Botulismo
O botulismo ou alantíase é unha grave intoxicación alimentaria producida pola presenza nos alimentos da toxina botúlica, unha neurotoxina segregada polo Clostridium botulinum. Caracterízase por vómitos, dor abdominal e, sobre todo, por diversos síntomas nerviosos.
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos. Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico. |
En 2015 diagnosticáronse 3 casos en España (dous confirmados e un sospeitoso), o que representa unha taxa de 0,006 casos por 100.000 habitantes, con tres mulleres afectadas, pero ningunha defunción. Un dos casos foi reportado en Galicia. Dous dos casos foron de orixe alimentaria e do terceiro descoñécese o tipo de botulismo [1].
Etioloxía e epidemioloxía
editarO clostridio é unha bacteria anaerobia, presente habitualmente no chan e no contido intestinal dos animais domésticos e do home. Existe a posibilidade de infección a través de feridas abertas pero a forma máis habitual é por consumo de alimentos contaminados polas esporas da bacteria [2], en orixe ou por manipulación pouco hixiénica, especialmente cando se someten a sistemas de conservación ó baleiro (é dicir, en condicións de anaerobiose) que non garanten un tratamento térmico e un grao de acidez suficientes para inhibi-lo desenvolvemento da bacteria.
O nome da enfermidade alude precisamente á súa orixe alimentaria: no latín, botulus significa embutido, salchicha, por ser frecuente que a enfermidade fora causada por inxestión destes produtos.
Entre os alimentos máis perigosos como posibles causantes do botulismo están as conservas caseiras, especialmente as de orixe vexetal, embutidos e peixes afumados ou salgados. Canto ás conservas de alimentos, cómpre advertir que o perigo está en que na elaboración doméstica non se conseguen as temperaturas e a acidez (pH menor de 4,5) que impiden a esporulación da bacteria e a formación de toxina, parámetros que se alcanzan suficientemente na industria, dotada de sistemas de esterilización seguros.
Cadro clínico
editarExisten tres formas de botulismo:
- Botulismo transmitido polos alimentos
- Botulismo infantil
- Botulismo a través de feridas
O período de incubación oscila entre as 12 e as 36 horas, con límites entre as 2 horas e os 6 días. Os síntomas consisten en cólicos abdominais, vómitos ou náuseas, ós que segue un cadro clínico cunha sintomatoloxía nerviosa característica: dificultade respiratoria e da deglutición, dificultade para vocalizar, visión dobre ou borrosa, ptose palpebral [3] e parálise progresiva bilateral.
O diagnóstico faise por illamento da toxina no soro sanguíneo, feces ou contido intestinal do enfermo; por illamento da toxina nos alimentos implicados; ou por incubación da bacteria en mostras de feces ou intestinais.
O tratamento consiste na administración da antitoxina botúlica, completada con respiración asistida e alimentación por vía venosa. A intoxicación pode ser mortal e o prognóstico depende da precocidade do diagnóstico e da implantación do tratamento específico. Pode presentar disfuncións nerviosas que se prolongan ata un ano despois.
O botulismo en Galicia
editarO botulismo é unha das enfermidades de declaración obrigatoria, o que permite coñece-la prevalencia da enfermidade.
En Galicia producíronse como mínimo dez casos desde o ano 1990, en tres abrochos separados. O primeiro foi en 1998, con tres enfermos dunha familia de Vedra (A Coruña) por consumo de xamóns e chourizos caseiros; o segundo en 2005, con seis enfermos, en Pontevedra e na Coruña, por consumo de chacina fabricada por unha industria leonesa; e o terceiro, en 2023, cun home enfermo por consumo de tortilla de patacas fabricadas en Segovia.
Notas
editar- ↑ Centro Nacional de Epidemiología. Instituto de Salud Carlos III. Resultados de la vigilancia epidemiológica de las enfermedades transmisibles. Informe anual. Año 2015. Madrid 2015 .
- ↑ As esporas son formas de resistencia microbiana. Aparecen cando as condicións non permiten o crecemento, mantendo unha forma de vida latente ata que as circunstancias sexan favorables e poidan crecer e reproducirse normalmente.
- ↑ Ptose palpebral é a caída das pálpebras por parálise.
Véxase tamén
editarOutros artigos
editarBibliografía
editar- REAL ACADEMIA DE MEDICINA E CIRURXÍA DE GALICIA: Diccionario galego de termos médicos. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Santiago de Compostela 2002.
Ligazóns externas
editar- Botulismo (CDC)
- European Centre for Disease Prevention and Control: Annual Epidemiological Report 2011. Reporting on 2009 surveillance data and 2010 epidemic intelligence data. Stockholm 2011, 65-67.
- Botulismo (Medline.plus)
- Informe del Comité Científico de la Agencia Española de Seguridad Alimentaria y Nutrición (AESAN) sobre el botulismo infantil Arquivado 06 de marzo de 2016 en Wayback Machine. (2011) (en castelán)
- “Abrocho de botulismo alimentario en Vedra (A Coruña)”, no Boletín Epidemiolóxico de Galicia nº 5, 1998
- European Centre for Disease Prevention and Control (ECDC): Informe científico sobre o tratamento do botulismo tipo F en Europa (Estocolmo, outubro 2013 (en inglés)