O quagga (Equus quagga quagga) é unha subespecie de cebra de planicie (Equus quagga) extinta. Ó contrario que as subespecies hoxe existentes, o quagga era unha cebra de peluxe pardo-avermellado non raiado no lombo e cuartos traseiros, e salpicado de raias negras na cara, pescozo, costados e crinas. O bandullo e as patas eran enteiramente brancas. Estas diferenzas tan grandes en canto a coloración conduciron a que fora descrita inicialmente (1788) como unha especie á parte.

Quagga
Equus quagga quagga

Exemplar no Zoo de Londres, 1870
Estado de conservación

Extinto dende 1883[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Orde: Perissodactyla
Familia: Equidae
Xénero: Equus
Subxénero: Hippotigris
Especie: Equus quagga
Subespecie: E. q. quagga
Nome trinomial
†Equus quagga quagga
(Boddaert, 1785)
Antiga distribución
Antiga distribución

Antiga distribución
Sinonimia

Os quaggas formaban mandas na zona sueste da actual Suráfrica, sendo especialmente abundantes na provincia do Cabo. O seu nome procede da lingua dos Khoi (Hotentotes) e ten unha orixe onomatopeico: é unha adaptación do ruído característico do propio quagga.

Ilustración dun Quagga

Os quaggas foron cazados desde a chegada dos primeiros colonos holandeses pola súa carne e a súa pel. A mediados do século XIX, a colonización do interior ocasionada polo éxodo dos bóers descontentos coa soberanía inglesa sobre a colonia conduciu á matanza de milleiros de cabezas dentro dun plan xeral de exterminio de animais salvaxes na zona. Esta política tiña como obxectivo o destinar as terras de pasto das grandes mandas ó gando doméstico. A poboación destes animais en liberdade descendeu drasticamente, até o punto de que a especie xa se extinguira en Suráfrica para 1870. O 12 de agosto de 1883 morreu o último quagga que vivía en catividade no zoo de Ámsterdam, extinguíndose definitivamente a subespecie.

O quagga é o único animal extinto cuxo ADN ten sido extraído, secuenciado e estudado na súa totalidade. Grazas a isto, os laboratorios da Smithsonian Institution de Washington, D.C. puideron probar finalmente e sen asomo de dúbida que o quagga era unha subespecie da cebra de planicie, que se definiu como raza entre 120.000 e 290.000 anos atrás.

A dispoñibilidade de ADN en perfectas condicións fai posible a teórica resurrección do quagga por medio da clonación. Porén, non se ten realizado ningún experimento neste sentido, pero si a formación de "novos" quaggas a partir de cebras de planicie do Parque Nacional Etosha de Namibia mediante un proceso de cría selectiva que potencie as calidades máis afíns ó extinto quagga en cada xeración. O chamado Proxecto Quagga comezou a traballar neste sentido en 1987 con nove cebras procedentes de Etosha, elixidas entre 205 candidatas. O proxecto está en marcha dende entón en Vrolijkheid, preto de Robertson, Suráfrica.

  1. Hack, M. A.; East, R.; Rubenstein, D. I. (2008). "Equus quagga quagga". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 5 de xaneiro de 2008. 

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar