Fugazi
Fugazi | |
---|---|
Fugazi en concerto no 2002 | |
Orixe | Washington, D.C., Estados Unidos |
Período | 1987 - presente (en hiato dende 2003) |
Xénero(s) | post-hardcore, punk rock |
Selo(s) discográfico(s) | Dischord Records |
Membros | Ian MacKaye Guy Picciotto Joe Lally Brendan Canty |
Antigos membros | Colin Sears |
Na rede | |
http://www.dischord.com/band/fugazi | |
Fugazi é unha banda de post-hardcore estadounidense procedente de Washington, D.C. e formada en 1987. É actualmente unha das bandas máis influentes no rock independente. O grupo atópase en hiato indefinido dende o ano 2003. Fugazi caracterízase pola súa postura ética DIY, as súas prácticas empresariais e o seu desprezo cara á industria discográfica.
Fugazi sempre foi coñecido pola súa posición política, percorreron o mundo promovendo un estilo de vida san e a crítica cara ás institucións e corporacións aos seus seguidores durante as súas enérxicas actuacións. Atribúeselles ser os pais do son emocore.
Historia
[editar | editar a fonte]Formación
[editar | editar a fonte]Despois da disolución da banda seminal de hardcore punk Minor Threat, Ian MacKaye (o seu guitarrista e cantante) estivo nun feixe de bandas de curta vida (entre as que destacou a banda de emocore Embrace) antes de formar un novo trío, Fugazi, co batería Colin Sears e o baixista Joe Lally, comezando a ensaiar xuntos en setembro de 1986. Sears deixou a banda para unirse a Dag Nasty e foi substitu��do por Brendan Canty, que anteriormente estivera en Rites of Spring.
MacKaye describe esta etapa de Fugazi como The Stooges tocando reggae. O grupo realizou o seu primeiro concerto a comezos do mes de setembro de 1987 cando aínda non tiña nome. MacKaye escolleu a palabra "fugazi" dunha compilación de historias sobre a Guerra de Vietnam, onde era usada co significado de "Fucked Up, Got Ambushed, Zipped In".[1] A banda tocou como trío durante algúns meses ata incorporar a Guy Picciotto. Picciotto orixinalmente só cantaba, pero despois dun tempo comezou a tocar a guitarra tamén.
Fugazi EP e Margin Walker - 13 Songs
[editar | editar a fonte]Fugazi realizou a súa primeira xira en xaneiro de 1988, e en xuño dese ano gravou o seu EP de estrea, Fugazi co produtor Ted Nicely. Pouco despois iniciaría unha xira por Europa que remataría en decembro.[2] Ese mes a banda gravou temas para o seu álbum de estrea, porén, non quedou contenta coas sesións. A listaxe de cancións reduciuse e finalmente editaron o EP Margin Walker en 1989. Ámbolos dous EPs foron finalmente combinados no álbum 13 Songs, publicado a finais de 1989.[3][4] Ao seu regreso de Europa, Picciotto, insatisfeito con só cantar, comezou a tocar tamén a guitarra.[5]
Repeater e Steady Diet of Nothing
[editar | editar a fonte]Con Picciotto agora tamén como guitarrista a tempo completo, Fugazi pasou a compoñer os temas novos como unha banda, xa que antes encargábase Ian MacKaye en solitario. Ademais de traballar en material novo, temas que xa foran interpretados ao vivo como "Merchandise" e "Turnover" foron modificados para incluílos no seu primeiro álbum de estudio.[6]
O seu primeiro álbum, Repeater, foi lanzado o 19 de abril de 1990 a través do selo Dischord Records, e inicialmente non entrou na lista Billboard 200 nin foi un éxito comercial. Porén, a banda pasou gran parte de 1990 e 1991 de xira, realizando uns 250 concertos en 13 meses. Cara ao verán de 1991 o disco chegara á cifra das 300 000 copias vendidas, e moitos grandes selos comezaron a realizarlle ofertas a Fugazi, que a banda rexeitou para continuar con Dischord. Repeater finalmente chegaría a vender máis dun millóns de copias só nos Estados Unidos, e máis de 2 millóns en todo o mundo. O álbum foi ben recibido pola crítica e contaba cun son alternativo que precedeu a significativos discos como o Nevermind de Nirvana e o Ten de Pearl Jam, que inesperadamente farían chegar o xénero ao mainstream.[6]
Para o segundo álbum de estudio de Fugazi, Steady Diet of Nothing, editado en xullo de 1991, a banda pediulle novamente ao produtor Ted Niceley traballar con eles. Niceley fixérase cociñeiro e tivo que renunciar á petición, polo que os membros do grupo decidiron producir o disco eles mesmos.[7] Despois do éxito de Repeater e da súa posterior xira mundial, Steady Diet era moi agardado, e seis meses antes do seu lanzamento Dischord xa tiña máis de 160 000 reservas para o álbum.[8]
In On the Kill Taker e Red Medicine
[editar | editar a fonte]Fugazi gravou o seu terceiro álbum, In on the Kill Taker, no outono de 1992 con Steve Albini en Chicago; porén, os resultados non foron satisfactorios e a banda decidiu regravar o disco con Ted Niceley e Don Zientara. Co estoupido do rock alternativo a comezos dos 90, In on the Kill Taker; editado o 30 de xuño de 1993, converteuse no primeiro disco de Fugazi en entrar nas listas da Billboard, en recibir a aclamación dos críticos de Spin, TIME magazine e Rolling Stone, convertendose así no álbum que lanzou a Fugazi ao estrelato.[6]
Na xira de In on the Kill Taker o grupo comezou a encher grandes auditorios e estadios, ademais de recibir ofertas de grandes selos máis lucrativas. Durante as tres noites coas entradas esgotadas no Roseland Ballroom de Nova York en setembro de 1993, o magnate da música e presidente de Atlantic Records Ahmet Ertegün reuniuse coa banda nos camerinos nun intento de fichala. Ertegün ofreceulles "todo o que queirades", o seu propio selo subsidiario e máis de 10 millóns de dólares só por asinar con Atlantic. Fugazi declinou a oferta.[9] Os organizadores do Lollapalooza tamén intentaron recrutar á banda como cabezas de cartel para a xira de 1993, feito que a banda considerou pero finalmente rexeitou.[10]
Fugazi comezou a compoñer o material para Red Medicine a finais de 1994, despois de xirar promocionando In on the Kill Taker. A banda traballou co enxeñeiro Don Zientara, pero decidiu non traballar novamente co produtor Ted Niceley. Fugazi optou por afastarse dos valores de produción agresivos de In on the Kill Taker e traballar no seu lugar en crear un son ambiental que amosase un maior alcance e profundidade. Para conseguir isto a banda encargouse das tarefas de produción, e ao facelo volveuse máis segura coa experimentación no estudio. Red Medicine levaría a Fugazi un paso máis aló cara ao art rock. O grupo comezou unha extensa xira mundial para promocionar o álbum, realizando un total de 172 concertos entre marzo de 1995 e novembro de 1996.[6][11]
End Hits e The Argument
[editar | editar a fonte]Despois de completar a esgotadora xira mundial para promocionar Red Medicine, Fugazi colleuse un tempo de descanso e comezou a compoñer temas para o seu seguinte lanzamento. En marzo de 1997 Fugazi regresou novamente aos Inner Ear Studios co produtor e enxeñeiro Don Zientara para comezar a gravar o álbum End Hits, coa intención de adoptar un enfoque máis relaxado con respecto á gravación e ter máis tempo para experimentar con distintos sons e técnicas no estudio. O grupo finalmente pasou sete meses gravando. Debido ao título ("end hits" podería traducirse como golpes finais ou como éxitos finais) comezaron a circular rumores dicindo que sería o seu derradeiro lanzamento.[12] Publicado o 28 de abril de 1998, o disco foi un éxito comercial e marcou unha das mellores estreas da banda nas listas da Billboard. Porén, a reacción da crítica a End Hits foi dispar. Moitos críticos loubaron os temas máis pesados do álbum, mentres que outros cuestionaron a inclusión das cancións experimentais máis longas do grupo.[13]
