Xaneiro na cultura popular galega
O que segue recolle diversa información sobre a pegada do mes de xaneiro na cultura popular e na literatura oral galegas, recollida de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.
Divisións
[editar | editar a fonte]As sortes son os primeiros doce días do mes de xaneiro e prognostican o tempo que vai facer durante cada mes do ano. Así, o tempo que fai o día 1 será o tempo que fará en xaneiro, o do día 2 corresponderá a febreiro etc. As resortes son os doce días seguintes, do 13 ó 24, e serven para ratificar ou contradicir ó prognóstico que anunciaron as sortes.[1]
Ramón Piñeiro recolleu en Láncara o costume de colocar, o primeiro día de xaneiro, doce areas de sal sobre unha pedra e prognosticar, segundo a humidade que desprenda cada unha delas, a chuvia que caerá durante o mes correspondente.
Os pechos son os días 25 a 28 de xaneiro, e anuncian do mesmo xeito o tempo das estacións (primavera, verán, outono e inverno, respectivamente)
Crenzas e supersticións
[editar | editar a fonte]A lúa de xaneiro, chamada lúa morta, é a mellor para mata-lo porco. A lúa crecente seguinte será a adecuada para salgalo se se quere que medre a carne na artesa, e no minguante seguinte para afumalo e curalo, se non se quere que críe vermes (Rodríguez López:128; Eladio Rodríguez, s. v. lúa). Nunca debe matarse con lúa chea porque o touciño se aluaría.
Tampouco se poden podar as viñas en xaneiro, segundo outros, porque a lúa morta deste mes as deixaría aterecidas coa xiada (Eladio Rodríguez, s. v. lúa).
Santo Amaro, o 15 de xaneiro, é avogoso contra a reuma. En Castro Caldelas é en tal ocasión cando se proban os chourizos novos. Nesa mesma vila celébrase a Festa dos Fachós o 19 de xaneiro a véspera de San Sebastián.
Chámase fogo novo ó que se prende o día de Aninovo, utilizando a tal fin o da noite anterior (Eladio Rodríguez, s. v. fogo [2]).
Literatura popular
[editar | editar a fonte]Locucións
[editar | editar a fonte]- Andar á xaneira, Andar de xaneira/ de xaneiro: en sentido recto, estar unha gata en celo. Por extensión, dise dos mozos que andan pola noite buscando aventuras amorosas, como os gatos en celo.
- Andar ás celeiras coma as gatas xaneiras.
- Andar como os gatos en xaneiro.
Refraneiro
[editar | editar a fonte]- A auga de xaneiro mata ó usureiro [3][4].
- A ferreña de xaneiro non vai ao palleiro.
- A ferreña de xaneiro non vai ao poleiro.
- A galiña nada no xaneiro pon o ovo no colmeiro.
- A galiña no xaneiro pon no colmeiro.
- A madeira da túa casa, en xaneiro has de cortala.
- A perdiz no xaneiro caga pró escopeteiro.
- A pescada en xaneiro val por carneiro [5].
- A raia en xaneiro sabe a carneiro.
- A verdura en xaneiro sabe a carneiro.
- As patacas de xaneiro van na cesta e veñen no sombreiro.
- As verzas de Fontán cóllense por san Sebaschán [6].
- As verzas por xaneiro saben a carneiro.
- Auga de xaneiro astra a sega ten tempero [3][7].
- Auga de xaneiro, cada pinga val diñeiro [3].
- Auga de xaneiro, todo o ano ten tempereiro [3].
- Auga en febreiro, millor que en xaneiro [3].
- Cando as ras cantan no xaneiro, sinal de fame en todo o eido.
- Cando non chove en xaneiro, non hai bo prado nin bo lameiro [8].
- Cantos días pasen de xaneiro, tantos allos perde o alleiro [9].
- Coa lúa de xaneiro, vese a formiga no carreiro.
