Cronoloxía do Antigo Oriente Próximo
A cronoloxía do Antigo Oriente Medio trata de pór datas absolutas a acontecementos históricos ocorridos no Antigo Oriente Próximo (é dicir, nas primeiras civilizacións que xorden no Oeste de Asia, na zona do mundo que na actualidade se denomina Oriente Próximo ou ás veces Oriente Medio) nas primeiras partes da Idade Antiga, entre o 3000 e o 500 a.C. aproximadamente, onde se une coa cronoloxía grega ou persa.
Precisión
[editar | editar a fonte]Pódese diferenciar dous períodos segundo o grao de certeza con respecto ás datas absolutas.
O primeiro período comprende entre o -2500 e o -1500. Para este período manéxanse tres cronoloxías diferentes tradicionalmente coñecidas como "alta", "media" e "baixa". A diferenza entre estas cronoloxías débese á ambigüidade nas fontes, principalmente a taboíña de Venus de Ammisaduqa.
Entre o -1500 e o -911 a cronoloxía é bastante precisa (adóitase asumir unha desviación dun ou dous anos). A partir do ano 911 a precisión é practicamente absoluta.
Para este artigo tomouse como base a cronoloxía media.
Fontes
[editar | editar a fonte]A cronoloxía do antigo Oriente baséase en diferentes fontes escritas, as cales ás veces só se conservaron parcialmente, conteñen erros que só se aprecian ao podermos comparar dúas versións do mesmo texto, foron manipuladas na súa orixe por motivos políticos, relixiosos ou conteñen información que é ambigua. Tamén é ben coñecido a tendencia dos escribáns a "corrixir" os textos para lles daren unha estrutura máis regular.
As principais fontes son
- A taboíña de Venus de Ammisaduqa: proporciona información sobre fenómenos astronómicos que se poden fixar no tempo.
- As listas de limmu ou funcionarios epónimos: sistema usado en Asiria para dar nome aos anos.
- Lista real Asiria: relación dos reis asirios ata a desaparición de Asiria en -612.
- Lista real sumeria: relación dos diferentes reis hexemónicos en Mesopotamia ata Damiq-ilishu (-1816 - -1794), último rei da I dinastía de Isín.
- Historia sincrónica: escrita en Asiria, dá noticias sobre as relacións entre os reis de Asiria e Babilonia.
- Canon de Tolomeo: relación de reis babilónicos e persas que inclúe a data dalgunhas eclipses.
- Anais dos reis de Asiria: memoriais individuais dos propios monarcas.
Metodoloxía
[editar | editar a fonte]Os reinos mesopotámicos utilizaron distintos sistemas de datación. En Asiria sempre se usou o sistema dos funcionarios epónimos ou limmu, que daban o seu nome ao ano. En Babilonia usaron dous sistemas, numerar os anos do reinado de cada rei (1er ano do reinado de..., 2º ano do reinado de...) ou ben nomear os anos con algún acontecemento importante ocorrido aquel ano (1. Hammurabi chegou a ser rei, 2. Estableceu a xustiza no país etc), sistema coñecido como "nomes de ano".
Estes sistemas non tiña sentido nin utilidade práctica se non se dispuña dunha lista dos anos do reinado, logo listas de reinados por dinastías e finalmente listas de dinastías. O exemplo máis extenso é a lista real asiria que comprende a cronoloxía completa de todos os reis de Asiria ata a desaparición deste reino. Os mesopotámicos tamén confeccionaron listas que comprendían dinastías de varios reinos, como a Lista real sumeria que engloba todos os reinos sumerios. Grazas a que moitas destas listas chegaron a nós, combinándoas, púidose establecer unha sucesión de reis e a duración dos seus reinados en diferentes reinos mesopotámicos, isto é, unha cronoloxía relativa.
Esta cronoloxía relativa había que situala no tempo en relación ao noso calendario.
