Torreón dos Andrade
- Non confundir co Castelo de Nogueirosa ou Castelo de Andrade, tamén en Pontedeume.
- Non confundir co Castelo dos Andrade en Vilalba, Provincia de Lugo.
Torreón dos Antrade | |
---|---|
ben de interese cultural | |
Concello | Pontedeume |
Provincia | A Coruña |
Comunidade autónoma | Galicia |
Coordenadas | 43°24′28″N 8°10′19″O / 43.407639, -8.172014 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (Militar medieval) |
Estilo actual | (O mesmo) |
Estado actual | Visitable |
Véxase tamén | |
Castelos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O torreón dos Andrade é o conservado na actualidade do pazo que os Andrade tiñan na vila de Pontedeume e que foi demolido no ano 1935, a pesar de ter sido declarado Monumento Histórico-Artístico con anterioridade.[1] O Torreón é obra do século XIV e foi mandado facer por Fernán Pérez de Andrade, O Boo.
Sitúase no núcleo urbano de Pontedeume, ao pé da praza do Conde.
Ten dobre consideración de Ben de Interese Cultural: por unha banda, individualmente, como monumento arquitectónico-artístico (dende 1924) e, por outra banda, como parte dun conxunto histórico e paraxe pintoresco (dende 1971), conxunto do que tamén forman parte a Igrexa de San Miguel de Breamo, a Igrexa parroquial de Pontedeume e o Castelo de Andrade.[2]
Historia
[editar | editar a fonte]A historia desta fortaleza vai unida á da vila de Pontedeume, que comeza no Nadal de 1270 cando Afonso X O Sabio lle concedeu o título de Vila ao lugar coñecido como Ponte do Eume. Esta comunidade tería goberno autónomo e sería de reguengo, dependendo deste xeito só da autoridade do rei.
No século XIV Henrique II de Trastámara outorgoulle o señorío da vila de Pontedeume a Fernán Pérez de Andrade, O Boo en pago ao seu apoio na guerra civil contra Pedro I O Cruel. O primeiro señor de Pontedeume foi quen mandou construír o torreón, probablemente no mesmo lugar onde se erixía outro máis antigo, quizais mandado construír por Afonso X cando lle outorgou o título de vila ó lugar. Sábese que existía no 1295.
Durante as revoltas irmandiñas as posesións dos Andrade foron obxectivos principais. Nun primeiro momento a defensa da fornecida vila fixo fracasar o ataque, pero unha segunda tentativa dirixida por Afonso de Lanzós conseguiu apoderarse do castelo e da vila e mantelos no seu poder durante certo tempo.
A mediados do século XVI unha herdeira dos Andrade casou co Conde de Lemos, Fernando Ruíz de Castro Osorio e Portugal. Na figura do seu fillo, Pedro Fernández de Castro Andrade e Portugal (1524-1590) fusiónanse ambos condados. A posterior unión do Condado de Lemos coa Casa de Alba fixo que o Torreón pasase a formar parte do patrimonio do Ducado de Alba.
Descrición
[editar | editar a fonte]O actual torreón ameado é o que queda do conxunto que formaban o pazo dos Andrade, o torreón ó sur e a capela de San Miguel ó norte. Esta última foi derrubada en 1909, mentres que a desaparición do pazo produciuse gradualmente. No ano 1904 o concello mercou o pazo á Casa de Alba e foi derrubada a parte máis próxima ó torreón para abrir a estrada que comunicaba a vila coa nova estación do ferrocarril. O que quedaba do pazo foi entrando nun estado de progresiva deterioración a pesar de ser declarado Monumento Histórico-Artístico nos anos 1920.[1] Os últimos restos do pazo foron derruídos no 1935.
Nese momento a torre mantiña a súa estrutura en boas condicións mais o seu estado de conservación era lamentable. Foi obxecto de dúas restauracións no 1951 e no 1974 que lle deron o aspecto que actualmente ten.
Mide once metros e medio de lado e dezaoito de altura. Os seus muros chegan a alcanzar os 2,35 metros de anchura na planta baixa.
Exterior
[editar | editar a fonte]Un enorme escudo do século XVI que estaba inicialmente na fachada do Pazo dos Andrade, incrustouse na fachada meridional do torreón cando foi derrubado aquel. Rodéao un colar do que pendura o vélaro e está orlado coas 18 bandeiras que representan ás que Fernando de Andrade, primeiro conde de Andrade, gañara ós franceses na batalla de Seminara. Cada bandeira ten no seu centro unha flor de lis, divisa dos reis de Francia. Na parte superior do escudo hai unha coroa condal e riba dela un anxo termando dun filacterio no que se len as palabras da Apocalipse: nolite nocere.
Nesta mesma fachada sur ábrense dúas estreitas seteiras e unha angosta ventá rectangular. Na fachada occidental non se abre máis oco có dunha latrina voada.
As portas de acceso sitúanse nas fachadas norte e sur. A porta norte, situada á altura do primeiro andar, comunicaba cunha ponte levadiza que se apoiaba nun muro erguido en fronte a unha distancia de 4,40 metros.
Nestas fachadas norte e sur, ábrense ventás xeminadas de arcos oxivais trilobulados e óculos calados con trazaría. Na cuberta, nas súas esquinas laterais, unhas pequenas torres apoiadas sobre modillóns, agás unha en forma de anel.
Interior
[editar | editar a fonte]O torreón ten tres andares. A planta baixa estaba destinada ao cárcere e defensa; o primeiro andar, vestíbulo ou cuarto da servidume ou da garda; o segundo, cociña e comedor, ó que alumaría unha ventá e outros servizos da vida íntima e, finalmente, dormitorio e pequeno salón no último andar.
O interior do torreón foi obxecto de profundas reformas para adecualo ao seu uso actual, o de servir de Centro de Interpretación da historia dos Andrade, como oficina de turismo e sala de exposicións.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 Por Real orden de 13 de setembro de 1924.
- ↑ "Relación de Bens de Interese Cultural de Galicia" Xunta de Galicia, 1/10/2012.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Antonio Couceiro Freijomil: "Historia de Pontedeume", 4ª ed. (1995). Xunta de Galicia. ISBN 84-453-1437-8.
- "Pontedeume, guía visual". Concello de Pontedeume (2000). DL: C-1600/2000.
- Carola Macedo e Gloria Moares: "Cronoloxía dunha desaparición: O Pazo dos Condes de Andrade". Cátedra nº 4 (1997). ISSN 1133-9608.
- Manuel M. Bello: "Un atentado contra el patrimonio: la desaparición del palacio-fortaleza de los Condes de Andrade". Cátedra nº 18 (2011). ISSN 1133-9608.