Namibia
Namibia é un país da África austral, o máis seco da África subsahariana,[1] que está limitado ao norte por Angola e por Zambia, ao leste e ao sur por Botswana, ao sur por Suráfrica e ao oeste polo océano Atlántico. A súa capital, e a súa cidade máis poboada, é Windhoek.
Etimoloxía
editarO nome do país deriva do deserto do Namib, considerado como o deserto máis antigo do mundo.[2] O nome Namib é de orixe nama, e significa "lugar vasto", "lugar enorme".
Antes da súa independencia, en 1990, a zona era coñecida en primeiro lugar como como África do Suroeste alemán (Deutsch-Südwestafrika), e despois como "Suroeste de África", reflectindo a ocupación colonial por parte dos alemáns e os surafricanos. Este último, así nomeado pola coroa británica, reflectía o estado de dominio de Suráfrica, dentro do Imperio británico.
Historia
editarOs primeiros habitantes de Namibia foron probabelmente os san (bosquímanos), seguidos dos namas e dos damaras (de aí o nome de Damaraland inventado no XIX). A partir do século XIV entraron na rexión diversos grupos bantús, entre os que se encontraban os hereros e os ovambos.
Os europeos chegaron en número considerábel durante a segunda metade do século XV; as costas da actual Namibia foron exploradas polo navegante portugués Bartolomeu Dias en 1486, pero a aridez do territorio non estimulou a súa colonización nese momento. A historia recente de Namibia comezou en xaneiro de 1793, cando os neerlandeses reclamaron Walvis Bay. O interior do país foi explorado polos europeos durante o século XIX. En 1815, coa anexión da colonia do Cabo da Bona Esperanza neerlandesa polos británicos, o porto de Walvis Bay pasou a formar parte do seu territorio. En 1884 Alemaña creou no país unha colonia co nome de África Suroccidental alemá, que tamén se coñeceu como África do Suroeste alemá (Deutsch-Südwestafrika), coa excepción do territorio en torno a Walvis Bay que era de posesión británica.
Suráfrica, dominio británico, ocupou Namibia durante a primeira guerra mundial e, despois do tratado de Versalles, administrou o país como un mandato da Sociedade de Nacións até a segunda guerra mundial, momento no que as autoridades surafricanas anexionaron unilateralmente o territorio. En 1966 a Organización do Pobo de África do Suroeste (en inglés South-West African People's Organization), de inspiración marxista, iniciou unha guerrilla independentista contra as forzas surafricanas, e no mesmo ano a Organización das Nacións Unidas revogou o mandato que a Sociedade de Nacións outorgara a Suráfrica para administrala. No ano 1988, a República Surafricana decidiu pór fin ao seu control aceptando un plan de paz da ONU, que conduciu á plena independencia de Namibia en 1990. A rexión de Walvis Bay permaneceu baixo control surafricano como enclave, pero finalmente foi cedido a Namibia en 1994.
Política
editarNamibia é unha república semipresidencialista.[3][4] O presidente é o Xefe de Estado, elixido por sufraxio universal a cada 5 anos. O xefe de goberno é o Primeiro Ministro, nomeado polo presidente.
O parlamento é bicameral, composto polo Consello Nacional (National Council) de 26 membros elixidos a cada 6 anos, e a Asemblea Nacional (National Assembly) de 78 membros, sendo 72 elixidos cada 5 anos e outros seis designados polo presidente.
A constitución do país é de 21 de marzo de 1990, día da independencia do país.
Xeografía
editar- Artigo principal: Xeografía de Namibia.
Namibia localízase nunha zona desértica dominada polo deserto do Namib, que lle dá o seu nome ao país e, agás na zona norte, é un lugar seco e desértico con moi escasas precipitacións pluviais. En dita zona do norte encóntrase o Parque Nacional Etosha, un dos máis grandes do mundo, e que destaca pola súa gran diversidade de flora e fauna, con especies características da sabana africana. Outro deserto, o de Kalahari, esténdese polo leste do país.
Entre os seus cumes máis elevados encóntranse as montañas Spitzkoppe e Brandberg.
- O punto máis alto e o Konigstein (2606 m).
- O punto máis baixo é a Fosa Kongrascheeg's (-1563 m).
As cidades principais de Namibia son: Windhoek, Swakopmund, Walvis Bay, Okahandja, Otjiwarongo e Katima Mulilo.
O país abarca unha superficie de 824 292 km², as súas fronteiras teñen unha lonxitude de 4 220 km (con Angola 1 427 km, con Botsuana 1 544 km, con Suráfrica 1 005 km e con Zambia 244 km; mentres que a lonxitude da súa costa é de 1 572 km.[5]
Relevo
editarO litoral namibio é pouco recortado e está bordeada polo deserto do Namib nunha franxa duns 50 km de anchura media. Desde aí érguense unha serie de cadeas montañosas, en parte transversais e en parte paralelas á costa, que en determinados puntos da parte central superan os 2 000 m de altitude (Brandberg, 2 606 m; monte Erongo, 2 350 m; Gonsberg, 2 332 m). Unha serie de ríos curtos baixan desde estes cordais cara ao océano Atlántico, creando varios ríos transversais, pero dada a sequidade do clima, a maioría non chegan até o mar, formando porén lagoas endorreicas pantanosas no mesmo deserto, pero son moi importantes para a subsistencia da flora e a fauna. Só algúns destes cursos como o río Ugab ou o Kuiseb desaugan no mar.
Tras as cadeas montañosas érguese un extenso planalto, de entre os 800 e os 1 200 m de altura media, que ocupa o centro do país desde o norte ao sur. Nel aséntase a capital, Windhoek, a máis de 1 600 m de altitude.
Hidrografía
editarA costa de Namibia está limitada por dous grandes e caudalosos ríos: ao norte o Cunene, que serve de fronteira con Angola e ao sur o Orange, que fai o mesmo papel a respecto da República Surafricana. Como a zona norte é a única do país que supera os 500 mm anuais de precipitacións, xunto co Cunene e os tributarios do gran río endorreico internacional, o Okavango, é o único territorio namibio onde é posíbel o agro (millo, sorgo) e a gandaría. No sur o Oranxe ten algún grande afluente, como o Fish, pero pola contra penetra, polo leste, o deserto de Kalahari.
Subdivisións
editarNamibia está dividida, despois de que a antiga rexión de Kavango en 2013 fora dividida en dúas, en 14 rexións:
Economía
editar- Artigo principal: Economía de Namibia.
A economía de Namibia tradicionalmente dependeu da minaría, explotándose principalmente diamantes e uranio, aínda que hai tamén pequenos xacementos de cobre, estaño e chumbo. A pesca é importante, aínda que diminuíron as capturas a partir dos anos 1970. Nos últimos anos o turismo fíxose moito máis importante, dada a beleza natural do país e a interesante fauna nativa, tipicamente africana, pero nun ambiente diferente ao comunmente asociado coa sabana africana.
O principal socio comercial de Namibia á a Unión Europea, coa que mantén unha favorábel balanza comercial, aínda que nos últimos anos o país tamén estableceu relacións comerciais con China, país que incrementou os seus investimentos na economía namibiana.[6]
Namibia ten entre o 30 e o 40 % de taxa de desemprego e, en 2004, aprobou unha Lei de traballo para protexer ás persoas da posíbel discriminación no emprego derivada do embarazo e o VIH/SIDA. A economía de Namibia está vinculada estreitamente a Suráfrica, debido á súa historia compartida. A meseta central serve como un corredor de transporte, dos máis densamente poboados, ao norte de Suráfrica, pola que circulan as catro quintas partes das importacións de Namibia. Namibia é cuarto maior exportador de minerais non combustíbeis de África, e o quinto maior produtor de uranio do mundo.
Produciuse un importante investimento na minaría do uranio, e converteuse no maior exportador de uranio no ano 2015. Namibia tamén produce grandes cantidades de chumbo, zinc, estaño, prata e volframio.
