Eric Lander
Eric Steven Lander, nado o 3 de febreiro de 1957 en Brooklyn, Nova York, é un matemático e xenetista, profesor de Bioloxía no Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts (MIT), membro fundador do Whitehead Institute de investigación biomédica, e director fundador do Broad Institute of MIT and Harvard, que dedicou a súa carreira científica a comprender os beneficios do xenoma humano para a medicina. Foi conselleiro do presidente dos Estados Unidos Barack Obama en materia de ciencia e tecnoloxía.[1][2][3]
Formación
[editar | editar a fonte]Lander criouse nunha familia xudía, fillo dos avogados Harold e Rhoda Lander.[4] Durante a súa etapa de ensino secundario foi capitán do equipo de matemáticas do instituto Stuyvesant, en Nova York, e acadou a medalla de prata na Olimpíada Internacional de Matemáticas. Graduouse en ensino secundario en 1974. Aos 17 anos escribiu un artigo sobre os números quasiperfectos co que gañou o premio Westinghouse.[5]
Lander gradouse en Matemáticas na Universidade de Princeton en 1978 como número un da súa promoción. Despois cursou estudos na Universidade de Oxford cunha bolsa de mérito para posgraduados e redactou a súa tese de doutoramento (Philosophiæ doctor) en teoría de códigos e deseño simétrico de bloques, baixo a dirección de Peter Cameron.[6]
Carreira
[editar | editar a fonte]No eido matemático
[editar | editar a fonte]Como matemático, Lander estudou combinatoria e aplicacións da teoría de representación da teoría de códigos. Malia gozar coas matemáticas, afirmou que non quería pasar a súa vida nunha carreira ao estilo "monástico".[7] Nunha primeira fase foi profesor de Economía de empresa na Universidade Harvard e escribiu un libro sobre teoría de información. Seguindo os consellos do seu irmán, o biólogo Arthur Lander, empezou a interesarse pola neurobioloxía.
Máis tarde tomou contacto con David Botstein, un xenetista do MIT que traballaba nun sistema para desentrañar como diferenzas sutís en sistemas xenéticos complexos poden orixinar trastornos como o cancro, a diabetes, a esquizofrenia e mesmo a obesidade. Ambos colaboraron no desenvolvemento dun algoritmo informático para analizar os mapas de xenes.
No eido do xenoma
[editar | editar a fonte]Lander integrouse no Whitehead Institute (vinculado ao MIT) en 1986 e ese mesmo ano empezou a traballar no MIT como profesor axudante. Resultou premiado polo prestixioso programa de bolsas MacArthur para a investigación en 1987. En 1990 creou no seo do Whitehead Institute o Centro para a Investigación do Xenoma (Whitehead Institute and MIT Center for Genome Research - WICGR), que se converteu nunha das principais institucións a nivel mundial en investigación no xenoma.
Ao longo da década de 1990 había dous grupos principais que intentaban secuenciar o xenoma humano. O primeiro era o coñecido como Proxecto de Xenoma Humano (PXH, ou en inglés HGP), un empeño con financiamento público que perseguía a difusión libre de toda a información obtida por numerosos grupos investigadores de todo o mundo implicados neste esforzo colectivo. O segundo proxecto foi acometido pola empresa privada estadounidense Celera Genomics, que pretendía patentar a información obtida e cobrar subscricións polo uso dos datos da secuencia.
En 2001, a revista Nature publicou un borrador do xenoma humano, no que o instituto WICGR aparecía sinalado como máximo contribuidor e Eric Lander se sinalaba como primeiro autor.[8][9]
Baixo a dirección de Lander, o WICGR foi tamén o contribuidor principal da secuencia do xenoma do rato (de grande importancia, xa que este animal se utiliza como modelo para o estudo de doenzas humanas), da Ciona savignyi, do peixe globo, da hifa, da Neurospora crassa e de diversos parentes do Saccharomyces cerevisiae, uns dos lévedos máis estudados.[10][11][12][13]
Unha das principais aplicacións da secuencia por parte de Lander é no estudo das doenzas. Como fundador e director do Broad Institute of MIT and Harvard (unha colaboración entre o MIT, Harvard, o Whitehead Institute e diversos hospitais adheridos), o seu obxectivo é a creación de ferramentas de medicina xenómica para llas facilitar á comunidade científica de cara á curación de doenzas.