- Dazasete de xaneiro, San Antonio verdadeiro; día trece de San Xoán, San Antonio mentirán [10].
- Dazasete de xaneiro, Santo Antón lacoeiro [11].
- De xaneiro a xaneiro, come carneiro.
- Día de Santa Inés chuvia unha soa vez [12].
- Dios nos libre do polvo de xaneiro e do lodo de agosto [13].
- En abril, augas mil, e en xaneiro come carneiro.
- En abril, cátanos no cubil; en maio, xa son bo galo; en san Xoán xa lle dou a carreira ó can; en santa Mariña xa vou pola cabritiña; en agosto xa vou co meu pai polo rostro; en Santos xa mato os bois nos campos e en xaneiro xa podo co carneiro [14]
- En xaneiro a faneca sabe a carneiro [15].
- En xaneiro, a lebre co cu no lameiro.
- En xaneiro a raia val carneiro [15].
- En xaneiro, a vella saca as madeixas ó turreiro.
- En xaneiro, a verza é carneiro.
- En xaneiro, abrígate con dúas capas e un sombreiro.
- En xaneiro bota ó obreiro, antes na sebe ca na parede, non polo día senón pola pedra que está fría.
- En xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
- En xaneiro, camiseiro.
- En xaneiro media arca e medio palleiro e o porco enteiro.
- En xaneiro, mellor carballo que castiñeiro.
- En xaneiro, mete obreiro, antes na sebe que na parede.
- En xaneiro, mete obreiro [9].
- En xaneiro, namoreime, en febreiro, caseime ... e amoleime.
- En xaneiro, nin galgo leboreiro nin falcón perdigueiro.
- En xaneiro, pon o alleiro [9].
- En xaneiro sabe o polbo a carneiro [15][16].
- En xaneiro, sete lobos no carreiro.
- En xaneiro, sete lobos polo carreiro.
- En xaneiro, trompos ó fumeiro.
- En xaneiro, vaite ó outeiro: se ves verdegar, ponte a chorar; se ves terrexar, ponte a cantar.
- En xaneiro, verza vella val carneiro [17].
- En xaneiro visita o outeiro: si ves verdegar ponte a chorar, si ves terrexar, ponte a cantar.
- En xaneiro xa a abella pon os pés no salgueiro.
- En xaneiro, xéase a auga no caldeiro.
- En xaneiro xiadeiro non ha faguer a ovella máis pisada ca no rigueiro [13].
- Entre xaneiro e febreiro, inverno verdadeiro.
- Eu son o pito cairés, que naceu polo xaneiro; se o raposo me non come, hei de cantar no poleiro [18].
- Eu son o pito do cairo, que nacin no mes de xaneiro, se o raposo non me come, he de cantar no poleiro.
- Gato do mes de xaneiro vale un carneiro.
- Inda non veu xaneiro pra poñe-lo pé diante do compañeiro.
- Lúa, a de xaneiro, amor, o primeiro.
- Lúa, a de xaneiro; e cariño, o primeiro.
- Lúa de xaneiro non tèn aparceiro.
- Lúa de xaneiro non ten compañeiro, senón a de agosto, que lle dá no rosto.
- Moita chuvia en xaneiro, mala anada no cabaceiro [19].
- Nadal, mollado; e xaneiro, ben xiado [20].
- No menguante de xaneiro corta o teu madeiro.
- No mes de xaneiro rube ao outeiro, si ves verdexar ponte a chorar, si ves negrexar; ponte a beilar [21].
- No mes de xaneiro sobe ó outeiro. Se ves verdear ponte a chorar, se ves estercar ponte a cantar.
- No mes de xaneiro, súbete ao outeiro; se ves os teus campos verdexar, ponte a chorar; se terrexar, ponte a cantar [22][23].
- No mes de xaneiro súbete ó outeiro, se ves terrexar bótate a cantar, e se ves verdexar, bótate a chorar.