Para o período comprendido entre o -911 e o -336 isto foi posíbel grazas a que o canon de Tolomeo incorpora unha lista de reis de Babilonia e Persia desde Nabonasar (-747 - 734) ata Alexandre Magno (-336 - -323) e informa dalgunhas eclipses acontecidas durante o reinado dalgún deles. A partir da data de coroación de Alexandre Magno (que é ben coñecida e segura en termos absolutos) e facendo o cómputo cara a atrás dos anos de reinado de cada rei obtemos as datas dos reinados dos reis que aparecen na lista, segundo o cómputo da era cristiá.
Doutra banda, grazas ás listas de funcionarios epónimos (ou limmu) que nos chegaron, dispomos dunha secuencia ininterrompida desde o reinado de Adad-ninari II (-911 - -891) ata Asurbanipal (- 668 - -627). Como varios destes reis de Asiria fórono tamén de Babilonia, ambas as dúas listas, en parte, solápanse. Ambas as dúas coinciden nos nomes dos reis e a duración do reinado do mesmo xeito que as eclipses que mencionan. A lista dos funcionarios epónimos menciona unha eclipse acontecida o mes simanu (maio-xuño) do décimo ano do rei Dan Ashur-Dan III. Os astrólogos confirmaron que se produciu unha eclipse solar o 15 de xuño do -763, que é a data exacta a que se chega facendo o cómputo cara a atrás no tempo a partir da información do canon de Tolomeo, que tamén menciona a eclipse.
Para o período comprendido entre o -2500 e o -1500 a cronoloxía é menos precisa e máis polémica. Debido á ambigüidade e os erros que incorpora a taboíña de Venus déronse diferentes datas para certa posición no firmamento do planeta Venus, que se repiten cada 56 ou cada 64 anos, -1702, -1646 ou -1582. Esta diferenza de interpretación dá lugar ás diferentes cronoloxías antes mencionadas. As datas que cada unha delas dá ao reinado de Hammurabi, habitualmente utilizado como referente son:
- cronoloxía media: -1792 - 1750
- cronoloxía alta: -1848 - 1806 (+56 anos)
- cronoloxía baixa: -1728 - -1662 (– 64 anos)
A diferente datación absoluta para o reinado de Hammurabi suscitou e suscita unha gran polémica xa que o adoptar unha ou outra cronoloxía implica modificar gran parte do esquema cronolóxico para toda Mesopotamia.
Exemplo
[editar | editar a fonte]Para o período entre -2500 - -1500, seguindo a cronoloxía media. Pola taboíña de Venus coñécese a posición de Venus no firmamento durante o primeiro ano de reinado de rei Ammi-saduqa, neto de Hammurabi. Os astrónomos informan que Venus estivo nesa posición en -1646. Grazas a que se coñecen todos o reis da dinastía de Hammurabi e o número de anos que reinaron podemos establecer as datas do reinado de Hammurabi a partir da data deste fenómeno astrolóxico.
En orde cronolóxica inversa:
- Ammi-saduqa, reinou 21 anos. Tendo en conta que o seu primeiro ano de reinado foi no -1646, as súas datas son -1646 - -1626
- Ammiditana, reinou 37 anos, entre o -1683 e o -1647
- Abi-eshuh, reinou 28 anos, entre o -1711 e o -1684
- Samsuiluna, reinou 38 anos, entre o -1749 e o -1712
- Hammurabi, reinou 43 anos, entre o -1792 e o -1750
Agora, seguindo os sincronismos que se estableceron entre as diferentes dinastías e reinos, pódense ir enlazando unhas con outras:
Hammurabi de Babilonia subiu ao trono o ano 21 do reinado de Shamshi-Adad I en Asiria. Polo tanto, Shamshi-Adad I reinou entre o -1813 e o -1781
Táboa cronolóxica
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Roux, Georges: Mesopotamia. Ediciones Akal. ISBN 84-7600-174-6
- Kuhrt, Amélie: El Oriente Próximo en la Antigüedad, I . Editorial Crítica. ISBN 84-8432-050-2
- Gurzadyan, Vahe G.: «On the astronomical records and Babilonian chronology»; publicado en Akkadica v. 119-120, pp. 175–184, 2000.
- Liverani Mario. El antiguo Oriente. Crítica. ISBN 84-7423-623-1.
- Sanmartín Joaquín: Historia antigua del Próximo Oriente. Akal. ISBN 84-460-1032-1.