Fugazi comezou a traballar en The Argument en 1999. Este proceso tomoulle ao grupo máis tempo do normal. Cada membro levou as súas propias ideas, a banda improvisou sobre elas e despois comezaron a xuntar as canción en varias configuracións antes de decidir cales serían as versións finais.[14] As sesións de gravación do disco tiveron lugar entre xaneiro e abril de 2001 nos Inner Ear Studios e na Dischord House en Arlington, Virxinia, xusto ás aforas de Washington, D.C. A banda traballou novamente con Don Zientara. Durante o proceso de gravación gastouse unha considerable cantidade de tempo finalizando a produción de cada canción, en particular nas pistas das baterías, nun esforzo de darlle unha sensación única. O batería Brendan Canty explicou á revista Modern Drummer que "Gravámolas de forma moi diferente en canto aos sons de batería. Usamos moitos pratos, caixas e formas de mestura diferentes".[15]
The Argument foi publicado por Dischord Records o 16 de outubro de 2001, xunto co EP Furniture + 2, case catro anos despois do lanzamento de End Hits. Arion Berger de Rolling Stone calificou ao álbum como "vigorizante" e "intelectual",[16] e Chris True de AllMusic referiuse a el como "formigueo na columna e conmoción nos oídos ao mesmo tempo" dicindo que, "a banda levantou o listón unha vez máis para eles e para os outros". Tamén destacou que o álbum "tocara un territorio novo e estraño".[17] Nese momento Fugazi saía de xira con menos frecuencia, debido en gran parte a outros compromisos profesionais e persoais.
Hiato indefinido
[editar | editar a fonte]Fugazi inciciou o que eñes chamaron un "hiato indefinido" tras rematar a súa xira de 2002 polo Reino Unido, despois de tocar tres noites coas entradas esgotadas no London Forum os días 2, 3 e 4 de novembro.[18] O hiato foi provocado pola insistencia dos membros do grupo en pasar máis tempo coas súas familias e en realizar outros proxectos profesionais.[19]
Dende que Fugazi entrase en hiato en 2003, comezaron a circular rumores sobre unha posible reunión, insinuando algunhas persoas que a banda regresaría para tocar como cabeza de cartel no festival de Coachella. Aínda que a banda confirmou que lle ofreceran grandes sumas de cartos para reunirse e ser cabezas de cartel en festivais ata agora declinaron todos eses ofrecementos.[20]
En marzo de 2011 MacKaye reiterou que a Fugazi "ofrecéranlle cantidades insanas de cartos para reunirse e tocar, pero non van ser os cartos o que nos reuna, só tocaríamos xuntos se queremos tocar música xuntos e o tempo o permite".[21]
No mes de novembro de 2011, cando foi preguntado por The A.V. Club sobre a posibilidade dunha reunión e un novo álbum. Lally dixo que The Argument fora un gran disco e deberían intentar superalo, pero que unha reunión podería levar bastante tempo xa que debería ocorrer de xeito natural e os catro tiñan personalidades distintas..[22]
En agosto de 2014 Dischord anunciou un lanzamento oficial para First Demo, un álbum con 11 demos gravadas en xaneiro de 1988.[23] O anunciou incluía unha escoita previa da demos do tema "Merchandise".[24] O álbum de once temas foi editado o 18 de novembro de 2014.[25]
MacKaye insistiu nunha entrevista en 2017 que Fugazi non estaba disolta. Aínda que admitiu que calquera actuación en público no futuro tería que lidar con moitos factores, tamén dixo que os membros tiñan tocado ocasionalmente xuntos en privado dende 2003.[26] O 21 de marzo de 2018, nunha entrevista para o podcast Vish Khanna's Kreative Kontrol, Lally confirmou que realizaban ensaiar irregularmente en encontros casuais. Dixo: “Si, cando todos estamos en D.C. xuntámonos, conversamos e pasamos moito tempo ríndonos. Temos un bo tempo xuntos, ceamos, e tocamos". Lally tamén afirmou que eran pouco probables actuacións ou xiras públicas.
Membros
[editar | editar a fonte]- Ian MacKaye: guitarra e voz.
- Guy Picciotto: guitarra e voz.
- Joe Lally: baixo.
- Brendan Canty: batería.