A parte máis importante do traballo de Lander pode ser o seu desenvolvemento dunha taxonomía molecular do cancro.[14]
Actividade docente e empresarial
[editar | editar a fonte]Ademais da súa faceta investigadora, ten unha longa experiencia como profesor colaborador do curso universitario de Introdución á Bioloxía no MIT. Desde 2013, tamén é profesor nun curso en liña chamado 7.00x Introduction to Biology - The Secret of Life, a través da plataforma EdX.[15]
Por outra banda, Lander é asesor fundador da Foundation Medicine, unha empresa cuxo obxectivo é levar a análise xgenómica integral do cancro á atención clínica rutineira.[16] Tamén é cofundador de Verastem, unha compañía biofarmacéutica centrada en descubrir e en desenvolver fármacos para tratar o cancro a través das células nai.[17]
Recoñecemento
[editar | editar a fonte]Lander foi nomeado como unha das cen persoas máis influentes do noso tempo pola revista Time en 2004, polo seu traballo para o seu traballo no PXH. Tamén apareceu en numerosos documentais sobre xenética da cadea de televisión divulgativa e non comercial Public Broadcasting Service (PBS). Así mesmo, ocupou o segundo posto na lista do MIT das 150 persoas máis innovadoras.
En decembro de 2008 foi nomeado, xunto con Harold E. Varmus, codirector do Consello de Asesores de Ciencia e Tecnoloxía do Goberno de Barack Obama.
Lander é tamén membro de USA Science and Engineering Festival's Advisory Board.[18]
O 6 de febreiro de 2017, Lander recibiu o doutoramento honoris causa pola Universidade Católica de Lovaina.[19]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Eric S. Lander, Ph.D. Career Highlights". Howard Hughes Medical Institute.
- ↑ Nair, P. "QnAs with Eric S. Lander". En Proceedings of the National Academy of Sciences. 108 (28): 11319 (2001).
- ↑ "Eric S. Lander". En Nature Reviews Drug Discovery. 3 (9): 730. (2004)
- ↑ "Eric Lander on Spirituality & Science". En Oral History Collection.
- ↑ "Giant in Genomics: Eric lander". En Yourgenome.org.
- ↑ Eric Lander. Topics in algebraic coding Theory Arquivado 07 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine. (tese de doutoramento). University of Oxford. 1980.
- ↑ Kolata, Gina. "Power in Numbers". En The New York Times. 2 de xaneiro de 2012.
- ↑ Lander, E. S.; Linton, M.; et al. "Initial sequencing and analysis of the human genome". En Nature. 409 (6822): 860-921. Febreiro de 2001. [ISSN 0028-0836]
- ↑ Lander, E. S. "Initial impact of the sequencing of the human genome". En Nature. 470 (7333): 187-197. (2011).
- ↑ Chinwalla, A. T.; Waterson, L. L.; et al. "Initial sequencing and comparative analisys of the mouse genome". En Nature. 420 (6915): 520-562 (2002).
- ↑ "Cionia savignyi Database". En Genome Data Acces for Archived Projects. Broad Institute.
- ↑ "Tetraodon nigroviridis Database Arquivado 16 de febreiro de 2017 en Wayback Machine.". Broad Institute.
- ↑ "Saccharomyces Genoma Database". En Yeastgenome.org.
- ↑ Golub, T. R.; Lander, E. S.; et al. "Molecular Classification of Cancer: Class Discovery and Class Prediction by Gene Expression Monitoring". En Science. 15. Volume 286. Número 2439. 1999. Páxinas 531-537.
- ↑ "Introduction to Biology - The Secret of Life". Massachusetts Institute of Technology.
- ↑ http://wwwfoundationmedicine.com
- ↑ "Verastem secures $16 million in series a financing for novel cancer stem cell drugs Arquivado 07 de xaneiro de 2016 en Wayback Machine.". En Verastem.com.
- ↑ USA Science & Engineering Festival Arquivado 21 de abril de 2010 en Wayback Machine..
- ↑ "Doctorat Honoris Causa 2017. Eric Lander: le sequençage du génoma humain Arquivado 11 de febreiro de 2017 en Wayback Machine.". Université Catholoque de Louvain.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]- "Eric Lander: President and Founding Director". Broad Institute.
- "Eric S. Lander". MIT Department of Biology.
- Nados en 1957
- Biólogos dos Estados Unidos de América
- Personalidades da empresa dos Estados Unidos de América
- Profesores do Instituto de Tecnoloxía de Massachusetts
- Profesores da Universidade Harvard
- Doutores honoris causa pola Universidade de Lund
- Doutores honoris causa pola Universidade Católica de Lovaina
- Alumnos da Universidade de Princeton
- Alumnos da Universidade de Oxford