Saltar ao contido

Epitaph Records

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Epitaph Records
Tiposelo discográfico
Data de fundación1980
Fundador(es)Brett Gurewitz
Organización subsidiariaANTI-
PremiosLibera Award for Marketing Genius
SedeHollywood
PaísEstados Unidos de América
Na rede
http://www.epitaph.com
Facebook: epitaphrecords Twitter: epitaphrecords Instagram: epitaphrecords Editar o valor en Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Epitaph é unha discográfica independente, con sede en Hollywood, California. Fundouse a mediados dos 80 co propósito de vender os primeiros discos de Bad Religion. O seu presidente e fundador é Brett Gurewitz, guitarrista de Bad Religion.

O nome de Epitaph (en galego, epitafio), está adoptado dunha canción homónima de King Crimson.

En 1987 a discográfica lanzou o seu primeiro álbum, da banda L7, o disco homónimo L7. Porén, foi distribuído por Chameleon, unha discográfica para a que Gurewitz adoitaba traballar. En 1988 Epitaph lanzou e distribuíu o seu primeiro disco, o Suffer, de Bad Religion.

A década dos 90 foi a máis importante da, ata entón, curta vida de Epitaph. O boom punk rock e punk pop californiano dos comezos desta década tivo unha espectacular importancia, elevando á fama mundial ó selo de Gurewitz. Etiquetouse entón como "son Epitaph" a unha serie de bandas e discos, caracterizados ben polo seu estilo de hardcore melódico tralas liñas inauguradas por Bad Religion no Suffer, ben polo estilo coidado da produción sonora, que inauguraba unha nova etapa no concepto de edición de punk-rock, incluso criticada por ser demasiado limpa e supostamente comercial para o que o xénero acostumaba entón.

En 1994 editaron discos míticos do punk rock estadounidense, como o Punk in Drublic de NOFX, Unknown Road de Pennywise, Let's go de Rancid, e, sobre todo Smash de The Offspring, disco máis vendido por unha discográfica independente, con 11 millóns de copias, e representou o golpe mestre que provocou o rexurdimento do punk nas listas de éxitos de todo o mundo. O paso da banda de Orange County por Epitaph foi efémero, dous álbums, Smash e Ignition, pero a rendibilidade foi esmagadora. Nese ano tamén se editaron Pledge of defiance de Total Chaos, que desmarcaba ó selo da etiqueta do selo melódico "para skaters" (ver Skate punk), cun anarcopunk cru e primario con retazos crust, con letras explicitamente subversivas contra o sistema capitalista e o sentimento de nación estadounidense.

Pero nese mesmo ano, Gurewitz deixou Bad Religion, cos que gravara con Epitaph tódolos seus discos ata 1993. Finalmente en 1994 deixou a banda, dedicándose por completo a Epitaph e tocando noutras bandas como Daredevils. Bad Religion seguiu con Stranger Than Fiction en 1994 baixo o selo de Atlantic, unha etapa de contratos fóra de Epitaph antes de volver varios anos despois, logo do regreso de Brett Gurewitz á banda.

En 1995 Epitaph editou dous novos éxito de vendas, o ...And Out Come the Wolves, de Rancid e About Time, de Pennywise. O terceiro álbum de estudio de Pennywise -o último tamén que a banda californiana gravou co baixista orixinal, Jason Thirsk, que se suicidou.

Pouco despois creouse Fat Wreck Chords, discográfica de "Fat Mike", baixista e vocalista de NOFX, comvertíndose na nova xigante discográfica do punk, e xa Offspring marcharan en 1996. Epitaph seguía editando discos e dando a coñecer bandas como Millencolin, Down by Law, SNFU, Bouncing Souls, 1208, ou os veteranos Descendents. En 1997 Gurewitz e Tim Armstrong, de Rancid, fundan Hellcat Records, filial de Epitaph especializada en Hardcore, Oi! e Ska. En 1999, ademais, fíxose cargo do selo ANTI-, convertíndoo noutra nova filial, e máis tarde faría o propio coa sueca Burning Heart Records.

Século novo: regresos e polémica

[editar | editar a fonte]

En 2001 Gurewitz volve a Bad Religion, que regresan a Epitaph tralo periplo de sete anos en Atlantic. Pero en 2003 os seguidores de Epitaph criticaron que o selo fichara a dous rapeiros, Atmosphere (Seven's Travels, de 2003) e Sage Francis (co seu disco de 2005 A Healthy Distrust), e ó grupo de metal The Locust. Isto creou unha forte polémica e un debate sobre a verdadeira identidade da discográfica independente, que se labrara un nome a nivel mundial baseándose en traballar con grupos punk, punk rock, hardcore e derivados. Para máis, Merle Haggard, un músico de country, lanzara dous discos con Epitaph, If I Could Only Fly (2000) e Roots Vol. 1 (2001)).

Actualmente o catálogo de Epitaph é bastante máis amplo. Perdeu, en certa medida, as súas sinais de identidade máis arraigadas do punk rock, pero abriu o seu mercado a outros xéneros e sub-xéneros máis comerciais e actuais do rock alternativo (aquí é onde radica, para os seguidores máis aguerridos, o erro de Epitaph) como The Hives, Motion City Soundtrack, Matchbook Romance, The Robocop Kraus, From First to Last, Youth Group, ou The (International) Noise Conspiracy.

Tamén editou varios discos de Joe Strummer (The Clash) e The Mescaleros, e os discos en solitario de Gregg Graffin de Bad Religion, onde explota a súa vea acústica, folk e country.

Todo iso sen deixar de editar discos de punk rock e hardcore, desde o "son Epitaph" de Pennywise ou Undeclinable, ata estilos baseados na vella escola do hardcore, como Raised Fist, Union13, ou os potentes e inortodoxos Refused, e firmando con bandas veteranas de prestixio na historia do punk como Dag Nasty ou Agnostic Front, ou unha das súas principais bandas na actualidade Converge.

En 2005 Epitaph ingresou na RIAA xunto con outras grandes discográficas independentes. As razóns do ingreso non están de todo claras. Fontes apuntan a acordos para a distribución P2P en Internet. Outros, a que desde o selo se quería acceder ás grandes titulacións oficiais, os certificados de discos como "disco de ouro" ou "disco de platino".

Punk-O-Rama

[editar | editar a fonte]

Lonxe de acabar aí a polémica, as prestixiosas sagas Punk-O-Rama, sinais de identidade tamén do selo, sufriron o paso do tempo.

En 1994, en pleno auxe punk rock e punk pop californiano dos comezos dos 90, Epitaph lanzou a primeira entrega do Punk-O-Rama. Nese recompilatorio aparecen grupos como Bad Religion, NOFX, Pennywise, The Offspring, Rancid ou Down by Law. As dúas seguintes edicións contan ademais con grupos como Millencolin, Me First and the Gimme Gimmes, SNFU, Descendents, Agnostic Front, Dwarves, Voodoo Glow Skulls ou Pulley.

Pero no Punk-O-Rama Volume 4, Epitaph xa introduce unha canción de Tom Waits, "Big In Japan". Nos volumes entre o 8 e o 10 aparecen rapeiros como Sage Francis, Atmosphere, e Eyedea & Abilities. Nos volumes 9 e 10, Epitaph introduciu bandas emo (de corte bastante comercial, chamado "novo emo") ou indie, o que continuou irritando bastante ós seguidores orixinais do selo e da serie Punk-O-Rama.

Estas críticas e polémicas entre os fans non pasaron inadvertidas para Epitaph. A discográfica quería seguir apostando pola variedade de xéneros e músicas, e acabou retirando a histórica saga de recompilatorios, substituíndoa por Unsound.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]