Discografía
[editar | editar a fonte]Álbums
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo | Observacións |
---|---|---|---|
13 Songs | 1989 | Dischord Records | recompilatorio |
Repeater | 1990 | Dischord Records | |
Repeater + 3 songs | 1990 | Dischord Records | recompilatorio |
Steady Diet of Nothing | 1991 | Dischord Records | |
In on the Kill Taker | 1993 | Dischord Records | |
Red Medicine | 1995 | Dischord Records | |
Instrument | 1998 | Dischord Records | banda sonora |
End Hits | 1999 | Dischord Records | |
The Argument | 2001 | Dischord Records |
EPs
[editar | editar a fonte]Álbum | Ano | Selo |
---|---|---|
Fugazi | 1988 | Dischord Records |
Margin Walker | 1989 | Dischord Records |
3 Songs | 1989 | Dischord Records, Sub Pop |
Furniture | 2001 | Dischord Records |
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Baker, p. 321
- ↑ Azerrad, p. 396
- ↑ "Anachronique : Fugazi (War Punk)". Still in Rock - a webzine about garage rock, slacker, post-skate & more. Consultado o 2019-12-25.
- ↑ Azerrad, p. 398
- ↑ Azerrad, p. 399
- ↑ 6,0 6,1 6,2 6,3 Perlah, Jeff. "The Independent". Guitar World. Marzo de 2002
- ↑ Azerrad, p. 407
- ↑ Andersen, Mark; Jenkins, Mark (2001). Dance of Days: Two Decades of Punk in the Nation's Capital. New York: Akashic Books. p. 304
- ↑ Freidman, p. 52
- ↑ Norman, 1993
- ↑ Kemp, Mark; Kemp, Mark (1998-02-02). "Red Medicine". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-12-25.
- ↑ "Morphizm.com -- Interview with Guy Picciotto of Fugazi". www.morphizm.com. Consultado o 2019-12-25.
- ↑ Crane, Larry. "Fugazi: Brendan Canty & Guy Picciotto on the Recording Process". TapeOp Magazine. Febreiro de 1999
- ↑ "Fugazi". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2019-12-25.
- ↑ "Brendan Canty of Fugazi". Modern Drummer Magazine (en inglés). 2004-05-12. Consultado o 2019-12-25.
- ↑ Berger, Arion; Berger, Arion (2001-11-13). "The Argument". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2019-12-25.
- ↑ "The Argument - Fugazi | Songs, Reviews, Credits". AllMusic (en inglés). Consultado o 2019-12-25.
- ↑ Freidman, p. 11
- ↑ Freidman, p. 12
- ↑ Punknews.org. "Brendan Canty discusses Fugazi hiatus, "Burn to Shine" and new projects". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2019-12-25.
- ↑ "Ian Mackaye Interview (Minor Threat, Fugazi, Dischord Records)". Ian Mackaye Interview (Minor Threat, Fugazi, Dischord Records). Consultado o 2019-12-25.
- ↑ "Joe Lally". Music (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 26 de decembro de 2019. Consultado o 2019-12-26.
- ↑ Washington, Dischord Records 3819 Beecher St NW; U.s.a. 703.351.7507, Dc 20007-1802. "Dischord Records: Fugazi "First Demo" Out November 18th". Dischord Records. Consultado o 2019-12-26.
- ↑ "Fugazi – “Merchandise” (Demo)". Stereogum. 2014-10-27. Consultado o 2019-12-26.
- ↑ Washington, Dischord Records 3819 Beecher St NW; U.s.a. 703.351.7507, Dc 20007-1802. "Fugazi - First Demo (181)". Dischord Records. Consultado o 2019-12-26.
- ↑ Redding, Dan (2017-01-19). "Fugazi Still Performs Privately, According To Ian MacKaye". Culture Creature (en inglés). Consultado o 2019-12-26.
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Azerrad, Michael (2001). Our Band Could Be Your Life: Scenes from the American Indie Underground, 1981-1991. Boston: Little, Brown. ISBN 0-316-78753-1.
- Baker, Mark (1983). Nam. Berkley. ISBN 0-425-06000-4.
- Freidman, Glen E. (1994). Fuck You Heroes: Glen E. Friedman Photographs, 1976-1991. New York: Burning Flags Press. ISBN 978-0964191600.
- Freidman, Glen E. (2007). Keep Your Eyes Open: Fugazi. New York: Burning Flags Press. ISBN 0-9641916-8-7.