Yennenga
Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XII Gambaga, Ghana |
Morte | século XII |
Actividade | |
Ocupación | líder militar, gobernante |
Outro | |
Título | Princesa |
Fillos | Ouédraogo |
Descrito pola fonte | Dictionary of African Biography, |
Yennenga foi unha princesa lendaria, considerada a nai do pobo mossi de Burkina Faso.[1] Era unha famosa guerreira e adorada polo seu pai, Naa Gbewaa, o fundador do reino de Dagbon, na actual Ghana. Porén, as aspiracións da princesa tiñan outro destino e decidu marchar do reino. Cando fuxía co seu cabalo, coñeceu un cazador novo, Rialé, con quen tivo un neno, Ouedraogo. Este nome, común, en Burkina Faso, significa «cabalo», na honra ao cabalo que levou a princesa onda Rialé. Yennenga ou o seu fillo Ouedraogo son considerados os fundadores dos reinos Mossi.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Era filla da raíña Napoko e do rei Naa Gbewaa, quen reinou a inicios do s. XII en Dagbon, no norte da actual Ghana.[2] Este educouna para que fose unha hábil cazadora e guerreira. Yennenga era fermosa (o seu nome significa «a esvelta» en referencia á súa beleza)[3] e converteuse nun símbolo cultural. Era unha muller de carácter forte e mente independente, e desde os 14 anos combateu para o seu pai contra o veciño pobo malinke.[1][2]
Habilidosa coa xavelina, a lanza e o arco, foi unha excelente amazona e comandou o seu propio batallón.[1][2] Era unha loitadora tan importante que cando chegou á idade, o seu pai rexeitou escollerlle un marido ou deixala casar.[2][4] Para mostrarlle o seu desgusto, Yennenga sementou un campo de trigo e cando medrou deixouno podrecer. Explicoulle ao seu pai que así era como se sentía por non poder casar.[2] Porén, a acción non convenceu a Nedega, quen decidiu pechar á súa filla.[5]
Un dos cabaleiros do rei axudou a escapar a Yennenga, quen se vestira de home.[1][2] Nun ataque dos malinkes, o seu compañeiro foi asasinado. Yennenga ficou soa[2] e continuou a viaxe cara o norte. Unha noite, esgotada tras cruzar un río, Yennenga foi conducida polo seu semental cara a un bosque.[2][4] Alí coñeceu e trabou amizade cun cazador de elefantes solitario chamado Riale.[5] Cando descubriu a Yennenga tras o seu disfrace, namoráronse[1] e tiveron un fillo, Ouedraogo.[2][5]
Ouedraogo visitou ao seu avó, o rei Naa Gbewaa, quen levaba anos buscando á princesa Yennenga. Cando descubriu que a súa filla aínda estaba viva, o rei organizou un banquete e enviou mensaxeiros para que a súa filla, á que tanto quería, regresase. A princesa Yennenga regresou xunto con Raile ao reino de Dagomba. O seu pai recibiuna cos brazos abertos e garantiu que o seu neto Ouedraogo recibise o mellor dos adestramentos. Este tamén foi obsequiado con cabalaría, gando e outros bens que empregou para fundar o reino Mossi.[1][6]
Legado
[editar | editar a fonte]Na capital de Burkina Faso, Uagadugú, pódense atopar estatuas de Yennenga.[2] O primeiro premio do Festival Panafricano de Cinema e Televisión de Uagadugu (FESPACO), un semental de ouro, é coñecido como o Étalon de Yennenga.[5] A selección de fútbol de Burkina Faso recibe o alcume de "Les Étalons" ("Os Sementais") en referencia ao cabalo de Yennenga.[7] Desde 2017 está en construción unha nova cidade, a uns 15 km de Uagadugú, que se chamará Yennenga.[8]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 Smith, Cheryl A. (2005). Market Women: Black Women Entrepreneurs: Past, Present, and Future (en inglés). Bloomsbury Academic. p. 17. ISBN 9780275983796.
- ↑ 2,00 2,01 2,02 2,03 2,04 2,05 2,06 2,07 2,08 2,09 "Fespaco 2001". BBC World Service (en inglés). 2001.
- ↑ "Princesse Yennenga (Burkina Faso): amazone rebelle contre le patriarcat, mère-fondatrice du Royaume Mossi". Le Mouvement Matricien (en francés).
- ↑ 4,0 4,1 Scott, Joyce Hope (1997). "Daughters of Yennenga: Le mal de peau and Feminine Voice in the Literature of Burkina Faso". Women's Studies Quarterly (97:3-4): Teaching African Literatures in a Global Literary Economy (en inglés) XXV (3-4): 86. ISSN 0732-1562.
- ↑ 5,0 5,1 5,2 5,3 Sheldon, Kathleen E. (2005). Historical Dictionary of Women in Sub-Saharan Africa (en inglés). Scarecrow Press. p. 272. ISBN 9780810853317.
- ↑ Waweru, Nduta (7 de xullo de 2018). "Yennenga, the Dagomba warrior princess whose son founded the Mossi Kingdom of West Africa". Face2Face Africa (en inglés). Consultado o 9 de xullo de 2024.
- ↑ Marchais, Julien; Maitrot, Fanny; Gemoets, Marc (2006). Petit Futé Burkina Faso (en francés). Nouvelles Editions de l'Université. p. 102. ISBN 9782746916012.
- ↑ Ndayishimiye, Stanislas (31 de marzo de 2017). "Burkina Faso: une ville nouvelle portera le nom de la Princesse Yennenga". RFI (en francés). Consultado o 10 de xullo de 2024.