- No xaneiro busca a lebre co cu no bulleiro.
- No xaneiro pon o sombreiro.
- Non hai amor coma o primeiro nin lúa coma a de xaneiro.
- Non hai amor firme coma o primeiro nin lúa coma a de xaneiro.
- Non hai lúa coma a de xaneiro nin amor coma o primeiro, senón a de agosto, que lle dá no rostro.
- Non hai lúa coma a de xaneiro nin amor coma o primeiro.
- O año de xaneiro é o millor carneiro.
- O besugo en xaneiro viste coma un cabaleiro.
- O boi e o leitón, en xaneiro crían riñón [24].
- O día de san Sebastián ceiba as moscas Satanás.
- O madeiro pra túa casa, córtao no xaneiro.
- O mes de xaneiro é o xeadeiro; febreiro, muliñeiro; marzo, esqueiroso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro; en seitura, sol; e en agosto, mellor.
- O pito de xaneiro, coa súa nai sobe ó poleiro [18].
- O polo de xaneiro, no San Xoan xa está comedeiro [25].
- O polo de xaneiro polo san Xoán está comedeiro.
- O polo de xaneiro vale carneiro.
- O polo de xaneiro, polo San Xoán está comedeiro.
- O polo en xaneiro, coa sua nai sobe ó poleiro [25].
- O que en xaneiro non cava os terróns, en agosto queima os collóns.
- O que queira comer morriña, coma carneiro en xaneiro e en maio galiña.
- O que queira comer morriña, coma en xaneiro carneiro i en maio galiña.
- O que sexa meu amigo verdadeiro, véñame ver o vinte de xaneiro.
- O Santo Antón verdadeiro é o dazasete de xaneiro.
- O sol de xaneiro non ten compañeiro.
- O vinte e un de xaneiro, unha hora por enteiro.
- Obreiro en xaneiro, pan che comerá e obra non fará.
- Ollomol de xaneiro vale un carneiro [26].
- Os amores de xaneiro son os que enfrían primeiro.
- Os pitos de xanerio, pouquiños van ó poleiro [18].
- Para a túa casa o madeiro córtao no xaneiro.
- Picoreiro súbete ó picouto, e se no mes de xaneiro veres verdegar, bótate a chorar, e se os ves queimados, ponte a bailar.
- Pito de xaneiro non vai coa sua nai ó poleiro.
- Pito de xaneiro, vai coa súa nai ó poleiro [9].
- Poda en xaneiro, vindima no sombreiro [27].
- Polo aninovo púxome a pita un ovo, e polos Reis xa tiña seis [28]'
- Polo de xaneiro, cada pruma val diñeiro [25].
- Polo río abaixo vai un pexegueiro que bota pexegos no mes de xaneiro.
- Polo santo Amaro andan os trompos polo tellado [29]
- Polo San Antón, xa a galiña pon [30][31].
- Polo santo Antón xa a galiña pon. Pola Candelaria, a boa e a mala.
- Polo san Martiño, trompos ó camiño, e polo santo Amaro, trompos ó tellado.
- Polo san Sebastián coida o teu fabal.
- Polo san Sebastián coñez o día o pailán [32]
- Polo san Sebastián laranxiñas na man.
- Polo san Sebastián medra o día o paso dun can.
- Polo san Vicente perde o inverno un dente [33].
- Polo san Vicente ten o día unha hora máis, metá pola mañán, metá polo serán.
- Polo san Vicente perde o inverno un dente.
- Polo san Vicente toda a auga é semente.
- Por santo Amaro, trompos ó faiado.
- Por santo Amaro, trompos ó tellado.
- Por santo Antón, a galiña pon.
- Por santo Antón, trompos ó caixón.
- Por san Sebaschán, a laranxa na man.
- Por san Sebastián algueira o pailán.
- Por san Vicente da Roda medra o día unha hora.
- Por san Vicente pon os nabos da semente.
