Anélidos

filo de animais
(Redirección desde «Anélido»)

Os anélidos (Annelida, do latín annelus, "anel pequeno", e o elemento -ida, plural de -idus, do grego -ίδες -ídes, de είδοσ eídos, "aparencia" "aspecto") son un gran filo de animais invertebrados triploblásticos, protóstomos, esquizocelomados, con simetría bilateral, corpo segmentado en aneis e carentes de apéndices articulados.

Samesuga, Hirudo medicinalis.
Movemento dos parápodos de Nereis succinea, un poliqueto.

O corpo dos anélidos está composto por numerosos metámeros ou aneis similares entre si. A súa anatomía interna reficte a externa, con repetición de diversos órganos en cada metámero.

Describíronse máis de 16.700 especies,[2] que inclúen os vermes mariños poliquetos, as lombrigas de terra e as samesugas. Encóntranse na maioría dos ambientes húmidos, sobre todo no mar, pero tamén en auga doce, e incluso hai especies terrestres.

Cómpre aclarar que na linguaxe popular adoita reunirse a varios grupos de invertebrados baixo o nome de vermes, termo sen ningún valor taxonómico; moitas das semellanzas entre estes filos de vermes son converxencias evolutivas sen ningún valor filogenético. Non todos os vermes son anélidos. Existen diversos invertebrados co corpo brando, alongado e cilíndrico que non pertencen ao grupo dos anélidos. É o caso, por exemplo, dos nematodos ou dos platihelmintos, e dalgúns artrópodos, como os cempés, as larvas (bechos) das moscas ou as eirugas que dan lugar ás bolboretas.

Características

editar

Os anélidos son vermes segmentados, xeralmente de forma cilíndrica, e de tamaños que van desde 1 mm até máis de 3 m.

Neste grupo intégranse as miñocas (oligoquetos), as samesugas (hirudíneos) e os vermes mariños (poliquetos) ademais doutros grupos menos coñecidos como branquiobdélidos, acantobdélidos e aelosomátidos.

A maioría das especies son de vida libre, mais hai especies comensais e mesmo parasitas.

Aínda que a maior diversidade de anélidos atópase no mar, son tamén comúns en todos os sistemas de augas continentais, tanto superficiais como suberráneas e no medio terrestre en ambientes húmidos.

O corpo dos anélidos comeza, na súa parte anterior nun elemento chamado prostomio ao que segue un número variábel de segmentos (aneis) e remata nun elemento final chamado pixidio, no que se abre o ano.

Unha das características máis salientábeis do filo é a verdadeira segmentación (metamerismo) do seu corpo (agás prostomio e pixidio).

O corpo está formado por unha serie lonxitudinal de unidades repetidas e semellantes chamados segmentos ou metámeros, que conteñen cada un deles importantes estruturas anatómicas e funcionais (como son os ganglios nerviosos, os nefridios, ou os compartimentos celómicos).

Outra das características esenciais dos anélidos é a presenza, en xeral, de sedas. As sedas ou quetas son estruturas de quitina dispostas en feixes ou paquetes en cada un dos segmentos e que emerxen, xa directamente da superficie do corpo, xa dunhas expansións da superficie corporal chamadas parápodos que serven fundamentalmente para o desprazamento do animal.

Os anélidos que non posúen sedas están xeralmente provistos dunha ou dúas ventosas que utilizan para a locomoción ou ben para ancorarse nun hospedador.

Anatomía

editar

A parede corporal está formada por unha epiderme cun número variábel de células glandulares e recuberta por unha fina cutícula e dúas ou tres capas musculares.

En numerosos anélidos a respiración é por simple difusión a través da parede do corpo, pero noutros moitos existen estruturas especializadas a xeito de branquias.

O sistema nervioso está formado por un par de ganglios cerebroides máis ou menos fusionados que se unen a un ou dous cordóns nerviosos ventrais e tamén ganglionares mediante dous conectivos que rodean á farinxe (circunfarínxeos).

O sistema circulatorio é pechado e o líquido hemático circula por unha rede de vasos e capilares. Destes vasos destaca un grande vaso lonxitudinal dorsal e outro ventral. En moitos hirudíneos (samesugas) non existen verdadeiros vasos sanguíneos: as substancias e os gases transpórtanse polo líquido hemocélico que circula por un sistema celómico.

O aparato dixestivo é completo, recto e simple, aínda que presenta diferentes graos de especialización rexional podéndose distinguir (segundo a súa orixe embrionaria) un estomodeo (tramo anterior, de orixe ectodérmica) un mesodeo (tramo medio, de orixe endodérmica) e un proctodeo (tramo posterior, de orixe ectodérmica).

A excreción realízase principalmente mediante nefridios, que son órganos metaméricos pares que comunican as cavidades celómicas co exterior mediante unha serie de poros.

Reprodución

editar

O aparato reprodutor, as estratexias reprodutoras e o desenvolvemento son variábeis entre os diferentes grupos de anélidos.

Nos poliquetos hai individuos machos e femias (dioicos) as gónadas son simples e numerosas e están dispostas ao longo de todo o corpo. A fecundación é externa e o desenvolvemento é indirecto a través dun tipo especial de larva (trocófora).

Os oligoquetos e os hirudíneos son monoicos (hermafroditas). Os aparatos reprodutores son complexos e está limitados a uns poucos segmentos. A fecundación é interna, o desenvolvemento directo e dispoñen dun engrosamento glandular epidérmico característico chamado clitelo que é o responsábel da formación dos casulos. Nestes casulos desenvólvense as postas.

