Saltar ao contido

A Raia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ponte Internacional do Guadiana, entre o Algarve e Andalucía.

A Raia é o nome informal co cal se coñece tradicionalmente a fronteira terrestre entre España e Portugal. Dunha forma máis ampla, A Raia é igualmente o espazo xeográfico, a ambos os lados da fronteira política, en que a poboación comparte uns mesmos elementos históricos, culturais, económicos e mesmo lingüísticos por veces.

Na parte galego-portuguesa é frecuente distinguir entre a fronteira hidrográfica e a trazada na terra. Así, a raia húmida coincide co curso do río Miño na provincia de Pontevedra (Baixo Miño, O Condado e A Paradanta), mentres que a raia seca se corresponde co sur da provincia de Ourense (Terra de Celanova, Baixa e Alta Limia, val de Monterrei e As Frieiras)[1].

Xeografía

[editar | editar a fonte]

A Raia ten unha lonxitude de 1234 km. É a fronteira máis longa entre dous estados membros da Unión Europea e a cuarta do continente, após a de Noruega con Suecia (1619 km) e as de Rusia coa Ucraína (1576 km) e con Finlandia (1340 km). De norte a sur, as provincias españolas que limitan con Portugal son Pontevedra, Ourense, Zamora, Salamanca, Cáceres, Badaxoz e Huelva. Os distritos portugueses que limitan con España son, de norte a sur, Viana do Castelo, Braga, Vila Real, Braganza, Guarda, Castelo Branco, Portalegre, Évora, Beja e Faro.

Límites entre o Reino de Portugal e o Reino de León cara a 1210, durante o dominio almohade do sur da península.
Edificio da alfándega na Raia entre Galiza e Portugal, que deixou de ter uso en 1992 ao adoptarse o Acordo de Schengen.

A historia da Raia comeza na época da Reconquista do occidente da Península Ibérica, no momento en que Portugal nace como reino independente en 1143, tras o Tratado de Zamora, independizándose do Reino de León.

Ambos os reinos iranse estendendo durante os seguintes anos cara ao sur, ao principio sen un establecemento claro dos límites entre as conquistas que correspondían a cada reino.

En 1267 Afonso X de Castela e de León e Afonso III de Portugal asinan o Tratado de Badaxoz, no cal delimitan a fronteira entre ambos os reinos.

Tras un período pacífico de trinta anos, en 1297 o rei Dinís de Portugal aproveita a debilidade da Coroa de Castela por mor da disputa polo trono entre o infante Xoán I de Galiza e León e o seu sobriño Fernando IV e obriga a rexente María de Molina a asinar o Tratado de Alcañices. Nel delímítanse as fronteiras entre os reinos de León e Portugal e traspásase a localidade de Olivenza a dominio portugués.

A modificación máis controvertida da fronteira entre ambos os países ocorre en 1801 co Tratado de Badaxoz, que pon fin á Guerra das Laranxas, e polo cal España obtén "de facto" o territorio portugués de Olivenza, situación que o Estado de Portugal considerou inválida. O seu argumento baséase na ratificación do tratado do Congreso de Viena por España o 7 de maio de 1817, que establecía no artigo 105 que os reinos de España e Portugal debían reunirse canto antes para traspasar definitivamente o territorio de Olivenza a Portugal.

A situación especial do Couto Mixto resolveuse mediante o Tratado de Lisboa de 1864, no cal a fronteira portuguesa non abrangue o territorio xacando partillado en dous municipios: Olivenza e Táliga.

Portugal nunca chegou a renunciar á soberanía na zona, mais non a reclama nin é unha prioridade actual para a diplomacia portuguesa[2]. Na actualidade, a cuestión territorial de Olivenza apenas suscita debate na sociedade portuguesa, malia existiren mapas xeográficos de Portugal que non sinalan como definida esta parte de fronteira. Os mapas empregados polas institucións oficiais portuguesas non inclúen os municipios de Olivenza e Táliga[3].

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]

Notas

  1. Dorrego, Pedro Figueroa; Fabeiro, Carmen Padín; Lima, Ana Otero; Ortigueira, Daniel Gallego (2014). "El termalismo como producto turístico en La Raya seca luso -gallega". Turismo de frontera (III): productos turísticos de la Raya Ibérica, 2014, ISBN 978-84-16061-29-7, págs. 99-112 (Universidad de Huelva): 99–112. ISBN 978-84-16061-29-7. 
  2. "Grupo dos Amigos de Olivença". www.olivenca.org. Arquivado dende o orixinal o 09 de marzo de 2016. Consultado o 2021-03-17. 
  3. "Registo Nacional de Dados Geográficos - Direção-Geral do Território". Registo Nacional de Dados Geográficos (en portugués). Consultado o 2021-03-17. 
  4. Nieto Muñiz, Eduardo-Breogán (2013). "Penafroufe, un reducto defensivo do século XVII na raia de Bangueses (Verea, Ourense)" (PDF). Lethes. Cadernos culturais do Limia (Xinzo de Limia: Centro de Cultura Popular do Limia) (11): 58–71. ISBN 978-84-937158-5-4. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 23 de xullo de 2022. Interesante referencia ao reino de Galicia inda nesta época, probando a súa realidade política 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]