- Por san Vicente, unha hora de creciente.
- Por san Xulián medra o día un pasiño de can [34]
- Por san Xullán adianta o día o paso dun can.
- Porca de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.
- Porco de xaneiro vai ca súa mai ó fumeiro.
- Prá túa casa, o madeiro cortado sempre no xaneiro.
- Pra túa casa, o madeiro córtao no xaneiro.
- Queimemo-lo loureiro no mes de xaneiro.
- Quen colle a aceitona antes de xaneiro, deixa o aceite no oliveiro.
- Quen labra no xaneiro labra para o ano enteiro.
- Quen ora en xaneiro, ora para o ano enteiro.
- Raia en xaneiro sabe como o carneiro [35].
- Raia pescada en xaneiro sabe a carneiro.
- San Antonio de xaneiro, se fai sol, bota as pipas ó canteiro, e se chove bótaas ó fumeiro [13][36].
- San Martiño, trompos ó camiño; San Amaro, trompos ó faiado [13].
- San Sebastián, vinte de xaneiro, cando ceiba a mosca do demo.
- San Vicente do inverno bota unha brasa ós regueiros.
- San Vicente pequeniño é un santo chirifeiro, que nos dá a nosa festa o vinte e dous de xaneiro.
- San Xulián garda o viño e garda o pan [37]
- San Xullán, garda viño e pan.
- Santo Antón vello e tristeiro, convida ás rapazas ao rezadeiro[38].
- Se chove día de Santo Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro, i si está claro, pipas ó canteiro.
- Se chove en Santo Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro, se non, pipas ó canteiro.
- Se chove no día de San Antón de xaneiro, pipas ó fumeiro; e se está claro, pipas ó canteiro [39].
- Se en xaneiro tose o neno, non teñas medo; se tose no mes da sega, pode ir pra terra.
- Se queres ter bo alleiro, pon o allo no xaneiro.
- Se se soubera o que sabe a galiña no xaneiro, non quedaba unha no galiñeiro.
- Se trona en xaneiro, sobe as cubas ó fumeiro [40].
- Seco xaneiro, abundancia no graneiro.
- Si se soupera o que sabe a galiña no xaneiro, non quedaba unha no galiñeiro [31].
- Sol de xaneiro, porco ó bulleiro [41].
- Tanto dirán “Heilas, heilas”, que veñan nas quendas xaneiras.
- Tódolos días que pasan de xaneiro son allos que perde de da-lo alleiro.
- Un bo día de xaneiro é un lobo no quinteiro.
- Un día bo en xaneiro, mao no eido.
- Verzas en xaneiro saben coma carneiro.
- Xaneiro, alleiro [42].
- Xaneiro añeiro, e febreiro cabriteiro [43].
- Xaneiro arde verdadeiro.
- Xaneiro é oveiro.
- Xaneiro frío ou templado, pásao arroupado.
- Xaneiro muliñeiro, nin boa meda nin bo palleiro.
- Xaneiro piardeiro [44].
- Xaneiro quente trae o demo no ventre.
- Xaneiro verceiro, nin boa meda nin bo palleiro.
- Xaneiro, xeadeiro; febreiro, grileiro.
- Xaneiro, xeadeiro; febreiro, verceiro; marzo, airoso; abril, chuvioso; maio, pardo; san Xoán, claro, valen máis estes meses cas súas mulas co seu carro.
- Xaneiro, xiadeiro.
- Xaneiro xiadeiro, febreiro escarabanadeiro, marzo amoroso, abril chuvioso, maio ventoso, San Xoán caloroso, que fai o ano formoso.
- Xaneiro xiado e abril mollado enchen o faiado.
Cantigueiro
[editar | editar a fonte]- Ano novo aí nos vén,/ Dios nolo traia con ben,/ Dios nos dea tantas ovellas/ como no ceo hai estrellas [45].
- Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas [46].
- Chamácheme pito cairo/ Porque nacín en xaneiro;/ Déixame chegar a maio,/ xa cantarei no poleiro [47].
- Chamáchesme pita choca/ porque nacín en xaneiro;/ inda tu non é-lo galo/ que canta no meu poleiro [48].
- Chamáchesme pito cairo/ porque nacín no xaneiro,/ tu no has de se-lo galo/ que cante no meu poleiro [49].
- Chamáchesme pito louco/ alá no mes de xaneiro;/ se me a raposa non come/ hei cantar no teu poleiro.
- Chamásteme pito cairo / porque nascín en xaneiro; / se non me come o raposo / inda che hei d’ir ó poleiro.
- De ise outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro/ que dá peras no San Xoán,/ uvas blancas no xaneiro [50].
- Do outro lado do río/ ten meu pai un castiñeiro/ que dá castañas e noces/ i aceitunas no xaneiro [51].
- Meu divino san Vicente,/ olliños de lagarteiro,/ moito me alegras, meu santo,/ o vintedous de xaneiro.
- Meu santiño San Antón,/ San Antón o cacholeiro,/ caséime por San Antón,/ volvín á casa solteiro.[52].
- Miña rosa do canizo,/ meu caravel do fumeiro,/ tanto tes no mes de maio/ como no mes de xaneiro [53].
- Naquela banda do río,/ ten meu pai un castiñeiro,/ bota castañas no outono/ uvas no mes de xaneiro.
- Naquela banda do río/ ten meu pai un castiñeiro,/ dá castañas en agosto,/ uvas brancas no xaneiro.
- No alto de aquela serra/ ten meu pai unha tapada/ que dá uvas no xaneiro/ e llas non queima a xiada [54].
- Polo mar abaixo, polo mar arriba,/ polo mar abaixo vai unha sardiña,/ vai unha sardiña, vai un pexegueiro/ que leva pexegos no mes de xaneiro [55].
- San Vicente de Marantes/ é un santo moi galanteiro/ quere que lle fagan a festa/ o vintedous de xaneiro [56].
- ¡Vállame dios! o arado/ cal si labra dianteiro,/ tanto ten no mes de maio,/ como no mes de xaneiro.
Os Reises
[editar | editar a fonte]- Ano novo aí nos vén,/ Dios nolo traia con ben,/ Dios nos dea tantas ovellas/ como no ceo hai estrellas [57].
- Ano novo con ben veñas,/ como o sol entre as estrelas,/ os cabritos coas cabras/ e os años coas ovellas [58].
- Aquí non nos deron/nin miga de cousa/De hoxe nun ano estean/debaixo da lousa.
- Cantámosche os Reises/ guedella de cabra/ cantámosche os Reises/ non nos deche nada.
- Cantámoslle os Reis/ guedellos de cabra;/ cantámoslle os Reis/ e non diches nada.
- De lexos chegamos/ os que aquí estamos/ se nos dan licencia/ os Reises cantamos.
- Deannos os Reises,/ señores, por Dios,/ deannos os Reises/ e queden con Dios.
- Díanno-los reises/ un vaso de viño,/ algo do fumeiro/ i os ovos do niño [59].
- Díanno-los reises:/ figos, chourizos e viño/ e tamén algún diñeiro/ para merca-lo pantrigo [60].
- Díano-los reises/ anque sean poucos:/ un touciño e medio/ i a mitai do outro [61].
- Esta casa está faiada,/ faiadiña de loureiro;/ que por moitos anos vivan/ os señores que están dentro [62].
- Moitos anos viva/ a ama da casa/ pois no aguinaldo/ nunca foi escasa.
- Os señores desta casa/ están todos na cociña;/ hoxe, que é día de Reises,/ hannos dar unha carniña [63].
- Pandeira de catro esquinas/ ben pudera ser de seis/ ben pudera esta meniña/ conmigo canta-los Reis [64].
- Pra leva-los reises/ traguemos un saco,/ diánno-los cartos/ pra mercar tabaco</ref> Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 136. No orixinal: levalos, diannolos.</ref>.
- Pra leva-los reises/ veña ise fardel,/ levades ben cousas,/ podendes comer [65].
- San José e mais María/ ambos van para Belén,/ iles van cantar os reises,/ cantémolos nós tamén [66].
- Traemos a bota/ para levar o viño/ pa levar os ovos/ ó noso cestiño.
- Veña logo o aguinaldo/ que nos queremos marchar,/ que temos que ir a outras casas/ tamén os reises cantar [67].
- Veña logo unha copiña,/ que a noite está de xiada;/ escorrentémo-lo frío/ i en honor do Neno vaia [68].
- Veña o aguinaldo logo,/ figos, viño e lacós:/ somos bos de conformar,/ non somos nada lapós [67].
- Veñan pra eiquí tres duriños,/ que nesta casa hai fartura/ e nós comemos no ano/ moitas veces bica dura [67].
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Rafael Quintía, antropólogo: "En xaneiro sempre se fixo o rito das sortes para ver o tempo que imos ter todo o ano", La Voz de Galicia, 2.01.2024.
- ↑ Indica que tal costume se segue "en varias comarcas gallegas", pero non concreta cales. Engade que esta cerimonia "se realizaba y aún se realiza con cierta solemnidad en las casas que mantienen viva la tradición".
- ↑ 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 Eladio Rodríguez González, s. v. auga.
- ↑ No orixinal: i-auga (ERG).
- ↑ Lino Lema Bouzas, 2.
- ↑ Fontán é lugar de Sada. San Sebastián é o 20 de xaneiro.
- ↑ No orixinal: hastr'a, tèn (ERG).
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. chover.
- ↑ 9,0 9,1 9,2 9,3 Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro.
- ↑ Elixio Rivas Quintas (1978). San Antón verdadeiro é San Antón Abade, o lacoeiro e protector dos animais; e San Antón mentirán é San Antonio de Padua, o de Lisboa, o casamenteiro.
- ↑ O libro do porco, 36.
- ↑ É dicir, choverá todo o día. Santa Inés celébrase o 21 de xaneiro. Fonte: Marcial Valladares Núñez (1884). No orixinal: dia, Sta. Ines, sòla.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 13,3 Elixio Rivas Quintas (1978).
- ↑ Son as fases da vida do lobo.
- ↑ 15,0 15,1 15,2 Lino Lema Bouzas, 4.
- ↑ Clodio González Pérez, 142.
- ↑ Esta preferencia polas verzas de xaneiro obedece a que os fríos deste mes, as xeadas das noites de xaneiro, curten as verzas e fannas máis saborosas. Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro. No orixinal: berza.
- ↑ 18,0 18,1 18,2 Eladio Rodríguez González, s. v. pito.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. chuvia.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. Nadal.
- ↑ Saudade nº 3, maio 1943, 24-25.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. xaneiro. No orixinal: ó outeiro, velos.
- ↑ Xosé Luís Franco Grande (1972).
- ↑ O libro do porco, 38.
- ↑ 25,0 25,1 25,2 Eladio Rodríguez González, s. v. polo.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 7.
- ↑ Refraneiro do viño, 54.
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. pita.
- ↑ Santo Amaro, 15 de xaneiro.
- ↑ Juan Antonio Saco y Arce: Literatura popular de Galicia, 1881. Ed. De J. L. Saco, Ourense.
- ↑ 31,0 31,1 Eladio Rodríguez González, s. v. galiña.
- ↑ Alude ó crecemento dos días que a esas alturas a o nota calquera.
- ↑ San Vicente, 22 de xaneiro.
- ↑ San Xián ou Xulián, 9 de xaneiro.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 8.
