Escolástica (filosofía)

A escolástica é un dos períodos en que se divide a filosofía da época cristiá: patrística (séculos II-VIII) e escolástica (séculos IX-XIV). Esta última denominación débese a que a produción cultural da época se realiza, primeiro, nas escolas monacais e catedralicias e, despois, nas universidades. Scholásticus era o nome que recibían tanto os mestres como os alumnos destas institucións. En liñas xerais o pensamento elaborado nas escolas medievais está mediatizado pola relixión cristiá; de aí que deba cualificarse, antes que nada, de pensamento teolóxico. É célebre un lema atribuído a Pedro Damián: philosophía ancilla theologiae (a filosofía é serva da teoloxía).

Desde un punto de vista histórico pódense distinguir tres fases:

  • Primeira escolástica (desde o renacemento cultural do Imperio Carolinxio ata mediados do século XII).
  • Alta escolástica (desde a recepción de Aristóteles ata finais do século XIII).
  • Baixa escolástica (século XIV).

A ensinanza escolástica

editar

As disciplinas que inicialmente se ensinan nas escolas, como base da aprendizaxe filosófica e teolóxica, son o trivium (gramática, dialéctica e retórica) e o cuadrivium (aritmética, xeometría, astronomía e música). Os autores estudados eran: Prisciano (gramática), Cicerón (retórica), Aristóteles e Boecio (dialéctica), Platón (astronomía) etc. No século XIII hai que engadir a estas materias, nas facultades de filosofía, o estudo das obras aristotélicas que se acababan de traducir (Ética, Política, Física, Sobre a alma e Metafísica), así como os comentarios aristotélicos de Averroes e, nas facultades de teoloxía, o tratado das Sentenzas de Pedro Lombardo.

Había dous métodos fundamentais de ensinanza: a lección (lectio) e a disputa (disputatio). O primeiro consistía en comentar un texto e o segundo en examinar un problema atendendo ós pros e contras, e finalmente proporcionar unha conclusión. De aquí xurdiron, respectivamente, os principais modelos literarios da Idade Media: as Sumas e as Quaestiones.

Principais correntes de pensamento

editar

Durante a primeira fase son de salientar os dialécticos ou defensores da razón (Berengario de Tours e Pedro Abelardo), os antidialécticos ou defensores da fe (Pedro Damián e Anselmo de Aosta), o misticismo (Bernardo de Claraval e Hugo de San Vítor) e o naturalismo da Escola de Chartres (Xoán de Salisbury).

No século XIII as correntes dominantes eran o agustinismo franciscano (Boaventura de Bagnoregio e Duns Escoto), o aristotelismo tomista (Tomé de Aquino) e o averroísmo (Siger de Brabante). Por último, no século XIV destaca o nominalismo de Guillerme de Ockham, que sobresae polos seus estudos de lóxica.

Véxase tamén

editar

Ligazóns externas

editar