Republic P-47 Thunderbolt
Republic P-47 Thunderbolt | |
---|---|
Thunderbolt en 2001 | |
Tipo | Caza |
Fabricante | Republic Aviation Company |
Deseñado por | Alexander de Seversky, Alexander Kartveli |
Primeiro voo | 6 de maio de 1941 |
Introducido | 1942 |
Retirado | 1966 |
Principais usuarios | Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos Royal Air Force Forza Aérea de Francia Forza Aérea do Perú |
Unidades construídas | 15 686 |
O Republic P-47 Thunderbolt foi un caza estadounidense usado durante a segunda guerra mundial. Desenvolveuse a partir do P-43 e o seu prototipo voou por primeira vez o 6 de maio de 1941. Usouse fundamentalmente como caza, pero tamén foi un bo avión de ataque ó chan empregándose nestas tarefas especialmente tras o desembarco de Normandía. Tiña oito metralladoras de 12,7 mm, catro en cadansúa á, e completamente cargado podía superar as 8 toneladas de peso. Construíronse 15 686 unidades entre todas as súas versións.
O Thunderbolt foi efectivo como caza de escolta de curto-medio alcance en combates a grande altitude, e como avión de ataque a terra tanto en Europa coma no Pacífico. O P-47 deseñouse tomando como base o potente motor radial Pratt & Whitney R-2800 Double Wasp de 18 cilindros que tamén equipaba dous cazas da Armada/Marines, o Grumman F6F Hellcat e o Vought F4U Corsair. Un avanzado sistema turbocompresor aseguraba o seu dominio a grande altitude, á vez que influíu no seu tamaño e no seu deseño.
O P-47 foi un dos principais cazas das Forzas Aéreas do Exército dos Estados Unidos (USAAF) na segunda guerra mundial, e tamén serviu noutras forzas aéreas aliadas, incluídas as de Francia, o Reino Unido e mais a Unión Soviética. Escuadróns de México e o Brasil equipados co P-47 tamén loitaron a carón da USAAF.
A carlinga blindada era relativamente espazosa e cómoda, e a cúpula en forma de burbulla introducida no P-47D ofrecía unha boa visibilidade. Alcumado "Jug" (xerra), o P-47 destacou pola súa potencia de fogo, así como pola súa habilidade para resistir danos e ficar en voo.
Especificacións
[editar | editar a fonte]- Tipo: monopraza de caza e cazabombardeo Republic P-47D-25 Thunderbolt.
- Planta motriz: un Pratt & Whitney R-2800-59 de 2.535 hp de potencia.
- Envergadura: 12,43 m.
- Lonxitude: 11,01 m.
- Peso máximo de engalaxe: 8.800 Kg.
- Velocidade máxima: 428 millas/h a 30.000 pés.
- Alcance operacional: 475 millas.
- Armamento: oito metralladoras de 12,7 mm e capacidade para 1.134 kg de bombas ou dez foguetas de 127 mm baixo a fuselaxe ou as ás.