O Bierzo

comarca na provincia de León

O Bierzo (en castelán e oficialmente: El Bierzo, en leonés: El Bierzu/Bierciu) é unha comarca do oeste da provincia de León, limítrofe con Galicia, que ocupa unha área de 2.828 km², dividida entre 38 concellos. A súa capital é Ponferrada. É a única comarca recoñecida por lei en Castela e León, creada polas peculiaridades xeográficas, históricas, sociais e económicas que a diferencian do resto da comunidade.

Modelo:Xeografía políticaO Bierzo
Imaxe

Localización
Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°39′19″N 6°36′53″O / 42.655389, -6.614798
EstadoEspaña
Comunidade autónomaCastela e León
Provinciaprovincia de León Editar o valor en Wikidata
CapitalPonferrada Editar o valor en Wikidata
Contén a división administrativa
Poboación
Poboación131.302 (2016) Editar o valor en Wikidata (56,4 hab./km²)
Xentilicioberciano Editar o valor en Wikidata
Xeografía
Superficie2.328 km² Editar o valor en Wikidata

Páxina webccbierzo.com Editar o valor en Wikidata

A comarca é parcialmente galegofalante e polo tanto con representación na Real Academia Galega. Xunto coa Terra Eo-Navia en Asturias e As Portelas na provincia de Zamora considerase á zona occidental deste territorio como parte da Galicia irredenta.

Onomástica

editar

O topónimo O Bierzo vén do latín bergidum, que procede da raíz xermánica *berg-, 'montaña'. A ditongación do e breve tónico faina unha palabra máis próxima ao asturleonés que ao galego. A denominación oficial é El Bierzo, en castelán.[1] O xentilicio do Bierzo é berciano/-ana.[2]

Símbolos

editar

Os símbolos que representan ao Bierzo son a bandeira e o escudo do Bierzo aprobados o 14 de abril de 2000 polo Pleno do Consello Comarcal do Bierzo. No centro do escudo do Bierzo encádrase a Cruz de Peñalba, símbolo relixioso e popular da comarca.

A patroa do Bierzo é a Virxe da Aciñeira, coroada como tal o 8 de setembro de 1908.

Xeografía

editar

Atópase entre a serra do Courel, os montes Aquilianos e a serra de Fistedo, nos contrafortes da cordilleira Cantábrica. É unha fosa tectónica enchida por materiais terciarios, que oscila entre os 400 e os 500 metros, mentres a zona montañosa paleozoica está situada entre os 1.500 e os 2.000 metros. A comarca pertence á cunca do Sil, principal afluente do Miño, que é a súa saída natural cara Galicia. O clima é húmido e as temperaturas son máis elevadas que na Meseta. Hai carballos, faias, castiñeiros, landas e prados na montaña, e os vales están ocupados por cultivos.

Historia

editar

Idade Antiga

editar

O Bierzo forma parte da franxa occidental da cultura castrexa, sinalándose hai varias décadas máis dunha trintena de castros, algúns deles indicados mesmo na documentación altomedieval, como o Rupianense, sito no Val do Silencio. Coñecida a zona como Bergidum, polos romanos, foi incorporada por estes ao seu Imperio, durante as Guerras Cántabras, entre o 29 a.C. e o 19 a. C., ficando administrativamente detro do convento xurídico asturicense. Dúas poboacións aparecen con claridade: Bergidum Flavium e Interamnium Flavium, aínda que non son doadas de reducir a un lugar actual. O territorio era atravesado pola Vía XVIII, que unía Braga e Asturica, que confluía aquí con outra que procedía de Lucus Augusti. O traballo dos xacementos auríferos centrou a explotación romana do territorio, do que son mostra exemplar As Médulas, pero non único.

Idade Media

editar

Durante o período final do reino visigodo, as fundacións cenobíticas de Froitoso de Braga, e logo do seu sucesor espiritual, san Valerio, levaron a falar da "Tebaida berciana". A invasión musulmá, a comezos do século VIII, afundiu o Bierzo na escuridade. A mediados do século VIII, o conde Gatón, gobernador do territorio, atreveuse a repoboar o sur do Bierzo, da La Cepeda e as terras de Astorga. A fins do século VIII, funda san Xenadio, entre outros, os mosteiros de Santiago de Peñalba e de San Pedro de Montes. Mentres desde esta época e até séculos despois, outros condes gobernan o territorio berciano, e con frecuencia son membros da familia real. o século X aparecen novos mosteiros como os de Carracedo e Compludo.

A adoración do corpo do Apóstolo Santiago en Compostela, arredor de 814, cambiará paulatinamente o aspecto do Bierzo. Por el pasa un tramo importante do camiño, a denominada vía francíxena: dúas xornadas na guía de Aymeric Picaud. Varias poboacións medran ás beiras da ruta: Foncebadón, Molinaseca, Cacabelos, Vilafranca, e, por último, Ponferrada, medrada a carón da ponte ferrata para cruzar o Sil. Hospicios e mesóns suscitan o interese señorial polos lugares xacobeos do Bierzo por ver de obter as ganancias que deixan os devotos peregrinos. Desde a mitra compostelá que domina Cacabelos, pasando polo mosteiro de Sobrado dos Monxes que ten propiedades en Molinaseca, aos templarios con castelos en Ponferrada e Cornatel, o bispado de Astorga que cobra as peaxes de Ponferrada, até a Orde de Cluny que funda Santa María de Cluniaco en Vilafranca. Extintos os templarios, son os condes de Lemos os que reciben parte da herdanza dos castelos.