- ↑ O canteiro son os madeiros sobre os que se colocan os bocois nas adegas.
- ↑ Porque aínda queda moito inverno por diante. Este Xulián ten que ser San Xián de Antioquía, que se celebra o 9 de xaneiro; hai outro San Xián, o 28 de agosto, ó que non pode referirse o refrán.
- ↑ Eladio Rodríguez González.
- ↑ Refraneiro do viño, 36.
- ↑ Refraneiro do viño, 36. No orixinal: sube.
- ↑ O libro do porco, 41. Bulleiro é terra chea de lama.
- ↑ ¿Erro por añeiro?
- ↑ Eladio Rodríguez González, s. v. ''xaneiro.
- ↑ Lino Lema Bouzas, 9.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, s. v. Ano vello.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, s. v. año.
- ↑ Real Academia Galega, s. v. cairo. No orixinal: chamacheme, por que, janeiro, deixame, mayo, ja.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa, 1973, 62. No orixinal: tú, no-élo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 62. No orixinal: tú, selo)
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 68.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 72.
- ↑ O libro do porco, 46. San Antón cacholeiro –outras veces lacoeiro- recibe este nome porque coida do porco na súa confraría.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 101.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández: Cantigueiro popular da Limia Baixa 1973, 108.
- ↑ Fermín Bouza Brey (1929), 189. No orixinal: pol-o.
- ↑ San Vicente de Marantes é unha parroquia do concello de Santiago de Compostela.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, tomo III, s. v. Ano vello.
- ↑ Gran Enciclopedia Galega, tomo III, s. v. año.
- ↑ Dada a época na que se cantan os reises, ese algo do fumeiro son chourizos e castañas. Fonte: Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 70. No orixinal: díannolos.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 70. No orixinal: díannolos, mercalo.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 70. No orixinal: díanolos.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 76.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 126. No orixinal: de esta.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 128. No orixinal: cantalos.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 136. No orixinal: levalos.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 141. No orixinal: e máis.
- ↑ 67,0 67,1 67,2 Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 161.
- ↑ Xaquín Lorenzo Fernández 1973, 161. No orixinal: escorrentemolo, neno.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- ÁLVAREZ BLÁZQUEZ, Xosé María: O libro do porco. Colección O Moucho 26. Edicións Castrelos, Vigo 1972.
- ANÓNIMO: Saudade. Verba Galega nas Américas, México 1942-1953. Ed. facsímile do Centro do Ramón Piñeiro 2008.
- ANÓNIMO: Refraneiro do viño. 505 sentenzas recollidas do pobo, Edicións Castrelos, Colección O Moucho, Vigo 1968.
- BOUZA BREY, Fermín: "Cantigas populares da Arousa", en Arquivos do Seminario de Estudos Galegos III, 1929, 153-204 [en facsímile II].
- FERRO RUIBAL, Xesús: Refraneiro galego básico, Galaxia, 1987.
- GONZÁLEZ PÉREZ, Clodio: “O refraneiro do mar”, en Coloquio de etnografía marítima, cap. 12. Museo do Pobo Galego 1988, 137-147.
- Gran Enciclopedia Galega
- FRANCO GRANDE, Xosé Luís: Diccionario galego-castelán, 2ª ed., Galaxia, Vigo 1972.
- LEMA BOUZAS, Lino (compilador): Ditos e cantigas mariñeiras. I Encontro de embarcacións tradicionais, Galicia 1993.
- LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
- REAL ACADEMIA GALEGA: Diccionario gallego-castellano, 1913-1928.
- RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
- RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Galaxia, Vigo 1958-1961.
- RODRÍGUEZ LÓPEZ, Jesús: Supersticiones de Galicia y preocupaciones vulgares. Ed. Celta, Lugo 1974 (1ª ed. 1895).
- VALLADARES NÚÑEZ, Marcial: Diccionario gallego-castellano, Santiago, Imp. Seminario Conciliar 1884.