lynx Edicions. p. 55. 
  7. Parasharya, B.M.; Naik, R.M. (1984). "The juvenile plumage of the Little Egret compared with that of the White-phase Indian Reef Heron". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 81 (3): 693–695. 
  8. Naik, R.M.; Parasharya, B.M. (1983). "Sequence of plumage changes and polymorphism in the Indian Reef Heron, Egretta gularis". Sandgrouse 5: 75–81. 
  9. Berlioz, J. (1956). "The dimorphic egrets". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 54 (1): 188–190. 
  10. 10,0 10,1 Magyar, G.; Yésou, P. (2000). "Reconsideration of a Hungarian specimen of a black-coloured egret as Western Reef Egret (Egretta gularis)" (PDF). Aquila. 105-106: 35–40. 
  11. Naik, R.M.; Parasharya, B.M.; Patel, B.H.; Mansuri, A.P. (1981). "The timing of breeding season and interbreeding between the colour phases in the Indian Reef Heron Egretta gularis (Bosc)". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 78 (3): 494–497. 
  12. Qninba, A.; Benhoussa, A.; Ibn Tattou, M.; El Idrissi Essougrati, A.; Haj, S. Ben; Idrissi, H. Rguibi (2011). "Cas probable d'hybridation Aigrette garzette Egretta garzetta x Aigrette des récifs Egretta gularis dans l'archipel d'Essaouira (Maroc)." (PDF). Alauda (en francés) 79: 241–242. 
  13. Hancock, J; Naik, RM (1986). Inter-breeding between the Little Egret and the Western Reef Heron in India, Africa and possibly Israel. Abstract No. 411. 19th International Ornithological Congress. 
  14. Christidis, Les; Boles, Walter E. (2008). Systematics and taxonomy of Australian birds. CSIRO. p. 110. 
  15. Grant, CHG; Mackworth-Praed, CW (1938). "A further note on the Relationship, Status, and Distribution of Egretta garzetta, E. gularis, E. schistacea and E. dimorpha". Bulletin of the British Ornithologists' Club 59 (417): 24–26. 
  16. Grant, CHB; C. W. Mackworth-Praed (1933). "On the Relationship, Status and Range of Egretta garzetta, Demiegretta gularis, D. schistacea, D. asha, and D. dimorpha, a new subspecies and the correct type-locality of Egretta garzetta". Bulletin of the British Ornithologists' Club 53: 189–196. 
  17. Koparde, Pankaj; Yesou, Pierre (2017). "Probable hybrids Little Egret x Indian Reef Heron in India and Sri Lanka" (PDF). Dutch Birding 39: 238–246. 
  18. Etezadifar, Farzaneh; Amini, Hamid (2010). "Current Status of the Breeding Population of the Western Reef Heron Egretta gularis along the Northern Coasts of the Persian Gulf and Oman Sea, and its Wintering Population in the South of Iran" (PDF). Podoces 5 (2): 71–80. 
  19. 19,0 19,1 19,2 19,3 Ali, Salim; Ripley, S. Dillon (1978). Handbook of the birds of India and Pakistan. Volume 2. (2ª ed.). New Delhi: Oxford University Press. pp. 75–76. 
  20. Dies, J.I.; Prosper, J.; Dies, B. (2001). "Occasional breeding by Western Reef Egret in eastern Spain" (PDF). British Birds 94: 382–386. 
  21. Kirkpatrick, K.M. (1961). "The Ashy Reef Heron, Egretta gularis (Bosc) on the East Coast". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 58 (1): 275. 
  22. Neavoll, George F. (1968). "Occurrence of the Reef Heron [Egretta gularis (Bosc.)] in Hyderabad District". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 65 (1): 215–216. 
  23. Paice, Michael R. (2006). "First record of the Western Reef-heron (Egretta gularis) for St. Vincent and the Grenadines" (PDF). Journal of Caribbean Ornithology 19 (1): 46–48. 
  24. Murphy, W. L.; Nanan, W. (1987). "First confirmed record of Western Reef-Heron (Egretta gularis) for South America". American Birds 41: 16–27. 
  25. Davis Jr., William E. (1985). "Foraging Behavior of a Western Reef Heron in North America". Colonial Waterbirds 8 (1): 70–73. JSTOR 1521198. doi:10.2307/1521198. 
  26. Kenefick, Martyn; Hayes, Floyd E. (2006). "Trans-Atlantic vagrancy of Palearctic birds in Trindidad and Tobago" (PDF). J. Carib. Ornithol. 19: 61–72. 
  27. Wilson, A. (2007). "Western Reef-Heron (Egretta gularis gularis) at Calvert Vaux Park, Brooklyn". Kingbird 57 (4): 288–294. 
  28. Cardillo, R.; Forbes-Watson, A.; Ridgely, R. (1983). "The Western Reef–Heron (Egretta gularis) at Nantucket Island, Massachusetts". American Birds 37 (5): 827–829. 
  29. Murphy, William L. (1992). "Notes on the Occurrence of the little egret (Egretta garzetta) in the Americas, with Reference to Other Palearctic Vagrants". Colonial Waterbirds 15 (1): 113–123. JSTOR 1521360. doi:10.2307/1521360. 
  30. Fedrizzi, Carmem E.; Carlos, Caio J.; Vaske Jr., Teodoro; Bugoni, Leandro; Viana, Danielle; Véras, Dráusio P. "Western Reef-Heron Egretta gularis in Brazil (Ciconiiformes: Ardeidae)" (PDF). Revista Brasileira de Ornitologia 15 (3): 481–483. 
  31. Katzir, Gadi; Lotem, Arnon; Intrator, Nathan (1989). "Stationary underwater prey missed by reef herons, Egretta gularis: head position and light refraction at the moment of strike" (PDF). Journal of Comparative Physiology A 165 (4): 573–576. doi:10.1007/BF00611243. 
  32. Naik, R.M.; Parasharya, B.M. (1987). "Impact of the food availability, nesting-habitat destruction and cultural variations of human settlements on the nesting distribution of a coastal bird, Egretta gularis, in Western India". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 84 (2): 350–360. 
  33. Etezadifar, Farzaneh; Barati, Ahmad (2011). "Nestling diet of the Western Reef Heron, Egretta gularis, in Hara Biosphere Reserve, Persian Gulf". Zoology in the Middle East 54 (1): 131–133. doi:10.1080/09397140.2011.10648885. 
  34. Tere, Anika (2004). "Nesting of Western Reef-Egret Egretta gularis in the saltpans of G.H.C.L., Dholera". Newsletter for Ornithologists 1 (5): 73–74. 
  35. Parasharya, B.M.; Naik, R.M. (1988). "Breeding biology of the Indian Reef heron". J. Bombay Nat. Hist. Soc. 85 (2): 251–262. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]