Saltar ao contido

Cine mudo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Cinema mudo»)

O cinema mudo é o que non utiliza son, soamente a imaxe e, habitualmente, a inclusión de carteis con textos (intertítulos). Orixinalmente o cinema foi mudo, pois a tecnoloxía para sincronizar o son gravado coas imaxes non se desenvolveu ata finais dos anos vinte do século XX. A este período inicial da historia do cinema chámaselle a Era Muda.

Porén, malia que os filmes non tiñan son incorporado, as proxeccións non eran silenciosas, xa que habitualmente os cines tiñan un pianista que interpretaba música en directo para acompañar o filme. Nas grandes cidades podía haber un conxunto maior de músicos e en ocasións un narrador describía o filme.

Características

[editar | editar a fonte]

O cinema mudo, por ter que prescindir do apoio da palabra, utilizaba especialmente a linguaxe corporal e a expresión facial, o que fai que en ocasións os actores parezan hoxe sobreactuados.

A maioría dos filmes da Era Muda foron filmados a velocidades máis lentas cós posteriores (16 ou 20 fotogramas por segundo contra 24), o que fai que de non aplicarse técnicas especiais para corrixilo se vexan movementos máis rápidos cós reais.

Os primeiros filmes da historia están gravadas en película de nitrato, inestable e inflamable, que levaban a que a súa conservación fose moi complexa para evitar a súa destrución. Por este motivo, moitos destes filmes (segundo algúns historiadores estiman máis do oitenta por cento) non se conservan.

Historia do cinema mudo

[editar | editar a fonte]

As orixes

[editar | editar a fonte]
Saída dos traballadores da fábrica dos Lumière.

Tras os primeiros experimentos para conseguir a reprodución de imaxes en movemento, con inventos coma o zoótropo ou as fotografías de Eadweard Muybridge e Georges Demeny, pódese considerar que o cinema naceu coas filmacións en Francia dos irmáns Lumière e nos Estados Unidos de Edison e William K. L. Dickson.

Os Lumière filmaron filmes documentais recollendo escenas da vida cotiá, como a saída da fábrica dos seus empregados, a chegada dun tren á estación ou o almorzo da filla de Auguste Lumière.

Do outro lado do Atlántico, a produtora de Edison, tamén rodaba escenas cotiás, pero comezou a filmar tamén espectáculos teatrais ou circenses, baixo a dirección de Dickson. Eles rodaron en 1896 o primeiro bico da historia do cinema en The Kiss.

Os primeiros filmes de ficción

[editar | editar a fonte]

O ilusionista francés Georges Méliès foi un dos primeiros autores que viron que os filmes podían tamén contar historias fantásticas. En 1899 dirixiu o seu primeiro filme, L’Affaire Dreyfus, un filme de doce episodios dun minuto de duración cada un, no que Méliès recreaba o caso Dreyfus. Pode considerarse un dos primeiros filme políticos da historia, o que levou a graves problemas durante a súa exhibición. Méliès continuou facendo filmes con grande éxito entre o público que quedaba sorprendido cos efectos visuais dos que foi pioneiro, como o filme de 1902 Le Voyage dans la Lune.

Mentres Méliès triunfaba en Francia, nos Estados Unidos desenvolvía a súa carreira o director Edwin S. Porter, que traballaba no estudio de Edison. Porter, tras incluír novidades narrativas nos documentais, coma Life of an American Fireman dirixiu o primeiro filme do Oeste, The Great Train Robbery, en 1903, que tiña innovacións coma a montaxe paralela. O éxito deste filme supuxo a expansión por todo o país de pequenas salas de cinema, chamadas nickelodeons.

O desenvolvemento do cinema mudo

[editar | editar a fonte]

Tras estes anos iniciais, a industria do cinema comezou a estenderse por todo o mundo.

Cinema mudo estadounidense

[editar | editar a fonte]
Harold Lloyd en Safety Last

Entre 1909 e 1912 a industria estadounidense estivo dominada polo trust MPPC (Motion Pictures Patents Company), formado polos principais produtores. Este trust foi suprimido en 1912, o que provocou o xurdimento de produtores e exhibidores independentes, ou achegada aos Estados Unidos de obras europeas. Desde ese momento tamén aparecían nos títulos de crédito o nome dos intérpretes do filme, o que deu lugar ao inicio do star system. A partir de 1915 algúns produtores como Thomas Harper Ince, Cecil B. DeMille ou Mack Sennett trasladaron os seus estudios de Nova York a Hollywood, entón unha pequena vila dos arredores dos Ánxeles. Nestes anos apareceron algúns dos máis interesantes creadores do cinema mudo.

Nesta época creouse un xénero totalmente cinematográfico, o slapstick, comedias de humor moi visual no que triunfaron nomes coma Buster Keaton, Charles Chaplin ou Harold Lloyd. O xénero de aventuras tamén era moi popular, con actores coma Douglas Fairbanks e Rodolfo Valentino. Entre os pioneiros estadounidenses débese mencionar a D.W. Griffith, que con filmes épicos coma Intolerance creou un cinema máis complexo, cunha montaxe que saltaba adiante e atrás no tempo, fronte as historias lineares que se rodaban habitualmente. Tamén o mundo do documental viu como maduraba tras os filmes dos Lumière grazas a Robert J. Flaherty (Nanook of the North).

Cinema mudo europeo

[editar | editar a fonte]
Cartel do filme italiano Cabiria

As principais cinematografías europeas eran, inicialmente, a británica e a italiana, ademais da francesa. A primeira, con directores coma Robert W. Paul ou Cecil Hepworth que trouxeran o invento de Edison. Italia pola súa parte exportaba grandes filmes épicos con decorados espectaculares, coma Cabiria, de Piero Fosco. Trala primeira guerra mundial ámbalas dúas cinematografías decaeron, deixando paso a innovadores correntes en Alemaña e a Unión Soviética.

O cine soviético, nacionalizado en 1919, foi fortemente influído polas teorías de D. W. Griffith sobre a montaxe, e esta foia principal característica destes directores, que estudaron o cinema de forma científica, con experimentos como os de Dziga Vertov. Esta época deu lugar a obras recoñecidas, coma O acoirazado Potemkin de Sergei Eisenstein ou Mat, de Vsevolod Pudovkin.

O acoirazado Potemkin.

Mentres, en Alemaña xurdía o expresionismo aplicado ao cinema, no que os decorados axudaban ao desenvolvemento da historia, como se pode apreciar en Das Cabinet des Dr. Caligari, de Robert Wiene ou Metropolis, de Fritz Lang. Porén, a chegada do réxime nazi fixo que moitos grandes autores alemáns coma Ernst Lubitsch ou o propio Fritz Lang fuxiran aos Estados Unidos.

Nestes anos Francia, país de orixe do cinema europeo creou tamén un innovador cinema de vangarda, con autores Abel Gance, René Clair, Jean Epstein o Germaine Dulac.

A fin do cinema mudo

[editar | editar a fonte]

Na década dos anos vinte o cinema xa era un fenómeno popular mundial. Que o cinema fose mudo era ademais unha axuda para a exportación, e actores coma Chaplin ou Valentino eran coñecido sen todo o mundo. Tamén os directores dirixían filmes en diferentes países, como o danés Carl Theodor Dreyer, que dirixiu en Francia La Passion de Jeanne d'Arc. O cinema estadounidense xa comezaba a ser o dominante e atraía estrelas do resto do mundo, como os directores Victor Sjöström, Erich von Stroheim e Friedrich Wilhelm Murnau ou intérpretes coma Greta Garbo.

Tras algúns intentos, en 1927 estreouse The Jazz Singer, considerada o primeiro filme falado. O éxito foi tal que acabou case inmediatamente co cinema mudo.

O cinema mudo trala Era Muda

[editar | editar a fonte]

A partir de 1929 practicamente todos os filmes que se estreaban eran falados. Tan só algúns creadores como Chaplin, países coma a Unión Soviética (Zemlya, de Alexander Dovzhenko) ou países pequenos coma España (La aldea maldita, de Florián Rey) continuaban facendo filmes mudos.

Desde entón os filmes non falados son excepcións vangardistas ou homenaxes, como Les vacances de M. Hulot, de Jacques Tati, Silent Movie, de Mel Brooks, The Artist, de Michel Hazanavicius ou Blancanieves, de Pablo Berger.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Ruiz, Luis Enrique (2000). Obras pioneras del cine mudo. Ediciones Mensajero S.A. ISBN 84-271-2296-9. 
  • Ruiz, Luis Enrique (1997). Obras maestras del cine mudo. Ediciones Mensajero S.A. ISBN 84-271-2088-5. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]