Idade Moderna

editar

En 1513 os veciños de Ponferrada solicitaron ao poder real desvencellarse do rito de vodas castelás e celebrar as vodas conforme unha provisión que se deu para o reino de Galicia.[3]

Idade Contemporánea

editar
 
Situación do Bierzo

O Bierzo conformou a provincia do Vierzo[4] no proxecto de división territorial de 1822 que non chegou a entrar en vigor [5][6] durante o Trienio liberal. Porén, na definitiva división territorial de 1833 foi integrada na provincia de León.

Economía

editar

É unha rexión húmida con moitas pradeiras naturais onde pasta o gando vacún. Hai cultivos de pataca, millo e froitas, ademais de vide, oliveira e centeo. Ten minas de antracita, un tipo de carbón, e volframio. A industria siderúrxica céntrase na cidade de Ponferrada, capital da comarca. Nos seus límites coa provincia de Ourense atópanse as antigas explotacións auríferas romanas das Médulas.

Goza dun microclima que permite unha produción excelente de froitas e verduras. É unha zona con xacementos de ferro e carbón (antracita), pero que respectivamente non se explotan ou están en recesión, así como xacementos de lousas que se exportan ó norte de Europa para os teitos de edificios.

Existe unha pequena actividade fabril nesta rexión arredor dos sectores do carbón empregado para a produción de electricidade (aquí fundou o estado ENDESA en 1944 para a produción de enerxía eléctrica), o sector siderúrxico, eólico, a extracción de lousa, e unha certa presenza nos sectores do vidro e o cemento. Posúe asemade unha pequena rede de empresas industriais. O sector servizos, ó igual que no resto do país, vai adquirindo máis peso a medida que se desmantela o sector secundario. Todo isto está unido a unha industria agroalimentaria que, dentro do pequeno tamaño que poden acadar polas limitacións físicas que implica o escaso tamaño da comarca, é dunha gran calidade (viño, industrias cárnicas, froitos).

 
Vista do Bierzo Baixo desde Paradela de Muces, con Ponferrada ao fondo.

Lugares de interese

editar

Ademais dun incipiente turismo rural baseado na beleza das súas paisaxes naturais como Os Ancares, ou creadas polo ser humano como As Médulas, unha explotación de ouro realizada polos romanos e agora declarada Patrimonio da Humanidade; así como o Camiño de Santiago. No Bierzo pódense atopar algúns dos poucos edificios da arte mozárabe, como a igrexa de Santiago de Penalba e a de Santo Tomás das Ollas.

Linguas

editar
 
Mapa das comarcas de León e Zamora onde se fala o asturiano.
 
Mestura de léxico castelán e morfoloxía galega no nome dunha rúa da Ponte de Domingos Flórez

A lingua predominante é o castelán, pero tamén se falan o galego e o leonés, que van aumentando de oriente a occidente e de sur a norte respectivamente. O emprego do galego e do leonés no uso cotián ten sortes dispares, aínda que ambos gozaron dunha recente revitalización a través do labor de distintas asociacións que promoven o seu uso e estudo. A lingua galega resultou máis favorecida e estendeuse o seu uso na súa zona de influencia, mentres que o leonés continúa tendo un uso moi limitado.

A lingua galega fálase e permítese o seu ensino regulado no occidente do Bierzo, así como na zona zamorana das Portelas, segundo un acordo entre a Consellería de Educación da Xunta de Galicia e a Consellería de Educación da Xunta de Castela e León. No curso 2005-06 eran 844 os alumnos que estudaban o galego en 9 concellos bercianos, a cargo de 47 profesores, e no curso 2008-09 estudábano máis de 1.000 no Bierzo e As Portelas. Ademais, no Estatuto de Autonomía de Castela e León o seu artigo 5º indica: "Gozarán de respecto e protección a lingua galega e as modalidades lingüísticas nos lugares en que habitualmente se utilicen".

Son concellos galegofalantes do Bierzo: Barxas, Borrés, Cacabelos, Candín, Carucedo, Carracedelo, Corullón, Oencia, Ponte de Domingos Flórez, Sobrado, Toural dos Vaos, Trabadelo, Valboa, A Veiga de Valcarce e Vilafranca do Bierzo. Ademais fálase tamén o galego en zonas dos concellos de Arganza, Benuza, Camponaraia, Fabeiro, Peranzais, Ponferrada, Priaranza e A Veiga de Espiñareda.

O patsuezu é a variante do asturleonés occidental máis falada no norte do Bierzo. O seu dominio esténdese desde Luarca (Asturias) ata O Bierzo, e a súa principal característica é a 'ch' representada por ts, tx o l.l, esta última como suxestión da Academia da Lingua Asturiana.

  1. Cabeza Quiles, F: Toponimia de Galicia. Vigo. Editorial Galaxia. 2008, 703 páxs. ISBN 978-84-9865-892-1
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para berciano.
  3. González González, Francisco (1983). A propósito de las autonomías. El Bierzo en la encrucijada: evolución histórica (en castelán). Ponferrada: Centro de Formación Profesional y Administrativa Lamelas. p. 46. ISBN 84-398-0597-7. 
  4. Gaceta de Madrid. martes 16 de outubro de 1821
  5. Baquer, Sebastián Martín-Retortillo (1980). "En torno a la organización provincial". Revista de administración pública (93): 7–28. ISSN 0034-7639. 
  6. "Decreto do 27 de xaneiro de 1822 de división provisional do territorio español (PDF)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 19 de xullo de 2009. Consultado o 19 de xullo de 2009. 

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
Multimedia: o galego do Bierzo
  Fálame sempre, capítulo un
  Fálame sempre, capítulo dous
  Fálame sempre, capítulo tres

Ligazóns externas

editar