A reprodución asexual é un fenómeno habitual sobre todo nalgunhas familias de oligoquetos.

Filoxenia

editar

Árbore filoxenética

editar
Annelida

algúns "Scolecida" e "Aciculata"

algúns "Canalipalpata"

Sipuncula, anteriormente un filo separado

algúns "Oligochaeta"

Hirudines

algúns "Oligochaeta"

algúns "Oligochaeta"

Aeolosomatidae[3]

algúns "Scolecida" e "Canalipalpata"

algúns "Scolecida"

Echiura, antigamente un filo separado.

algúns "Scolecida"

algúns "Canalipalpata"

Siboglinidae, antigamente filo Pogonophora

algúns "Canalipalpata"

algúns "Scolecida", "Canalipalpata" e "Aciculata"

Grupos de anélidos e filos incorporados aos anélidos (2007; simplificado).[4] (Versión completa.)[5]
Destacan importantes cambios nas clasificacións tradicionais.

O filo dos anélidos é un grupo cunha posición filoxenética fundamental dentro dos protóstomos espirais. Xeralmente localízanse entre os moluscos e os artrópodos cos que se relacionan fundamentalmente pola larva trocófora (cos moluscos) e a metamería (cos artrópodos).

Para explicar a orixe dos anélidos hai que considerar a orixe do celoma e da metamería. Neste senso uns investigadores avogan por un antepasado tipo oligoqueto, outros fano por unha forma primitiva tipo poliqueto. Para os autores que consideran o antepasado oligoqueto, o celoma orixinaríase como unha adaptación mecánica para a escavación, e a segmentación como unha adaptación para perfeccionar esta escavación. Os autores que defenden a outra alternativa (antepasado tipo poliqueto) din que o antecesor puido aparecer na capa superficial dos sedimentos e non precisaría escavar senón desprazarse pola superficie e para iso posuiría parápodos. O celoma non xurdiría como esqueleto hidrostático senón para almacenamento e transporte de substancias polo corpo.

Dado que son animais de corpo brando, o seu rexistro fósil é moi escaso. Estes poucos fósiles pódense adscribir a grupos de poliquetos actuais e situarían a súa orixe no precámbrico (hai uns 600 millóns de anos) e que a grande radiación dos poliquetos sucedeu a mediados do cámbrico.

Actualmente considérase que existen dúas grandes liñas evolutivas no filo dos anélidos: Polychaeta (poliquetos) e Clitellata (clitelados). A clase dos clitelados inclúe os oligoquetos, hirudíneos, branquiobdélidos e acantobdélidos.

A liña evolutiva dos poliquetos está marcada polo carácter de organismos dioicos, con moitos pares de gónadas simples, fecundación externa e desenvolvemento indirecto, mentres que a liña evolutiva dos clitelados abranguen anélidos monoicos (hermafroditas), cun número de gónadas restrinxido, con presenza de clitelo e con desenvolvemento directo. Dentro desta liña a condición octogonadal é considerada como primaria: dous pares de testículos e dous pares de ovarios en segmentos (4) consecutivos.

Recentemente Rousset et al. (2007) utilizando técnicas moleculares e xenéticas establecen o grupo dos clitelados como un clado monofilético irmán dos poliquetos, aínda que o grupo dos finofílidos (considerados tradicionalmente como poliquetos) deberían incluírse nese clado.

  1. Bydd, G. E. e S. Jennsen (2000): "A critical reappraisal of the fossil record of the bilaterian phyla". Biol. Rev. Camb. Philos. Soc. 75 (2): 253-95. Resumo
  2. Brusca & Brusca (2005)
  3. Un grupo de vermes clasificado por algúns como poliquetos e por outros como clitelados, ver Rouse & Fauchald (1997): "Cladistics and polychaetes".
  4. Struck, T. H.; Schult, N., Kusen, T., Hickman, E., Bleidorn, C., McHugh, D. e Halanych, K. M. (2007): "Annelid phylogeny and the status of Sipuncula and Echiura". BMC Evolutionary Biology 7: 57. Resumo
  5. Versión completa

Véxase tamén

editar

Bibliografía

editar
  • Barnes, R. D. (1989): Zoología de los invertebrados. 5º ed. México (D.F.): McGraw Hill Interamericana de México. ISBN 968-25-1446-0.
  • Brusca, R. C. & G. J. Brusca (2005): Invertebrados. Madrid: McGraw-Hill Interamericana de España. ISBN 978-84-486-0246-8.
  • Hickman, C. P.; Roberts, L.S. & A. Larson. (1994): Zoología. Principios integrales. 9ª ed. Madrid: McGraw Hill Interamericana de España. ISBN 84-486-0072-X.
  • Martínez-Ansemil, E. & J. Parapar (2002): "Os Anélidos". In: Proxecto Galicia: Natureza. Vol. 38. Zooloxía II. Parte I: Os anélidos e outros Protóstomos. A Coruña: Hércules de Ediciones. ISBN 84-89468-93-1, pp. 24-37.
  • Rousset, V.; Pleijel, F.; Rouse, G.W.; Erséus, C. & Siddall, M. E. (2007): "A molecular phylogeny of annelids". Cladistics, 23: 41-63.
  • Rupppert, E. E.; R. S. Fox & R. D. Barnes (2004): Invertebrate Zoology 7ª ed. Stamford, Connecticut (EE.UU.): Brooks/Cole ISBN 0-03-025982-7.

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar