Anticiclón
Un anticiclón é unha zona atmosférica de alta presión, na que a presión atmosférica é superior á do aire circundante. O aire dun anticiclón é máis estable có aire que o circunda e descende sobre o solo desde as capas altas da atmosfera, producíndose un fenómeno denominado subsidencia. Grazas aos anticiclóns temos situacións de tempo estable e ausencia de precipitacións, xa que a subsidencia limita a formación de nubes. A circulación do aire no interior dun anticiclón é inversa á dunha borrasca, é dicir, no hemisferio norte a circulación é no sentido das agullas do reloxo (dextroxiro), e hemisferio sur é en sentido contrario as agullas do reloxo (levoxiro).
Formación
[editar | editar a fonte]Os anticiclóns fórmanse cando unha masa de aire frío situada a certa altura tende a descender ata contactar co chan. Na zona de contacto hai moita presión e acumúlase moito aire, o vento tende a saír desde o centro cara ó exterior.
Tipos
[editar | editar a fonte]- Anticiclón térmico
Un anticiclón térmico é o descenso dunha masa de aire debido a que está máis fría có seu contorno. Prodúcese cando o aire descende por arrefriamento aumentando a presión atmosférica, a perda de temperatura é maior nas capas baixas que nas altas, provocando unha inversión térmica. Ofrece un tempo seco, soleado e frío.
- Anticiclón dinámico
Un anticiclón dinámico é o descenso dunha masa de aire debido a que é empurrada cara a superficie da Terra pola advección en altura de masas de aire que a desprazan do lugar no que se atopa. Ofrece un tempo seco, soleado e caloroso.
Anticiclón dos Azores
[editar | editar a fonte]É un anticiclón dinámico situado, normalmente, no centro do Atlántico Norte, á altura das illas dos Azores. É o centro de acción que induce sobre Europa, en xeral, e sobre España, en particular, proporciona tempo seco, soleado e caloroso durante o verán. Excepcionalmente tamén pode exercer a súa influencia no outono e na primavera, e mesmo nalgunhas ocasións en inverno. Neste caso o centro do anticiclón situarse no centro do mar Cantábrico, provocando invernos secos e temperados.