Ao redor da metade da poboación depende da agricultura (principalmente agricultura de subsistencia) para o seu sustento, pero aínda ten que importar algúns dos seus alimentos. Namibia ten unha das taxas máis altas de desigualdade de ingresos do mundo, debido en parte ao feito de que existe unha economía urbana e unha rural. Alcanzouse un acordo sobre a privatización de varias empresas máis nos próximos anos, coa esperanza de estimular o investimento estranxeiro. Unha das áreas de máis rápido crecemento do desenvolvemento económico de Namibia é o crecemento da conservación da vida silvestre.
Demografía
editarNamibia é un país con cerca de 1 500 000 habitantes, concentrados sobre todo no norte e na zona da capital. A densidade de poboación é moi reducida ou mesmo nula, como no caso da rexión da Costa dos Esqueletos.
A taxa de natalidade é alta, mais a porcentaxe de individuos seropositivos do VIH atinxe a preto do 15 % da poboación, polo que non se espera un gran crecemento nos próximos anos. As estimacións para este país (xullo de 2016) teñen en conta explicitamente os efectos do exceso de mortalidade debido á SIDA; isto pode implicar unha menor esperanza de vida, maior mortalidade infantil, maiores taxas de mortalidade, menores taxas de crecemento da poboación, e cambios na distribución da poboación por idade e sexo con respecto ao que se esperaría se outro fose o caso.[7]
Linguas
editarO inglés é o idioma oficial. Ademais, Namibia conta con 13 linguas nacionais recoñecidas, incluíndo 10 linguas africanas indíxenas e 3 linguas indoeuropeas (estimación do 2011):[7]
- Oshiwambo, falado polo 48,9 % da poboación;
- Nama, polo 11,3 %;
- Afrikaans, polo 10,4 % (é a lingua común da maioría da poboación e de cerca do 60 % da poboación branca; o 40 % restante fala principalmente alemán ou inglés);
- Herero polo 8,6 %;
- Kavango, polo 8,5 %;
- Linguas de Caprivi, polo 4,8 %;
- Inglés (oficial), polo 3,4 %;
- Outros idiomas africanos, polo 2,3 %.
Notas
editar- ↑ Peter Shadbolt (24 de outubro de 2012). "Namibia country profile: moving on from a difficult past". CNN.
- ↑ Spriggs, A. (2001): WWF. Terrestial Ecoregions. Deserts and xeric shrublands. Africa. Namibia.
- ↑ Shugart, Matthew Søberg (setembro de 2005): "Semi-Presidential Systems: Dual Executive and Mixed Authority Patterns" (PDF). Graduate School of International Relations and Pacific Studies. United States: University of California, San Diego. Arquivada do orixinal o 19 de agosto de 2008. Consultada o 7 de agosto de 2019.
- ↑ Shugart, Matthew Søberg (decembro de 2005): "Semi-Presidential Systems: Dual Executive AndMixed Authority Patterns" French Politics 3: (323–351). Consultada o 4 de agosto de 2016. (cita: "Of the contemporary cases, only four provide the assembly majority an unrestricted right to vote no confidence, and of these, only two allow the president unrestricted authority to appoint the prime minister. These two, Mozambique and Namibia, as well as the Weimar Republic, thus resemble most closely the structure of authority depicted in the right panel of Figure 3, whereby the dual accountability of the cabinet to both the president and the assembly is maximized. (...) Namibia allows the president to dissolve [the assembly] at any time but places a novel negative incentive on his exercise of the right: He must stand for a new election at the same time as the new assembly elections."
- ↑ Oratlas Nambia. Geografía (en castelán).
- ↑ Cancilleres de China y de Namibia conversan sobre relaciones bilaterales en Noticias del PCCh. Pueblo en línea (en castelán).
- ↑ 7,0 7,1 CIA: Oratlas Nambia. Gente y sociedad (en castelán).
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Namibia |
Bibliografía
editar- Vedder, Heinrich (1997). Das alte Südwestafrika. Südwestafrikas Geschichte bis zum Tode Mahareros 1890 (en alemán) (7ª ed.). Windhoek: Namibia Scientific Society. ISBN 0-949995-33-9.